martes, 26 de outubro de 2021

DÍA DO DANO CEREBRAL ADQUIRIDO

Sarela, Asociación de Dano Cerebral de Compostela

Hoxe celébrase o "Día do Dano Cerebral Adquirido", aínda que pouco coñecida, seguro que as súas causas vos resultan máis familiares: ictus, traumatismos por accidentes, etc. As secuelas, moitas veces invisibles, poden ser moi variadas, afectando á autonomía das persoas que a padecen. Onte estiveron no cole tres persoas para falar sobre o DCA ao alumnado de 5º e 6º de Primaria. Pertencen á Asociación "SARELA", que ten como obxectivo acadar a máxima recuperación das persoas que padecen algún dano cerebral adquirido, mellorando a súa calidade de vida e buscando a súa reincorporación ao mundo laboral, académico e social. Na aula de 5º e 6º estiveron falando sobre este importante problema coas persoas que nos visitaron, realizando algunhas actividades a través das cales se deron conta do importante que é coñecer esta realidade para dárlle visibilidade e aportar o noso gran de area.

Dende o cole queremos agradecer o voso esforzo por achegarvos ata aquí e o voso tempo para comprender un pouquiño mellor esta lesión, a vida cotiá das persoas que a padecen e algunhas cousas que podemos facer para mellorar a súa situación. 

Premendo AQUÍ podedes ver algunhas fotos da charla, e sobre a imaxe podedes acceder á páxina da Asociación "SARELA", que xa leva máis de vinte anos axudando ás persoas con dano cerebral adquirido.

Unha aperta, 

Rosiña

venres, 22 de outubro de 2021

DÍA DAS BIBLIOTECAS

O 24 de outubro celébrase o "Día das Bibliotecas", un dos espazos con máis maxia que existe. Na nosa biblioteca, tan acolledora, pasamos moitos momentos ao longo do curso, e aínda que a covid nos impide compartir moitas actividades en grandes grupos, podemos sentirnos moi orgullosas de mantela aberta durante toda esta época de cambios.

Por iso, esta semana rematámola facendo nela unha actividade que nos gusta moito: compartir historias!!! Por iso veu ao cole Alba Bermúdez, que nos xuntou en dúas quendas na biblioteca, onde pasamos unha xornada moi entretida e divertida. Baixo o título "Comechíns, segundo prato", Alba mergullounos nun mundo imaxinario e a través de varias historias descubriunos como a lectura pode abrir o apetito... Moitas delas témolas na nosa biblioteca, así que xa sabedes que podedes facer cada vez que vos entre a fame!!! 
Premendo aquí podedes ver as fotiños que fixemos nesta magnífica sesión. Moitas grazas, Alba!!!
Apertas, 
Rosiña

martes, 19 de outubro de 2021

CELEBRAMOS O DÍA DA MULLER RURAL

O pasado venres, 15 de outubro, celebrouse o "Día da Muller Rural", unha data que nos parece moi importante por moitas razóns; entre elas:

-grazas a moitas das mulleres que se adican á agricultura, que labran a terra e plantan sementes, poden alimentarse nacións enteiras;

-garanten a seguridade alimentaria das súas poboacións, e axudan a preparar ás súas comunidades fronte ao cambio climático.

Sen embargo, como sinala a ONU, as campesiñas sofren moitas desvantaxes en relación cos homes que se adican tamén a actividades no ámbito rural: resúltalles máis difícil acceder aos terreos, aos materiais agrícolas, a axudas, etc. E en moitos casos, ademais, son tamén elas as que se encargan dos traballos domésticos sen recibir ningún salario (limpeza da casa, preparar a comida, coidar das persoas maiores, etc.)

No cole fixémoslles unha homenaxe a todas esas mulleres que nos facilitan tanto a vida, porque valoramos moito o seu esforzo, a súa adicación, e porque nos sentimos moi orgullosas delas. Tamén porque nos parece un traballo moi digno, nun entorno privilexiado, e gustaríanos que todas as nenas do cole que soñan con traballar no rural o teñan máis doado.

Para iso partimos do tema do proxecto, e xurdiu unha actividade na que ilustramos a Ceres, a deusa da agricultura para os romanos, e construímos planetas ananos feitos con diferentes cereais, e quedounos algo tan bonito coma isto:

Todo o alumnado participou na celebración.

Rosiña

luns, 18 de outubro de 2021

PREPARÁMONOS PARA O SAMAÍN

 Ola, rapazada! 

