venres, 24 de maio de 2019

VISITAMOS O MUNCYT DE A CORUÑA

Diante da cabina do "Lope de Vega".
Rematamos a semana viaxando ata A Coruña, onde visitamos un museo moi especial: o MUNCYT, o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, situado no edificio Prisma de Cristal. Neste emblemático edificio, un cubo de vidro que xa foi galardoado con algún prestixioso premio de arquitectura, realizamos unha visita guiada por algunha das salas expositivas. Puidemos así coñecer aos robots Pepexán e Marilú, con quenes mantivemos unha interesante conversa e con quenes nos sorprendemos tamén moito. Na Sala "Iberia" contáronnos moitas curiosidades sobre os avións, e visitamos a cabina do Jumbo "Lope de Vega", un dos avións máis emblemáticos da historia de España, xa que no ano 1981 trasladou de Nova York a Madrid a obra cume do pintor Pablo Picasso: "O Guernica". E tamén vimos o primeiro ordenador e a lanterna da Torre de Hércules na Sala "Mayúsculas".

Por outra parte, fixemos dous obradoiros moi interesantes. O primeiro deles, para Infantil, 1º e 2º de Primaria, chamábase a "Vidrieira de Peteiro", no que traballamos en equipo amosando a nosa capacidade de observación e de clasificación, a nosa agudeza visual, a memoria e a orientación.

O acueduto aguantou grazas ao traballo en equipo.

 Para 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria estaba reservado o "Obradoiro de enxeño", no que manexamos conceptos básicos de enxenería, tensións, esforzos, etc. A través de pezas moi lixeiras con formas diferentes, fomos quenes de construír o emblema da cidade -a Torre de Hércules- e un acueduto, ao tempo que fixemos unha viaxe pola historia ata a época romana.

Xogar, comer e compartir momentos de conversas e sorrisos completaron esta inesquecible excursión!!!
Premendo sobre calquera imaxe podedes ver o resto das fotos desta xornada.

https://photos.app.goo.gl/aygR3dNPiLyJ7ar76



mércores, 22 de maio de 2019

AS LETRAS GALEGAS EN "RADIO ROSIÑA"

Pois non podía faltar o noso programa en "Radio Rosiña" adicado ás Letras Galegas... Para iso, as nenas e nenos de 5º e 6º prepararon un novo programa de "As nosas celebracións", adicado nesta ocasión á data mencionada. E invitaron a ir á Radio ás persoas que recibiron un agasallo a semana pasada, no Concurso de Ilustración e Literario que convocamos cada curso no mes de maio. 
Así que a continuación escoitaredes un programa realizado por Samuel Arosa e Paula Barcia no control técnico, por Mª José e Jorge Otero nos micrófonos, e polas nosas invitadas Laura, Aroa, Paula Maneiro, e o noso invitado Íker Freire. Escoitade atentamente porque merecen moito a pena estas historias:




AS CREACIÓNS PRESENTADAS AO CONCURSO DAS LETRAS GALEGAS

O día que celebramos as Letras Galegas entregamos uns agasallos a catro das persoas que participaron no Concurso Literario que se convocou para que participarades todo o alumnado do cole. Cando publicamos a noticia sobre esta celebración enlazamos tamén eses textos gañadores, pero como nos pareceu que había outros traballos moi interesantes e merecedores tamén dun premio, aquí volos deixamos todos, agrupados por aulas, para que poidades lelos e relelos:

AS ILUSTRACIÓNS DE EDUCACIÓN INFANTIL:


 

OS TEXTOS DE 1º e 2º de PRIMARIA: 



OS TEXTOS DE 3º e 4º de PRIMARIA: 



OS TEXTOS DE 5º e 6º de PRIMARIA: 



Gustáronvos? A cales lle dariades vós un premio? Pois anímovos a facelo: felicitade ás persoas que escribiron esas historias que vos gustan, felicitádeas polo seu traballo, e animádeas a seguir escribindo!!!


martes, 21 de maio de 2019

O DOCE MUNDO DO MEL DE GALICIA

Joel estaba moi guapo vestido de apicultor.





Hoxe estivo no cole Beatriz Ríos Cebreiros, técnica do CRIXP (Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia), que é o organismo encargado de controlar, amparar e certificar o "Mel de Galicia". 
Baixo o título "O doce mundo do mel de Galicia", esta campaña de sensibilización destinada aos nenos e nenas de Primaria procura achegar aos escolares de toda a xeografía galega o fascinante mundo da apicultura e os tesouros ocultos do chamado "ouro doce".
Ademais de contarnos que é o mel, como viven e traballan as abellas nas colmeas, cal é a labor da persoa que se adica á apicultura, etc., Beatriz tamén nos invitou a probar a vestimenta necesaria para traballar coas abellas, ademais de responder ás preguntas que lle fixemos.

E ademais, agasallounos con globos, repartiunos folletos informativos e, o que máis ilusión nos fixo, un botiño de mel de Galicia, que moitas xa probaron e afirmaron que está boísimo!!!

As nenas e nenos do cole lendo as etiquetas do mel que lles entregou Beatriz.
Lembrade que é moi importante ler o etiquetado dos produtos que mercamos!!!

(Premendo sobre a imaxe podedes ver máis fotos desta charla tan interesante)



luns, 20 de maio de 2019

CHARLA INFORMATIVA SOBRE O MEL

Mañá temos unha charla informativa sobre un produto natural con grandes propiedades beneficiosas: o mel.
O mel, fabricado polas abellas a partir do néctar das flores, co que combinan outras substancias propias, almacénano nos panais das colmeas, onde madura antes de ser consumido.
Este produto emprégase dende hai miles de anos en todo o mundo como alimento, como medicamento e como adozante.

Pintura rupestre na Cova da Araña (Bicorp-Valencia), que representa unha persoa recolectando mel dun panal arbóreo.
A actividade humana adicada á crianza e coidado das abellas recibe o nome de apicultura.
Mañá contarannos moitas máis cousas sobre este tema tan interesante, pero para que vos vaiades informando un pouquiño, aquí vos deixo 2 vídeos sobre o funcionamento dunha colmea:





domingo, 19 de maio de 2019

PODCAST DA RADIO GALEGA

OLA!!! Non sei se puidestes escoitar o programa "Diario Cultural" da Radio Galega o pasado 17 de maio... Eu escoiteino e emocioneime moitísimo pensando que moitas das persoas implicadas no traballo de "Radio Rosiña" e da biblioteca do cole estarían moi atentas ao que soaba a través das ondas. E non falo só da xente que está este curso no cole, xa que esta aventura comezou o ano pasado, así que hai varias persoas que deixaron unha pegada importante nela: a sintonía gravárona os grupos de ukelele e guitarra co profe Óscar, manexamos o equipo técnico grazas ás horas de formación que adicaron Javier Prado e Luís Losada (RedEspora), etc. E, por suposto, moitas grazas á Asesoría de Bibliotecas Escolares, que con esta iniciativa ampliou as linguaxes presentes na biblioteca, axudando a promover a expresión oral e o traballo colaborativo, entre outras moitas cousas!

Que bonito ademais que gañemos un concurso cun paxariño de cabeceira... NORABOA unha vez máis ás nenas e nenos de Infantil e á mestra Patricia. Tamén ao resto de colexios que participaron e obtiveron premio coma nós, porque seguro que nos aportarán ideas moi interesantes. Deixo aquí o enlace ao podcast para todas aquelas persoas que queiran escoitalo por primeira, segunda ou vixésima vez!!!



xoves, 16 de maio de 2019

MAÑÁ SAÍMOS NA RADIO GALEGA

Hoxe non temos cole, xa que é un dos días que a Consellería nos concedeu como non lectivos, pero teño que darvos unha noticia moi importante: MAÑÁ SAÍMOS NA RADIO GALEGA!!!! Bueno, sae o programa "O mazarico", que fixeron as nenas e nenos de Infantil en Radio Rosiña e que gañou un dos premios no I Concurso de Podcasts-Radio na Biblio. Imaxino que todas as persoas que nos seguen xa o escoitaron, pero na Radio Galega vai ser a primeira vez que o retransmitan, así que se non queredes perdelo, sintonizade a emisora e estade moi atentas ao "Diario Cultural" de mañá, 17 de maio, ás 14:45. O programa, adicado ao Día das Letras Galegas, falará do concurso, entrevistará a persoas que coordinan a biblioteca de diferentes coles e emitirán os programas gañadores. Podedes ler a noticia da emisión premendo AQUÍ.
Apertas!!!