mércores, 31 de xaneiro de 2018

CHARLA SOBRE O ENTROIDO

Ai, rapaciños, que pouco falta para o Entroido!!! E nós cos disfraces aínda sen rematar... Para animarnos e explicarnos un pouquiño máis sobre a recuperación do tradicional Entroido de Arcos, esta mañá visitáronnos Suso Jurjo e o Sr. Leiro. A través dunha pequena charla, fotografías e vídeos, descubríronnos interesantes datos sobre o disfraz que levaremos este curso: o exército de panos.  

Premendo AQUÍ podedes ver todas as fotos que fixemos na biblioteca.


O NOSO DÍA DA PAZ



Quedouvos un acto moi fermoso para a celebración deste Día da Paz!!! Gustoume moito vervos a todas xuntas na entrada da biblioteca, onde os grupos de 5º e 6º leron un manifesto en voz alta. Despois puxestes unha canción africana que me encantou, e bailastes todos no corredor!!! Para rematar o acto, fostes pegando na entrada da biblio as siluetas que recortastes durante estes días. E lembrade que ese camiño temos que continualo por todos os recunchos que nos movamos ao longo da vida. Así como repartimos abrazos ao rematar a celebración desta tarde, REPARTIDE PAZ alá por onde vaides!!!!

Podedes ver as fotos premendo AQUÍ.

luns, 29 de xaneiro de 2018

EXCURSIÓN A SANTIAGO DE COMPOSTELA



Esta semana comezamos viaxando... O noso destino: Santiago de Compostela, a capital de Galicia. Aínda que todo o cole compartimos o mesmo autobús, en Santiago dividímonos en dous grupos. Por un lado, as nenas e nenos de Primaria vimos as obras seleccionadas e premiadas no “Décimo Premio Auditorio de Galicia para novos artistas”: pintura, escultura, cerámica, vídeo, fotografía, encheron os nosos ollos e oídos de enerxía e bo facer. 
Despois de visitar a exposición, asistimos a unha sesión de curtametraxes de diversas nacionalidades na Sala Mozart do Auditorio. Baixo o título “Viaxe arredor do mundo”, as diferentes pezas audiovisuais amosáronnos realidades sociais e culturais de diferentes lugares do mundo. Turquía, Londres, Estados Unidos, Grecia e África foron algúns dos nosos destinos esta entretida mañá.

Premede AQUÍ para ver as fotos.

Mentras tanto, o grupo de Infantil visitamos a exposición “A Arte no Cómic”, na Sede Afundación. Centrada no cómic, nesta visita puidemos coñecer a historieta “Pikiblinder”, de Jacobo Fernández Serrano, inspirada en 26 obras emblemáticas de autores galegos como Francisco Leiro, Eugenio Granell, Maruja Mallo, Castelao, Laxeiro, Urbano Lugrís ou Julia Minguillón. E despois creamos a nosa propia composición, que quedou fermosísima e levamos para o cole, para que todas as persoas que queiran poidan ver o bos artistas que somos!!! 

 
 Rematada a visita ao museo, fixemos unha pequena parada na Oficina de Información e Turismo, onde nos amosaron en que consiste o seu traballo, e tamén nos agasallaron con materiais moi interesantes, relacionados coa cidade e co Camiño de Santiago. 
Premede AQUÍ para ver as fotos.


 

Despois destas interesantes visitas, fomos camiñando ata a Alameda, onde xantamos e xogamos durante un bo anaco, pasándoo de marabilla!!!
Premede AQUÍ para ver as fotos.


DÍA DA PAZ

Chega o 30 de xaneiro e, un ano máis, sumámonos á celebración do Día da Paz. Todos os días tratamos de repartir momentos de paz de maneiras moi diferentes: saudándonos, axudándonos, tratando de resolver os conflitos sen usar a violencia, practicando mindfulness, abrazándonos... En ocasións resultan momentos casi máxicos, e noutras require un maior control das nosas emocións, pero o importante é que todas as persoas pensemos que esta é a mellor maneira de camiñar. 

E xa que falamos de camiñar, deseñamos unha actividade relacionada co Camiño de Santiago, xa que será un dos proxectos que desenvolveremos ao longo do curso no cole. Para iso, eliximos as siluetas dos símbolos que máis rapidamente asociamos á paz, para marcar un camiño que faga recordar tamén á Vía Láctea, e que nos levará a un dos lugares preferidos do centro: a biblioteca!!!

Eu xa estiven vendo que recortarades moitas desas siluetas, que mañá colocaredes para que non deixen de brillar nunca... 

Mentras non chega ese momento, quería que virades tamén un par de vídeos que atopei para que reflexionedes e faledes sobre o que neles sucede.

O primeiro titúlase "Reach", e nel o director amosa o valor do altruísmo e a solidariedade. Toda boa acción acaba tendo a súa recompensa??? 

 

A outra curtametraxe leva por título "Swing of change". Ambientado no Nova York dos anos 30, despois da Gran Depresión (1929), a época na que se orixina o swing e na que existían grandes conflitos raciais. A curta conta a historia de Harry, un barbeiro racista que cambiará a súa actitude tras descubrir unha trompeta máxica.

 


 

sábado, 27 de xaneiro de 2018

CAMPO A TRAVÉS

Aínda que no centro non somos moitas persoas, tratamos de participar en todas aquelas actividades que nos parecen interesantes e que consideramos importantes na educación dos nosos rapaces e rapazas. Entre elas está fomentar a práctica de deporte. Xogar ao aire libre, correr, practicar algún deporte, etc., sempre é aconsellable, por iso o profe David vos anima curso tras curso a participar nas convocatorias de “Campo a Través”. Ademais, practicar deportes tamén pode ser un motivo polo que viaxar, non vos parece?

Este curso fostes bastantes os nenos e nenas que vos apuntastes. Para participar na "Fase Comarcal", o pasado 19 de xaneiro viaxaron ata A Baña Miguel, Brais Carreira, Samuel, Miriam, Pablo, Ainhoa, Jorge Otero, Nerea, Paula Barcia, Iria Blanco, Paula Maneiro, Martina, Aroa, Brais Capelo, Jorge Lema e Joel, que aí vedes na fotografía coa profe Manoli quen, xunto co profe David, acompañaron a este grupo de corredores e corredoras. 
Nesta primeira carreira logrou clasificarse Paula Maneiro Bergantiños, de 5º de Primaria. Para ver as imaxes e os vídeos, premede AQUÍ.

O venres seguinte celebrouse a "Fase Intercomarcal", en Noia, ata onde viaxaron Paula Maneiro e o profe David, que representaron ao noso centro nesta competición. Paula regresou sen medalla, pero para nós é unha CAMPIOA, estamos moi orgullosos de que chegaras ata aquí e desexamos que o vindeiro curso volvas ter a oportunidade de participar nesta carreira. E se vas acompañada de máis rapaces e rapazas, mellor!!!! Pero xa sabedes que para iso hai que facer deporte con frecuencia, entrenando e practicando é como se conseguen as cousas!!!!

Premendo AQUÍ podedes ver todas as imaxes.