xoves, 29 de novembro de 2018

ENTREVISTA A ÁNGEL CARRACEDO


Xa está dispoñible o programa nº 2 de "Entrevistas porquiñas", gravado en "Radio Rosiña" o 27 de novembro. Nesta segunda entrevista, o convidado foi o noso querido Ángel Carracedo, que respondeu ás preguntas dos nenos e nenas de 5º e 6º  durante 48 minutos!!! Lembrade que podedes descargala nos vosos dispositivos (móbiles, ordenadores, tablets...) e escoitala cando queirades. Recoméndovos que non vos perdades este encontro radiofónico cunha das persoas máis marabillosas que coñezo!!! A través da entrevista descubriredes moitas cousas relacionadas coa ciencia (como funciona un laboratorio, que están a investigar actualmente, en que consisten enfermidades coma o cancro, por que van morrendo as células do noso corpo, etc.), pero tamén descubriredes o nome dalgúns científicos pouco coñecidos, as afeccións preferidas de Ángel, a grande paixón que sente pola súa familia, cal foi a súa mellor viaxe, algúns dos seus libros preferidos ou se lle gustaría viaxar ao espazo ou á Lúa
Ángel leunos dous contiños que escribiu a súa filla.
As ondas radiofónicas non dan a posibilidade de que vexades o ambiente que se creou no noso recuncho, pero eu podo asegurarvos que o pasamos moi ben, e que aprendemos moitísimo con Ángel, así que quero felicitar a todas as persoas que fixeron posible este resultado, un auténtico tesouro: ás entrevistadoras Daniela, Paula Barcia, Paula Maneiro, Mª José, Nerea; aos entrevistadores, Joel, Miguel, Alejandro, Jorge Otero, Jorge Lema, Pablo e Samuel; aos técnicos de son Jorge Otero e Jorge Lema, asesorados por Pablo; as mestras Marina, Carmen e Susi, que axudaron na preparación da entrevista; a David porque sen el as fotos serían moi escasas e de moita peor calidade; a Xavi porque foi o contacto principal para que Ángel aterrizara no noso cole e, por suposto, a Ángel, que pasou máis dunha hora no noso estudio encantado connosco e enchendo de maxia a "Radio Rosiña". Emocionadísima estou!!!





martes, 27 de novembro de 2018

A VISITA DE ÁNGEL CARRACEDO

Alejandro entregándolle un agasallo a Ángel.
Que alegría recibir a Ángel Carracedo no cole!!!! Alegrámonos sempre que sabemos noticias súas, pero cada vez que nos visita o ambiente do cole énchese dunha maxia que só Ángel consigue!!! 
Somos unhas persoas moi privilexiadas por poder contar coa súa presenza nun centro coma o noso, compartindo con el unha xornada de conversas cheas de sabeduría, e non só sobre ciencia, senón tamén sobre temas da vida cotiá que tanto nos preocupan como os valores do ser humano ou o sentido da nosa vida. Pero ademais de magnífico contador, Ángel ten unha cualidade que o diferencia de moitas outras figuras que destacan en distintos ámbitos: a súa humildade. Que unha persoa tan recoñecida a nivel mundial, solicitada en multitude de eventos relacionados coa ciencia (e tamén fóra dela), se ofreza a escoitarnos durante toda unha xornada debe enchernos de orgullo a todas as persoas que compartimos con el estes momentos. 

 
Na nosa biblioteca conversamos durante parte da mañá.
Na biblioteca reunímonos en dúas quendas, unha para o alumnado e outra para o profesorado, as nais e pais do alumnado e todas as persoas do contorno que quixeran achegarse ata San Cosme. E entre estas catro paredes xurdiron preguntas con e sen resposta, pero tamén reflexións moi interesantes nun ambiente distendido e ameno que gardaremos no noso recordo con moitísimo cariño. 

