venres, 19 de decembro de 2014

UN MUSICAL PARA INAUGURAR AS VACACIÓNS DO NADAL

Non foi exactamente un musical, xa que as actuacións non estaban relacionadas unhas con outras, é dicir, non había un fío argumental. Sen embargo, a grande protagonista do festival de Nadal foi a música: cancións para bailar, para cantar e para tocar soaron durante toda a mañá. Por iso, se temos en conta a clasificación das películas, co xénero que máis se asemella é co que colga no título desta noticia.
Ao noso escenario subiron personaxes moi coñecidos ao son de temas que forman parte dalgunhas das bandas sonoras cinematográficas máis famosas. As películas de animación foron as elixidas por Educación Infantil, para cantar e bailar un tema de O Rei León, "O León durme esta noite". 



No 1º ciclo escolleron "María Caipirinha", da película Río:


Tamén soaron "Singing in the rain", cunha coreografía moi fermosa do alumnado de 6º:


 "At the student café" de Doctor Zhivago, con acompañamento de percusión corporal por parte do 2º ciclo:

"Everybody needs somebody to love", da película The Blues Brothers, a cargo do 5º curso:


A melodía do tema principal de Titanic nas frautas de 6º:



O tema de "Os Picapedra" en versión para placas de 5º:



Tamén houbo oco para algunha versión de cancións propias do Nadal ("Jingle Bells"):



Outras elixíronas algúns dos nenos e nenas que estudan instrumentos fóra da escola: Nuria e Andrea coas súas guitarras, Álex no piano e Uxía coa súa pandeireta.





Rímonos moito cos chistes dos nosos presentadores de 6º e co monólogo de Rubén sobre "As bólas de Nadal":

O 1º ciclo tamén bailou "Somewhere":


E o 2º ciclo acompañou un tema sobre pratos voadores con percusión corporal:


Pero dende logo o festival rematou cunha aparición espectacular: Marilyn Monroe!!!


Despois de dar a benvida aos Reis Magos despedímonos deste primeiro trimestre. E aquí vos deixamos as imaxes dun festival no que o pasamos de cine!

CARTA AO APALPADOR

Pois como non podía ser doutra maneira, pensei que nesta ocasión as peticións literarias tiñan que estar relacionadas co cine. Así é como decidín escribir unha cartiña con películas baseadas en obras literarias!! É esta unha guía especial, unha guía con recomendacións para ler, ver e escoitar...


xoves, 18 de decembro de 2014

CONCURSO DE POSTAIS DE NADAL

Hoxe entregamos os premios ás postais gañadoras do Concurso deste 2014 que xa está a piques de rematar. Nesta ocasión, a maioría do alumnado inspirouse no tema cinematográfico, como cabía esperar se temos en conta que a produtora "Rosiña films" está que non para. A participación foi total e iso sempre é de por si un grande agasallo para todo o centro. Así que NORABOA  a todas e todos por tan creativas ilustracións!!! A novidade nesta edición foi que o xurado decidiu incluír unha nova categoría: un "premio especial". Así que, nesta ocasión, outorgáronse cinco premios:
Educación Infantil: TODO O ALUMNADO de Educación Infantil.
1º Ciclo de Educación Primaria: JORGE OTERO PITA, de 1º curso.
2º Ciclo de Educación Primaria: MIGUEL ROMERO VECINO, de 4º curso.
3º Ciclo de Educación Primaria: SAMUEL SANTIAGO POSE, de 6º curso.
Premio Especial do Xurado: ANDREA CARBALLO POMBO, de 3º curso.
E, entre todas elas, a de SAMUEL foi a elixida para enviar aos fogares de cada un dos membros da comunidade educativa. Esta tarde, os gañadores recolleron os premios nun comedor convertido para estas festas nun auténtico plató cinematográfico. Así de guapos saíron todas e todos recollendo os agasallos entregados polas súas mestras, con "OSCAR" incluído:

mércores, 17 de decembro de 2014

UN SIMPLE ACTO DE CARIDADE

"Un simple acto de caridade crea unha espiral sen fin que sempre volve a ti"

Ese é o lema do vídeo que podedes ver a continuación. É un vídeo que nos invita a reflexionar sobre os excesos que cometemos nestas datas e o difíciles que van resultar para aquelas familias que por desgracia están pasando unha situación económica delicada. A solución está, como sempre, nas nosas mans. 

