Amosando publicacións coa etiqueta charlas de expertos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta charlas de expertos. Amosar todas as publicacións

martes, 24 de maio de 2022

A QUE ALTURA ESTÁ O CEO?

Ola, amigas e amigos!!!

O título da noticia de hoxe é tamén o dun libro do físico e divulgador científico Jorge Mira, quen nos visitou esta mañá. Jorge, apaixonado do universo, falou con nós sobre os tamaños dos planetas que forman o sistema solar, comparando uns con outros, así como coa estrela máis grande arredor da cal xiramos: o Sol. Ademais de falar dos seus tamaños, Jorge tamén quixo axudarnos a imaxinar as enormes distancias que hai entre uns planetas e outros, así como entre os planetas e o Sol. Para iso, saímos ao patio do cole, e representando ao Sol cunha laranxa, comezamos a medir -coa axuda dun metro- a separación á que estarían Mercurio, Venus, a Terra, Marte, Xúpiter, Saturno e Urano. Neptuno xa non foi posible situalo, xa que teriamos que saír á estrada xeral. 

Con Jorge Mira despois da nosa viaxe espacial.
 

Foi unha conversa moi entretida e interesante, xa que non é doado imaxinar o enorme que é o universo, e a pouquiña cousa que representamos nós dentro desa inmensidade. Para reflexionar... Moitísimas grazas, Jorge, por adicarnos parte desta mañá na túa apretada axenda.

Unha aperta,

Rosiña

mércores, 9 de marzo de 2022

VISITA DE JOSEFINA LING, UNHA MULLER ASTRÓNOMA

A actividade desta xornada tamén estivo centrada nas mulleres, nesta ocasión relacionándoa tamén co proxecto deste curso. Por ese motivo, contactamos con Josefina Ling, unha experta en astronomía. Josefina estivo contándolle ao alumnado do cole como comezou a interesarse por este tema tan fascinante e explicándolles en que consistía o seu traballo no Observatorio Astronómico Ramón María Aller (Santiago de Compostela), centrado na observación das estrelas dobres. Confesounos a súa emoción cando descubriu unha destas estrelas, na constelación de Casiopea, que agora leva o seu nome: Ling 1. Falounos tamén dalgunhas das vidas de grandes astrónomas, como Carolina Herschel, Jocelyn Bell ou a galega Antonia Ferrín Moreiras, que forman parte da exposición que podedes visitar no noso cole durante esta semana, que foi coordinada pola propia Josefina Ling. 

O alumnado de 3º a 6º con Josefina na entrada da biblioteca.
 Ao final, o alumnado de 3º a 6º de Primaria tamén puido facerlle unha pequena entrevista para realizar un programa de radio adicado a esta importante muller que tivemos a sorte de coñecer. Moitísimas grazas, Josefina, polo teu traballo e pola túa amabilidade con todas as persoas que compartimos esta mañá contigo!!!

Premendo sobre a imaxe podedes ver o resto das fotografías.

Unha aperta,

Rosiña

martes, 26 de outubro de 2021

DÍA DO DANO CEREBRAL ADQUIRIDO

Sarela, Asociación de Dano Cerebral de Compostela

Hoxe celébrase o "Día do Dano Cerebral Adquirido", aínda que pouco coñecida, seguro que as súas causas vos resultan máis familiares: ictus, traumatismos por accidentes, etc. As secuelas, moitas veces invisibles, poden ser moi variadas, afectando á autonomía das persoas que a padecen. Onte estiveron no cole tres persoas para falar sobre o DCA ao alumnado de 5º e 6º de Primaria. Pertencen á Asociación "SARELA", que ten como obxectivo acadar a máxima recuperación das persoas que padecen algún dano cerebral adquirido, mellorando a súa calidade de vida e buscando a súa reincorporación ao mundo laboral, académico e social. Na aula de 5º e 6º estiveron falando sobre este importante problema coas persoas que nos visitaron, realizando algunhas actividades a través das cales se deron conta do importante que é coñecer esta realidade para dárlle visibilidade e aportar o noso gran de area.

