sábado, 25 de febreiro de 2017

AS TRIBOS URBANAS CHEGARON A SAN COSME

Pois si!!! Despois dunha semana na que o Meco nos foi deixando mandadiños moi musicais, chegou o día da gran celebración do Entroido. Canto nos gusta esta festa!!!! 
Entre todas as tribos urbanas, no cole eliximos as seguintes: en Educación Infantil, rapeiros; en 1º e 2º, punkis; en 3º e 4º, góticos e en 5º e 6º, rockabillies. Pero tamén puidemos ver algunha folclórica auténtica, unha rastafari, unha embarazada de varios meses ou unha sevillana moi divertida!!! Todos xuntos saímos dar un paseo polo pobo, charlando ao tempo que o gaiteiro Marco ía amenizando con música tradicional o traxecto, ao que se sumou Josefa, a avoa de Martina coa pandeireta. Moitas grazas!!! 
Despois, no comedor, subimos ao escenario para amosar as nosas vestimentas ao tempo que soaba a música característica de cada tribo, algunhas das cales incluso nos cantaron unhas coplas que fixeron botar unha risotada a todas aquelas persoas que estaban escoitando atentamente as letras.
E, para rematar, degustamos as sobremesas coas que nos convidaron as familias e que colocaron as nosas cociñeiras Lourdes e Mariví nas mesas do comedor: filloas, orellas, biscoitos, rosquillas... Estaba todo riquísimo!!!
Pero seguro que queredes ver o guapas e guapos que estabamos. Pois premede AQUÍ!!!
E, se queredes ver que ben o pasamos só tedes que ver estes vídeos onde, xa sen disfraces, bailamos ata cansar no escenario do comedor:





O DÍA DE ROSALÍA 2017

Pois claro que o celebramos!!!! Foi un acto moi bonito no que nos reunimos no corredor do cole para colocar o poema de Rosalía elixido para esta ocasión: "Negra Sombra". Recitástelo despois de que as mestras e mestres leran o manifesto escrito por Ledicia Costas para este ano. E, aproveitando que estamos na semana de Entroido, e que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega propuxo a elaboración de máscaras sobre a figura desta gran poeta e escritora, nós tamén fixemos unha para retratarnos, transmitindo así unha mensaxe que xa vimos difundindo desde hai varios cursos: ROSALÍATE!!!!!
Premede AQUÍ para ver todas as fotos!!!

EXCURSIÓN Á CORUÑA

O martes volvemos visitar A Coruña. Nesta ocasión, aínda que viaxamos todos xuntos desde o cole, realizamos dúas actividades diferentes. As nenas e nenos de Infantil, coas mestras Patri, Chus e Laura visitaron un dos museos que máis nos atraen: o acuario.
Alí pasaron toda a mañá desfrutando entre peixes, e fixeron moitas fotos que podemos ver premendo AQUÍ. 
Tamén gravaron algúns vídeos:







E mentras, o grupo de Primaria asistiu a un concerto no Palacio da Ópera. Un concerto do que xa falamos nunha entrada anterior para presentar as obras que interpretaría a Orquestra Sinfónica de Galicia baixo a dirección de Diego García Rodríguez e a narración de Quico Cadaval, con quenes, ademais, tivemos a oportunidade de falar ao rematar o espectáculo. A verdade é que foi moi fermoso poder compartir co director uns minutos de faladoiro sobre os seus inicios, sobre o seu traballo como director en distintas cidades do mundo, e escoitar unha lenda máis na voz de Quico Cadaval, que se detivo un anaquiño antes de marchar para coller o tren. Moitísimas grazas aos dous!!!! Para ver as fotos, só tedes que premer AQUÍ. 
 Aquí podedes ver un vídeo, correspondente á parte de "O cofre está en alta mar", lembrádesvos?



E despois? Xuntámonos todos para ir xantar ao monte San Pedro, que tanto nos gusta polas fermosas vistas que de A Coruña nos ofrece. Premede AQUÍ para velas!!!

mércores, 22 de febreiro de 2017

DÍA DE ROSALÍA

O 24 de febreiro de 1837 nacía en Santiago de Compostela unha das escritoras máis importantes da nosa literatura, aínda que por diversas circunstancias non escribiu todas as súas obras en galego.Tivo unha vida difícil, tanto no aspecto profesional coma no persoal. Dende hai varios anos, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) propón á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor, ademais doutras accións que están sendo moi ben acollidas por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo. E tamén nós queremos sumarnos a esta fermosa iniciativa, que nesta ocasión quixemos unir ao Entroido e ao tema do noso proxecto este curso: a música.
É por isto que decidimos celebralo xusto antes do día do festival de Entroido, elaborando unha careta que nos transformará en Rosalía por un momento, e escribindo un dos seus poemas máis versionados: "Negra Sombra" (incluído no seu libro "Follas Novas", publicado en 1880). É certo que se trata dun poema moi triste, pero tamén un dos máis coñecidos. En 1892 Xoán Montes púxolle música e desde entón foi interpretado e gravado por numerosos artistas: diversos coros, Luz Casal, Carlos Núñez, Pucho Boedo, Amancio Prada, Al Bano, María do Ceo, Astarot...
Aquí vos deixo a versión do Orfeón Terra a Nosa:


