Amosando publicacións coa etiqueta astronomía. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta astronomía. Amosar todas as publicacións

sábado, 27 de novembro de 2021

NOTICIAS SOBRE ASTRONOMÍA EN RADIO ROSIÑA

Ola, xentiña!!!

Estou de novo aquí para contarvos unha noticia moi interesante e relacionada con dúas das actividades que máis nos gustan no cole: a radio e o proxecto do curso. En 3º e 4º xuntaron os dous temas e, despois de redactar unha noticia sobre astronomía, gravárona individualmente en "Radio Rosiña", para que poidamos desfrutalas todas as persoas que temos a sorte de escoitalas!!! Non esperedes máis e premede sobre o nome de cada unha das nenas e nenos da aula para escoitar o ben que falan!!!! 

En hora boa a: AINHOA, ALEJANDRO, ALICIA, ANXO, ISMAEL, LAURA, LUCÍA, LUZDIVINA, OLALLA, PABLO, PAULINA e UXÍA.

Apertas,
            Rosiña

mércores, 20 de marzo de 2019

UNHA EXCURSIÓN MARABILLOSA

Esta semana está chea de acontecementos: o Día do Pai, o inicio da primavera, o Día da Poesía ou o Día do Síndrome de Down son algúns dos temas nos que centraremos as nosas conversas e actividades nas clases e tamén fóra delas. Sen embargo, este luns fixemos unha viaxe que dificilmente esqueceremos!!! Viaxamos a Santiago de Compostela para asistir á representación teatral da compañía Elefante Elegante "A danza da choiva" no Teatro Principal. Esta obra lanza unha pregunta moi seria e preocupante: que sucedería se de pronto deixase de chover? Non durante un mes, un verán ou un ano, senón para sempre? Aos nenos e nenas de Infantil, 1º e 2º gustoulles moito e seguro que vos poden falar sobre esta premiada obra que mestura o teatro xestual, a danza, os títeres... Despois da representación, deron un paseo polas rúas da zona vella de Compostela, e percorreron tamén parte dun dos lugares máis bonitos da cidade: a Alameda, onde nos reunimos todas para xantar. (Premendo na imaxe podedes ver máis fotos)

Infantil, 1º e 2º pasearon pola Alameda compostelá despois de ir ao Teatro Principal.

Por outra banda, o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º tiña programadas dúas visitas. A primeira delas foi tal vez unha das máis máxicas que temos realizado: entrar no laboratorio de Ángel Carracedo!!! Non todo o mundo ten a posibilidade de coñecer un lugar así, xa que os laboratorios non son espazos turísticos. Ángel, a pesar de todo o traballo que ten, ofreceuse a guiarnos polo seu laboratorio, contándonos como traballan nel, explicándonos que instrumentos empregan e como funcionan algúns deles, presentounos a moitas das persoas que se adican a investigar sobre temas relacionados coa xenética, etc. Para todas as persoas que tivemos o grande pracer de compartir con el unhas horiñas do pasado luns, sabendo que apenas ten tempo libre debido á súa grande carga de traballo, sentímonos moi privilexiadas de poder engadir ás nosas vidas esta tremenda experiencia. Dificilmente imos esquecer o que supuxo para moitas de nós, e moitas persoas xa amosaron o seu agradecemento por levar adiante esta invitación do noso querido padriño Ángel Carracedo. Non é para menos!!! Ata unha porquiña coma min está impresionada coa vivencia e está pensando en adicarse á ciencia. Ao mellor tamén algún ou algunha de vós acaba elixindo no futuro un camiño científico... Quen sabe!!! (Premede na imaxe para ver máis fotos)

Ángel rodeado por todos/as nós no seu laboratorio.
Despois de coñecer o laboratorio de Ángel, visitamos o Observatorio Astronómico Ramón Mª Aller, onde nos explicaron moitas das cousas que se poden observar no espazo desde a Terra a través de fotografías e vídeos. Ademais, puidemos ver tamén que aparellos empregan neste singular edificio para estudar todo o relacionado con esta temática, así como outros destinados ao estudo da meteoroloxía. Premede AQUÍ para ver as fotos que fixemos no Observatorio.

Foi esta unha viaxe moi interesante e intensa, que rematou co xantar e os xogos no parque da Alameda. 

Moitísimas grazas a Ángel Carracedo e a todo o seu equipo, que tan ben nos recibiu a pesar de que a nosa presenza interrumpiu o seu traballo cotiá: Eva, María e por suposto, Ángel... Esta viaxe foi máxica grazas a vós!!!

luns, 14 de novembro de 2016

UNHA LÚA SÚPER!!!

Hoxe, 14 de novembro, a Lúa estará a 356.523 km., a súa distancia máis preto da Terra no que vai de século. Aínda que isto acontecerá ao redor do medio día, o espectáculo astronómico poderase observar a noite anterior e posterior. NON A PERDADES DE VISTA!!!!
Haberá que esperar ata o 25 de novembro de 2034 para que o noso satélite se aproxime aínda máis, a 356.448 km.
Premendo sobre a imaxe poderedes ler máis información sobre este fenómeno: 


Tamén podedes ver unha imaxe representativa premendo aquí.