UN DESCUBRIMENTO DO NADAL

Pois xa é casualidade que xusto agora que se achegan as festas do Nadal, un grupo de estudosos da Biblioteca Nacional de Noruega atoparan a primeira película sobre esta festa de DISNEY!!! Casual ou non, o que si é certo é que hoxe descubrimos esta noticia. O seu protagonista é Osvaldo, o coello afortunado,  e o título do filme é "Empty Socks" que poderiamos traducir por "Calcetíns baleiros". Datada no ano 1927, tan só dura 5 minutos e medio, aínda que ao parecer no arquivo atopado faltan 30 segundos que están gardados no Museo de Arte Moderno de Nova Iorque. Se pinchas sobre a imaxe podes escoitar e ver a noticia:

martes, 16 de decembro de 2014

ANIVERSARIO DE WASSILY KANDINSKY

Xa sei que estades a mil por hora preparando o festival de Nadal, rematando os últimos traballos do trimestre, pensando nas vacacións... Pero quería contarvos: coñecedes a Wassily KANDINSKY? Foi un pintor ruso considerado o precursor da abstracción. Seguro que viches algún dos seus cadros! Pois Kandinsky cumpriría hoxe 148 anos, así que lendo un ratiño por Internet atopei parte dunha película adicada a el, no que se ve ao pintor traballando directamente sobre un lenzo. A película foi gravada no ano 1926, nunha galería de arte de Berlín (Alemania), e o director da mesma foi un pioneiro na realización de documentais de arte: Hans Cürlis. Así que aquí volo deixo, para que imitedes os trazos xeométricos dun dos maiores artistas do século XX. Quen sabe se algún/algunha de vós seguirá os seus pasos e se converte nun artista do século XXI...

domingo, 14 de decembro de 2014

CALENDARIO 2015

Para dar a benvida ao 2015, no centro elaboramos un calendario acorde co proxecto deste curso: o cine. E así de fermosos quedaron os 12 meses que o compoñen:


venres, 12 de decembro de 2014

SESIÓN DE CURTAMETRAXES EN NOIA

Hoxe viaxamos ata Noia para asistir á "Mostra de curtas" que esta fermosa vila celebra dende hai quince anos. Unha curtametraxe é unha produción cinematográfica que dura menos de 30 minutos. Aproveitando que xa sabemos moitas cousas sobre a industria do cine, desfrutamos moito das curtametraxes proxectadas no Teatro Coliseo Noela. Aquí está a lista. Para que vos lembredes delas, engadimos a súa sinopse:
-Solos en la noche. Conta a historia de Jorge, Alba e Mónica. Jorge quere a Mónica, pero ela non lle quere. Alba, por outro lado, quere a Jorge, pero este non quere a Alba. E así viven estes tres personaxes, na soidade da noite, falándonos do amor e do desamor dende os seus diferentes puntos de vista.
-Cargo Cult. Nas costas de Papúa, en plena Guerra do Pacífico, algúns habitantes buscan a xenerosidade do deus Cargo creando un novo ritual.
-El juego. Mentras unha rapaciña espera nun parque, aparece unha muller que lle propón un xogo que consiste en seguir as liñas do chan se saírse delas.
-El balsero. Barú é un home que perdeu todas as súas pertenzas pola inundación da súa vila. Dende entón vive nunha balsa e pesca lembranzas do fondo do río.
-Lila. Cun só bloc de debuxo, Lila vai polo mundo convencida de que pode convertelo nun lugar moito mellor.
-Petersbourgh
-Greta y los Vegefantásticos. Como cambia a vida dunha nena de 8 anos, Greta, dende que coñece aos Vexefantásticos.
-Belabohemia. É unha historia de busca do amor, onde o seu protagonista, coa complicidade do seu inseparable can, vai materializando os seus soños a través de frascos de especias de onde nacen os elementos que van conformando o relato da súa vida, que finalmente aparece pintado nun lenzo da súa amada.
Despois da sesión de cine, tivemos tamén sesión fotográfica! E con quen nos retratamos? Pois nada máis e nada menos que con JORGE BELLVER, que é o director dunha das curtas que máis nos gustaron, "Greta y los Vegefantásticos".

A "XV Mostra de Curtas" remata o vindeiro domingo, pero para os que non poidan achegarse ata alí, ou para os que teñan interese en coñecer as proxeccións realizadas, na seguinte imaxe poderás acceder ao programa desta edición.

E aquí tedes as fotos que fixemos nunha mañá tan especial:


xoves, 11 de decembro de 2014

PELÍCULAS E MÚSICA PARA CELEBRAR OS DEREITOS HUMANOS.