Nesta outra, podedes ver á cantante portuguesa Maria do Ceo interpretándoa en directo:


Unha versión totalmente diferente é a que ofrece o grupo Astarot, que podedes ver e escoitar neste vídeo en directo:


E queredes saber onde tivo lugar o estreno do poema musicado por Xoán Montes? Pois en Cuba!!! No seguinte vídeo podedes coñecer moitos máis datos sobre a figura de Rosalía e o seu poema "Negra Sombra". Para velo, preme AQUÍ.
No cole ímolo celebrar nun acto conxunto durante a "Hora de Ler" mañá, 23 de febreiro, no que ademais leremos o manifesto escrito pola escritora Ledicia Costas para esta ocasión:

Manifesto

da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)

no Día de Rosalía de Castro 2017
En Galicia existen infinitas formas de amencer: abrente, alborada, clarexa, luzada, rompente. A lírica que abraza os versos de Rosalía posúe as cores reveladoras da primeira luz.
Imaxino a Rosalía no século XIX e vexo unha muller que se aferra ás palabras sen complexos e fai con elas o que o corazón lle pide ao oído en cada instante: fitas de encaixe, diamantes, armas de construción masiva ou versos predestinados a furar as conciencias e facer cambalear os piares do inmobilismo.
Esa é ela. Unha xigante que non precisa respiración asistida, nin prantos, nin ritos florais. Os pulmóns da súa obra aférranse ao futuro e ínflanse coa forza dun país que respira cultura por cada fenda.
En Galicia existen infinitas formas de querer e nós querémoste paxaro, lume, emoción. Querémoste eléctrica e lúa. Insubmisa e valente. A voz que hoxe portaría unha pancarta na cabeza dunha manifestación contra a violencia machista ao berro de: Basta xa, querémonos vivas! A que quedaría afónica de solicitar, día tras día, unha maior presenza do galego na escola, na rúa, na vida. Na Galicia nosa que se estremece por momentos.
Imaxino a Rosalía e véxoa afirmando: Son muller e son galega. Reivindícome como escritora na miña propia lingua e non consinto que ninguén apague a miña voz. Estou tan viva que os meus versos rabuñan as paredes do panteón de galegas ilustres ata facelas sangrar. Négome a ser unha estranxeira exiliada na miña patria. Quero abarcar toda a luz e contaxiarte.
En Galicia existen infinitas formas de chover,
Como chove miudiño,
como miudiño chove,
pola banda de Laíño,
pola banda de Lestrove.
E con esa maxia pronuncio: babuxa, chuvisca, poalla, chuvieira, barruzo, dioivo. A lírica que arroupa os versos de Rosalía é un bico anfibio. Debaixo da auga nada a pracer, presumindo das súas branquias. Fóra dela, quita o traxe de escamas, mete as mans na terra e arrinca un libro e unha flor. Esa coa que hoxe queremos agasallar ao mundo. RosalíaTe!
Ledicia Costas


O MECO ANUNCIA PARA O XOVES...

Aquí está o último mandadiño do Meco neste Entroido do 2017:


luns, 20 de febreiro de 2017

O MECO ANUNCIA PARA O MÉRCORES...

Xa que mañá ides de excursión á cidade herculina para asistir a un concerto moi especial (as nenas e nenos de Primaria) e ao acuario (as nenas e nenos de Infantil), o Meco colleu o día de descanso. Pero xa anuncio como tedes que vir ao cole o mércores, así que ide preparando as vosas mans:

