Amosando publicacións coa etiqueta Radio Rosiña. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Radio Rosiña. Amosar todas as publicacións

luns, 20 de xuño de 2022

HAIKUS EN DIRECTO

Esta mañá o alumnado de 5º e 6º retransmitiu un programa en directo desde Radio Rosiña. O motivo? Compartir con todo o mundo os haikus (poemas xaponeses moi breves relacionados coa natureza) que fixeron durante este último mes, léndoos nun programa que realizaron e emitiron sen modificar absolutamente nada. Pero para todas as persoas que non estiveran conectadas ás 10:30 da mañá, aquí deixamos o podcast para que os escoitedes cando poidades... 


Unha aperta,

Rosiña 

CARTAS DESDE O EXILIO

Bos días!!!

Este curso, como ben sabedes, continuamos a formación en Radio Rosiña. Ademais de publicar programas propios nas diferentes aulas, participamos no programa que a ONG Ayuda en Acción desenvolve no noso centro con Sergio Pascual. Nesta ocasión, tamén Sergio veu formar ao alumnado de primaria cunha proposta moi interesante desde Laboratorio de Radio, do que el forma parte. Esta formación está financiada pola Consellería, dentro das actividades de Radio na biblio, e para ela Sergio fixo unha proposta ao alumnado de 5º e 6º que consistía en escribir unha carta á súa familia no caso de que, como lle sucedeu a Florencio Delgado Gurriarán, tiveran que exiliarse. O resultado dese traballo podedes escoitalo aquí:

Desexando que cada vez sexan menos as persoas que vivan situacións deste tipo, recibide unha forte aperta,

Rosiña

mércores, 15 de xuño de 2022

ROSIÑA DJ

Bos días!!! 

Entre tanta actividade as nenas e nenos de 5º e 6º case non tiveron tempo para contarnos cales son as músicas que soan nos cambios de clase durante este último mes do curso. Pero, por fin, aquí está o último programa de Rosiña DJ do curso, que redactaron e gravaron en Radio Rosiña durante estes días:


En hora boa!!!

Rosiña

sábado, 21 de maio de 2022

CELEBRAMOS AS LETRAS GALEGAS

Bos días!!!

Con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, no cole estivemos coñecendo a obra do autor homenaxeado nesta ocasión: Florencio Delgado Gurriarán. Ademais, algúns grupos do cole tamén aproveitaron esta festividade para adicarlle un programa de radio á nosa admirada Rosalía de Castro. Na aula de 5 anos están fascinadas cos seus poemas, e non dubidaron en contarnos nos micrófonos de "Radio Rosiña" un montón de cousiñas sobre a grande escritora. Seguro que queredes escoitalo, así que aquí volo deixo:

Este podcast enviouse ao IV Concurso de Podcasts Radio na Biblio, ao igual que o que gravaron os grupos de 3º a 6º de Primaria, no que quixeron facer unha homenaxe á muller rural. Podedes escoitalo aquí:

Unha aperta enorme,

Rosiña

xoves, 12 de maio de 2022

EXPOSICIÓN SOBRE O SANCOSMEIRO

OLA, RAPAZADA E FAMILIAS!!!
Como estades?
Como sabedes, nos últimos meses o alumnado de 3º e 4º de primaria está a desenvolver o proxecto de aprendizaxe-servizo "O sancosmeiro", co obxectivo de promocionar e contribuír a darlle continuidade a este sombreiro artesanal tradicional como parte do patrimonio inmaterial da nosa parroquia.
Nunha entrada anterior puidestes ver a primeira parte deste proxecto: a elaboración dun vídeo explicativo sobre o sancosmeiro, a participación de todo o alumnado nun obradoiro de sancosmeiros, e a realización dunha fotografía a todo o alumnado e persoal do centro vestindo un sancosmeiro.
Despois disto, na aula de 3º e 4º continuaron traballando no proxecto, organizando unha exposición de promoción do sancosmeiro que exporán na Casa da Cultura de Mazaricos (A Picota) durante o mes de maio, e no noso colexio o mes de xuño.

