venres, 30 de decembro de 2016

OS VÍDEOS DO FESTIVAL DE NADAL

Aquí podedes ver os vídeos do festival de Nadal. Tardaron uns días, pero finalmente chegaron antes de que remate o ano!!!!!

 








 




xoves, 22 de decembro de 2016

VISITA DE RUBÉN Á RADIO

Este luns, Rubén Blanco Pereira visitou a radio!!! Viaxou ata Cee con outros rapaces e rapazas do concello, onde gravaron unha cuña en Radio Nordés Cadena SER para felicitarnos o Nadal. Queredes escoitalos? Seguro que si, así que aquí vos deixo un vídeo con imaxes desa tarde, pero estade atentos tamén á radio!!!

mércores, 21 de decembro de 2016

FESTIVAL DE NADAL 2016

Pois xa rematou o 1º trimestre. Que rápido pasa o tempo!!! Parece que hai uns días que coñecín ás novas rapaciñas de 3 anos (Olalla, Ainhoa e Laura), que dei a benvida aos novos mestres do cole (Patricia, Andrés, Chus e Óscar)... E xa van alá 3 meses!!! E que mellor maneira de despedir o trimestre e o 2016 que facendo unha festa? Nesta ocasión, o tema do proxecto non era nada novidoso para un festival, xa que nel sempre soa a música. O programa de hoxe foi o seguinte:

Nesta ocasión tamén puidemos engadir algunhas sorpresiñas. Entre elas, os grupos de guitarra e ukelele que ensaian co profe Óscar, e que nos emocionou moito velos no escenario!!! Ademais, o avó de Brais e Anxo aceptou a nosa invitación para tocar a gaita para todos nós, o cal foi un auténtico agasallo, especialmente para Anxo, que hoxe estaba de cumpreanos. Tamén foi moi bonito ver á maioría dos mestres e mestras, xunto coas cociñeiras Lourdes e Mariví, cantando unha canción para o público asistente. Se a todo isto engadimos uns estupendos presentadores, a visita de Papá Noel con agasallos para todos e a gran cantidade de familiares e amigos/as que viñeron vernos, só podo dicir que foi un festival moi fermoso, familiar e, sobre todo, feito con moito cariño. Para todas as persoas que esta mañá nos reunimos, e para todas aquelas que nos vexan e lean dende o blog, van os meus mellores desexos para o vindeiro 2017. Desfrutade moito das vacacións e aproveitádeas todo o que poidades!!! Ao longo destes días intentarei ir subindo ao blog os vídeos que gravamos, pero mentras tanto, podedes ver as fotos que fixemos esta mañá premendo aquí.
Vémonos o 9 de xaneiro do 2017!!!!

martes, 20 de decembro de 2016

POSTAIS DE NADAL GAÑADORAS

Xa temos aquí as postais gañadoras do concurso deste ano. Nesta ocasión, despois de votar cada un de vós, as que máis votos recibiron foron as de:
-Anxo Carreira Antelo, en Educación Infantil.
-Xoel Santabaya Esperante, en 1º e 2º de Primaria.

-Nerea Ozón Otero, en 3º e 4º de Primaria.

-Rubén Blanco Pereira, en 5º e 6º de Primaria.

-Iria López Carreira, premio especial do xurado.

E, de todas elas, a que máis votos recibiu foi a de Iria, que se imprimiu para ser entregada como felicitación de Nadal a todas as familias, acompañada dun texto que ten moito que ver co tema da música, xa que o proxecto deste curso xira arredor do mesmo. E cal foi? Pois un fragmento dunha fermosa canción de Fran, NARF, o músico galego recentemente falecido e que encheu de tristura ao mundo das artes non noso país. Aquí a tedes:




Se queredes ver todas as fotos da entrega de premios, premede aquí.

GÚIA DE LECTURA NADAL 2016

Xunto coa postal e as notas, tamén levades para casa unha guía de lectura, na que atoparedes algunhas recomendacións literarias para pedir aos Reis, ao Apalpador ou a Papá Noel este Nadal. Algunhas delas, ademais, están moi relacionadas coa música!!! Seguro que algunha delas atrae a vosa atención!!!

xoves, 15 de decembro de 2016

EXPOSICIÓN DAS POSTAIS DE NADAL

Pois aquí están todas as vosas postais de Nadal, coas mellores mensaxes para estas festas e para o vindeiro ano 2017. Pero que rápido pasa o tempo!!!! 
Quedáronvos fermosísimas, e ademais, este ano en Infantil son todas diferentes, o que fai que pareza que aínda hai máis que noutras ocasións. Sen embargo, non fomos capaces de encher o noso taboleiro de exposicións. Somos tan pouquiños... 
Esta mañá todas as persoas que viñeron ao cole puideron votar polas que máis lles gustaron, e o próximo martes saberemos cales foron as gañadoras e, de todas elas, cal obtivo máis votos, xa que esa será a que enviaremos a todas as familias para felicitar o Nadal e o ano novo. Estades nerviosas e nerviosos? Pois hai que esperar ao martes, día 20!!! Mentras tanto, desfrutade destas fermosas ilustracións: cal vos gustaría que chegara ao voso fogar? Premede AQUÍ. Eu quéroas todas!!!