Momento da entrevista en "Radio Rosiña".
Pero tamén no noso recuncho radiofónico, xa que Ángel foi entrevistado en "Radio Rosiña" polas rapazas e rapaces de 5º e 6º, todo un acontecemento que prepararon con moitísimas ganas e cuxo resultado foi moi gratificante. En breve poderedes escoitar esta entrevista, que rematou cun agasallo para as locutoras e locutores de maoir idade do cole: un par de contos a micrófono pechado que Ángel leu para nós.


Ángel, moitísimas grazas por facer deste 27 de novembro un día máxico e inesquecible!!!

Premendo nas imaxes podedes ver todas as fotos da xornada. A entrevista subirémola nos próximos días.

luns, 26 de novembro de 2018

PROBETAS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

https://photos.app.goo.gl/SkeXr53HFJUZDdbG7Pois xa temos as nosas probetas preparadas contra a violencia. Estou convencida de que calquera persoa maltratadora deixaría de selo se as probara!!!! Están cheas de abrazos, bicos, axuda, empatía... Ao tempo que lemos todas as fórmulas, tamén falamos de dúas diferentes maneiras que hai de agredir aos demais: as agresións verbais (empregando a palabra para insultar ou para contar mentiras sobre outras persoas, por exemplo) e as agresións físicas (escupir, pegar, etc.), entre outras. Pero neste 25 de novembro quixemos tamén centrar a atención na violencia cara á muller, xa que son moitas as mulleres que a sofren, e nunha porcentaxe moi elevada provocada polos homes máis achegados a elas: maridos e pais. Un momento de reflexión que rematamos cunha chea de apertas entre todas e todas!!!! Premede sobre a imaxe para ver todas as fotos.
Tamén vos deixo un vídeo moi interesante que relaciona a desigualdade de homes e mulleres en moitas das actividades da vida cotiá co dereito á saúde, para que reflexionemos sobre algo que nos afecta a todas as persoas:



venres, 23 de novembro de 2018

O PRÓXIMO MARTES, ÁNGEL CARRACEDO NA NOSA BIBLIOTECA

Xa non podo esperar máis!!!! O próximo martes visítanos Ángel Carracedo, o padriño da nosa biblioteca. E pareceume estupendo rematar a semana anunciándoo no noso blog, así que aquí tedes o cartel que fixemos para esta esperadísima visita!!! 
Ademais de escoitar a Ángel na biblioteca, tamén lle faremos unha entrevista para "Radio Rosiña", na nosa sección "Entrevistas Porquiñas". Seguro que aprendemos un montón cunha das persoas máis importantes no mundo da ciencia. Canta ilusión nos fai recibir a Ángel, coincidindo ademais co curso no que adicamos o proxecto documental integrado á ciencia.
Vémonos o vindeiro martes na biblioteca!!!!


 


xoves, 22 de novembro de 2018

25 DE NOVEMBRO-DÍA CONTRA A VIOLENCIA CARA A MULLER

OLA, RAPACIÑAS E RAPACIÑOS!!!!
Aquí vos deixo a carta que vos escribín hoxe para a actividade coa que imos celebrar entre mañá e o luns o "Día contra a violencia cara á muller". Espero as vosas fórmulas máxicas!!!



Unha aperta,


UN RAPAZ ENGANCHADO Á LECTURA

Hoxe chego cunha noticia extraordinaria, e seguramente tamén chame a atención de moitas das persoas que nos seguen no blog. É a noticia dunha rapaz que vive en Barcelona e visita practicamente todos os días unha das librarías da cidade. Chámase Hau Yu e ten 12 anos, polo que tamén vai ao cole coma nós, pero gran parte do seu tempo libre adícao á que xa se converteu na súa grande paixón: LER! Nesta libraría pode pasar ata 3 horas ao día, completamente hipnotizado polas historias que vai atopando en cada un dos libros que vai descubrindo. Non está nada mal, eh? 
Podedes ler un pouquiño máis sobre esta noticia premendo AQUÍ, onde tamén teredes a oportunidade de escoitalo falar nun breve vídeo.  

xoves, 15 de novembro de 2018

LUÍS SOTO, BENVIDO!!!!

Esta semana recibimos a visita de Luís Soto, un músico marabilloso que xa nos visitou o curso no que estabamos traballando a temática da música no cole. Nesta ocasión, e como non podía ser doutro xeito ao tratarse dun frautista, volveu encher a nosa biblioteca con obras musicais moi fermosas. Pero tamén tivo a grande idea de ter en conta o noso proxecto deste ano, sobre a ciencia, e Luís falounos entre peza e peza de cousas moi interesantes relacionadas coa mesma. Destacou a importancia do silencio para que poida existir a música, da ausencia de ruído, e atreveuse a interpretar para todas as persoas aquí reunidas unha das pezas que máis deu que falar no século XX: "4'33", de John Cage. Foi tan sorprendente que seguramente non sexa necesario lembrarvos que caracteriza esta obra de 1952. 
Luís tamén tivo un ratiño para contarnos un par de recordos que quixo compartir con todas nós. A primeira delas foi que hai un ano e un mes Galicia ardía de xeito pavoroso, e a aldea na que se criou foi unha das afectadas. Luís contounos o sorprendente silencio que sentíu no primeiro paseo que deu polo bosque completamente queimado. A segunda, hai dous anos Luís visitounos para celebrar connosco o "Día de Santa Cecilia", patroa da música. Nese ano, o 2016, Fran Pérez, NARF, acababa de morrer. A música galega perdía así a un músico marabilloso, pero afortunadamente quedan tamén músicos e persoas tan fantásticas coma Luís, que rematou o concerto de hoxe cun dos temas máis fermosos de Narf: "Aló irmao"
https://photos.app.goo.gl/oeGVsfRShMHg24RA7
Premendo sobre esta imaxe podedes ver todas as fotos.
E por se fora pouco, trouxo outro fermoso agasallo para o cole: dúas fotos do concerto da "Novena Sinfonía" de Beethoven en Santiago de Compostela, co que celebramos a "Xornada de convivencia" do curso 2016-17, e unha foto espectacular do último concerto de Narf no Teatro Principal de Compostela que el mesmo sacou. Luís, deixáchesnos sen palabras!!! Agradecidísimas todas as persoas que te coñecemos e que tanto te queremos... 



mércores, 14 de novembro de 2018

SOAN OS RELATOS DE MEDO EN "RADIO ROSIÑA"

Xa temos aquí as gravacións dos contos gañadores do "Concurso de Relatos de Medo" do Samaín.
Hai que ver o ben que o facedes en Radio Rosiña. Estou sorprendidísima do ben que ledes historias de medo!!! Noraboa a todas as persoas que participastes nesta gravación, e xa sabedes que o micrófono da nosa Radio está aberto para sempre que queirades, porque seguro tedes moito que contar. 
Imos alá co grupo de Infantil, que gravou "A casa encantada", o relato que gañou o premio e que escribiron entre todas:




Podemos escoitar tamén a Anxo Carreira, gañador do Premio Especial do xurado, pola súa historia "O home do saco":


En 1º e 2º levou o premio "O científico malvado", escrito por Soraya:


En 3º e 4º gañou o relato de Paula López, titulado "O científico creador de monstros":



En 5º e 6º, baixo o título "Vivirás?" recibiu o premio Mª José, que ademais deixou esta marabillosa lectura para Radio Rosiña:



E, por último, podedes escoitar tamén aos nenos e nenas de 1º e 2º, que quixeron gravar deste xeito tan fenomenal os relatos que presentaron ao Concurso. Por orde de aparición, escoitaredes a Alicia, Guille, Íker, Lucía, Luzdivina, Pablo e Uxía. Tamén elas e eles son merecedores dun premio, a que si?


