Amosando publicacións coa etiqueta apadriñamentos lectores. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta apadriñamentos lectores. Amosar todas as publicacións

mércores, 24 de abril de 2019

CELEBRAMOS O DÍA DO LIBRO

Onte comezamos as clases despois dunha semana de vacacións, e fixémolo celebrando unha data moi especial: o "Día do Libro". Durante toda a xornada a biblioteca converteuse no centro das actividades do cole, algo que xa forma parte da nosa vida cotiá, xa que nela desenvolvemos a grande parte das propostas que van xurdindo ao longo do curso. E como non podía ser doutro xeito, tamén foi a biblioteca a que acolleu a celebración deste 23 de abril
Celtia Figueiras encheu de contos e música a nosa biblioteca.
A primeira actividade conxunta celebrámola con Celtia Figueiras, unha contacontos marabillosa que xa nos visitou o curso pasado e que nesta ocasión trouxo historias moi coñecidas por todas nós, pero contadas dun xeito diferente. Celtia veu acompañada de Rosi, unha nena á que lle encantan os contos e a música. "Os tres porquiños", "O parrulo feo", "O gato con botas" e outros contos requetecoñecidos fixéronos pasar un rato estupendo despois do recreo.
Paula Maneiro amadriñou a Martiño, Alicia e Álvaro.
E pola tarde leváronse a cabo os apadriñamentos e amadriñamentos lectores, que tanta ilusión nos fan e que tanto desfrutamos. Foi unha mágoa que a chuvia non nos permitira elixir o patio como lugar para compartir as lecturas elixidas, pero en cada recuncho do cole atopabamos nenas e nenos lendo con grande entusiasmo todo tipo de historias. E tamén ilustrándoas ao seu xeito!!! A min encantoume ver a todas as persoas pasando un rato tan estupendo; seguro que a vós tamén!!! Premendo sobre as imaxes podedes ver o resto das fotos desta xornada que se celebra cada 23 de abril desde 1996.

Déixovos aquí tamén o marcapáxinas que editaron desde a Consellería de Educación, no que para esta ocasión contaron coa xenerosa colaboración da marabillosa escritora, poeta, narradora, profesora e académica MARILAR ALEIXANDRE, quen escribiu un poema que convida a reflexionar sobre a importancia da lectura como revulsivo para interrogar, cuestionar, dubidar, aprender, enfocar, repensar e nunca conformarse; a lectura como unha viaxe ao fondo das preguntas.



luns, 23 de abril de 2018

CELEBRAMOS O DÍA DO LIBRO 2018 COS APADRIÑAMENTOS E AMADRIÑAMENTOS LECTORES

https://photos.app.goo.gl/UT7n6gZlrgfcIbpv1
Hoxe pasamos unha tarde estupenda celebrando o Día do Libro cunha das actividades que máis nos gustan: os apadriñamentos/amadriñamentos lectores!!!
Encantoume ver a emoción coa que fostes ocupando os diferentes recunchos do cole para ler aos vosos afillados/as os contiños que elixistes en conxunto. E os debuxos que sobre eles fixestes serían a envexa de calquera ilustrador: fantásticos!!!

Ademais, no corredor do cole colocouse un cartel que fostes cubrindo coas vosas "Razóns para ler", e quedou tamén moi fermoso... Son moitos os motivos polos que lemos, algunhas das cales recolle o libro "101 razones para leer" que temos na biblioteca. Pero cada un/unha de vós ten tamén outras moi interesantes e orixinais. Eu tan só quero animarvos a que non deixedes de facelo, porque como di o lema do noso proxecto este curso, "o mundo é máis lindo LENDO".

Podedes ver as fotos desta tarde premendo na foto ou AQUÍ.

Tamén fotografiei todas as vosas ilustracións para que poidades ver as viaxes que fixeron as distintas parellas de padriños e madriñas cos seus afillados/as. Podedes velas aquí:


Unha aperta,

martes, 25 de abril de 2017

DÍA DO LIBRO

O 23 de abril celébrase o Día Mundial do Libro. Nesta ocasión, ao coincidir cun domingo, decidimos adiantarnos o venres á celebración, aínda que algunhas das actividades programadas prolongaranse ata a semana que vén. 
Este é o cartel no que se anuncian as actividades colectivas:



Durante a tarde desenvolvemos parte delas. Xuntámonos no patio do cole para ler o poema que cada ano por esta data edita a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Nesta ocasión, o texto é de Rosalía Fernández Rial, unha poeta que nos leva co libro ao mundo da palabra e da música! Podedes lelo aquí:



Despois, cantamos xuntos a canción "O libro máxico", do grupo Migallas, que rematamos cos abrazos que tanto nos gusta dar e recibir!!! Ademais, nesta ocasión puidemos compartilos tamén con Joaquín Castaño, que pasou a mañá connosco, facendo varias sesións de mindfulness nos diferentes niveis educativos.

E por último chegou o momento dos apadriñamentos e amadriñamentos lectores. O día tan espléndido que tivemos permitiu que tiveramos unha grande oferta de espazos nos que poder desenvolver as lecturas elixidas: as sombras do patio, as aulas, a sala de profes, as escaleiras... Coma sempre, desfrutamos moito deste ratiño léndonos, ao que nesta ocasión engadimos a creación de ilustracións sobre as historias que tiveron a sorte de ser elixidas. Quedaron todas moi fermosas!!! Podedes velas no "Punto de merenda" da biblioteca ou premendo AQUÍ.