mércores, 14 de decembro de 2016

TEATRO EN INGLÉS E "VIAXE" MUSICAL AO ESPAZO "VIAXE"

Esta mañá viaxamos ata a Casa da Cultura de Mazaricos. O motivo? Unha obra de teatro en inglés!!! Bueno, en realidade dúas, xa que unha representación estivo dirixida ao alumnado de Infantil e 1º e 2º de Primaria, mentras que a outra estaba destinada ao de 3º, 4º, 5º e 6º. Alí xuntámonos cos nenos e nenas de Pino de Val, e cos seus mestres e mestras, e todos xuntos pasámolo fenomenal. A primeira obra titulábase "Jungle Fever", e contaba a historia de Tam, quen vive na selva tropical cos seus amigos animais. Descubrimos as fantásticas aventuras desta rapaciña cantando, ríndonos e, por suposto, comunicándonos en inglés!!! Ademais, algúns dos nenos e nenas do cole foron elixidos para participar do fantástico mundo da protagonista, coma Brais Carreira, Paula Pereira, Brais Capelo e Guille, que o pasaron en grande con Tam!!!
Os maiores desfrutaron dun clásico: "Cinderella". Mais esta Cincenta estaba moi pouco adaptada á vida do século XXI. Así puideron comprobalo de 3º a 6º, e moi especialmente quenes participaron da representación en primeira liña: Miguel, Paula Barcia, Joel, Pablo, Rubén ou Samuel. Botámonos moitas risas!!!
E mentras un grupo asistía á representación teatral, o outro quedou no salón de actos, onde o profe Óscar preparou unha magnífica actividade para os dous coles. Xa que en Pino de Val están traballando o espazo, e en San Cosme andamos a voltas coa música, por que non buscar algo que xuntara os dous temas? A idea xurdiu de Manoli, que é a profe que compartimos os dous coles, e Óscar fixo unha mestura máxica e moi interesante, na que aprendemos moitas cousas sobre as naves espaciais, a vida dos seus tripulantes a esa distancia da Terra, e a cantidade de cousas que se poden facer aínda estando tan lonxe: entre elas, tocar un instrumento e cantar!!! 
Podedes ver as fotos desta xornada especial, case espacial, premendo AQUÍ.

venres, 9 de decembro de 2016

CELEBRANDO O DÍA DOS DEREITOS

Coma noutras ocasións, tamén este ano traballamos no cole o tema dos Dereitos do Neno e o dos Dereitos Humanos. O primeiro deles, que se celebra cada 20 de novembro dende 1954, é un día para chamar a atención sobre a situación dos nenos e nenas máis desfavorecidos/as, dar a coñecer os dereitos da infancia e concienciar ás persoas da importancia de traballar día a día polo seu benestar e desarrollo. O obxectivo é recordar á cidadanía que os nenos e nenas son quenes máis padecen as crises e os problemas do mundo, e que todos e todas teñen dereito á saúde, á educación e á protección, entre outros, sen importar en que lugar do mundo nacen e/ou viven. 
O Día dos Dereitos Humanos celébrase todos os 10 de decembro. Este ano, esta data fixo unha chamada a todos para defender os dereitos dos demais, sen importar as súas características: dun refuxiado ou migrador, unha persoa con discapacidade, unha muller, un indíxena, ou calquera outra persoa en risco de ser discriminada ou sufrir algún acto violento. 
As Nacións Unidas elaboraron o seguinte vídeo para este 2016:

 

Entre as organizacións que traballan por conseguir que todas as persoas do mundo teñan dereitos está "Save the Children", ONG coa que colaboramos desde hai moitos anos. Nesta ocasión, a edición adicouse a Etiopía, un dos países de África que máis está padecendo as consecuencias da seca na actualidade, o que afecta a máis de 8 millóns de persoas!!! Foi por iso que tamén o alumnado de 5º e 6º nos contou algunhas cousas sobre Etiopía e a importancia da auga doce, imprescindible para a vida humana. 
Para rematar a sesión, colocamos a nosa particular árbore de Nadal, que nesta ocasión decoramos con notas musicais (corcheas) de diferentes cores nas que cada persoa escribiu un desexo relacionado cos dereitos da infancia e dos adultos. Esperamos que se vexan todos cumpridos!!! 
Se queredes podedes ver todas as fotos premendo AQUÍ.

mércores, 30 de novembro de 2016

CONCURSO DE POSTAIS DE NADAL

Hoxe quedou convocado o Concurso de Postais de Nadal, e por este motivo vos entreguei a cartiña que tamén quero deixarvos aquí xunto co cartel que anuncia o mesmo. Agardo emocionada as vosas creacións!!!

MARTES DE CONTACONTOS CON RUBÉN

Resultado de imagen de libros de harry potterO noso segundo protagonista dos "Martes de contacontos" foi Rubén!!! Esta actividade, que comezou este curso o alumnado de 6º, inaugurouna Andrea a semana pasada. Hoxe tocoulle a Rubén Blanco Pereira, que se caracterizou do coñecidísimo Harry Potter para manter toda a nosa atención durante a "Hora de Ler" desta mañá.
Harry Potter é o protagonista dunha serie de novelas fantásticas escrita pola autora británica J. K. Rowling, considerada unha das sagas máis importantes da historia en canto ao número de lectores que ten. Tamén na nosa biblioteca podedes atopar algúns dos libros deste xoven aprendiz de maxia, tema que lle encanta tamén a Rubén.
Moitísimas grazas, Rubén!!! E NORABOA polo teu traballo!!! (Premede AQUÍ)

https://photos.google.com/album/AF1QipNGXEIdp8U-92omwor8rnIxpeC57cE92Q5qLFjl

martes, 29 de novembro de 2016

ESPECTÁCULO TEATRAL EN SANTA COMBA

Ata o Concello veciño viaxamos esta mañá, para asistir a un espectáculo teatral que nos encantou: "ROEDORES"
A historia cóntanos as aventuras do hámster Peludiño, que escapou da súa gaiola para vivir aventuras na cidade, e da rata Munda, unha soñadora que pasa as noites rebuscando no lixo para levar comida aos seus irmáns. Estes dous roedores terán que deixar atrás os seus prexuízos e traballar en equipo para vencer ao temido Gato!!! Xuntos aprenderán que son máis parecidos do que eles pensaban, e que as diferenzas os fan especiais. 
Encantounos a posta en escea deste espectáculo dirixido por Álex Sampayo e protagonizado polos actores Guillermo Carbajo, Sheyla Fariña e Carlos Álvarez-Ossorio. Ademais, Peludiño tocaba nada máis e nada menos que o ukelele!!! Menuda casualidade!!!
Por último, lembrarvos que a obra está relacionada co conto escrito por Álex Sampayo e Borja F. Caamaño, e ilustrado por Rodrigo Chao, que desde hoxe forma parte tamén dos fondos da nosa biblioteca.
Noraboa por este traballo a todas as persoas implicadas nel e moitas grazas ao Concello de Santa Comba por invitarnos!!!
Aquí tedes as fotos desta mañá (preme AQUÍ):

https://photos.google.com/album/AF1QipPT6XheYwd6P-bmBQkpIgZcfdxK5s0Ni0e6ywXh

sábado, 26 de novembro de 2016

AS NOSAS CLAVES CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Aquí está o resultado da actividade realizada con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. As claves quedaron moi fermosas, pero o verdadeiramente importante é que se cumplan cada unha das cousiñas que nelas escribimos!!! Premendo AQUÍ podedes velas todas:

https://photos.google.com/album/AF1QipOn0f8kUDogIN_HgYvi1b0OtnFzOJrQZdDzFZuK

venres, 25 de novembro de 2016

CLAVES CONTRA A VIOLENCIA Á MULLER

O Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller foi aprobado pola Asamblea Xeral das Nacións Unidas no ano 1999. A proposta para celebrar esta data realizouna a República Dominicana.
Durante esta semana, no cole estivemos falando das distintos ámbitos nos que se pode presentar a violencia contra as mulleres: física, sexual, psicolóxica, económica... A violencia contra as mulleres afecta á súa saúde, pero vai moito máis alá, xa que as súas familias e as comunidades nas que viven tamén sofren este ataque contra os dereitos da muller.
No cole reflexionamos moito sobre isto, e pensamos que era unha boa idea aportar algo feito por nós. Xa que a nosa Musiteca está en pleno funcionamento, pensamos que estaría ben pensar nalgunhas claves para amosar o noso rexeitamento á violencia cara as mulleres. Esta mañá expoñerémolas no corredor do cole durante a "Hora de Ler", cando falaremos tamén desta data todos xuntos.
Mentras tanto, tamén vos recordamos que na Biblioteca temos varios libros que tratan este tema, e podedes lelos nas aulas ou levalos para as vosas casas.
https://drive.google.com/file/d/0B4hTHqLU5nrXbWFTZmQ4LVY5cXM/view?usp=sharingAdemais das actividades recollidas no blog para traballar a violencia cara a muller (preme AQUÍ), tamén podedes consultar unha guía de lectura infantil e xuvenil editada pola Deputación de Granada. Titulada "La mochila violeta", nela poderás atopar moitas recomendacións por idades, algunhas das cales tamén están publicadas en galego. 

