sábado, 28 de novembro de 2015

DESPEDÍMONOS DE XOSÉ NEIRA VILAS

Pois rematamos esta semana con esta triste noticia, sobre o falecemento de Xosé Neira Vilas, o autor do libro máis vendido na historia da literatura galega: "Memorias dun neno labrego". Cando lle preguntaban por esta obra, dicía que "eu só quería contar o que pasaba na aldea". E contouse incluso noutros idiomas, xa que entre os 600.000 exemplares vendidos está, ademais do galego, as traducións ao castelán, inglés, francés, alemán, chinés, ruso, búlgaro..., e mesmo en Braille! 
Os seus compañeiros (de profesión, da RAG da que formou parte, da editorial Galaxia -na cal publicou unha grande parte da súa obra-, etc.), falan de Xosé Neira Vilas coma "un bo e xeneroso". Tamén din que "nunca cansaba. Editaba e reeditaba. Facía e refacía. Descorría, sempre". E é que, aínda que xa tiña 87 anos, todavía seguía moi activo.
Concedéronlle case todos os premios que se poden conceder a un escritor: as medallas Castelao, o Pedrón de Honra e Celanova Casa dos Poetas. Foi investido Doutor Honoris Causa pola Universidade de A Coruña. Tamén é Premio da Crítica Española e da Crítica Galega, ademais de Premio Laxeiro e Trasalba. Pero, sobre todo, como escribiu a periodista Montse Dopico, Xosé Neira Vilas é dos "ninguén", da humildade, do que representaba a voz de Balbino (o protagonista das "Memorias dun neno labrego"), da procura da verdade e da xustiza.
Tamén no CEIP Víctor Sáenz nos sumamos a esa tristeza pola morte dun escritor que sempre tivo en conta aos nenos e nenas de Galicia, do rural, para os que escribiu tantas fermosas historias, tantos fermosos poemas! Coma o que aprendemos este outono e que serve de homenaxe a este grande autor!
Aquí podedes ver tamén unha entrevista ben interesante na que Xosé Neira Vilas fala, sobre todo, dos nenos e das nenas!



A continuación podedes ver as fotografías do recuncho que preparamos esta mañá para expoñer todos os libros que temos na nosa Biblioteca de Xosé Neira Vilas, e o cartel que elaboraron en 5º para lembrarnos un poema que aprendemos e ao que puxemos ritmo na clase de música, ou algunhas das declaracións que nos pareceron non debemos esquecer. Agora só falta animarvos a levar algunha das súas obras para desfrutar coa súa lectura!



mércores, 25 de novembro de 2015

DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

O certo é que é moi triste que teñamos que celebrar datas coma esta. O "Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller", débese, segundo á Organización das Nacións Unidas (ONU), a datos tan horribles coma os seguintes:
-a violencia contra a muller é unha violación dos dereitos humanos;
-a violencia contra a muller é consecuencia da discriminación que sofre, tanto en leis como na práctica, e nas desigualdades pola razón de xénero;
-a violencia contra a muller afecta e impide o avance en moitas áreas, incluídas a eliminación da pobreza, a loita contra a paz e a seguridade, etc.;
-a violencia contra a muller pódese evitar. A prevención é posible e indispensable;
-a violencia contra a muller segue sendo unha pandemia global. Ata un 70% das mulleres sofren violencia na súa vida.
O caso é verdadeiramente grave e alarmante!!!!
A ONU decidiu poñer en marcha a campaña "16 días contra a violencia de xénero", que comeza o 25 de novembro e remata o 10 de decembro, Día dos Dereitos Humanos. Esta campaña ten como obxectivo chamar á acción para poñer fin á violencia contra as mulleres e as nenas en todo o mundo.
Este ano, a campaña invita á participación na iniciativa "Pinta o mundo de laranxa: pon fin á violencia contra mulleres e nenas".
Ademais de pintar o mundo de laranxa, tamén podedes ver algúns dos seguintes vídeos, que tratan en profundidade este tema tan preocupante:

UN XOGO PARA OS RAPACIÑOS E RAPACIÑAS DE ED. INFANTIL:


"LITTLE MERMAID"
Esta curta conta a historia de Saúl, un meniño de 5 anos que decide vestirse de "Sereo" para a festa de Entroido do seu cole, e a súa nai comeza a preocuparse en exceso... 


"SEIS GRADOS"
Un anuncio publicitario que gañou un premio no ano 2009.


"NO ES AMOR"
Este anuncio tamén obtivo un premio no ano 2013.


E QUE SUCEDE NO DEPORTE? Aproveitando que as Olimpíadas é o tema principal do noso proxecto este curso, non queremos deixar pasar esta data sen telo en conta. Vós que pensades? Hai diferencias nos deportes entre homes e mulleres? E no cole? Que sucede cando xogades? Estas preguntas son unha invitación á reflexión para os rapaces e rapazas de 5º e 6º. Para todos, aquí van algúns vídeos que tratan este tema a partir de mulleres deportistas:

