mércores, 16 de novembro de 2016

NARF, UN MÚSICO MOI QUERIDO

A semana pasada morría Leonard COHEN, o coñecido poeta, novelista e cantautor canadiense. Foron moitos os temas que compuxo, algúns dos cales seguirán soando ao longo da historia. No ano 2011 recibiu o Premio Príncipe de Asturias das Letras.
Onte despedíase de nós FRAN PÉREZ, coñecido artísticamente como NARF, un dos personaxes máis queridos da música galega. Este cantante, guitarrista e compositor, natural de Silleda, participou desde noviño nos movementos máis novidosos da música galega. Fixo parte de bandas como a Psicofónica de Conxo, Os Quinindiolas ou Nicho Varullo. Foi tamén un dos fundadores da coñecida Sala Nasa de Santiago de Compostela e participou en varias montaxes co grupo de teatro Chévere. Chegou incluso a compoñer a música para o filme de animación "O labirinto dos soños".
En solitario publicou tres discos, pero colaborou en moitas ocasións con artistas galegos, portugueses, africanos... De feito, o seu último concerto tivo lugar en Compostela, onde actuou coa banda mozambiqueña Timbila Muzimba.
Aquí vos deixamos un pouquiño da música de Narf, para que quede sempre entre nós, onde aparece con Manecas Costa, un grande amigo seu:


Ningún comentario:

Publicar un comentario