E sei que andades tamén deseñando os vosos marcapáxinas. Estou desexando velos!!! Mentras tanto, podedes ir vendo as fotiños que fixemos durante esta xornada tan especial premendo AQUÍ.

venres, 24 de abril de 2015

APADRIÑAMENTOS LECTORES

Con motivo dun día tan especial coma o de hoxe, 23 de abril, celebramos a "Hora de ler" dunha maneira especial: os rapaciños e rapaciñas de 3º, 4º, 5º e 6º curso léronlles un ou varios contos ao resto dos meniños e meniñas do cole despois do recreo, elixindo a zona do cole que máis atractiva lles resultase para dita actividade. Así foi como se encheron os diferentes recunchos, patio incluído, de lectores e oíntes que desfrutaron moitísimo con esta actividade que, desde que se iniciou no cole, repetimos cada "Día do Libro". Aquí tedes as imaxes:

Tamén quedaron moi bonitos os marcapáxinas que cada un/unha de vós elaborou para o taboleiro que colocamos ao lado da exposición de libros. Aquí podedes ver as vosas versións de carteis xa publicados ou as vosas creacións máis orixinais. En calquera caso, o certo é que con estes marcapáxinas tan ben feitos seguro que non hai quen vos deteña nas vosas lecturas... Fixádevos ben onde se atopa o voso para recollelo a vindeira semana!

Ademais, dende a Biblioteca elaboramos unha Guía de Lectura na que vos recomendamos películas que inclúen escenas que teñen lugar en bibliotecas moi diferentes!!! Coñécelas todas?

xoves, 25 de abril de 2013

O DÍA DO LIBRO EN IMAXES

E por fin temos dispoñibles a imaxes da celebración do DÍA DO LIBRO no noso cole!!
Comezamos polos APADRIÑAMENTOS LECTORES. 
Lembramos, para os nosos seguidores, que os Apadriñamentos Lectores son unha actividade que xa puxemos en marcha o curso pasado para celebrar este día e que nos gustou tanto que decidimos repetir. Consiste en que a metade do alumnado do cole (os de máis idade) se convirten en padriños e madriñas lectoras e a outra metade (os máis pequenos) son os apadriñados. Así, cada neno ou nena maior ten asignado un pequeno/a. Cada padriño debe escoller un libro na nosa biblioteca que lle pareza adecuado para lerlle ao seu apadriñado. Prepará a lectura ao longo da semana e pode recibir asesoramento do seu titor/a para que lle axude a atopar a mellor maneira de contalo e dramatizalo. 
A lectura tería lugar o Día do Libro pola tarde, as 3 da tarde.
O martes amenceu soleado e bonito así que decidimos que os padriños e madriñas lectoras decidirían individualmente onde levarían a cabo a súa lectura. Poderían ler en calquera lugar do centro, dentro do edificio ou fóra. Cando tocou o timbre, cada padriño e madriña dirixíronse á clase do seu apadriñado/a a recollelo e invitalo á súa lectura no lugar escollido. 
E aquí están as imaxes:




CONCURSO DE CARTEIS DE FOMENTO DA LECTURA
Durante estes días, a biblioteca organizou un Concurso de Carteis de Fomento da Lectura que trataba de animar aos nenos e nenas a deseñar un slogan que animase a todo o mundo a ler e logo a ilustralo e poñelo bonito.
Todos os carteis están expostos no corredor do centro pero tamén queremos amosárvolos aquí para que todos vexades os estupendos traballos que fixeron e para que podades descargar nos vosos ordenadores os que máis vos gustan.


Despois dos Apadriñamentos Lectores, cantamos a canción "NUN LIBRO" de Paco Nogueiras cuxo video podedes volver a ver aquí ou na entrada anterior do blogue. A profe Susi escolleu está fermosa canción e ensaiouna moito con todos os rapaces, aínda que no vídeo non se lles oiga moito. Daralles vergoña a cámara de video??
Cando rematamos de cantar entregamos o premio do gañador do concurso de carteis: Daniel Antelo de 5º curso. FELICIDADES DANI!! BO TRABALLO!!!
Aquí o tedes co seu premio!!


E o seu cartel gañador!!

Todos os nosos rapaces recibiron un agasallo dende a Asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellería de Educación: un marcapáxinas conmemorativo deste día cun pequeno texto de Paula Carballeira (narradora oral, escritora, actriz e directora de teatro). Paula escribiu un texto no que destaca as potencialidades do libro para atraer aos lectores máis novos, mesmo a aqueles que (en principio) ofrecen máis resistencias.
 Se pinchades sobre calquera das súas partes poderedes descargalo e imprimilo.



E xa para acabar. Este ano montamos un PHOTOCALL da lectura. Os nosos rapaces trouxeron un libro da casa. Pedímoslles que trouxeran un que lles gustara moito!! E parece que Gerónimo Stilton gañou por goleada!! Aínda que na nosa biblio, os rapaces len e coñecen sobre todo Literatura Infantil e Xuvenil Galega que é do mellorciño do país.
Xa veredes que guapos están todos no Photocall !! Como os famosos!!


Photocall do Día do Libro2013 no CEIP VÍCTOR SÁENZ from bibliotecavictorsaenz on Vimeo.