venres, 30 de abril de 2021

PROGRAMA EN "RADIO ROSIÑA" SOBRE A LECTURA

Ola!!! A semana pasada celebramos no cole o "Día do Libro", e foron varias as actividades que se realizaron. Algunhas delas, sen embargo, tiveron que agardar uns días a que estiveran finalizadas para poder compartilas con todas vós. Unha delas foi a gravación deste programa en "Radio Rosiña" que vos presento hoxe. Nel participa o alumnado, pero tamén o profesorado do centro, para o cal tivemos a sorte de poder contar coa axuda dun profesional marabilloso que nos visita cada xoves: Sergio Pascual, un dos integrantes do "Laboratorio de Radio". Esta formación que estamos recibindo forma parte do proxecto que iniciamos este curso coa ONG "Ayuda en Acción", que se desenvolve paralelamente ao de "Radio na Biblio"

Esperamos que vos guste moito (ten algunha sorpresiña!) e que sigades vendo os libros como eses amigos que sempre nos acompañan...

Unha aperta enorme,

                             Rosiña

venres, 23 de abril de 2021

ANXO MOURE, O CARBALLO CON BOTAS

Anxo nun momento da actuación.
Esta semana, con motivo da celebración do "Día do Libro" e do "Día da Terra", recibimos a visita de Anxo Moure, un contacontos ao que temos moito cariño e que nos veu contar unhas cantas historias no patio do cole. Anxo presentounos aos personaxes que viaxan con el nun cestiño moi xeitoso e transmitiunos moito amor pola natureza!!! Podedes ver as fotos desta xornada premendo na imaxe, e se premedes AQUÍ accederedes á súa páxina de Contos Solidarios, que tamén recomendamos polo "Día do Libro".

Unha aperta,

Rosiña

DÍA DO LIBRO 2021

Hoxe é o "Día do Libro"!!!! E eu, que como ben sabedes son unha "devoradora" de libros, non podo máis que animarvos a que leades todos os días, porque é unha das cousas máis entretidas que se poden facer!!! Sei que no cole estades argallando algunhas actividades relacionadas con esta data, pero como a celebración vai máis alá do 23 de abril, non vos preocupedes porque esas montaxes cheguen máis tarde. O importante é que a lectura forme parte das vosas vidas, que se convirta nalgo necesario, imprescindible!!!

E como estamos levando a cabo o proxecto sobre as aves e tamén atendendo moito aos temas relacionados coa natureza, propóñovos aquí algunhas lecturas para esta fin de semana.

A primeira, "Los pájaros", un libro ilustrado de Germano Zullo, publicado pola editorial Libros del Zorro Rojo:

 

A segunda, "Yo voy conmigo", de Raquel Díaz Reguera, publicado por Thule Ediciones:


Por último, déixovos tamén aquí a páxina de Anxo Moure e os seus Contos Solidarios, onde poderedes ler algunhas das súas historias: 

CONTOS SOLIDARIOS
 

E en canto teñades rematados todos os traballiños publicareinos no blog con grande emoción, así que agardo por eles...

Unha aperta e moitas lecturas!!!

Rosiña

xoves, 22 de abril de 2021

DÍA MUNDIAL DA TERRA


Hoxe, 22 de abril, é o "Día Mundial da Terra", e aproveitando que esta semana tamén celebramos o "Día do Libro", pensei que podía ser unha boa idea compartir con vós esta bonita historia do paxaro Vicentinho, escrita por Anxo Moure, o estupendo contacontos que nos visitou onte no cole.

O lema deste ano é "Recuperemos a Terra", xa que son moitos os problemas aos que nos enfrontamos no noso planeta. Entre os máis preocupantes están que cada ano se perden 10 millóns de hectáreas de bosques e arredor dun millón de especies animais e vexetais atópanse en perigo de extinción!!! Tendo en conta que ademais nos atopamos nunha situación de pandemia debido á covid-19, é importante ter en conta que a biodiversidade pode ser parte da solución, polo que deberiamos ser responsables e facer as paces coa natureza: coidándoa, respectándoa... Son moitas as cousas que podemos facer para axudar a mellorar a súa saúde: empregando menos plástico, enerxías que non contaminen, etc. Pero, sobre todo, plantando árbores!!! 

Desfrutade do vídeo e da canción do paxaro Vicentinho:

Rosiña

luns, 19 de abril de 2021

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2021: XELA ARIAS

Xela Arias Letras Galegas 2021
Este ano, o "Día das Letras Galegas" está adicado a Xela Arias, e por este motivo quero presentarvos a recompilación realizada polo Equipo de Biblioteca do cole para que coñezades a vida e a obra desta muller. Tamén vos lembro que nos próximos días atoparedes na entrada da biblioteca todos os seus libros, para que poidades tamén levalos para a casa, consultalos e desfrutalos durante a "Hora de Ler", etc. Premendo na imaxe accederedes ao "Google sites", e tamén a través da barra lateral dereita. 

Desfrutade moito desta gran poeta, narradora e tradutora!!!!

Apertas,

               Rosiña

mércores, 14 de abril de 2021

O MUSEO DO POBO GALEGO ACHÉGANOS O MAR

A experiencia marítima foi todo un éxito.
Esta mañá realizamos un obradoiro moi especial no cole, no cal participou o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria. Estaba dividido en dúas partes: a primeira delas consistía nunha visita virtual ao Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, e a segunda nun obradoiro que se impartiu no patio cuberto do centro. A visita ao Museo fixémola acompañadas de Carmiña, unha rapaza que leva moitos anos traballando neste importante edificio compostelá, quen nos explicou onde estaba situado, que era o que podiamos atopar no seu interior, destacando a famosa escaleira helicoidal, etc. Despois centrouse xa na sala adicada ao mar, preparándonos para o obradoiro posterior. 

A segunda parte foi moito máis práctica, e para iso contamos con Balti, un rapaz enérxico e moi simpático que nos contou un montón de segredos relacionados co mar: embarcacións, aparellos, práctica da pesca, etc. Aprendemos e divertímonos moitísimo grazas a este excelente obradoiro, polo que queremos felicitar ás persoas responsables da súa organización e ao Museo do Pobo Galego por facer posible este tipo de achegas culturais aos centros educativos. Moitísimas grazas!!!!

Premendo sobre a imaxe podedes ver todas as fotos.

Rosiña