      Como non podía ser doutra forma, traballando o tema do cine, hai que celebrar o día dos Dereitos Humanos con películas.
    A primeira é unha película de animación española cun guión artellado ao redor do tema dos Dereitos Humanos e á Declaración dos Dereitos do Neno.
       Titúlase "El extraordinario viaje de Lucius Dumb".
     Conta que aos científicos do Planeta encargóuselles descubrir un aparello que convertese a Terra nun lugar onde as persoas puidesen ser felices; e o escollido para desenvolver tan importante encargo resulta ser Lucius Dumb. O protagonista viaxa xunto a dous extraterrestes a diferentes lugares, e a súa aventura xira en torno a nove historias que representan os nove dereitos fundamentais dos nenos. 
    O bo de Lucius descobre que o instrumento buscado non é máis que: "Os dereitos humanos": 
    A directora desta película é Maite Ruíz de Austri, e a cinta conta co apoio da ONG "Músicos sen fronteiras", quen compuxo o tema principal da banda sonora. A produtora, en reciprocidade, colabora con eles axudando cunha parte dos beneficios, que irán integramente a axudar ás nenas con sida e prostituídas de Tailandia, a través da "Fundación Baan Manina".
     Aquí vos deixamos o tráiler da película:
          E como vos falamos tamén de música, contarvos que a banda sonora está composta por Pedro Calero e Mili Vizcaína e chámase "Os Dereitos Humanos, o teu mellor instrumento". Todos os artistas, músicos, cantantes e técnicos son extremeños. Entre eles: Bebe, Nacho Campillo, Cira, Enrique Fernández, Gabriel Echave, Miriam Solís, Modesto Peña "Tato", Gene García e Ulises Fernández. 
           Escoitádea e loitemos todos porque os vosos dereitos, os dos máis pequenos, sexan protexidos en todo o planeta!


       Deixámosvos tamén, pinchando sobre esta imaxe, o acceso á páxina web oficial da película, que amosa unha chea de información e de xogos para vós. 



        Tamén temos unha curtametraxe titulada "My shoes" ("Mis zapatos"), de Nima Raoofi: 


        En catro minutos escasos a mensaxe queda moi clara. Despois de vela, podedes falar de moitos temas relacionados cos dereitos: envexa, compararse cos demais, xuzgar aos demais pola súa apariencia, conformarnos co que temos/somos, valorar aos que nos rodean e a nós mesmos, etc.

UN NOBEL DA PAZ ESPECIAL

No mes de outubro, o Comité noruego encargado de conceder os premios NOBEL, decidiu outorgalo nesta ocasión a dúas persoas que loitan polo dereito de todos os nenos á educación. Por un lado, ao indio Kailash SATYARTHI, quen deixou o seu traballo como inxeneiro informático para denunciar ás multinacionais que explotan aos nenos de entre 5 e 12 anos de idade. A organización que encabeza, "Global March", liberou da esclavitude empresarial a uns 80.000 nenose nenas en máis de 160 países. No seguinte vídeo podes ver un resumo do seu importantísimo esforzo:

Por outro lado, á paquistaní Malala YOUSAFZAI, a xoven á que os talibáns intentaron asasinar no ano 2012 por defender a escolarización das mulleres. Malala considera a educación "un poder para as mulleres, e iso é polo que os terroristas lle teñen medo á educación. Eles non queren que unha muller se eduque porque entón esa muller será máis poderosa". A pesar de ter tan só 17 anos de idade, leva anos loitando por este dereito, e co seu exemplo amosou que tamén a xuventude pode contribuír a mellorar as súas situacións. Como afirmou nun discurso no Parlamento Europeo, "algúns nenos/as non queren consolas, queren un libro e un bolígrafo para ir á escola".
No seguinte vídeo podes escoitar o seu discurso diante da Asamblea das Nacións Unidas, onde pronunciou outra destacada frase: "Un neno/a, un mestre/a, un libro e un lapis poden cambiar o mundo. A educación é a única solución". 
Kailash e Malala, a premiada máis xoven da historia, recolleron o Nobel da Paz o pasado 10 de decembro, Día dos Dereitos Humanos.

mércores, 10 de decembro de 2014

DEREITOS HUMANOS, 365 DÍAS AO ANO

"Dereitos humanos, 365 días ao ano" é o lema elixido este ano para conmemorar o Día dos Dereitos Humanos, que se vén celebrando cada 10 de decembro dende o ano 1950.
O Secretario Xeral das Nacións Unidas, Ban Ki-moon, pediu publicamente a todos os gobernos que cumpriran a súa obriga de protexer os dereitos humanos todos os días do ano. 
Durante estes días estase a celebrar en Lima (Perú), a "Conferencia sobre Cambio Climático", onde diversos expertos declararon que o cambio climático non se pode afrontar sen protexer os dereitos humanos: moitas persoas desfavorecidas, marxinadas, etc., levan unha forma de vida moi unida ao medio ambiente.
No cole tamén nos queremos comprometer a cumprir estes dereitos, xuntamente cos Dereitos do Neno. É por iso que esta semana sumarémonos á actividade "XI Carreira Quilómetros de solidaridade", que organiza Save the Children. Este ano, adicada á loita polos dereitos das crianzas de MALÍ. E lembrade que TODAS e TODOS podemos facer algo para coidalos e instalalos nas nosas vidas!