O alumnado de 3º e 4º coa profe Alba.

Nesta exposición incluíron diversos traballos que realizaron previamente na aula:
  • Paneis informativos con información sobre o sancosmeiro que podedes ver premendo aquí.
  • Conto viaxeiro "O sancosmeiro voador", creado coa colaboración das familias, no que as protagonistas (dúas nenas e dúas vazas de San Cosme) realizan unha viaxe espectacular que podedes ver neste vídeo:
  • Programa en "Radio Rosiña" que inclúe un concurso de preguntas sobre este sombreiro no que participou o resto do alumnado do colexio e unha pequena intervención de Sandra Alvite, a presidenta da asociación Trenzarte e concelleira de Cultura e Servizos Sociais do Concello de Mazaricos. Podedes escoitalo aquí:

Premede aquí para ver os cadros destas artistas un a un.
  • Concurso de preguntas sobre o sancosmeiro, creado polo alumnado e no que vos animo a participar premendo aquí.
Que traballo tan estupendo vos quedou, rapaces e rapazas!!! EN HORA BOA!!!
E a todas as persoas que nos sigan, ANIMÁDEVOS A VISITAR ESTA ESTUPENDA EXPOSICIÓN, tanto na Casa da Cultura coma no colexio!!! Eu estou desexando vela...
Apertas,
Rosiña

ENTREVISTA AO ALCALDE DE MAZARICOS

OLA A TODOS E TODAS!!!

O pasado luns, o alumnado de 3º e 4º viaxou ata A Picota para colocar a exposición de promoción do sancosmeiro na Casa da Cultura, como xa puidestes ler na entrada anterior do blog.

Tamén visitaron o Concello, onde os recibiu Juan Blanco, o alcalde de Mazaricos, quen lles ensinou as instalacións da Casa consistorial e lles explicou o seu funcionamento.

O grupo de 3º e 4º na súa viaxe ata A Picota.

Aproveitaron a ocasión para facerlle unha entrevista para "Radio Rosiña", con algunhas preguntas feitas por eles/as e outras formuladas polos compañeiros/as de 5º e 6º. Queredes escoitar que lles respondeu o alcalde? Pois aquí tedes o programa que emitiron:

O grupo de 3º e 4º quere agradecer desde aquí o recibimento e o tempo adicado para realizar esta entrevista.

Saúdos,

Rosiña

luns, 9 de maio de 2022

DÍA INTERNACIONAL DAS RAPAZAS NAS TIC

OLA A TODAS!!!

O pasado 28 de abril foi o Día Internacional das Rapazas nas TIC, e no cole realizamos diferentes actividades para celebralo. A máis emotiva delas foi a que tivo lugar o pasado xoves, 5 de maio, xa que convidamos ás familias a vir ao centro a falarnos sobre como a tecnoloxía mellorou as nosas vidas e os nosos traballos. A proposta foi aceptada por Estefanía, Simón e Mónica, nais e pai de alumnado de 3º e 4º de Educación Primaria, que marabillaron a todo o cole coa súa exposición en tres ámbitos diferentes: o mundo forestal, o traballo administrativo e a saúde bucodental. 

As protagonistas das charlas foron recibidas con grande entusiasmo polo alumnado.

Despois da súa exposición, aproveitamos para facerlles unhas preguntas para Radio Rosiña, que incluímos no seguinte programa radiofónico:


Ademais, estas e outras familias gravaron un vídeo en familia para animar ás nenas, rapazas e mulleres a adicarse a profesións do ámbito científico-tecnolóxico, pois as profesións non teñen xénero e todos/as podemos ser o que queiramos ser. Con todos eles, creamos o seguinte vídeo:

   

Moitas grazas pola vosa participación!!!

Unha aperta, 

Rosiña

PROGRAMA Nº 4 DE "ROSIÑA DJ"

Ola, xentiña!!!

