Amosando publicacións coa etiqueta noticias. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta noticias. Amosar todas as publicacións

venres, 12 de marzo de 2021

SEMANA DA PRENSA

A noticia maquetada polo alumnado.
No centro recibimos o periódico "La Voz de Galicia" a diario, e os mércores, ademais, un exemplar para o alumnado de 4º a 6º de Primaria dentro do programa "Prensa-Escola", para adicar un tempo na aula a comentar algunhas noticias, facer algún traballo determinado e aprender a manexar este medio de comunicación, entre outras cousas. Ademais disto, no calendario escolar aparece sinalada unha semana para traballar a prensa, que neste curso rematou hoxe. Por este motivo, nas aulas de 3º, 4º, 5º e 6º estiveron realizando algunhas tarefas moi concretas. 
En 5º e 6º están elaborando un traballiño sobre a auga, que publicarán o vindeiro 22 de marzo, Día Mundial da Auga, pero en 3º e 4º xa a remataron e preséntana para todo o público no noso blog. Consistiu na redacción dunha noticia sobre o proxecto que estamos desenvolvendo no cole sobre as aves, que maquetaron tendo en conta o formato dun xornal: título, subtítulo, fotografías e pé de foto, texto en columnas, etc. Despois lérona en Radio Rosiña, para que tamén a través das ondas chegue a todos os fogares. Podedes escoitala aquí:


En hora boa, rapaciñas e rapaciños!!!
Rosiña



martes, 9 de febreiro de 2021

SAÍMOS NO DIARIO DIXITAL DA COSTA DA MORTE

"Que pasa na Costa" é un diario dixital que recolle as noticias da Costa da Morte. Hoxe publicaron un artigo no que falan do noso cole como un exemplo de adaptación á vida cultural virtual. E, como podedes imaxinar, baixo o titular recollen o vídeo que gravaron en 3º e 4º para "Rosiña TV". Tamén fixeron unha pequena entrevista a Xavier, o noso director, e o resumo desa conversa podedes lela no premendo AQUÍ. Non vola perdades!!! 

Rosiña
 




xoves, 12 de marzo de 2020

INFORMACIÓN SOBRE O CORONAVIRUS (COVID-19)

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade achega información relativa ao coronavirus (COVID-19), que resulta de interese para os centros educativos, polo que tamén a publicamos no blog da biblioteca, co obxectivo de que chegue a máis persoas e tratemos todas de actuar coa máxima responsabilidade posible.
Premendo AQUÍ podedes acceder á publicación na páxina web da Xunta de Galicia.

martes, 18 de febreiro de 2020

NOTICIA SOBRE ÁNGEL CARRACEDO

Hoxe achego aquí unha noticia que nos fai especial ilusión, xa que o seu protagonista é o padriño da nosa biblioteca: ÁNGEL CARRACEDO!!!
Ángel Carracedo recibindo o nomeamento de "honoris causa".
Son varios os medios de comunicación que recollen a noticia, así que nós tamén queremos sumarnos ás felicitacións coa alegría que dá saber que as persoas merecedoras de recoñecemento recíbeno. Ángel Carracedo foi investido "doctor honoris causa" na Universidade do Minho (Portugal), a quen consideran unha “personalidade esencial da sociedade científica” merecedora, ademais, do premio Nobel. Estaremos moi pendentes e desexando que así sexa!!!
Aquí vos deixo algúns enlaces para que poidades ler con máis detemento estas noticias: sobre a imaxe e premendo AQUÍ.

Saúdos,

  

luns, 20 de xaneiro de 2020

"CARABELA", UNHA OBRA SOBRE O EXCESO DE PLÁSTICOS DUN SÓ USO

La Voz de Galicia entrevistounos.


A compañía de teatro Galeatro, que xa recibimos no noso cole con obras como "Contos no faiado" ou "O xogo das letras", acaba de estrenar un novo espectáculo: "Carabela". Nesta ocasión, a temática sobre a que xira a obra é un dos temas que máis preocupa na actualidade á sociedade: o uso esaxerado do plástico, especialmente do que se emprega unha soa vez. Carabela é a protagonista da historia, cociñeira dun barco que naufraga na Illa Pequena de Plástico. Está soa, rodeada de peixes mutantes que lle advirten que son tóxicos, de paxaros que non paran de queixarse por ter comido substancias sintéticas e de verteduras que non alimentan. Para aliviar a tristeza, Carabela constrúe unha nena de plástico á que lle conta historias de como é o mundo fóra da Illa Pequena. O corazón a pilas da Nena de Plástico comeza a latexar con forza para coñecer o que hai máis alá dos peixes mutantes e dos paxaros choromicas e, sobre todo, para axudar a Carabela a saír da illa antes de que morra de fame.
 

Modelo do rexistro das aulas.
Aproveito a noticia tamén para lanzar o reto das merendas deste trimestre: conseguir que, polo menos 3 días á semana, non traiamos plástico dun só uso na merenda da mañá. Durante o 1º trimestre conseguistes superar a proposta que vos fixen, así que agora é importante manterse aí ou dar un paso máis!!! Estou segura de que o faredes!!!!



 

venres, 15 de marzo de 2019

PROTESTA CONTRA O CAMBIO CLIMÁTICO

A xornada de hoxe está sinalada en todo o mundo para moitos/as mozos e mozas. Este mércores coñeciamos a noticia a través dun artigo que escribiu Antonio Sandoval en "La voz de la escuela", o suplemento que vén no periódico "La Voz de Galicia" cada mércores do curso escolar. O citado escritor fala da grande contradición que se vive na actualidade, onde moitas veces observamos que ao tempo que máis xente nova se comporta con sensatez e compromiso, moitas persoas adultas fan exactamente o contrario...
No noso cole levamos anos intentando facer que a nosa pegada no medio ambiente sexa o menor posible. Tamén a nivel mundial hai moitos colectivos de persoas que adican esforzos enormes a que este problema de todos (o cambio climático) se poida deter. Temos que comezar a pensar que o noso planeta non é unha herdanza dos nosos pais, senón un préstamo dos nosos fillos e fillas, como di un proverbio hindú.
A continuación tedes a ligazón para ler a noticia de Antonio Sandoval, que nos debería facer reflexionar e poñernos xa en actitude de actuar fronte a algo tan grave como a destrución do noso fermoso planeta.

Noticia de "La voz de la escuela" sobre o cambio climático.

xoves, 22 de novembro de 2018

UN RAPAZ ENGANCHADO Á LECTURA

Hoxe chego cunha noticia extraordinaria, e seguramente tamén chame a atención de moitas das persoas que nos seguen no blog. É a noticia dunha rapaz que vive en Barcelona e visita practicamente todos os días unha das librarías da cidade. Chámase Hau Yu e ten 12 anos, polo que tamén vai ao cole coma nós, pero gran parte do seu tempo libre adícao á que xa se converteu na súa grande paixón: LER! Nesta libraría pode pasar ata 3 horas ao día, completamente hipnotizado polas historias que vai atopando en cada un dos libros que vai descubrindo. Non está nada mal, eh? 
Podedes ler un pouquiño máis sobre esta noticia premendo AQUÍ, onde tamén teredes a oportunidade de escoitalo falar nun breve vídeo.  

luns, 29 de outubro de 2018

A RECOLLIDA DE TAPÓNS TEN SENTIDO

Resultado de imagen de matías rey mourelle
Matías, coa súa familia, cando tiña 8 anos.
Dende hai varios cursos, no noso cole xuntamos todos os tapóns que podemos. Cada certo tempo, encárganse de vir recollelos, e así seguimos... Para algunhas persoas pode parecer unha tontería, mais esta fin de semana a prensa recolleu unha noticia que amosa a importancia desta actividade, converténdoa nun xesto moi solidario. Cos tapóns que recollemos estamos axudando a financiar a terapia de Matías, un neno compostelán de 11 anos con parálise cerebral. É certo que non resolvemos o seu problema, e tamén que son moitas as persoas que o precisan, pero se o pouquiño que facemos dende o cole serve para que unha soa persoa teña unha vida máis digna, non cabe dúbida de que merece a pena, non cres? Podedes ler a noticia premendo AQUÍ.
Aínda que no cole adoitamos recoller tapóns de tetrabriks de leite e de botellas de auga, son moitos os tapóns que serven para esta campaña solidaria. Aquí podedes ver diferentes tipos de tapóns que podedes achegar dende os vosos fogares:



venres, 23 de marzo de 2018

A SEMANA DA PRENSA

Dende o ano 1989, moitos centros educativos galegos veñen celebrando a "Semana da Prensa". A edición deste ano é xa a número 30, e no calendario aparece sinalada entre os días 5 e 9 de marzo. No noso cole estivemos analizando as noticias, e quixen tamén darvos algúns consellos para que, á hora de ler as noticias que aparecen nas diferentes páxinas de Internet, non vos traten de enganar: "COMO DETECTAR NOTICIAS FALSAS EN INTERNET" é un vídeo elaborado polo Equipo de Biblioteca para que vos fixedes moito en todo aquelo que aparece nese inabarcable mundo. Aquí volo deixo, esperando que vos sexa de gran utilidade:




sábado, 16 de novembro de 2013

mércores, 13 de novembro de 2013

xoves, 6 de xuño de 2013

Hoxe saímos outra vez no periódico!!!!

Rapaces, estamos comezando a facernos famosos!!! Onte publicamos a entrada no noso blogue a os xornalistas sácannos hoxe no periódico!!
Queremos dar dende aquí as grazas á Voz de Galicia por facer este seguimento do noso traballo!


mércores, 17 de abril de 2013

HOXE, SAÍMOS OUTRA VEZ NO PERIÓDICO

Hoxe a Voz de Galicia volveu publicar unha noticia da que somos de novo protagonistas e na que informan da visita de Vadim Yukhnevich ao noso cole.

venres, 22 de febreiro de 2013

CHEGARON OS LECTORES ELECTRÓNICOS AO NOSO COLE

O mércores ás 10:30 da mañá a Consellería de Educación citou ao director e á coordinadora ca nosa biblio na CIDADE DA CULTURA para facernos entrega de 3 lectores electrónicos coa finalidade de promover entre os nosos alumnos a lectura de libros en formato dixital entre as actividades habituais de fomento da lectura promovidas desde a biblioteca.
A Consellería escolleu 25 centros de toda Galicia de entre 270 que o solicitaron e que están dentro do PLAMBE (Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares). Os criterios de selección daban prioridade ás zonas rurais e aqueles centros onde houbese unha especial implicación de toda a comunidade educativa nas actividades organizadas dende a biblioteca.
A prensa estaba alí tal e como reflexa a noticia publicada na Voz de Galicia. Pincha sobre a noticia para lela.


O Equipo de Biblioteca reunirase ao longo da semana que ven con Rosiña, a nosa mascota, para decidir como xestionar o uso destes lectores.
A que estades impacientes xa ????

xoves, 24 de xaneiro de 2013

Fina Casalderrey: a Literatura Infantil e Xuvenil por fin na Real Academia Galega

Fina Casalderrey   A RAG (Real Academia Galega) acaba de elixir a Fina Casalderrey como nova académica numeraria
   Este nomeamento supón un recoñecemento a ela persoalmente, ás mulleres e a Literatura Infantil e Xuvenil. 
     Fina será a quinta muller que ocupe un cargo na Real Academia Galega. E ademais de muller Fina é unha mestra aínda que xa non esté na escola. E por iso debemos sentirnos aínda máis orgullosas/os dela.
    Gañou no ano 1996 co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil coa obra "O misterio dos fillos de Lúa" e foi candidata ao premio Astrid Lindgren no 2009 e no 2011.
    Fina Casalderrey, tras coñecer a noticia, comentou que "esperaba que este nomeamento axude a borrar as etiquetas de prexuicio hacia a literatura infantil de xuvenil e que a potencie tanto na educación como na cultura". Adiantou ademais que "o seu discurso de entrada versará sobre a literatura infantil e xuvenil, cun guiño aos profesionais da ensinanza aos que debe tanto este xénero e á relación cos lectores".
     Todos no colexio coñecemos os libros de Fina e sentímonos representados por ela nunha institución tan importante como é a RAG.
     Desde aquí queremos celebrar esta importante noticia e enviarlle a nosa noraboa e todo o noso cariño e admiración!