sábado, 18 de febreiro de 2017

IREMOS AO PALACIO DA ÓPERA

O vindeiro martes volvedes ir de excursión!!! Nesta ocasión para asistir a un concerto no Palacio da Ópera, que xa coñecedes porque o vistes en xaneiro. Lembrádesvos? Puidestes ver o interior do edificio, o que pouquísimas persoas tiveron a oportunidade de ver: a parte traseira, onde se gardan os instrumentos, onde se colocan os decorados para as obras que os requiren, e tamén os camerinos (incluso o do director!!!) ou as salas especiais.
O martes, sen embargo, sentarémonos nas butacas, para asistir como público a un espectáculo baseado en historias relacionadas co mar, nas que se inspiraron dous grandes compositores do século XIX e XX: Richard WAGNER e Benjamin BRITTEN. Se premedes sobre os seus nomes, podedes ver as entradas no blogue de música.
Os encargados de interpretar as obras elixidas son os músicos da Orquestra Sinfónica de Galicia, dirixidos por DIEGO GARCÍA RODRÍGUEZ. Diego naceu en Escarabote, Boiro (A Coruña). É director artístico e musical do Taller Atlántico Contemporáneo (T.A.C.), no cal desenvolve unha intensa actividade na difusión da música contemporánea e a súa interrelación con outras disciplinas artísticas.
Dirixiu tamén varias orquestras como director invitado, tanto en España (Real Filharmonía de Galicia, a Orquestra Sinfónica de Galicia, a Orquestra Filarmónica de Málaga, a Xoven Orquestra da  Sinfónica de Galicia) coma noutros países (Francia, Polonia, Inglaterra). 
Pero tamén ten un amplo percorrido dirixindo óperas, entre as cales "Carmen", de George BIZET e "La Traviata", de Giuseppe VERDI, son as máis coñecidas. 

Neste concerto, ao tempo que escoitaremos a abertura de "O holandés errante" de WAGNER, e os "Catro interludios mariños" de BRITTEN, escoitaremos tamén as historias que nos irá contando QUICO CADAVAL, coa intención de transportarnos á beira do mar.
Quico Cadaval é un destacado actor, director e dramaturgo nacido en Ribeira (A Coruña). Ademais das obras que estreou como director, tamén participou en varios festivais de narración oral e tamén traballou como actor na televisión. Ademais, tamén imparte xornadas e congresos nos que ensina e transmite o seu saber e o seu amor pola súa profesión.
O seu bo facer foi recoñecido con premios tan importantes coma o Premio Cultura Galega, o Premio Max, o Premio María Casares ou o Premio Coruxa do Humor. 

Agora só queda... DESFRUTAR DO CONCERTO!!!


O ENTROIDO ESTÁ CHEGANDO!!!

Pois si, xa ule a filloas, orellas, cocido... Xa está aquí o Entroido!!! Non é que esta data a min, como porquiña que son, me guste moito, pero sei que a maioría de vós está desexando saborear todos eses exquisitos pratos e, algo que tamén a min me encanta: disfrazarse!!!!! Aínda non sei de que irei este ano, pero xa sei que vós ides ir de tribos urbanas. Carai, que modernos!!! Cal será a tribo máis achegada ao mundo dos porquiños? É que non sei eu se unha porquiña punk será moi arriscado, de rockabilly non me vexo; de gótica non, que xa son bastante "paliducha"; de rapeira podería ser; ou de hippie... Bueno, xa verei!!! Mentras tanto, lémbrovos que o Meco xa está instalado no corredor do cole, e que este venres anunciou o mandadiño para o luns, así que a buscar algo na casa que levar na cabeza o primeiro día da semana... E eu, que levarei?
 

ÓPERA E MUSEO EN A CORUÑA



O pasado 14 de febreiro celebrastes un Día dos Namorados moi especial... Mentras eu andaba remexendo textos románticos e cancións que eran auténticas declaracións de amor, vós viaxastes ata A Coruña para pasar unha mañá moi especial. Por un lado, porque asististes á ópera "A frauta máxica", que se representou no Teatro Colón. Por outro, porque puidestes aproveitar un bo anaco dun dos museos máis destacados da nosa provincia: a Domus. E xa me dei conta, vendo todas as fotos que vos fixeron, que o pasastes moi ben.
A ópera de Mozart, o grande compositor do Clasicismo, foi representada pola compañía "Ferro teatro", quenes fixeron unha adaptación para o público infantil onde se intercalaban escenas cantadas e dramatizadas que tiveron a todas as persoas asistentes moi entretidas. Se queredes recordar algunhas das partes que soaron no Teatro Colón, podedes ver os vídeos do blogue de música premendo AQUÍ.
Despois cambiastes de escenario e, do teatro, pasastes ao museo. A Domus tívovos moi entretidos, xa que ademais de partes expositivas, ten moitos xogos interactivos nos que pasastes un montón de tempo aprendendo cousas moi interesantes. 
Para ver as fotos desta xornada, só tedes que premer AQUÍ. 



luns, 13 de febreiro de 2017

DÍA DOS NAMORADOS E A AMIZADE


O "doodle" de hoxe adiantouse un día á celebración do 14 de febreiro. Nesta data ten lugar unha celebración tradicional coñecida coma o "Día dos Namorados", aínda que nalgúns países tamén se denomina "Día do Amor e a Amizade". E para esta data tan romántica, Google preséntanos a un animal moi peculiar orixinario de Asia e África: o pangolín, con quen podes realizar varios xogos: facer unha torta, compoñer unha canción de amor da India, aprender un baile da China ou facer un ramo de flores.
Día de San Valentín 2017 (día 4)