Dende o cole queremos agradecer o voso esforzo por achegarvos ata aquí e o voso tempo para comprender un pouquiño mellor esta lesión, a vida cotiá das persoas que a padecen e algunhas cousas que podemos facer para mellorar a súa situación. 

Premendo AQUÍ podedes ver algunhas fotos da charla, e sobre a imaxe podedes acceder á páxina da Asociación "SARELA", que xa leva máis de vinte anos axudando ás persoas con dano cerebral adquirido.

Unha aperta, 

Rosiña

luns, 7 de xuño de 2021

CELEBRAMOS O DÍA DOS CIRRIOS CON ELIA

Hoxe foi o "Día Mundial dos Cirrios", unhas das aves máis fascinantes que tamén podemos atopar nesta zona a partir da primavera, xa que é unha ave que migra no outono, para pasar o inverno en África. Sorprende a cantidade de tempo que poden pasar no aire sen pousarse, xa que excepto para aniñar, o seu ciclo vital desarróllase en voo. Incluso durmen no aire!!! Así nolo contou a bióloga Elia Pérez Taboada ("Puertas Afuera Comunicación Medioambiental"), unha rapaza que nos veu falar hoxe sobre algunhas das aves coas que compartimos territorio, ao tempo que escoitamos o canto dalgunhas delas: o "chi-chi-pán" do ferreiriño real, a risotada do peto verde, o enigmático son da curuxa ou o peculiar canto da avenoiteira foron algúns deles.

Pero Elia tamén nos amosou materiais moi interesantes, algúns dos cales nunca tiveramos a oportunidade de observar: plumas de peto real, de curuxa, niños de aves paseriformes (que coñecemos como paxaros), pero tamén cranios moi diferentes e incluso egragópilas!!!

Ademais, Elia tamén nos amosou algunhas das amezas coas que poden atoparse as aves no noso concello e noutros lugares de Galicia. Entre eles: os cambios que realiza o ser humano na paisaxe, eliminando a natureza que nela se atopaba (estradas, autovías, minas, etc.), os tendidos eléctricos de alta tensión, as plantacións en grandes superficies que acaban coa biodiversidade do lugar, o uso de elementos químicos que poden ser moi perigosos (insecticidas e praguicidas de diferente tipo), a acumulación de lixo en zonas nas que non se xestiona (preocupa moito o plástico pero son moitos os desperdicios que poden influír negativamente nos animais), etc.

Elia é unha namorada das aves e as bolboretas.
 

Foi unha actividade moi interesante na que desfrutamos moito con Elia, ademais de aprender un montón de cousiñas moi importantes e necesarias para coidar a nosa natureza. Moitísimas grazas por todo, Elia!!!

Unha aperta,

                  Rosiña

martes, 21 de maio de 2019

O DOCE MUNDO DO MEL DE GALICIA

Joel estaba moi guapo vestido de apicultor.





Hoxe estivo no cole Beatriz Ríos Cebreiros, técnica do CRIXP (Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia), que é o organismo encargado de controlar, amparar e certificar o "Mel de Galicia". 
Baixo o título "O doce mundo do mel de Galicia", esta campaña de sensibilización destinada aos nenos e nenas de Primaria procura achegar aos escolares de toda a xeografía galega o fascinante mundo da apicultura e os tesouros ocultos do chamado "ouro doce".
Ademais de contarnos que é o mel, como viven e traballan as abellas nas colmeas, cal é a labor da persoa que se adica á apicultura, etc., Beatriz tamén nos invitou a probar a vestimenta necesaria para traballar coas abellas, ademais de responder ás preguntas que lle fixemos.

E ademais, agasallounos con globos, repartiunos folletos informativos e, o que máis ilusión nos fixo, un botiño de mel de Galicia, que moitas xa probaron e afirmaron que está boísimo!!!

As nenas e nenos do cole lendo as etiquetas do mel que lles entregou Beatriz.
Lembrade que é moi importante ler o etiquetado dos produtos que mercamos!!!

