luns, 27 de abril de 2015

OUTRO PREMIO PARA AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ!!!


  http://www.sermosgaliza.gal/articulo/cultura/agustin-fernandez-paz-mais-lido-nos-clubs-lectura/20150424114226036793.html

Un dos nosos escritores preferidos é Agustín Fernández Paz, a quen lle concederon a semana pasada o Premio dos Clubs de Lectura 2015, ao ser o autor máis lido nestes grupos de lectura.
E nós, que o consideramos un dos mellores escritores galegos, alegrámonos moitísimo por tan merecido premio e queremos tamén felicitalo.
Se premedes sobre a imaxe poderedes ler a noticia completa.

venres, 24 de abril de 2015

CONCERTO E EXPOSICIÓN

O alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º cursos rematamos a semana cunha saída a Santiago de Compostela. No Auditorio de Galicia asistimos a un concerto ofrecido pola Filarmónica de Galicia e a compañía de monicreques Per Poc, quenes representaron a súa versión da obra "Romeo e Xulieta". Esta coñecidísima obra de teatro de William Shakespeare inspirou moitas películas e obras musicais, sendo unha das máis destacadas o ballet que compuxo Sergei Prokofiev en 1938.
Despois do concerto, asistimos á actividade "Emocións creativas dunha colección-Teatro de Emocións", na Sede Afundación da rúa do Vilar. Aquí falamos de sentimentos, identificámolos, resolvemos situacións e construímos un cubo das emocións. 
E despois de comer, regreso ao cole moi contentos con todo o aprendido. 

APADRIÑAMENTOS LECTORES

Con motivo dun día tan especial coma o de hoxe, 23 de abril, celebramos a "Hora de ler" dunha maneira especial: os rapaciños e rapaciñas de 3º, 4º, 5º e 6º curso léronlles un ou varios contos ao resto dos meniños e meniñas do cole despois do recreo, elixindo a zona do cole que máis atractiva lles resultase para dita actividade. Así foi como se encheron os diferentes recunchos, patio incluído, de lectores e oíntes que desfrutaron moitísimo con esta actividade que, desde que se iniciou no cole, repetimos cada "Día do Libro". Aquí tedes as imaxes:

Tamén quedaron moi bonitos os marcapáxinas que cada un/unha de vós elaborou para o taboleiro que colocamos ao lado da exposición de libros. Aquí podedes ver as vosas versións de carteis xa publicados ou as vosas creacións máis orixinais. En calquera caso, o certo é que con estes marcapáxinas tan ben feitos seguro que non hai quen vos deteña nas vosas lecturas... Fixádevos ben onde se atopa o voso para recollelo a vindeira semana!

Ademais, dende a Biblioteca elaboramos unha Guía de Lectura na que vos recomendamos películas que inclúen escenas que teñen lugar en bibliotecas moi diferentes!!! Coñécelas todas?

martes, 21 de abril de 2015

CANTANDO CON HÉCTOR LORENZO NA BIBLIOTECA

Desta maneira tan musical comezamos a semana do "Día do Libro". O guitarrista Héctor Lorenzo visitounos esta mañá, acompañado da súa guitarra e dun feixiño de poemas de Raúl Gómez Pato musicados por el mesmo. Foi un ratiño no que desfrutamos escoitando, acompañando con palmas ou xestos algunhas das cancións, e mesmo cantando!!! Ademais, Héctor agasallounos con algún bis, interpretando unha segunda vez algunha das cancións que máis nos engancharon.
Agradecemos moito a súa visita ao noso cole e esperamos volver compartir con el un ratiño de música.
Aquí podedes ver as fotos desta mañá:

domingo, 19 de abril de 2015

DÍA DO LIBRO 2015

Con motivo da celebración do Día do Libro, este curso preparamos unha semana cheíña de actividades.
Comezamos o luns cun contacontos a cargo de Héctor Lorenzo. Ese mesmo día, en 6º comezará a viaxar un conto creado por todos e todas vós. 
Tamén vos propoñemos ilustrar un marcapáxinas que expoñeremos o xoves. Ese día, o 23, faremos os apadriñamentos lectores na "hora de ler" e teremos algunha sorpresa relacionada co mundo do cinema.
Este é o cartel que elaboramos, cunha ilustración de Leandro Lamas, para unha semana moi especial dende a Biblioteca:

martes, 14 de abril de 2015

DOUS GRANDES ESCRITORES

Hoxe despedímonos de dous grandes escritores. Por un lado, GÜNTER GRASS, escritor alemán ao que lle foi concedido o Nobel de Literatura e o premio Príncipe de Asturias das Letras no ano 1999. A obra máis coñecida (para adultos) deste escritor nacido en Polonia no ano 1927 é El tambor de hojalata, novela que foi adaptada ao cine e gañou varios premios.



Por outro lado, o escritor uruguaio EDUARDO GALEANO (Montevideo, 1940). Aínda que a súa obra está escrita para adultos, algunha das súas historias foi adaptada para o público infantil, coma o libro que temos na nosa biblioteca Historia da resurrección do papagaio (Editorial Kalandraka). Os seus libros contan historias curtas, a través das cales se observa a súa preocupación polas inxustizas do mundo. Moitas delas entenderédelas dentro duns anos, pero outras xa podedes animarvos a lelas. E é que dentro das súas preocupacións sociais tamén atoparedes pequenas historias que falan da natureza, da escola, do cine, ou dalgo tan importante coma o DEREITO A SOÑAR. E non esquezades que, como decía o propio Eduardo Galeano, "mucha gente pequeña, en lugares pequeños, haciendo cosas pequeñas, puede cambiar el mundo".