Xa está chegando o Samaín!!! Ademais, este curso celebrarémolo uns días antes, xa que o día propio, que é o 31, coincide cun domingo, polo que a primeira festa do curso terá lugar o venres, 29 de outubro. Como sei que vos gusta moitísimo, xa comezamos cos preparativos no cole, así que cóntovos algúns deles!

O primeiro, como moitas de vós saberedes, é a creación dunha historia de medo para o “XII Concurso de Relatos de Medo”. Seguro que o proxecto deste curso vos inspira narracións cheas de misterio arredor dos elementos que atopamos no universo: planetas, astros, galaxias, satélites, obxectos non identificados… Pero como estou segura de que as vosas ideas son moito mellores que as que poida aportarvos eu, non quero influír na vosa imaxinación, polo que queda aberto o campo da ficción para que o redactedes como mellor queirades. 

O que si vos vou lembrar son as bases, que seguirán como en anos anteriores:

-Estarán escritos en galego.

-Entregaranse rotulados unha vez corrixidos.

-Terase en conta a presentación: valorarase moito a curiosidade.

-Pódense realizar ilustracións que acompañen o texto, así conseguiredes que a vosa historia sexa máis atractiva!!! Lembrade rotulalas e pintalas...

-Facédelle unha portada onde se poida ler o título da historia, o voso nome e, se queredes, unha ilustración.

-Se estades en Educación Infantil ou en 1º e 2º de Primaria, podedes escribir unha historia colectiva entre todas as persoas do grupo.

-Para os que estades nos cursos de 3º a 6º, os traballos serán individuais.

-Os traballos meteranse no meu buzón, á entrada da Biblioteca, pero comunicádello antes á vosa mestra ou mestre, para metelos todos xuntiños!!!!

-O prazo de entrega remata o vindeiro MÉRCORES, 27 de outubro.

-Os premios entregaranse o día 29, cando celebraremos a festa no cole. Haberá un premio para Infantil, outro para 1º e 2º, un máis para 3º e 4º e outro para 5º e 6º.

AGARDO AS VOSAS HISTORIAS!!!

A outra noticia que quero comentarvos e que haberá Concurso de Cabazas!!! Premendo na imaxe podedes ler toda a información!!!
 

 

 

Rosiña

 

venres, 8 de outubro de 2021

ATENTAS AO CEO

Boas, rapaciños e rapaciñas!!!!

Esta semana de outubro remata cunha noticia moi interesante relacionada co noso proxecto deste curso: as dracónidas. Seguro que xa sabedes que son estrelas fugaces que se ven durante o mes de outubro, e aproveitando que o ceo está despexado durante esta fin de semana, pode resultarvos moi interesante. Se premedes aquí podedes descubrir moito máis sobre este interesante fenómeno.

Ademais, pouco despois do amencer tamén podedes ver o paso da Estación Espacial Internacional, que tanto interese causa entre boa parte do alumnado. Para saber por onde pasa esta noite, premede aquí.

E por hoxe nada máis, pero ao longo deste mes ireivos subindo algúns enlaces que seguro vos gustarán moito, así que estade atentas ao blog; seguro que aprendedes moitísimo contemplando o ceo nocturno!

Antes de despedirme, gustaríame dicirvos tamén que mañá é o Día das aves migratorias, as cales viaxan tamén orientándose a través do ceo, entre outras cousas, así que estou segura de que serán moitas as aves que esta noite tamén se fixen nas estrelas fugaces sobre a constelación de Draco.

Boa fin de semana!!!

Rosiña

 

mércores, 6 de outubro de 2021

TEXTO 1 do PROXECTO DOCUMENTAL 2021-22

Xa estou aquí de novo co primeiro texto do Equipo de Biblioteca, no que nos contan algo moi interesante sobre o universo. Para lelo só tedes que premer AQUÍ. A partir deste texto, propoñereivos unha actividade para conmemorar o Día da muller rural, que se celebrará o vindeiro 15 de outubro, así que estade atentas a todas as novidades que vaia publicando!!! 

Rosiña

martes, 5 de outubro de 2021

E O LEMA GAÑADOR É...

Xa temos o lema para este curso 2021-22, no que os vosos proxectos estarán centrados arredor do universo e o mundo da astronomía. Entre todos eles houbo un que recibiu un maior número de votos, polo que será o que se anuncie no cartel e nas actividades que realicemos ao longo do curso. E ese lema ou slogan é...

TANTOS LIBROS NO COLEXIO
COMO ESTRELAS NO UNIVERSO

É máis longo dos que foron seleccionados en ocasións anteriores, pero a verdade é que soa moi ben... 

Espero que vos guste a todas moitísimo e que aprendamos moito con este tema tan atractivo. Comezamos xa!!!

Rosiña