Xa estamos en maio e, como ben sabedes, a música que soa nos diferentes cambios de clase é diferente para cada un dos meses do curso. O alumnado de 5º e 6º encargouse novamente de realizar o programa, así que se estades interesadas en coñecer as melodías e o motivo polo que foron seleccionadas, dádelle ao play para escoitar este novo "Rosiña DJ":


EN HORA BOA, rapaces e rapazas!!! 

Apertas,

Rosiña

luns, 2 de maio de 2022

EXPOSICIÓN "MULLERES QUE FIXERON HISTORIA NO ÁMBITO DA TECNOLOXÍA"

Bo día!!! Hoxe iniciamos o mes de maio no cole cunha noticia marabillosa que chega en forma de podcast!!! Cóntovos:

O pasado 28 de abril celebrouse o Día Internacional das Rapazas nas TIC, e como xa sabedes, en Primaria andan facendo varios traballos arredor desta temática. Para este último prepararon unha exposición que podedes visitar no corredor do colexio: "Mulleres que fixeron historia no ámbito da tecnoloxía". Ademais de incluír a ficha realizada por cada neno e nena, tamén conta cun código QR, ao que agora engadimos os podcasts que gravaron en "Radio Rosiña". Cada un está adicado a unha das mulleres que foron centro da súa investigación, polo que premendo sobre o seu nome poderedes escoitar a gravación. É posible que non as coñezades a todas, así que aproveitade tamén para aprender moito a través deste traballo grupal. As protagonistas son:

ADA LOVELACE

ÁNGELA RUIZ ROBLES

ANTONIA FERRÍN MOREIRAS

BEGOÑA VILA

CAROL SHAW

EVELYN BEREZIN

FRANCES E ALLEN

HEDY LAMARR

MARY KENNETH KELLER

RADIA JOY PERLMAN

Ademais, investigaron sobre un grupo de mulleres que en 1942 foron contratadas polo exército estadounidense para programar unha das primeiras computadoras, e que se coñecen como "Top Secret Rosies". Sobre esta asociación e as súas integrantes podedes saber máis premendo nos seguintes enlaces:

"TOP SECRET ROSIES"

BETTY SNYDER

FRANCES BILAS

JEAN JENNINGS

KATHLEEN McNULTY

MARLYN WESCOFF

RUTH LICHTERMAN

O 28 de abril, ademais, asistiron a un coloquio online organizado polo CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia), no que catro mulleres galegas que se adican ao campo das TIC lles falaron sobre as súas profesións.

Cartel da exposición "Rapazas emprendedoras nas TIC".
 

En hora boa por todo este traballo,

Rosiña



xoves, 7 de abril de 2022

PROGRAMA Nº 3 DE ROSIÑA DJ

Ola, xentiña!!!

Antes de rematar o trimestre, o alumnado de 5º e 6º quixo contarvos cales son as músicas seleccionadas para este mes de abril, así que adicaron un ratiño da xornada de hoxe a gravar en "Radio Rosiña" o terceiro programa de "Rosiña DJ". Espero que vos guste tanto a selección coma os comentarios que tan ben fan este grupo de nenos e nenas, cada día máis profesionais...

Unha aperta,

Rosiña 

luns, 21 de marzo de 2022

DÍA MUNDIAL DA POESÍA CON ROSALÍA

O pasado 23 de febreiro celebramos no cole o "Día de Rosalía de Castro", e a partir das actividades que realizamos, na aula de 5 anos de Educación Infantil ocorréuselles unha idea fantástica: xa que Rosalía é unha das nosas escritoras preferidas, que ademais escribiu un dos poemas que máis lles gustan a este grupo de nenos e nenas ("O moucho"), por que non adicarlle un programa en "Radio Rosiña" polo "Día Mundial da Poesía"? Así foi como emitiron este programa tan entretido no que nos contan todo o que pasou no patio o pasado mes de febreiro... Aquí o tedes para que o desfrutedes tanto coma min:

En hora boa, rapaciños e rapaciñas. Fixestes un traballo estupendo!!!

Rosiña

venres, 18 de marzo de 2022

PROGRAMA Nº 2 DE ROSIÑA DJ

Bos días!!!

Rematamos esta semana de marzo contándovos en "Radio Rosiña" que músicas soan ao longo do mes para as entradas, saídas, cambios de clase... Con este novo programa de "Rosiña DJ" o alumnado de 5º e 6º está ampliando moito o seu repertorio musical, e quere compartilo con todas as persoas que nos escoitan. Ao micrófono escoitaredes as voces de quenes non participaron no 1º programa: Ángel, Sara, Paula, Brais e Martina; no control, Mai e Aroa. En hora boa, rapaciñas e rapaciños!!!


Rosiña

mércores, 9 de marzo de 2022

A SEMANA DA PRENSA NO COLE

Ao longo destes días celebrouse a "Semana da prensa", e na aula de 3º e 4º fixeron un traballo estupendo que comparten con todas nós a través do blog da biblioteca e de "Radio Rosiña". A actividade consistiu en redactar unha noticia na que falan dun dos programas nos que estamos participando este curso, que leva por título "Rapazas emprendedoras nas TIC". 

Ademais da imaxe da noticia escrita, aquí vos queda o enlace para que escoitedes tamén o programa de radio:

En hora boa polo traballo, rapaciñas e rapaciños!!!


Apertas,

Rosiña

VISITA DE JOSEFINA LING, UNHA MULLER ASTRÓNOMA

A actividade desta xornada tamén estivo centrada nas mulleres, nesta ocasión relacionándoa tamén co proxecto deste curso. Por ese motivo, contactamos con Josefina Ling, unha experta en astronomía. Josefina estivo contándolle ao alumnado do cole como comezou a interesarse por este tema tan fascinante e explicándolles en que consistía o seu traballo no Observatorio Astronómico Ramón María Aller (Santiago de Compostela), centrado na observación das estrelas dobres. Confesounos a súa emoción cando descubriu unha destas estrelas, na constelación de Casiopea, que agora leva o seu nome: Ling 1. Falounos tamén dalgunhas das vidas de grandes astrónomas, como Carolina Herschel, Jocelyn Bell ou a galega Antonia Ferrín Moreiras, que forman parte da exposición que podedes visitar no noso cole durante esta semana, que foi coordinada pola propia Josefina Ling. 

O alumnado de 3º a 6º con Josefina na entrada da biblioteca.
 Ao final, o alumnado de 3º a 6º de Primaria tamén puido facerlle unha pequena entrevista para realizar un programa de radio adicado a esta importante muller que tivemos a sorte de coñecer. Moitísimas grazas, Josefina, polo teu traballo e pola túa amabilidade con todas as persoas que compartimos esta mañá contigo!!!

Premendo sobre a imaxe podedes ver o resto das fotografías.

Unha aperta,

Rosiña

xoves, 3 de marzo de 2022

1º e 2º CONTAN EN RADIO ROSIÑA...

Ola!!!!

Que tal foron esas festas de Entroido? Parece que chegastes con moita enerxía, porque xa o primeiro día recibo no meu buzón un montón de traballiños realizados polas nenas e nenos de 1º e 2º de Primaria. Pero non pensedes que nos veñen a contar o que fixeron nestes días de vacacións... Non! Do que nos falan hoxe en "Radio Rosiña" é das historias que inventaron elas mesmas na aula, e cóntannolas na radio para que as entendamos moito mellor. Queredes escoitalas? Pois ide premendo en cada unha para coñecer estas entretidas aventuras.


1-Conto "El alien y el astronauta"

2-Conto "El extraterrestre"

3-Conto "El niño, el padre y el abuelo"

4-Conto "Estreliña e o seu compañeiro"

5-Conto "Estreliña"

6-Conto "O astronauta e Saturno"

7-Conto "O astronauta que viaxou á Lúa"

8-Conto "O loro e o astronauta"

9-Conto "Pepe, Spiderman e Juan"

10-Conto "Vacaciones en el espacio"

Que vos parecen? Xa vedes que o tema do universo é moi inspirador... EN HORA BOA, RAPACIÑOS E RAPACIÑAS!!!

Apertas, 

Rosiña

 

xoves, 17 de febreiro de 2022

NOVO PROGRAMA EN RADIO ROSIÑA

Ola!!!!

O alumnado de 5º e 6º estrena un novo programa en "Radio Rosiña". Chámase "Rosiña DJ" e, como podedes imaxinar, vai de música. Se queredes descubrir cales son os temas que soan no cole durante o mes de febreiro, aquí tedes o enlace para comezar a mover o esqueleto:

 

En hora boa, rapaciños e rapaciñas!!! Quedouvos un programa moi xeitosiño e marchoso!!!!

Apertas, 

Rosiña

luns, 14 de febreiro de 2022

"RADIO BULE BULE" CON PACO NOGUEIRAS

Hoxe tivo lugar un concerto no cole estupendo con Paco Nogueiras. Xa que onte foi o "Día Mundial da Radio", pensamos que celebralo cantando as cancións do disco "Radio Bule Bule" era unha idea fantástica. E así foi!!! Pasámolo moi ben, bailamos, saltamos, cantamos, e recordamos algúns temas de Paco que nos gustan moito, e outros descubrímolos en vivo e en directo, que é como máis mola.

Grazas, Paco!!! E a toda a rapazada, por participar na actividade amosando a enerxía que vos caracteriza. 

Premede aquí para ver as fotos e os vídeos desta mañá.

Non está nada mal comezar así de forte a semana, eh?

Apertas,

Rosiña


DÍA MUNDIAL DA RADIO

Onte, 13 de xaneiro, celebrouse o "Día Mundial da Radio". Un ano máis, sumámonos á proposta de Rede Espora, que nesta ocasión se centraba na responsabilidade que supón o facer que os medios de comunicación sexan fontes veraces de transmisión de información e coñecemento. Só cun uso responsable dos medios, tanto sendo emisores como receptores, poderemos contribuír a desenvolver unha sociedade máis xusta e igualitaria.

Partindo desta idea, o alumnado de 3º e 4º de Primaria representou ao noso cole emitindo unha noticia moi interesante, pero... real? Escoitade atentamente o programa, no que tamén participan os centros de O Rosal (CPI Manuel Suárez Marquier), de Teis (CEIP Frián), Bueu (CEIP da Torre Cela), Sober (CEIP Virxe do Carme), A Pobra do Brollón, Lugo (CEIP Rosalía de Castro), Moaña (CEIP Seara de Moaña),Seixo, Marín (CEIP Manuel Masdías) e Ribeira (CEIP de Olveira).

Moitísimas grazas ao equipo de Espora pola súa implicación nesta celebración que tanto nos gusta, e o seu esforzo para montar este fantástico programa!!!!

Apertas,

Rosiña

martes, 8 de febreiro de 2022

EN "RADIO ROSIÑA" FALAMOS DE...

Bos días!!!

Hoxe, en "Radio Rosiña" as protagonistas son... as vacas!!! Si, en 3º e 4º seica estiveron traballando moito sobre elas nas clases de Ciencias Naturais, polo que neste programa cóntannos cousas moi interesantes sobre estes animais que tan ben coñecemos en San Cosme. Escoitádeo atentamente porque ao mellor pensabades que o sabiades todo sobre elas... 

En hora boa, rapaciñas e rapaciños!!!

Rosiña

venres, 4 de febreiro de 2022

O DÍA DA PAZ EN RADIO ROSIÑA

Bos días!!!

As nenas e nenos de 5º e 6º anunciáronme hoxe unha noticia estupenda: realizaron un programa en "Radio Rosiña" falando do Día da Paz. Seguro que estades desexando escoitalas e escoitalos!!! Eu xa o fixen, e o certo é que me encantaron!!! Aquí vai o enlace para que poidades tamén facelo vós: 

Apertas,

Rosiña