(Premendo sobre a imaxe podedes ver máis fotos desta charla tan interesante)



luns, 20 de maio de 2019

CHARLA INFORMATIVA SOBRE O MEL

Mañá temos unha charla informativa sobre un produto natural con grandes propiedades beneficiosas: o mel.
O mel, fabricado polas abellas a partir do néctar das flores, co que combinan outras substancias propias, almacénano nos panais das colmeas, onde madura antes de ser consumido.
Este produto emprégase dende hai miles de anos en todo o mundo como alimento, como medicamento e como adozante.

Pintura rupestre na Cova da Araña (Bicorp-Valencia), que representa unha persoa recolectando mel dun panal arbóreo.
A actividade humana adicada á crianza e coidado das abellas recibe o nome de apicultura.
Mañá contarannos moitas máis cousas sobre este tema tan interesante, pero para que vos vaiades informando un pouquiño, aquí vos deixo 2 vídeos sobre o funcionamento dunha colmea:





mércores, 31 de outubro de 2018

CHARLA SOBRE INTERNET

Onte recibimos a Adrián Brañas Castro, quen veu ofrecernos unha charla dentro do programa "Navega con Rumbo polo Ciberespazo", unha iniciativa encamiñada a que as rapazas e rapaces naveguen coa maior seguridade posible pola rede, evitando riscos de Internet. Esta charla, á que estabades convidadas/os tamén todas/os as nais e pais do alumnado, foi entretida e moi interesante, e aínda que foron poucas as persoas que asistiron á mesma, pensamos que é moi importante coñecer moitas das recomendacións que expertos como Adrián nos ofrecen, antes de que calquera de nós se vexa nunha situación de ciberacoso ou outro risco. Prever nunca está de máis; seguro que pensamos todas o mesmo!!!
Se queredes coñecer o programa podedes acceder premendo aquí. 
Para ver as imaxes da charla no cole, premede AQUÍ.

Un saúdo, 




luns, 16 de abril de 2018

DOUS VÍDEOS PARA A CHARLA SOBRE ARQUEOLOXÍA

Mañá recibimos no cole a Nina, a arqueóloga do noso concello. Esta é a segunda ocasión na que nos visita, e antes de que nos reunamos con ela vimos un vídeo que fala sobre os castros, para comprender mellor todos os conceptos dos que nos fale mañá. Déixovolo aquí por se queredes velo de novo:


E tamén nos propuxo ter en conta estoutro vídeo, xa que fala dun dos restos arqueolóxicos que máis abundan na nosa contorna: os dolmens ou antas. Estes monumentos pertencen ao período da historia denominado megalitismo, termo que procede das palabras gregas mega (grande) e lithos (pedra). Seguro que aprendedes moito a través del:






xoves, 29 de maio de 2014

UNHA MÉDICO-ENDOCRINO NO NOSO COLE

Hoxe recibimos no noso cole a Cristina Guillín Amarelle,  médico-endocrino no Clínico que nos veu falar sobre como manter unha alimentación saudable.  Esta charla está englobada dentro do programa de actividades do Proxecto Integrado deste ano Papacontos Zampalibros, que xira arredor do tema da alimentación e a gastronomía.

Contar coa presenza de Cristina foi todo un honor para todos nós, pois aprendemos unha chea de cousas con ela sobre a NUTRICIÓN.

A esta charla estaban invitados tamén os pais pero non acudiron moitos dada a hora de celebración. Por iso, decidimos perdille permiso a Cristina para gravar en vídeo a charla e ofrecérvola dende aquí a todos os que quixestes acudir pero non puidestes. Está dividida en 4 partes:




Tamén vos deixamos o material que ela proxectou durante a súa charla e que estamos seguros de que vos gustará ter sempre a man.



E para rematar a xornada fixémoslle entrega dun pequeno obsequio en agradecemento pola súa desinteresada colaboración.

Grazas, Cristina!!



LEMBRADE O IMPORTANTE QUE É TOMAR UN BO ALMORZO RAPACES !!