xoves, 17 de decembro de 2015

POSTAIS DE NADAL E GUÍA DE LECTURA

Antes de comezar as vacacións, despedimos o 1º trimestre coa celebración do Concurso de Postais de Nadal. Nesta ocasión, sorprendéronnos moitísimo as vosas olímpicas ilustracións! Mira que lle dades á cabeciña... Reis Magos subidos ao podio olímpico, árbores de Nadal ou nubes construídas a base de aros olímpicos, xogos inventados por vós ("despluma-pavos", "come-turrón"), e mesmo o "Discóbolo" transformado en Papá Noel participaron nun concurso no que se entregaron 5 medallas de ouro: 
-en Educación Infantil o premio foi para TODA A CLASE;
-en 2º de Educación Primaria houbo dous agasallados: NEREA OZÓN OTERO e ALEJANDRO VILLAR NEGREIRA, quen obtivo a medalla especial do xurado;
-en 4º, a medalla foi para IRIA BLANCO DEL RÍO;
-en 6º, para DIEGO COUSO NIETO.
E como seguro que queredes velas, aquí tedes as cinco premiadas:

E, de todas elas, seleccionouse unha para imprimir e enviar ás familias, felicitando as festas do Nadal e o vindeiro ano 2016. E así de fermosa luciu a postal de Alejandro, a elixida para adornar os nosos fogares durante estes días. Acompañámola cun poema sobre o ano novo do escritor recentemente falecido Xosé Neira Vilas:

A continuación podedes ver o resto de postais expostas no corredor:

E, para rematar, tamén elaboramos unha guía de lectura na que atoparedes libros, xogos, películas ou CD's que podedes incluír nas vosas cartas ao Apalpador ou aos Reis Magos!

venres, 11 de decembro de 2015

DEREITOS E DESEXOS PARA O NADAL

Esta tarde xuntámonos no patio do colexio para celebrar un acto con motivo do Día dos Dereitos do Neno (20 de novembro) e os Dereitos Humanos (10 de decembro). Aínda que ambas datas xa pasaron, hoxe reunímonos para falar do traballo realizado nas aulas durante estas últimas semanas, e o alumnado de 6º tamén nos leu un pequeno resumo sobre a Convención dos Dereitos do Neno, aprobada pola Asamblea das Nacións Unidas no ano 1989. 
Xunto á actividade de traballar nas aulas os dereitos, este curso tamén engadimos unha novidade, que consistíu en convertir un aro olímpico nun adorno para a nosa árbore de Nadal. Así, cada grupo decorou varios aros e escribiu un desexo en cada un relacionado cos dereitos. Esta tarde lémolos e colgámolos na árbore, na que tamén engadimos imaxes relacionadas coas Olimpíadas: deportes, iconas, deportistas, etc.
E por último, fixemos unha carreira moi especial, ao participar na XII edición de "Quilómetros de solidariedade" de SAVE THE CHILDREN. Medrar san e feliz, cumprir anos, soñar con ser maior..., son algunhas das cousas que esperamos suceda na vida de calquera neno/a. Pero non todos poden facelo. Cada día morren no mundo 16.000 nenos e nenas menores de 5 anos a causa de enfermidades como a desnutrición, a diarrea, o xarampón ou a malaria, debido a que non teñen acceso á atención médica ou non dispoñen de alimentos e tratamentos adecuados a tempo. Así ocorre en países do continente africano coma Burkina Faso, Níxer, Mauritania ou Malí. E a estes países e aos que Save the Children destinará os fondos recadados entre todos/as nós. 
E aquí están as imaxes dunha tarde solleira na que tamén escoitamos cancións tradicionais africanas, mais estas non saen nas fotos:

xoves, 3 de decembro de 2015

AS OLIMPÍADAS NOS ANUNCIOS

Os xogos olímpicos son tamén a inspiración para algunhas das persoas que realizan anuncios publicitarios. Nalgunhas ocasións, aproveitan a recoñecida imaxe de grandes deportistas para publicitar prendas de roupa, complementos, colonias, etc. E nesta época previa ao Nadal tamén hai anuncios relacionados coas comidas e bebidas que adoitan servirse nesta celebración anual: turróns, mazapáns, polvoróns..., e cava ou champán. 
Pois un deses anuncios protagonízao este ano o conxunto español de ximnasia rítmica. As ximnastas clasificáronse para os Xogos de Río 2016, ao gañar en setembro a medalla de bronce nos Mundiais de Rítmica.
Aquí tedes o resultado dun vídeo que nos amosa ás ximnastas movendo os instrumentos cos que adoitan acompañarse: aros, fitas, mazas, pelotas, cordas... E os 5 aros olímpicos sempre presentes: nas burbullas, nos movementos, nos fugaces debuxos que fan as deportistas cos seus movementos... 


Xa no 2008 a selección española de natación sincronizada protagonizara o anuncio desta mesma compañía: