Pois entre lobos estivemos o venres, 18 de marzo, durante toda a mañá. O Concello de Santa Comba organizou unhas "Xornadas Nacionais do Lobo", desenvolvendo diferentes actividades durante os días 18 e 19. Entre elas, a proxección da película "Entre lobos", baseada na vida de MARCOS RODRÍGUEZ PANTOJA, criado durante doce anos por unha manda de lobos, sen apenas contacto coa humanidade. O Concello convidounos a asistir á mesma, e decidimos que era unha boa idea ver esta película-documental, que contaba ademais coa presencia do propio Marcos, quen tivo ocasión de falar con nós, responder a algunhas das preguntas que lle fixemos as persoas asistentes (había varios centros educativos ademais do noso) e mesmo firmarnos dun xeito moi orixinal as entradas que nos entregaron no Edificio Multiusos de Santa Comba. Foi toda unha experiencia! Aquí podedes ver as fotos desa mañá, e se queredes coñecer máis sobre a vida do protagonista, premede sobre o seu nome ou sobre este enlace.
luns, 28 de marzo de 2016
venres, 18 de marzo de 2016
VISITAMOS UN MUSEO DE ARTE CONTEMPORÁNEA
Esta semana fomos de viaxe. Cantas ganiñas tiñamos!!! Nesta ocasión, o noso destino foi A Coruña, onde visitamos o Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa, que se atopa á entrada da cidade. Pasamos alí case todo o día e aínda botariamos máis tempo, porque o pasamos moi ben e aprendemos un montón de cousas!!! Non fomos todo o cole, pero case: todas as persoas que quixeron e puideron desde os 5 anos ata 6º de Primaria, xunto coas nosas mestras e mestres, vivimos unha fermosa experiencia nun lugar que mereceu moito a pena.
Fixemos dous grupos: un desde 5 anos ata 3º de Primaria e outro desde 4º a 6º. O primeiro visitamos a exposición "Os rostros do naufraxio", baseada nos retratos. A través dalgunhas das obras da exposición, puidemos observar diferentes técnicas de captura e reprodución de imaxes en movemento. Tamén vimos un vídeo no que saía FÉLIX FERNÁNDEZ!!! Si, o mesmiño que nos visitou no cole no primeiro trimestre!!! Non puido estar con nós no Museo porque é un artista tan solicitado que non para, e nós contentísimas/os de que lle vaia tan ben!
Pola tarde, despois de comer a comida tan rica que nos prepararan nas nosas casiñas, fixemos un obradoiro case máxico. Consistía en construír o dedo da nosa guía coma se fora real!!! E conseguímolo!!!
O grupo de 4º a 6º visitamos a exposición "Narrativas monumentales", fixándonos sobre todo en tres esculturas creadas con materiais ben pesados: o aceiro, a madeira e o granito. Sorprendéronnos moito e descubrimos tamén algúns trucos para que esas obras se mantiveran en equilibrio de xeitos ben diferentes aos que estamos acostumados a observar nos edificios que nos rodean.
Pola tarde tamén visitamos a exposición baseada na figura humana "Os rostros do naufraxio", e rematamos cun obradoiro moi entretido: por equipos, tiñamos que continuar unha historia que comezaba igual para todos os grupos. Despois de redactala, había que decidir que papel iba realizar cada unha das persoas do equipo, aportando todas elas unha parte do seu corpo: unha persoa que xesticulase (rostro), outra que se movese (corpo) e unha máis que falase (voz). Todo para realizar un truco escénico que nos encantou: mentras o locutor narraba a historia, unha cámara gravaba os primeiros planos do rostro doutra das persoas do grupo, e a gravación víase nunha pantalla que se encaixaba na cabeza doutra das persoas.
Pero, coma en moitas outras ocasións, a través das fotografías podemos ver moito do que nos aportou esta visita, que non foi pouco. Encantadísimas/os todas/os nós coas persoas que nos recibiron no MAC para ensinarnos tantas e tan interesantes cousas. Moitísimas grazas a todas!!!
Etiquetas:
arte,
Museos,
obradoiros,
saídas didácticas
martes, 8 de marzo de 2016
DÍA INTERNACIONAL DA MULLER TRABALLADORA
Manuel María, o escritor ao que se lle adicará o vindeiro 17 de maio o Día das Letras Galegas, publicou no ano 1970 un libro chamado "Remol". Entre as súas páxinas podemos atopar un poema ben fermoso adicado ás mulleres galegas que non aparecen nas enciclopedias, nos libros, nos informativos, etc. E, cando aparecen, adoita ser por motivos que nos fan sentir pouco orgullosos e orgullosas da sociedade na que vivimos. Con este poema, Manuel María rende homenaxe a esas mulleres que temos preto, que vemos día tras día, que traballan arreo para sacarnos adiante, para manter a familia unida, para escoitarnos, para abrazarnos, para querernos... As compañeiras, as amigas, as veciñas, as irmás, as tías, as avoas, as nais... Ben se merecen esta e outras moitas maneiras de homenaxe, non credes? Pois a partir de hoxe, non vos paredes e, da maneira na que prefirades, escribídelle á muller que vós queirades uns versos, unha carta, unha postal... Agradecédello todos os días, pero se queredes aproveitar esta celebración, facede algo especial para entregarllo en persoa!!!
Aquí podedes ler o poema do escritor da Terra Chá MANUEL MARÍA:
As mulleres galegas -labregas,
mariñeiras, artesás, obreiras,
pasado, pobo, presente,
alma e futuro de Galicia-
non foron cantadas
polos poetas cultos e premiados,
pechados nas súas torres de almasí:
eles, tan sensibles, non podían
adicarlles rondós e madrigales,
sonetos perfetísimos
a donas que falan en galego,
que son a forza do pobo,
porque non teñen xeitos requintados,
deprendidos en colexos elegantes,
nin vestidos fermosos,
nin frases retorneadas
-nunca foron á escola,
nin alternaron tampouco en sociedade-
i as súas maus non se semellan
ás azas dos paxaros,
nin teñen soavidades de veludo:
están encallecidas polo traballo,
son duras como as pedras,
só tenras pro garimo,
con soavidades de mel
pra perdoar e comprender,
pra sementar tenrura e máis amor,
pra arrincar odios.
Tamén o mundo do deporte e o olimpíaco tivo marxinada á muller durante moitísimos anos, e mesmo na actualidade atopamos moitas disciplinas nas que apenas participa. Con motivo da celebración do Día Internacional da Muller, a páxina MARCA BUZZ publicou un artigo homenaxeando a 10 das mulleres máis importantes do deporte hoxe en día. Queres saber cales son? Preme enriba das letras vermellas e accederás ao documento.
Mentras tanto, no cole elaboramos unhas bandeiras olímpicas moi especiais, nas que cada grupo se centrou en cinco mulleres deportistas, especiais por moitas razóns que vos amosamos nas seguintes imaxes:
Etiquetas:
celebracións,
día da muller traballadora,
Letras Galegas,
Olerpíadas
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)