CONTACONTOS NA "HORA DE LER"


Resultado de imagen de pipi calzaslargas librosOnte comezaron as sesións de Contacontos a cargo do alumnado de 6º curso. A encargada de inaugurar a actividade foi Andrea Labandeira, quen fixo unha versión da historia da coñecidísima Pippi Calzaslargas (Pippi Långstrump). Este personaxe literario, creado pola escritora sueca Astrid Lindgren, caracterízase pola súa forza e por ter dúas mascotas que a acompañan nas incontables aventuras que vive: un cabalo de lunares e un mono tití. Orfa de nai, o seu pai é un pirata. Pippi tamén é moi imaxinativa e rebelde, e vive nunha casa moi peculiar. 
De todo isto nos falou Andrea, quen se caracterizou para a ocasión, como podedes ver nas seguintes imaxes (preme AQUÍ). O alumnado de Infantil, 1º e 2º de Primaria, desfrutou moitísimo desta "Hora de Ler", así coma o profesorado que o acompañou. Andrea, NORABOA!!!

https://photos.google.com/album/AF1QipO_CtsDluqGSsOeQxilVRaUVT7fHu9L3qE7hGH0

martes, 22 de novembro de 2016

CELEBRAMOS O DÍA DE SANTA CECILIA

Como anunciaramos no blogue, LUIS SOTO acompañounos para celebrar o Día da patroa dos músicos: Santa Cecilia. Luis veu cargado de cousas marabillosas para pasar a tarde connosco, e é que ademais de traer a súa frauta, contounos moitas cousas sobre os instrumentos da orquestra da que el forma parte (a Real Filharmonía de Galicia) a través dunha presentación na que tamén puidemos ir escoitando diversos fragmentos musicais. Ademais, tocou varias pezas de xeito tan maxistral que todas as persoas reunidas na biblioteca quedamos totalmente hipnotizadas!!! Ao igual que cando comezou a contar un conto no que tamén participaron algúns dos nenos e nenas de Infantil, 1º e 2º. Pero a cousa non acabou aí, xa que tamén animou aos rapaces e rapazas que saben tocar algún instrumento a tocar con el. E quen se animou? Pois o noso amigo Xoel, que se sentou coa guitarra para ensinarnos a todos o que está aprendendo este curso co profe Óscar. Aplaudímoslle todos encantados!!! Luis tamén veu cargado cunha mochila cheíña de frautas de diferente tipo, e deixóunolas probar!!! Había tantas e tan diferentes que non dabamos feito!!! 
A verdade é que nos sentimos todos moi afortunados de poder compartir con el esta data que, ata este curso, pasaba case desapercibida. Moitísimas grazas, Luis, por viaxar ata o noso cole!!! E tamén a Rogelio, quen o acompañou e sacou moitas fotos e mesmo gravou algúns vídeos, case tantos coma o profe David. Unha visita de AUTÉNTICO LUXO!!!
Preme AQUÍ para ver todas as fotos: 

https://photos.google.com/album/AF1QipOv1YbWMetcG4ui9rjCDYeWOMy2TLRbfot1wxyp

luns, 21 de novembro de 2016

DÍA DE SANTA CECILIA

Santa Cecilia, patrona de los músicosMañá é 22 de novembro, e cada ano celébrase o Día de Santa Cecilia, patroa católica dos músicos, dos poetas e dos cegos.
A finais da Idade Media, varios pintores comezaron a representar a esta doncela tocando algún instrumento musical (órgano, vihuela, outros instrumentos de corda) ou cantando, pero en realidade parece que non existen documentos históricos que relacionen a Santa Cecilia con ningún instrumento musical.
No cole, xa que este ano a música é a temática sobre a que xiran a meirande parte das actividades, queremos tamén celebralo dun xeito especial. Como? Pois invitando a LUIS SOTO a compartir connosco a tarde de Santa Cecilia. 
Luis é un frautista que naceu en Ponteareas (Pontevedra). Aos 8 ano comezou a tocar unha frauta feita por seu pai cun tubo de plástico. Estudou con grandes maestros en España e noutros países, como Francia e Alemaña. Gañou o primeiro premio do concurso Pierre Nerini e o segundo no Lucien Wumser, en París. Ofreceu centos de concertos en todo o mundo, e participou en gravacións para radio, televisión e CD's. Tamén impartiu cursos de formación e perfeccionamento a xóvenes de diferentes idades. Xunto co guitarrista Carles Trepat grava a integral de Joaquín Rodrigo, e co pianista Diego García impulsa o proxecto "Galicia XXI", no que interpretan repertorio galego para ambos instrumentos. Ademais, é membro fundador do TAC ("Taller Atlántico Contemporáneo") e forma parte da plantilla da Real Filharmonía de Galicia.
Seguro que Luis nos conta un montón de cousas moi interesantes relacionadas co mundo da música, ademais de interpretarnos algunhas obras no instrumento ao que se adica profesionalmente: a frauta. Estamos desexándoo!!!

O NOSO COLE NO Nº 2 DE "O PAPAGAIO"



POIS SI!!! Saímos no nº 2 da revista "O Papagaio", que comezou a súa andaina este curso. Editada por "Edicións Moito Conto", e baixo a dirección de Abraham Carreiro, quen nos visitou hai varios cursos no noso centro, esta revista en papel e integramente en galego invitounos o mes pasado a participar no número que acaba de chegar ao cole.
Foi así como unha rapaciña e un rapaciño de 6º se animaron a recoller un par de lendas da nosa zona e redactalas para a revista. E aquí as temos!!! Esperamos que os dous marcharan para a casa tan emocionados coma estou eu! Que alegría!!!
 


Aquí vos deixo a primeira publicación de Andrea Labandeira e Rubén Blanco:

E, xa que se trata dalgo moi serio, nada mellor que acompañar os seus textos con estas simpáticas fotografías dos dous redactores. NORABOA aos dous!!!

mércores, 16 de novembro de 2016

NARF, UN MÚSICO MOI QUERIDO

A semana pasada morría Leonard COHEN, o coñecido poeta, novelista e cantautor canadiense. Foron moitos os temas que compuxo, algúns dos cales seguirán soando ao longo da historia. No ano 2011 recibiu o Premio Príncipe de Asturias das Letras.
Onte despedíase de nós FRAN PÉREZ, coñecido artísticamente como NARF, un dos personaxes máis queridos da música galega. Este cantante, guitarrista e compositor, natural de Silleda, participou desde noviño nos movementos máis novidosos da música galega. Fixo parte de bandas como a Psicofónica de Conxo, Os Quinindiolas ou Nicho Varullo. Foi tamén un dos fundadores da coñecida Sala Nasa de Santiago de Compostela e participou en varias montaxes co grupo de teatro Chévere. Chegou incluso a compoñer a música para o filme de animación "O labirinto dos soños".
En solitario publicou tres discos, pero colaborou en moitas ocasións con artistas galegos, portugueses, africanos... De feito, o seu último concerto tivo lugar en Compostela, onde actuou coa banda mozambiqueña Timbila Muzimba.
Aquí vos deixamos un pouquiño da música de Narf, para que quede sempre entre nós, onde aparece con Manecas Costa, un grande amigo seu:


luns, 14 de novembro de 2016

UNHA LÚA SÚPER!!!

Hoxe, 14 de novembro, a Lúa estará a 356.523 km., a súa distancia máis preto da Terra no que vai de século. Aínda que isto acontecerá ao redor do medio día, o espectáculo astronómico poderase observar a noite anterior e posterior. NON A PERDADES DE VISTA!!!!
Haberá que esperar ata o 25 de novembro de 2034 para que o noso satélite se aproxime aínda máis, a 356.448 km.
Premendo sobre a imaxe poderedes ler máis información sobre este fenómeno: 


Tamén podedes ver unha imaxe representativa premendo aquí.

domingo, 13 de novembro de 2016

MAGOSTO 2016: MÚSICA, MAXIA E CASTAÑAS!!!

Pois si que foi especial o noso Magosto nesta ocasión: por un lado, coincidiu co Día de San Martiño, no que a cultura popular nos ensina refráns coma "polo San Martiño mata o teu porquiño" ou "polo San Martiño, deixa a auga e bebe o viño". E o certo é que neste mes de novembro, coñecido tamén como o mes de San Martiño e incluso Castañal (nas terras lucenses de Quiroga e O Incio), teñen lugar as últimas colleitas do ano, antes de que o frío do inverno faga que nos recollamos nos nosos fogares. Ademais dos cogomelos ou os primeiros grelos, chegan as castañas!!!
Este ano tamén no cole probamos unha nova maneira de celebralo. Xa que as previsións atmosféricas non eran moi favorables para asalas no patio, asáronnolas as cociñeiras Lourdes e Mariví na cociña. Moitísimas grazas!!! E xa que non habería xogos tradicionais ao aire libre, trouxemos unha actividade musical e máxica á vez: "A ilusión dun músico", no que o fantástico baixista ÁLVARO MURAS interpretaba temas curtos de diferentes estilos mentras un mago conseguía atraer toda a atención do público reunido na biblioteca do centro: cartas que desaparecían e volvían aparecer, papeis que se convertían en gorros e bolsos fermosos, cordas que semellaban ser de goma, etc. E o mellor de todo isto foi poder compartilo con todas as persoas que se sumaron á festiña: nais, pais, avoas, o grupiño de alumnas e alumnos que xa están no instituto e viñeron ata o cole (Tatiana, Martín, Rocío, Noelia, Érika, Uxía, Julia, Mario, Raúl, Samuel, Fran e Diego). Moitísimas grazas por vir!!! 
Premendo sobre a seguinte imaxe podedes ver todas as fotos.

