mércores, 16 de xuño de 2021

"ROSIÑAPALABRA" DE 5º E 6º

Ola!!!

Aquí chega o último programa de "Rosiñapalabra" adicado ás aves. Nesta ocasión, realizado polo alumnado de 5º e 6º, que tamén vos queren animar a xogar a este entretido xogo no que estamos aprendendo moito vocabulario. Coñecedes todas as aves terrestres das que falan as rapazas e rapaces de 5º e 6º? Imos alá!!!

Rosiña

NOTICIAS RADIOFÓNICAS DE RTV-ENXEBRE

OLA!!!

Esta mañá traigo unha moi boa nova para todas: "Radio Rosiña" estrea canle!!! Ademais do que xa temos, como resultado do proxecto realizado coa ONG Ayuda en Acción RTV-Enxebre, Sergio (Laboratorio de Radio) publicou os traballiños do alumnado que participou nesta marabillosa experiencia que xa podemos escoitar no seguinte enlace: 

 

RADIO ROSIÑA EN RTV ENXEBRE




Nesa canle atoparedes:

-"Os paxaros e as súas historias", relatos do alumnado de 1º e 2º de Primaria.

-"A historia de Plumitas", elaborada polas nenas e nenos de Educación Infantil.

-"Historias sobre a morriña" 

-"Un día en Ézaro", resultado da viaxe que ata alí fixeron Educación Infantil e 1º e 2º de Primaria.

-"Sabedes o que é "NICADA"? Descubrídeo neste programa!

-"Os dereitos da infancia", o programa gravado en directo en Vimianzo en colaboración cos centros de Monfero e Zas. 

Seguro que vos encanta escoitar a estas estupendas e estupendos reporteiras /os!!!

Rosiña

luns, 14 de xuño de 2021

VISITA A BALARÉS

A semana pasada rematou cunha xornada de convivencia con todo o alumnado e gran parte do profesorado á praia de Balarés. Esta actividade sempre a compartiamos coas familias das nenas e nenos do cole, pero este curso a pandemia fíxonos modificar tamén este plan. 

A xornada de convivencia reuniunos en Balarés.

Tivemos un día moi bonito, e aínda que sopraba algo o vento, non nos impediu desfrutar do paseo por Cabana de Bergantiños, a carón da desembocadura do río Anllóns, observando a fermosa paisaxe. En canto chegamos ao miradoiro de aves "José Luís Rabuñal", na praia da Urixeira, subimos ao bus que nos levou ata Balarés, onde pasamos o resto do día. Nesta praia xogamos, probamos o boa que estaba a auga e xantamos no fantástico piñeiral. Pasámolo moi ben estando todas xuntas nun espazo coma este, e desexamos que a próxima xornada de convivencia poida ser coa compañía das familias ao completo!!!!

Unha aperta,

Rosiña

"ROSIÑAPALABRA" DE 1º E 2º

Ola!!!

Que tal estades? Estamos xa na recta final e chegan os últimos traballiños das aulas, onde estivestes aprendendo moitísimo sobre as aves. Vistes o programa "Rosiñapalabra" de 3º e 4º? Acertastes moitas palabras? Seguro que si!!! Pois hoxe tráigovos un novo programa, nesta ocasión realizado polo grupo de 1º e 2º, a través do cal descubriredes moito vocabulario relacionado co mundo da ornitoloxía. Animádesvos a participar? Pois dádelle ao play!!!

Unha aperta,

Rosiña

xoves, 10 de xuño de 2021

"ROSIÑAPALABRA" DE 3º E 4º

Como xa sabedes, unha das actividades que se programou para realizar dentro do noso proxecto adicado ás aves estaba a edición do coñecido "Pasapalabra". Aproveitando que en 3º e 4º inauguraron a canle "Rosiña TV", pensamos que era boa idea emitilo en formato audiovisual, polo que así os iremos publicando. En cada aula de Primaria elixiron un grupo de aves para describilas tendo en conta o hábitat no que se desenvolven. Ás nenas e nenos de 3º e 4º tocáronlles as aves que viven en zonas húmidas, así que aquí están para sorprendernos con esta emisión de "Rosiñapalabra". Animádevos a xogar!!!!

 

Rosiña

SAN COSME DE ANTES EN "RADIO ROSIÑA"

As nenas e nenos de 3º e 4º traballaron moito con Sergio (do "Laboratorio de Radio" e "Ayuda en Acción"), e adicaron unha boa parte da formación a coñecer e falar da nosa parroquia, San Cosme de Antes. Como resultado dese traballo, preséntannos un podcast moi interesante que xa podedes escoitar en "Radio Rosiña". Desfrutádeo!!! Completouse esta actividade cun paseo polo entorno, que podedes ver premendo aquí

En hora boa, rapaciñas e rapaciños!!!

 

Rosiña



luns, 7 de xuño de 2021

CELEBRAMOS O DÍA DOS CIRRIOS CON ELIA

Hoxe foi o "Día Mundial dos Cirrios", unhas das aves máis fascinantes que tamén podemos atopar nesta zona a partir da primavera, xa que é unha ave que migra no outono, para pasar o inverno en África. Sorprende a cantidade de tempo que poden pasar no aire sen pousarse, xa que excepto para aniñar, o seu ciclo vital desarróllase en voo. Incluso durmen no aire!!! Así nolo contou a bióloga Elia Pérez Taboada ("Puertas Afuera Comunicación Medioambiental"), unha rapaza que nos veu falar hoxe sobre algunhas das aves coas que compartimos territorio, ao tempo que escoitamos o canto dalgunhas delas: o "chi-chi-pán" do ferreiriño real, a risotada do peto verde, o enigmático son da curuxa ou o peculiar canto da avenoiteira foron algúns deles.

Pero Elia tamén nos amosou materiais moi interesantes, algúns dos cales nunca tiveramos a oportunidade de observar: plumas de peto real, de curuxa, niños de aves paseriformes (que coñecemos como paxaros), pero tamén cranios moi diferentes e incluso egragópilas!!!

Ademais, Elia tamén nos amosou algunhas das amezas coas que poden atoparse as aves no noso concello e noutros lugares de Galicia. Entre eles: os cambios que realiza o ser humano na paisaxe, eliminando a natureza que nela se atopaba (estradas, autovías, minas, etc.), os tendidos eléctricos de alta tensión, as plantacións en grandes superficies que acaban coa biodiversidade do lugar, o uso de elementos químicos que poden ser moi perigosos (insecticidas e praguicidas de diferente tipo), a acumulación de lixo en zonas nas que non se xestiona (preocupa moito o plástico pero son moitos os desperdicios que poden influír negativamente nos animais), etc.

Elia é unha namorada das aves e as bolboretas.
 

Foi unha actividade moi interesante na que desfrutamos moito con Elia, ademais de aprender un montón de cousiñas moi importantes e necesarias para coidar a nosa natureza. Moitísimas grazas por todo, Elia!!!

Unha aperta,

                  Rosiña

venres, 4 de xuño de 2021

"O LIXO MARIÑO", UNHA ACTIVIDADE EN COLABORACIÓN CO CEIDA

O Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia, CEIDA, situado na illa de Santa Cruz, Oleiros (A Coruña), é un centro de referencia en canto á educación ambiental. As súas actividades están dirixidas a traballar na procura de solucións aos problemas ambientais, así como a fomentar boas prácticas entre as cidadás para que a pegada do ser humano na natureza non sexa tan negativa. Por este motivo, este curso solicitamos unha actividade titulada "O lixo mariño", que se dividiu en dúas partes: 

-por un lado, unha charla no centro sobre a problemática do lixo, onde Laura e Flor nos falaron da importancia dos mares, os problemas que lles afectan (cambio climático, sobrepesca, explotación industrial, lixo...) ou os impactos ambientais e socioeconómicos que provocan os desperdicios que chegan ao mar, etc.;

-por outra banda, aínda que a situación é moi preocupante, non debemos rendernos, podemos mellorala facendo moitas cousas que tampouco supoñen un grande esforzo. Unha delas foi a que realizamos este venres, que consistiu en visitar a praia de O Ézaro e observar como estaba.

