Amosando publicacións coa etiqueta Contacontos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Contacontos. Amosar todas as publicacións

martes, 24 de maio de 2022

TOUPICIENCIA VISITA A NOSA BIBLIOTECA

Boa tarde!!!!

Hoxe estou aquí para contarlle a todo o mundo o moito que nos divertimos esta mañá na nosa biblioteca. O responsable de tanta gargallada foi Mario, un rapaz que traballa na compañía de teatro "A Xanela do Maxín" e que hoxe acompañou a Toupiña ata San Cosme, onde se transformou no seu axudante. Por una anaco, a biblioteca transformouse nun laboratorio moi interesante onde nos quedou moi claro o importante que é ler para descubrir cousas fantásticas, para investigar e mesmo para realizar experimentos, xa que se non o facemos corremos o risco de ocasionar algúns problemiñas, verdade? 

Aquí vos deixo as imaxes desta sesión na que tanto desfrutaron os grupos de Infantil e Primaria:

Toupiña e Mario demostraron ser unhas expertas en ciencia.
Unha aperta,

Rosiña



venres, 22 de abril de 2022

LECTURAS NA BIBLIO CON TONE MARTÍNEZ

Premede aquí para ver as fotos.
Aquí está o resumo dunha das actividades que realizamos no cole para celebrar o "Día do Libro": a visita á nosa biblioteca de Tone Martínez. Nesta ocasión, Tone veu acompañado dunha morea de historias e... de bechos!!! Si, porque así chamaba a súa madriña aos bichos que atopaba nos bosques, prados e outros lugares nos que pasaban moito tempo xuntos. Desta maneira, Tone consegue deixar de xogar moito tempo coas maquiniñas e desfrutar moito, moito, da natureza que o rodea. Xusto hoxe, que é o "Día Mundial da Terra", foi ben bonito escoitar estas historias na voz dun actor tan estupendo coma Tone. Historias moi relacionadas co planeta que nos acolle e que debemos coidar día tras día, pero tamén cos libros, xa que moitas das aventuras que nos contou Tone atópanse nalgúns dos libros da nosa biblioteca, como "A Mosca chosca"; outros, como "O grilo Míllelo" gustouvos tanto que habemos mercalo. Pero tamén houbo outras historias que lle contou a súa madriña, quen ademais lle ensinou a importancia de respectar e coidar o medio ambiente para seguir desfrutando del. Así, entre bechos, foi como pasamos esta mañá extraordinaria. Moitísimas, grazas, Tone; encantounos!!!

Apertas e FELIZ DÍA DA TERRA E DO LIBRO,

Rosiña

 

sábado, 27 de novembro de 2021

RECIBIMOS UNHA CARTIÑA MOI ESPECIAL DE...

Que alegría recibir unha carta!!! E ademais dunha persoa á que queremos moito porque asociamos con momentos moi fermosos no cole: ANXO MOURE!!!

Si, Anxo escribiunos desde Chantada, a onde regresou coa súa bici cargada de libros, e desde alí adicounos estas palabras:

Bos días dende o Val do Asma, terras de Chantada.
Aquí vai o grande agradecemento unha vez máis á vosa xenerosidade, cariño, tenrura, conversa, confianza...., e todo o que nos fai sentir que este mundo pode ser mellor grazas a proxectos coma o voso que incluíu gastronomía, contos, cantos.
Grazas Antes, grazas Mazaricos e, sobre todo, grazas nenas e nenos porque non sabedes o que significa que cando un contacontos entra polo pasillo dunha escola xa lle chamen polo seu nome como se fora da familia, do lugar ou da escola, un agasallo inesquecible.
Apertas 

Anxo

Ilustración que acompañou a carta de Anxo Moure.
Anxo, moitísimas grazas!!! Nós encantadas de recibirte, de abrirche as portas desta casiña con historias cheas da vitamina da Natureza, con cancións que nos levan polos bosques, con apertas arbóreas que practicaremos... Quedouche o atrapacontos, que gardamos con orgullo na nosa biblioteca, agardando que volvas!!!

Unha aperta enorme de todas nós!!!!

Rosiña

luns, 15 de novembro de 2021

MAGOSTO 2021

Chegou o San Martiño, e con el a celebración do Magosto, unha das festas tradicionais máis bonitas do outono!!! Este curso, ademais de degustar as castañas, contamos tamén coa compañía de ANXO MOURE, un dos nosos contacontos preferidos!!! Anxo chegou ao cole na súa bici cargada de contos, e baixo o noso castiñeiro compartimos historias, cancións, poemas, sorrisos... Coma sempre, Anxo deu voz ás árbores do bosque, ás que debemos coidar, desfrutar e mesmo abrazar!!! Foi unha xornada ben fermosa, que tamén podedes lembrar a través das imaxes e algúns vídeos que fixemos. Premede nela para acceder ao enlace: 

Anxo e a súa ciclobiblioteca á sombra do castiñeiro.

 Rosiña

venres, 22 de outubro de 2021

DÍA DAS BIBLIOTECAS

O 24 de outubro celébrase o "Día das Bibliotecas", un dos espazos con máis maxia que existe. Na nosa biblioteca, tan acolledora, pasamos moitos momentos ao longo do curso, e aínda que a covid nos impide compartir moitas actividades en grandes grupos, podemos sentirnos moi orgullosas de mantela aberta durante toda esta época de cambios.

Por iso, esta semana rematámola facendo nela unha actividade que nos gusta moito: compartir historias!!! Por iso veu ao cole Alba Bermúdez, que nos xuntou en dúas quendas na biblioteca, onde pasamos unha xornada moi entretida e divertida. Baixo o título "Comechíns, segundo prato", Alba mergullounos nun mundo imaxinario e a través de varias historias descubriunos como a lectura pode abrir o apetito... Moitas delas témolas na nosa biblioteca, así que xa sabedes que podedes facer cada vez que vos entre a fame!!! 
Premendo aquí podedes ver as fotiños que fixemos nesta magnífica sesión. Moitas grazas, Alba!!!
Apertas, 
Rosiña

venres, 23 de abril de 2021

ANXO MOURE, O CARBALLO CON BOTAS

Anxo nun momento da actuación.
Esta semana, con motivo da celebración do "Día do Libro" e do "Día da Terra", recibimos a visita de Anxo Moure, un contacontos ao que temos moito cariño e que nos veu contar unhas cantas historias no patio do cole. Anxo presentounos aos personaxes que viaxan con el nun cestiño moi xeitoso e transmitiunos moito amor pola natureza!!! Podedes ver as fotos desta xornada premendo na imaxe, e se premedes AQUÍ accederedes á súa páxina de Contos Solidarios, que tamén recomendamos polo "Día do Libro".

Unha aperta,

Rosiña

xoves, 22 de abril de 2021

DÍA MUNDIAL DA TERRA


Hoxe, 22 de abril, é o "Día Mundial da Terra", e aproveitando que esta semana tamén celebramos o "Día do Libro", pensei que podía ser unha boa idea compartir con vós esta bonita historia do paxaro Vicentinho, escrita por Anxo Moure, o estupendo contacontos que nos visitou onte no cole.

O lema deste ano é "Recuperemos a Terra", xa que son moitos os problemas aos que nos enfrontamos no noso planeta. Entre os máis preocupantes están que cada ano se perden 10 millóns de hectáreas de bosques e arredor dun millón de especies animais e vexetais atópanse en perigo de extinción!!! Tendo en conta que ademais nos atopamos nunha situación de pandemia debido á covid-19, é importante ter en conta que a biodiversidade pode ser parte da solución, polo que deberiamos ser responsables e facer as paces coa natureza: coidándoa, respectándoa... Son moitas as cousas que podemos facer para axudar a mellorar a súa saúde: empregando menos plástico, enerxías que non contaminen, etc. Pero, sobre todo, plantando árbores!!! 

Desfrutade do vídeo e da canción do paxaro Vicentinho:

Rosiña

xoves, 18 de febreiro de 2021

ENTROIDO 2021

Hoxe escríbovos para contarvos como celebramos o Entroido neste curso tan diferente... Xa que
decidimos non disfrazarnos coma en anos anteriores, quixemos que o Meco presidira o corredor do colexio cos seus mandadiños, de tal xeito que nos fixera lembrar que esta é unha época para ver as cousas con algo de humor, que tamén é necesario. Se premedes sobre a imaxe, podedes ver todas as fotos que fixemos ao longo da semana.

O mércores, ademais, visitounos Pedro Brandariz, quen nos entretivo cunha sesión de "Contos Choqueiros" para todo o centro. Se premedes aquí veredes as fotos.