-VÍDEO QUE RESUME BREVEMENTE A PRESENCIA DA MULLER NOS XOGOS OLÍMPICOS



-VÍDEO POLA IGUALDADE DE MULLERES DEPORTISTAS ESPAÑOLAS


-VÍDEO REALIZADO PARA CELEBRAR AS "II XORNADAS DE DEPORTE, IGUALDADE E VIOLENCIA DE XÉNERO", ELABORADO POR UN EQUIPO FEMININO DE RUGBY 

luns, 23 de novembro de 2015

VISITA A FEIRACO

O concello de Mazaricos está celebrando a súa "Semana Gandeira". Por este motivo, ademais de convocar un concurso de ilustración e fotografía, no cal participamos todas as persoas que quixemos, tamén nos convidaron a visitar a fábrica da cooperativa FEIRACO. E viaxando ata Pontemaceira foi como comezamos esta semana. Alí puidemos ver o lugar ao que chegan os camións que recollen o leite dalgunhas das cooperativas de Mazaricos, así como o seu envasado en tetra-briks. Ao final, o presidente de FEIRACO, explicounos con moita amabilidade a evolución desta cooperativa dende a súa fundación, no ano 1968. E convidáronnos cuns riquísimos iogures!!!
A TVG tamén estaba alí, e gravounos un pouquiño. Se queredes ver a reportaxe, premede aquí e poderedes acceder á mesma.
Pero tamén fixemos fotos, por suposto!!!



E, xa no cole, Radio Nordés veu entrevistar ao alumnado de 6º e á nosa titora, Marina. Foi unha auténtica experiencia!

domingo, 22 de novembro de 2015

ALICIA CUMPRE 150 ANOS

Hai 150 anos un catedrático da universidade de Oxford chamado Charles Lutwidge Dodgson contáballes historias a tres meniñas. Unha delas, Alice Liddell, pediulle que escribira un dos contos cos que se entretían á beira do río Támese (Londres). E Charles Lutwidge pasou dous anos escribindo un manuscrito con máis de 30 ilustracións que debuxou el mesmo.
Ese escritor é mundialmente coñecido polo seu seudónimo, LEWIS CARROL, e o conto, Alicia no país das marabillas.
Esta novela cambiou por completo o concepto da literatura infantil, xa que era a través da súa lectura podes divertirte á vez que aprendes moitísimas cousas. O escritor Alberto Manguel refírese a esta obra dicindo: "Hai obras que nos guían, ilumínannos, fortalécennos, fannos máis intelixentes, sen dicirnos xamais como o fan nin por que (...) Entre elas destacan, resplandecentes, os libros de Alicia".
Non me digades que non vos entran ganas de lela... Se xa tes 9 anos, animámoste a desfrutar da súa lectura. E se non os tes, podes atopar outras opcións para desfrutar desta marabillosa obra da literatura. Se premes sobre o título seguinte, podes ver os debuxos de Disney:

venres, 13 de novembro de 2015

MAGOSTO 2015

Rematamos a semana celebrando o Magosto!!! E ademais, da maneira que máis nos gusta: xogando!!! Noutras ocasións, debido ás condicións meteorolóxicas, non puidemos festexalo así, pero hoxe desfrutamos dunha fermosa tarde de sol que nos permitiu non só realizar os xogos que tiñamos preparados, senón tamén asar as castañas no patio do cole, cantar e bailar ou falar coas persoas que se achegaron ata o centro para compartir con nós a festa!!! 
Das castañas encargáronse Miguel e Rubén, quen nos botou unha man enorme e polo cal queremos agradecerlle a súa desinteresada axuda. Dos xogos, os mestres, repartindo as distintas zonas do patio para xogar aos birlos, ao balón-parella, á culler-castaña, aos ladrillos, etc. Despois de xogar cantamos, tocamos e comemos as castañas; exquisitas!!!
Aínda que, coma sempre que celebramos algunha festa ou data importante no cole, o mellor de todo é poder compartilo co resto da comunidade educativa, así que foi un pracer recibir a pais, nais, avoas..., ou mestras que nos deron unha grata sorpresa: Cruz e Rocío, grazas!!!
E, para que vexades que ben o pasamos, aquí van as fotos que puidemos facer:

sábado, 7 de novembro de 2015

VISITOUNOS FÉLIX FERNÁNDEZ!!!


Esta semana tivemos a sorte de contar coa presenza dun gran artista:
FÉLIX FERNÁNDEZ. (Se premedes sobre o nome poderedes acceder á súa páxina web).
Félix, licencidado en Belas Artes, achegounos ao mundo da fotografía como recurso artístico. Durante as mañás do mércores e do venres, Félix ensinounos a "ler" imaxes analizando diferentes fotografías do máis peculiares, tendo en conta aspectos tan diferentes como a posición do corpo, os obxectos que están presentes na imaxe, as cores, a vestimenta, os textos, etc., así como a posición da cámara.
Así, puidemos ver imaxes que parecían enganarnos (os pés das persoas fotografadas non estaban en contacto co chan), outras xogaban coa camuflaxe, algunhas amosaban un cambio de xénero (homes que simulaban mulleres e viceversa), outras eran fotografías ocasionais, sen preparación, etc. 
Despois puidemos crear a nosa propia obra de arte, representando cada un/unha de nós unha situación. No caso de terceiro e cuarto eliximos o tema das emocións, e para iso empregamos carteis, maquillaxe, obxectos diversos..., todo o que a nosa imaxinación e creatividade nos "deixou". En quinto e sexto a consigna era pensar no que quixeramos para tratar de comunicalo a través do noso corpo, empregando para elo pinturas, palabras escritas, obxectos que tiveramos na escola, etc. E tamén xurdiron as emocións, entre outras cousas (representar o día e a noite, o "yin" e o "yang", a diferenza ou mesmo a morte).
Pasámolo moi ben vendo o resultado final das nosas fotografías e analizando as nosas posturas corporais e faciais.
Moitas grazas, Félix, por achegarnos a unha nova forma de arte para nós descoñecida.
Aquí podedes ver todas as nosas fotografías:


E a continuación as demais fotos deste obradoiro tan especial: