O Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia, CEIDA, situado na illa de Santa Cruz, Oleiros (A Coruña), é un centro de referencia en canto á educación ambiental. As súas actividades están dirixidas a traballar na procura de solucións aos problemas ambientais, así como a fomentar boas prácticas entre as cidadás para que a pegada do ser humano na natureza non sexa tan negativa. Por este motivo, este curso solicitamos unha actividade titulada "O lixo mariño", que se dividiu en dúas partes:
-por un lado, unha charla no centro sobre a problemática do lixo, onde Laura e Flor nos falaron da importancia dos mares, os problemas que lles afectan (cambio climático, sobrepesca, explotación industrial, lixo...) ou os impactos ambientais e socioeconómicos que provocan os desperdicios que chegan ao mar, etc.;
-por outra banda, aínda que a situación é moi preocupante, non debemos rendernos, podemos mellorala facendo moitas cousas que tampouco supoñen un grande esforzo. Unha delas foi a que realizamos este venres, que consistiu en visitar a praia de O Ézaro e observar como estaba.
Para esta segunda actividade acompañáronnos Laura e Jorge, e en grupos pequenos fixemos un inventariado dos residuos que atopamos na praia, facendo despois unha posta en común na que quedou claro que a maior porcentaxe do lixo que atopamos pertencía ao grupo dos plásticos!!! Afortunadamente, o Concello de Dumbría realiza unha limpeza da praia a cotío, polo que os residuos atopados non foron moitos, algo que xa nos comentou antes de comezar o traballo Raúl, un dos concelleiros que nos recibiu á nosa chegada ao Ézaro.
Esta saída coincide ademais con dúas datas ben importantes relacionadas coa
natureza, xa que mañá, 5 de xuño, celébrase o "Día Mundial do Medio
Ambiente", e o vindeiro martes, día 8, o "Día Mundial dos Océanos". A xornada foi realmente interesante e sei que desfrutastes moito, tanto con esta actividade como coas outras que completaron este fermoso día: visita á fervenza do Xallas, xantar ao aire libre, paseo pola praia, xeado... Vamos, que repetiriades outra vez seguro!!!
Moitas grazas ás persoas que nos acompañaron nesta importante formación!!!
Unha aperta,
Rosiña