https://goo.gl/photos/N67b2Gz1bxRxGtsy5

EXCURSIÓN MUSICAL POR A CORUÑA

Así foi o pasado mércores, no que viaxamos á cidade herculina para asistir a un espectáculo moi diferente aos que estamos adoitados: un ballet!!! O espectáculo, a cargo do Centro Coreográfico Galego, tivo lugar no Teatro Colón, e as coreografías que realizaron acompañaban a música dun dos grandes compositores do Barroco: "As catro estacións" de Antonio VIVALDI. Antes disto, no cole preparamos algunha actividade previa, na que falamos do compositor veneciano e da danza. 
O día da viaxe desfrutamos moito dese espectáculo, no que un grupo de 8 bailaríns e bailarinas nos ensinaron unha maneira de bailar que non adoita ofrecerse polo noso concello. A visión por medio da danza contemporánea das catro estacións de Vivaldi, xunto con imaxes proxectadas que nos recordaban a paisaxe galega e pequenos textos que nos fixeron reflexionar, mantiveron a nosa atención durante toda a función. Un auténtico luxo para o alumnado de Primaria e o profesorado que o acompañou asistir a este espectáculo tan fermoso e visual, no que tan só botamos de menos que a música non fora en directo.
Ao rematar, fomos camiñando ata o Palacio da Ópera. Cruzamos os xardíns Méndez Núñez, observamos o tráfico da cidade e mesmo enredamos con algunhas persoas que paseaban cos seus canciños. A visita ao Palacio da Ópera tamén foi moi especial e moi diferente ao que poderiamos supoñer. Non había concerto, nin baile, nin exposición, nin conferencia... Non!!! Coñecemos o Palacio como edificio: a súa historia, a arquitectura, as diferentes salas, as cabinas de son... E mesmo nos deixaron ver a zona "entre bambalinas" do escenario da sala grande, que é a parte que se atopa detrás do escenario visible ao público. Sorprendeunos a súa altura, como se cambian os decorados ou as teas para as representacións que as precisen, e a enormidade dos estoxos dos instrumentos!!! Tamén nos permitiron entrar no camerino do director titular da Orquestra Sinfónica de Galicia!!! INESQUECIBLE!!! Agradecidísimas todas as persoas que viaxamos ata A Coruña da xente que con tanta amabilidade nos foi contando todo aquelo que non aparece nos programas de man... Mesmo o profe Óscar tivo ocasión de contarnos a súa primeira experiencia cantando unha ópera.
Se queredes ver as fotos que fixemos, premede sobre a seguinte imaxe.

https://goo.gl/photos/NjhhaAT1PUYqYQc18

sábado, 12 de novembro de 2016

ORQUESTRA SINFÓNICA DE NENOS DE GALICIA

Esta semana estivemos de excursión en A Coruña. Ademais de asistir a un espectáculo de ballet no Teatro Colón, tamén tivemos a oportunidade de coñecer o Palacio da Ópera por dentro, algo que nos pareceu fascinante. Esta mañá, no periódico "El Correo Gallego" atopamos unha entrevista a dúas persoas moi relacionadas con ese auditorio coruñés: Jorge Montes e Enrique Iglesias, os directores dos 83 nenos e nenas que compoñen a Orquestra Sinfónica de Nenos de Galicia.  
Se premedes sobre a imaxe podedes ler parte da entrevista que aparece no xornal: 

http://www.elcorreogallego.es/tendencias/ecg/musica-es-expresion-ninos-tienen-mucho-decir/idEdicion-2016-11-11/idNoticia-1026481/

xoves, 10 de novembro de 2016

A IMPORTANCIA DA MÚSICA

Esta semana recibimos unha noticia moi interesante en La Voz de Galicia, que recibimos nas aulas de 5º e 6º de Primaria cada mércores. Baixo o titular "Crecer a buen ritmo", o artigo destaca a importancia da formación musical na infancia. Atópase dentro das páxinas de "La Voz de la Escuela", na sección adicada á escola de pais. Queremos deixárvolo tamén aquí, para que todas as persoas que non reciban o periódico poidan lelo (premendo na imaxe).

luns, 7 de novembro de 2016

O NOSO CARTEL E AS NOVIDADES DA BIBLIOTECA

Xa temos o cartel do proxecto deste curso: "BaiLEMOS na Musiteca". Quedou chulísimo, non si? Ademais, xa comezamos a colocar algúns dos fondos que temos na biblioteca relacionados coa música.


Pero tamén quero contarvos que hai novas adquisicións na Biblioteca!!! Tédelas todas colocadas no taboleiro da entrada da Biblio, onde podedes botarlles un ollo ou levalas para casa!!! Podedes atopar libros de consulta, pero tamén de ficción, e un grupiño deles con temática apropiada para estes días nos que celebramos o Samaín. A que estades esperando???

sábado, 5 de novembro de 2016

EXCURSIÓN A SANTIAGO DE COMPOSTELA

O xoves fomos de excursión a Santiago de Compostela!!! Nesta ocasión, as/os afortunadas/os fomos os grupos de Infantil, 1º e 2º de Primaria. Pasámolo moi ben e aquí queremos deixar constancia diso. A primeira parada foi no Auditorio de Galicia, onde visitamos a exposición "Semente", composta por unha selección de obras destacadas (premiadas ou non) de 35 novos artistas.
Algunhas chamaron a nosa atención polo seu tamaño, outras polo material empregado, outras pola explicación que sobre ela nos deu a guía que nos acompañou na visita, e unha porque nos quedamos coas ganas de probala: un parque cheo de bólas para xogar coa característica particular de que todo era de cor negra!!! Aquí tedes as fotos que fixemos (preme sobre a imaxe):

https://goo.gl/photos/7e8A32xJ5Gnef5Py9

Despois asistimos ao concerto didáctico ofrecido por Pitusa Semifusa. Pitusa Semifusa é unha rapaciña que canta moi ben, e subiu ao escenario acompañada da súa avoa, quen tocaba o piano, e un guitarrista. Xuntos interpretaron varios temas que nos ían amosando as diferentes familias de instrumentos: a de corda, a de vento e a de percusión. Pasámolo moi ben, e incluso algúns de nós puidemos subir ao escenario!!! A ver se atopades a Guille e a Mai nas seguintes fotos (preme sobre a seguinte):

https://goo.gl/photos/qEbyRBeMyPFfCQdTA

E despois da música, demos un paseo estupendo pola Alameda de Santiago: observamos os parrulos, as fermosas vistas da Catedral, a estatua do escritor Valle-Inclán, as pegadas de xigantes que roubaron toda a nosa atención, as árbores coas cores propias do outono, e case, case movemos o enorme eucalipto que hai no Paseo dos Leóns!!! Ten máis de 120 anos de idade, mide case 40 metros de alto e ten 8 metros de diámetro. Coñécese como a "árbore dos namorados".
Despois de tanto exercicio, desfrutamos da comida que con tanto cariño nos prepararan nas nosas casas. E aínda nos quedou un anaco de tempo para xogar no parque, antes de regresar ao cole. Un día completo e estupendo!!! Se premedes sobre a seguinte imaxe podedes ver todas as fotos:

https://goo.gl/photos/REMvqWc6an2NThR19

sábado, 29 de outubro de 2016

SAMAÍN 2016 - PETISCOS TERRORÍFICOS E HORA DE LER MUSICAL

Antes do recreo, elaboramos no comedor os petiscos terroríficos que serían a nosa merenda desta mañá. Eliximos algúns dos que xa coñeciamos de cursos anteriores, pero outros eran novos. Tanto uns coma outros quedaron cunha pinta tan estupenda que non sobrou nadiña: (Premendo sobre a imaxe podedes ver todas as fotos)

https://goo.gl/photos/XLWyFNMqaZggkc6U7
Ao regreso do recreo, a "Hora de ler" tamén estivo marcada pola temática do Samaín e da Música. O profesorado organizou un conto para quitarnos todos os medos que temos cada unha/un de nós, e foi moi bonito comprobar que ata as persoas máis fortes e valentes teñen medos, pero tamén descubrimos que non hai que darlles excesiva importancia... Baseado na historia de "Fiz, o coleccionista de medos", a banda sonora estivo a cargo de Rubén, Andrea e Óscar.
E rematamos todos cantando e bailando: primeiro, os grupos de 1º e 2º, que nos interpretaron unha fermosa canción co seu mestre Óscar á guitarra. Titulada "Buajajajajá", ademais de cantar a letra, ían engadindo xestos e sons en cada mensaxe da canción, e fixéronnos pasar un rato estupendo. Despois, todos os grupos cantaron ao unísono "Xa chegou Samaín", acompañados polas turutas que tocaron os nenos e nenas de 5º e 6º e o ukelele de Jorge e Aroa que tocou o profe Óscar. A letra da canción, especial para esta data, escribiuna tamén o profe Óscar. (Premendo na imaxe podedes ver o resto das fotografías):

https://goo.gl/photos/fDwgDkdr9UzSWARb7

Pola tarde, pasámolo de medo asustando a todas as persoas que andaban polo colexio, para o cal nos pintamos coma vampiros, monstros, zombies, etc. E xogamos no patio aproveitando esta fermosa xornada de sol!

SAMAÍN 2016 - CONCURSO DE CABAZAS E RELATOS DE MEDO

Rematamos a semana celebrando o Samaín. Adicamos gran parte do día a esta festa, e pasámolo verdadeiramente ben. Contámosvolo?
Ao chegar ao cole reunímonos na biblioteca, para anunciar os premios das cabazas gañadoras. Tanto rapazas e rapaces coma o profesorado eliximos a que máis nos gusta; as tres cabazas que maior número de votos reciban, son as premiadas. E no 2016 os premios foron para:
UXÍA GRILLE SUÁREZ, de Ed. Infantil; ANDREA ALVELA RODRÍGUEZ, de 2º de Primaria e PAULA MANEIRO BERGANTIÑOS, de 4º de Primaria.

Así de guapas saíron as tres gañadoras, pero seguro que queredes ver todas as cabazas presentadas, que estaban todas moi ben! Ademais, participastes case todas e todos vós, polo que queremos tamén mandar as nosas felicitacións para todas as familias, xa que son parte tamén deste concurso decorativo. NORABOA A TODAS!!!! (Premendo aquí podedes ver todas as vosas creacións).