Despois da recollida falamos dos residuos atopados con Jorge e Laura.
 

Para esta segunda actividade acompañáronnos Laura e Jorge, e en grupos pequenos fixemos un inventariado dos residuos que atopamos na praia, facendo despois unha posta en común na que quedou claro que a maior porcentaxe do lixo que atopamos pertencía ao grupo dos plásticos!!! Afortunadamente, o Concello de Dumbría realiza unha limpeza da praia a cotío, polo que os residuos atopados non foron moitos, algo que xa nos comentou antes de comezar o traballo Raúl, un dos concelleiros que nos recibiu á nosa chegada ao Ézaro. 

Esta saída coincide ademais con dúas datas ben importantes relacionadas coa natureza, xa que mañá, 5 de xuño, celébrase o "Día Mundial do Medio Ambiente", e o vindeiro martes, día 8, o "Día Mundial dos Océanos". A xornada foi realmente interesante e sei que desfrutastes moito, tanto con esta actividade como coas outras que completaron este fermoso día: visita á fervenza do Xallas, xantar ao aire libre, paseo pola praia, xeado... Vamos, que repetiriades outra vez seguro!!!

Moitas grazas ás persoas que nos acompañaron nesta importante formación!!!

Unha aperta,

                     Rosiña


xoves, 3 de xuño de 2021

UN GRUPO CON MOITO CONTO!!!

En 3º e 4º queren amosarnos que hai canteira de escritores e escritoras, así que despois de crear historias individualmente, estiveron en "Radio Rosiña" para gravalas e compartilas con todas nós. Paréceme esta unha actividade marabillosa que podedes aproveitar para escoitar na "Hora de Ler" ou cando máis vos apeteza...

E se algunha persoa máis se anima a redactar outras historias, estarei encantada de lelas e/ou escoitalas!!!

Mentras tanto, EN HORA BOA a todas as nenas e nenos de 3º e 4º, que tan bo traballo fixeron!!!

Se premedes sobre cada nome podedes acceder ao podcast directamente:

-ALICIA

-ÁNGEL 

-GUILLERMO

-ÍKER 

-ISMAEL 

-LUCÍA 

-LUZDIVINA 

-PABLO

-SORAYA

-UXÍA 

Aperta grande, 

                    Rosiña 

venres, 28 de maio de 2021

OBRADOIROS "GALICIENCIA"

Ao longo do curso fixemos moitas actividades on line, debido ás dificultades derivadas da covid. Sen embargo, desde o comezo tivemos moi claro que a cultura tiña que seguir chegando ao centro, que as nenas e nenos tiñades que facer obradoiros, coñecer, experimentar, investigar... Por iso a biblioteca estivo aberta todo o curso, as mochilas viaxeiras enchéronse con propostas para pasar máis horas das habituais nos nosos fogares, e solicitamos moitas actividades que nos parecían interesantes para realizar con todas vós, algunhas das cales tivemos a sorte de poder realizar presencialmente. Non é o caso desta, que tivo que ser a distancia, pero gustouvos tanto que aquí vos deixo algunhas imaxes para que poidades recordala e falar coas vosas amizades e familiares sobre ela. 

Foi toda unha experiencia facer de policías da CSI.

 

Organizadas por "Galiciencia", a primeira das actividades consistía nunha investigación forense, a través da cal comprobastes a importancia da ciencia para resolver desaparicións de todo tipo. A segunda estaba inspirada na Misión Mars2020 da NASA e na esperanza de que se poida lograr voar con motor noutro planeta. Polo momento, nas aulas de 3º, 4º, 5º e 6º estiveron facendo probas experimentais coas que pasaron un rato moi entretido e a través das que aprenderon moito!!!

Unha aperta,

                 Rosiña

 

 

inspírase na misión Mars2020 da NASA, que lanzou e aterrou con éxito o rover Perseverance en Marte.   

levaremos a cabo un conxunto de actividades que nos permitirán ir coñecendo a importancia da ciencia na investigación forense.