luns, 12 de novembro de 2018

MAGOSTO 2018

A chuvia non impediu que celebraramos unha das nosas festas preferidas: O MAGOSTO!!!! Así que este luns todas as persoas colaboramos no posible para facer desta xornada un momento de xuntanza no que compartimos tamén risas grazas a Dani Blanco, da compañía "As sircópatas". Durante a mañá as nenas e nenos de 5º e 6º encargáronse de preparar as castañas que ao mediodía asaron Lourdes e Mariví no comedor, mentras o profesorado facía cucuruchos para as mesmas. Despois do xantar, reunímonos na biblioteca, onde todas as persoas desfrutamos coa maxia e os malabares do noso convidado Dani, convertido no pallaso Rogelio, así como das persoas que saíron voluntarias para participar no seu espectáculo: Álvaro, Pablo, Marco, Luís e Candela. Ao rematar a actuación, baixamos ao patio para degustar este froito propio desta época do ano, convidando tamén a toda a comunidade educativa.
Coma sempre, aquí vos deixo as fotos desta xornada de festa!!! Premede sobre a imaxe para velas todas.

 https://photos.app.goo.gl/Tnx1Pv1oC8Gxrmf69
 

venres, 9 de novembro de 2018

EXCURSIÓN A COMPOSTELA

A semana rematou coa excursión de Primaria a Santiago de Compostela, para asistir a un concerto didáctico fabuloso: "O crebanoces", de Piotr Ilych Chaikovski. Os seus intérpretes, a Real Filharmonía de Galicia e a Compañía de monicreques "Per Poc" fixeron unha selección deste coñecido ballet para presentarnos a un misterioso viaxeiro, un segredo, unha aventura a lombos da imaxinación. Pasámolo moi ben escoitando esta música que nos transportou aos soños, a través de monicreques e teatro de sombras que se descubrían nun escenario de luces, formas, xogos, fíos..., e unha orquestra na que chamou moito a atención a celesta.
Se queredes saber máis, visitade o blog de música premendo aquí.

Despois, debido ao mal tempo, cancelamos o resto da programación para esa xornada, pero sen dúbida unha visita ao Auditorio de Galicia, para ver profesionais coma estes, sempre merece a pena. Premendo AQUÍ podedes ver algunhas fotos do espectáculo.


domingo, 4 de novembro de 2018

GOOGLE SITES SOBRE CIENCIA

Aquí vos deixo o "Google Sites" no que atoparedes información sobre o proxecto ao que está adicado este curso: "Ler con-ciencia".
Está organizada por bloques: definicións de xente, páxinas sobre ciencia, experimentos e xogos científicos, proxectos sobre ciencia desenvolvidos noutros centros, libros sobre ciencia, curiosidades, vídeos, a relación entre ciencia e natureza e arte e, no último apartado, os traballos que imos elaborando no noso cole. 
Esta páxina irase actualizando ao longo do curso, segundo vaiamos avanzando nos nosos traballos en cada grupo, polo que tamén aparecerán aqueles temas nos que vaiades centrando as vosas investigacións. Podedes acceder a ela dende a barra lateral dereita, ou tamén desde esta entrada, na imaxe inferior ou premendo AQUÍ.

https://sites.google.com/view/lerconciencia/p%C3%A1gina-principal

 Unha aperta!

xoves, 1 de novembro de 2018

UN BUZÓN CHEO DE RELATOS DE MEDO

Seguro que estes días de Samaín tedes un ratiño para ler todas as historias non premiadas que chegaron ao meu buzón para participar no Concurso de Relatos de Medo, así que preparei esta montaxe con todas elas. Están agrupadas por cursos (as presentadas en 1º e 2º; as de 3º e 4º e as de 5º e 6º). Ao mellor vós dariádeslle o premio a outras, así que lédeas e contádeme cal vos deu máis medo!!!








GUÍA DE LECTURA PARA SAMAÍN

Aquí tedes a Guía de Lectura que preparamos para este Samaín 2018. Aínda que vola entregamos onte, tamén vola deixo aquí para que a consultedes cando queirades.