Despois entregáronse os premios ás historias de terror. Todas as persoas que participastes sodes merecedoras dun premio, xa que os concursos non teñen razón de ser sen o voso traballo. Pero nesta ocasión entregáronse uns premios especiais e, como nos gustaron tanto, aquí volos deixamos para que poidades lelos cantas veces queirades:
-AULA DE EDUCACIÓN DE INFANTIL, polo seu conto "Cabeza Tola":

-ALBA LAGO GARCÍA (2º de Primaria), pola historia "O vampiro":

-DANIELA MATO BERMÚDEZ (4º de Primaria), co seu conto "A casa encantada":

-AINHOA CAL CURRAIS (5º de Primaria), coa historia titulada "A desaparición de Susi":

-MIGUEL BARRUL IGLESIAS (3º de Primaria), co conto "O vampiro Beethoven":


As fotos da entrega de premios podedes velas premendo na seguinte imaxe:

https://goo.gl/photos/XYSbToVs9PxTuKV77

luns, 24 de outubro de 2016

OBRADOIRO DE PERCUSIÓN CON REFUGALLO

Deste xeito celebramos o "Día da Biblioteca" no noso cole. Aproveitando que o noso proxecto este curso xirará arredor da música, para esta ocasión invitamos a José Troncoso Barros. José presentounos un obradoiro moi especial, baseado en ritmos interpretados con instrumentos musicais feitos con obxectos de refugallo: desde botellas de plástico ata latas de conserva ou globos e paus de vasoira, mantiveron a nosa atención durante toda unha mañá na que José tamén nos deu un bo consello: LER moito!!!
Aprendemos moito, pasámolo moi ben e agradecemos a paciencia que José tivo con todos e todas nós. 
Aquí podedes ver as fotos que fixemos esta mañá (preme sobre a imaxe):

https://goo.gl/photos/dWE5jquyiFHB3Mv88
E aquí tedes un vídeo gravado noutra escola, pero onde se pode ver o tipo de actividade que fixemos esta mañá.


DÍA DA BIBLIOTECA 2016

 Hoxe é 24 de outubro, e dende o ano 1997, esta data conmemora o DÍA DA BIBLIOTECA. Isto foi unha iniciativa da "Asociación Española de Amigos do Libro Infantil e Xuvenil", en recordo da destrución da Biblioteca de Saraxevo incendiada durante a Guerra dos Balcáns no ano 1992.
 
Cada ano escríbese e ilústrase un pregón, que nesta ocasión é moi especial: por un lado, porque as dúas encargadas de facelo son mulleres (Ledicia Costas e Elena Odriozola); polo outro, porque a escritora é galega. Ámbalas dúas foron premiadas recentemente: Ledicia Costas gañou o Premio Nacional por "Escarlatina, a cociñeira defunta" e o Premio Lazarillo por "Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta"; Elena Odriozola foi galardonada co Premio Nacional de Ilustración 2015.

https://drive.google.com/file/d/0B4hTHqLU5nrXczB0SFo3QU04eXc/view?usp=sharing
Esta é a ilustración realizada por Elena Odriozola. Non vos recorda a alguén?
Se premedes sobre a imaxe, poderedes ler o pregón que escribiu Ledicia Costas para celebrar este día tan especial, no que no cole temos tamén unha sorpresiña...
Desfrutádeo!!! 

venres, 21 de outubro de 2016

A NOSA AXENDA PARA O SAMAÍN

Un ano máis, chega a primeira festa do curso, unha festa que nos atrapa a todos polo misterio e a fantasía que a acompañan: o Samaín!!! 
E a min, coma outras veces, ocorréuseme a idea de convocar o VII Concurso de Relatos de Medo, porque sei que é un momento estupendo para deixar voar a vosa imaxinación. (Premendo sobre as palabras subliñadas podes reler a carta que vos enviei coa convocatoria)
 Pero tamén sei que decorar as cabazas é algo que vos apaixona, e se o facedes en compañía da vosa familia, aínda ten un valor máis especial. Así que tamén queda aberto o prazo para participar no Concurso de Cabazas. (Premendo sobre as palabras subliñadas podes ler as bases e a axenda da semana).

E mentras tanto, lembrade que xa tedes dende esta semana todos os libros relacionados co medo na exposición da biblioteca, colocada no corredor do colexio, para que, aínda que pasedes algo de medo, leades moito!!!


O venres, día 28, celebrarémolo todos xuntos con moitas actividades, así que preparádevos para pasalo de medo!!!

venres, 14 de outubro de 2016

VISITOUNOS ÁNGEL CARRACEDO!!!!

Outra sorpresa marabillosa para despedir a semana: estivo con nós Ángel Carracedo, o padriño da nosa Biblioteca! Claro que Ángel é moito máis que iso. Ademais de ser un recoñecido investigador experto en xenética a nivel mundial, tamén é unha recarga de enerxía positiva cada vez que nos visita. Se non, como explicar o que supón para nós que unha persoa tan especial viaxe ata Ponte do Porto para dar unha conferencia e, na viaxe de regreso, nos adique uns minutos na súa apretada axenda? Un auténtico luxo!!! 
Deu tempo para pouco, e algunha persoa incluso marcou o seu récord en carreira para poder despedirse del, pero canto nos prestou este xantar con Ángel. 
Sabemos que lle encanta o tema que eliximos este ano, así que ao mellor conseguimos descubrir ao músico que leva dentro!!! 
Moitísimas grazas, Ángel!!! 

E grazas tamén a Andrea, a encargada de retratar a parte do profesorado do cole con Ángel.