Pero eu tamén vos quero deixar aquí dous temas musicais moi apropiados para esta celebración. O primeiro deles, de O Sonoro Maxín, que algunhas das persoas seguidoras do blogue xa coñeceredes. Titúlase "Quérote máis" e a letra di o seguinte:

Teño soños de colores cando non podo durmir,
sigo esperto toda a noite e non deixo de bulir.
Dando voltas no meu leito teño gañas de voar,
sáeme o corazón do peito seica poderá estoupar.
Cando facemos o pino a limpar no ceo os pés
 ou botamos aturuxos
antes de que pase o tren.
Cando che dou a pulseira
feita con mil alecríns,
mírote ós ollos decote
para poderche así dicir:
Quérote máis, quero, quérote máis
que a tortilla de patacas con xamón
quérote máis, quero, quérote máis
cada vez que me latexa o corazón.
Teño na boca un sorriso
e nos ollos un candil,
que ninguén pode apagar
cando corres xunto a min.
O meu corpo treme enteiro,
 tremen pernas, tremen mans,
 sáeme o corazón do peito
seica poderá estoupar.
Ao pintar arcos da vella
de colores polo ar,
cando escribes o meu nome
nun espello ou nun cristal.
Ao encendermos unha radio
e este son poder ouvir,
mírote aos ollos decote
para poderche así dicir.
Quérote máis, quero, quérote máis
que a tortilla de patacas con xamón
quérote máis, quero, quérote máis
cada vez que me latexa o corazón.(bis)
Maite zaitut, maite maite zaitut
que a tortilla de patacas con xamón
Maite zaitut, maite maite zaitut
cada vez que me latexa o corazón. 


Aquí tedes o vídeo:


E xa que vai de música, un dos poemas de amor máis fermosos escritos na nosa lingua: "Moraima". O autor do mesmo é Celso Emilio Ferreiro, que llo adicou á súa muller. Hai moitas versións da mesma, déixovos unha para que a desfrutedes escoitando e lendo o poema se premedes AQUÍ. A cantante, María do Ceo.
Outra opción é esta "Moraima" de Milladoiro, un dos grupos galegos máis importantes da historia musical do noso país, ao tempo que vedes este vídeo con fermosas imaxes de Galicia:


luns, 6 de febreiro de 2017

RECOMENDACIÓNS DE ROSIÑA!

Ola, rapaciños e rapaciñas!!!
Fixástesvos no expositor da entrada da Biblioteca? Seguro que non vos deu moito tempo, xa que hoxe estivestes moi entretidos vendo a película "Billy Elliot"!!! Por iso decidín escribirvos. Hai novidades na Biblioteca!!!! E na exposición adicada ao noso proxecto deste curso, tan musical... Non volas perdades!!!! 

Todos os libros son moi recomendables, pero para que vos animedes, cóntovos algo máis:
-Para os máis pequerrechos, tedes algunha fermosa historia de OQO ou o libro da editorial Bululú "Xa vooou!", a historia dun peixiño moi despistado.
-Para os primeiros lectores, varias fermosuras, entre as que destaca "A meniña dos libros", un álbum ilustrado que nos conta a historia dunha nena que navega "a través dun mar de palabras" ata chegar á casa dun neno. A protagonista invítao a comezar unha nova aventura a través dos "bosques de fadas, das montañas de fantasía" e a "durmir nas nubes de cancións". Non volo perdades!!!
-Para os lectores autónomos, "Montañas na cama", un divertido relato sobre a incursión nocturna á habitación dos pais do protagonista, para os lectorees máis maiores.
-Para os expertos, "Eu son Suleiman", de Antonio Lozano. A historia de calquera dos miles de rapaces que desafían a morte para chegar a Europa fuxindo da guerra e da miseria no continente africano.
E tamén libros sobre música, libros informativos, e mesmo algúns que foron donados por algunhas rapaciñas de 5º, ás que queremos agradecer a súa xenerosidade para que todos e todas vós poidades desfrutar da lectura. A QUE ESTADES ESPERANDO????


 

venres, 3 de febreiro de 2017

DÍA DA PAZ 2017

Aquí están as fotos do 30 de xaneiro, o día que celebramos un pequeno acto con motivo do Día da Paz. Nesta ocasión xuntounos a música, a de Beethoven en especial, xa que a súa "Oda a alegría" é un auténtico himno contra a violencia. Desfrutamos moito compoñendo parte desta partitura que despois escoitamos todos xuntos, falando deste grande compositor da historia da música e rematando a celebración cunha boa dose de apertas e bicos ao ritmo de "Don Melitón". Foi unha tarde estupenda, ou non? Premede AQUÍ para velas todas!!!