E, para despedir o Entroido, esta mañá queimamos o Meco despois do recreo, dando así por finalizada unha das festas tradicionais máis destacadas da nosa comunidade. Podedes ver as imaxes premendo aquí.

Unha aperta,

                  Rosiña.

luns, 17 de xuño de 2019

"CANTA MIÑA PEDRA, CANTA"

Charo Pita e Xoán Curiel actuaron para os 3 centros do concello.
Este é o título da representación que fomos ver esta mañá na casa da cultura de A Picota: "Canta miña pedra, canta". Neste espectáculo participan o músico Xoán Curiel e a contadora Charo Pita, a través do cal ofrecen algúns relatos populares e cancións que Antonio Fraguas (o escritor ao que este ano se lle adicou o Día das Letras Galegas) recolleu ao longo da súa vida. Ademais de desfrutar da función, entregáronnos un libro de agasallo a cada unha das persoas que asistimos á función, na que desfrutamos moito.
Premendo sobre a imaxe podedes ver as fotos e algúns vídeos deste "Canta miña pedra, canta".

martes, 24 de abril de 2018

CELEBRAMOS O DÍA DO LIBRO 2018 CON CELTIA, UNHA CONTADORA DE LIBROS SORPRENDENTES

Un gustazo que esta mañá nos visitara Celtia Figueiras, unha contadora marabillosa que nos fixo pasar unha "hora de ler" moi especial. Ademais, xusto un día despois de celebrar o Día do Libro cos apadriñamentos lectores!!!
 
Celtia conseguiu, a través da súa voz, levarnos de viaxe por lugares sorprendentes a través dos seus libros, os "libros titiriteiros". Uns libros moi especiais, xa que eran enooooormes, pesaaaados e agochaban personaxes moi interesantes. O primeiro, un caracoliño ao que lle fallaba un
pouquiño a súa memoria; o segundo amosou unhas caras máxicas que parecían reais, e tiñan tantas ganas de contar que se non é por Celtia aínda estariamos agora escoitándoos; o terceiro trouxo o mar ata San Cosme, onde descubrimos a aventura dun barco pirata e a súa tripulación...

Premendo AQUÍ podedes ver as fotos desta entretida e divertida actividade.



Moitas grazas a Narciso (Consorcio Editorial), por este agasallo. E tamén a Celtia, por suposto, moitísimas grazas por facernos pasar un rato tan divertido ao compartir connosco estas historias!!!! Agardamos que nos visites en máis ocasións!!!

Se premedes sobre a imaxe inferior, podedes visitar o blog desta marabillosa contadora de historias:
https://celtiafigueiras.blogspot.com.es/

sábado, 11 de novembro de 2017

CELEBRAMOS O MAGOSTO

Pois a semana rematou coa festa do Magosto, como xa vos anunciaramos a comezo da semana. Nesta ocasión, para a celebración invitamos a todas as nais e pais do noso alumnado, así como avoas e avós, pero tamén ás rapaciñas e rapaces que xa remataron no cole e se atopan agora estudando no Instituto. Andrea, Nuria, Rubén, Álex, un gustazo vervos de novo aquí!!! Foi así como aumentamos o número de persoas que nos reunimos na Biblioteca do cole, para escoitar a Celso Fernández Sanmartín, un contacontos ao que temos moito cariño e que nos fixo pasar unha tarde moi agradable de risas, historias sorprendentes e cancións divertidísimas. Todo isto despois de comer un bo puñado de castañas asadas que prepararon as nosas estupendas cociñeiras Lourdes e Mariví, a quenes queremos agradecer ese esforzo. E tamén a Víctor, o noso conserxe, quen nos axudou a mover todo o mobiliario da biblioteca para facer máis acolledor o espazo no que recibimos a todas as persoas que se achegaron ao cole. 
E como estaredes desexando ver as fotos, podedes facelo premendo AQUÍ.
Para ver as imaxes da sesión de contacontos, premede AQUÍ, e os vídeos, AQUÍ.

mércores, 30 de novembro de 2016

MARTES DE CONTACONTOS CON RUBÉN

Resultado de imagen de libros de harry potterO noso segundo protagonista dos "Martes de contacontos" foi Rubén!!! Esta actividade, que comezou este curso o alumnado de 6º, inaugurouna Andrea a semana pasada. Hoxe tocoulle a Rubén Blanco Pereira, que se caracterizou do coñecidísimo Harry Potter para manter toda a nosa atención durante a "Hora de Ler" desta mañá.
Harry Potter é o protagonista dunha serie de novelas fantásticas escrita pola autora británica J. K. Rowling, considerada unha das sagas máis importantes da historia en canto ao número de lectores que ten. Tamén na nosa biblioteca podedes atopar algúns dos libros deste xoven aprendiz de maxia, tema que lle encanta tamén a Rubén.
Moitísimas grazas, Rubén!!! E NORABOA polo teu traballo!!! (Premede AQUÍ)

https://photos.google.com/album/AF1QipNGXEIdp8U-92omwor8rnIxpeC57cE92Q5qLFjl

venres, 25 de novembro de 2016

CONTACONTOS NA "HORA DE LER"


Resultado de imagen de pipi calzaslargas librosOnte comezaron as sesións de Contacontos a cargo do alumnado de 6º curso. A encargada de inaugurar a actividade foi Andrea Labandeira, quen fixo unha versión da historia da coñecidísima Pippi Calzaslargas (Pippi Långstrump). Este personaxe literario, creado pola escritora sueca Astrid Lindgren, caracterízase pola súa forza e por ter dúas mascotas que a acompañan nas incontables aventuras que vive: un cabalo de lunares e un mono tití. Orfa de nai, o seu pai é un pirata. Pippi tamén é moi imaxinativa e rebelde, e vive nunha casa moi peculiar. 
De todo isto nos falou Andrea, quen se caracterizou para a ocasión, como podedes ver nas seguintes imaxes (preme AQUÍ). O alumnado de Infantil, 1º e 2º de Primaria, desfrutou moitísimo desta "Hora de Ler", así coma o profesorado que o acompañou. Andrea, NORABOA!!!

https://photos.google.com/album/AF1QipO_CtsDluqGSsOeQxilVRaUVT7fHu9L3qE7hGH0

martes, 19 de abril de 2016

A VISITA DE MANUEL DE PADERNA

Esta semana estamos adicando algunhas das nosas actividades ao "Día do Libro", que se celebra o 23 de abril. Por este motivo, esta mañá visitou a nosa Biblioteca un personaxe moi especial, MANUEL DE PADERNA. Manuel traballa de barbeiro e de alguacil municipal pero, sobre todo, é poeta. O seu dominio da palabra fai parar as augas dos ríos, variar a situación dos mares, e mesmo abrollar as fontes ou curar as persoas!!! Ademais, vive en Outeiro de Rei, na Terra Chá (Lugo), e asegura ser mestre do gran poeta MANUEL MARÍA, a quen se lle adicará este ano o "Día das Letras Galegas", que vos parece? 
Foi todo un pracer compartir con Manuel unha viaxe chea de risas e poesías, que nos mantiveron a maiores e rapazas e rapaces enfeitizadas/os con este máxico personaxe.
Mirade que ben o pasamos:

mércores, 17 de xuño de 2015

ALEJANDRO, O NOSO DIRECTOR DE CINE MÁIS ESPECIAL

Alejandro é un rapaciño de 2º que nos fixo un dos agasallos máis emotivos deste curso: nada máis e nada menos que unha película!!! Xunto coa mestra Cris, nas clases de Audición e Linguaxe prepararon unha das historias que máis lle gustan a Alejandro: "Os tres porquiños". Xuntando imaxes sobre este conto por todos/as coñecido, Alejandro vai narrando os sucesos dos seus protagonistas. E como non podía ser doutro xeito, houbo unha presentación oficial desta creación na aula de 1º e 2º, onde todas as persoas asistentes nos emocionamos con este impresionante traballo!!! E para aquelas que non puidestes asistir, aquí tedes o vídeo do noso director de cine máis noviño. NORABOA A ALEJANDRO E A MESTRA CRIS!!!!

martes, 21 de abril de 2015

CANTANDO CON HÉCTOR LORENZO NA BIBLIOTECA

Desta maneira tan musical comezamos a semana do "Día do Libro". O guitarrista Héctor Lorenzo visitounos esta mañá, acompañado da súa guitarra e dun feixiño de poemas de Raúl Gómez Pato musicados por el mesmo. Foi un ratiño no que desfrutamos escoitando, acompañando con palmas ou xestos algunhas das cancións, e mesmo cantando!!! Ademais, Héctor agasallounos con algún bis, interpretando unha segunda vez algunha das cancións que máis nos engancharon.
Agradecemos moito a súa visita ao noso cole e esperamos volver compartir con el un ratiño de música.
Aquí podedes ver as fotos desta mañá:

domingo, 19 de abril de 2015

DÍA DO LIBRO 2015

Con motivo da celebración do Día do Libro, este curso preparamos unha semana cheíña de actividades.
Comezamos o luns cun contacontos a cargo de Héctor Lorenzo. Ese mesmo día, en 6º comezará a viaxar un conto creado por todos e todas vós. 
Tamén vos propoñemos ilustrar un marcapáxinas que expoñeremos o xoves. Ese día, o 23, faremos os apadriñamentos lectores na "hora de ler" e teremos algunha sorpresa relacionada co mundo do cinema.
Este é o cartel que elaboramos, cunha ilustración de Leandro Lamas, para unha semana moi especial dende a Biblioteca:

mércores, 11 de marzo de 2015

CONTACONTOS EN INGLÉS

Hoxe asistimos, en compañía tamén do profesorado e alumnado do cole de Pino de Val, a un contacontos moi especial na Picota. Realmente, era unha storyteller, xa que a rapaza encargada da actividade contounos todo en inglés! A profe Marina axudounos moito durante os días previos a este espectáculo e puidemos entendelo de marabilla!
O alumnado de 3º a 6º pasouno xenial coas historias dunha rapaza entusiasmada co mundo do circo. Para Infantil, 1º e 2º, as historias tiveron que ver co mundo do mar, e foron tamén moi divertidas. Ademais, algúns e algunhas de vós tivestes a sorte de poder transformarvos en músicos ou animais! Rimos, emocionámonos, cantamos, saltamos, bailamos... E aprendemos inglés!

A segunda parte da visita á Picota foi unha sorpresa cinematográfica, pero iso será un segredo que quedará entre nós...

Aquí van as fotos, que de seguro vos farán rir recordando as aventuras que nos contou esta marabillosa contacontos: 


mércores, 23 de abril de 2014

DÍA DO LIBRO 2014

Hoxe celebramos no noso cole o DÍA DO LIBRO.

Que como o celebramos?

Primeiro recibimos unha visita moi moi especial !!!

Recibimos na nosa bibloteca a FRAN REI integrante da compañía de clown "Os sete magníficos máis un", que veu a contarnos "A historia de Bracaflor" e a regalarnos algúns truquiños de maxia.
A Historia de Brancaflor é o primeiro espectáculo unipersonal de Os Sete Magníficos máis Un. Ademais, trátase da primeira incursión da compañía -con máis de dez de traxectoria profesional- na arte dos contacontos.
Baixo a dirección de Avelino González, nesta montaxe chegámonos á lenda popular de Brancaflor -filla do Demo- a partir da versión que Xosé Ramón Mariño Ferro recolleu na súa escolma de "Contos Marabillosos".  Unha trama chea de probas máxicas, encantamentos, romances e maleficios. Unha fermosa historia de amor entre Brancaflor e Xan á que se opón con decidida firmeza o malvado pai da rapaza. Como non podía ser doutro xeito, a narración vén ilustrada con diversos xogos de maxia, que reforzan a omprensión do conto e, sobre todo, fan máis atractivo o espectáculo. 
A Historia de Brancaflor, un conto máxico sobre a forza do amor.




Aquí queremos recomendarvos o libro no que Fran se inspirou para contarnos a historia de Brancaflor.
Trátase dunn libro titulado "Brancaflor" escrito por Xosé Ramón Mariño Ferro e publicado na Editorial Cumio.
Tamén o podedes atopar publicado na Editorial Algaida nunha versión escrita en castelán por A.R. Almodova na colección Cuentos de la Media Lunita.


Para rematar un día tan especial cheo de celebracións e festa entorno aos libros, volvemos a organizar unha actividade que levamos xa dous anos facendo nesta data: os APADRIÑAMENTOS LECTORES.

Lembramos, para os nosos seguidores, que os Apadriñamentos Lectores son unha actividade que consiste en que a metade do alumnado do cole (os de máis idade) se convirten en padriños e madriñas lectoras e a outra metade ( os máis pequenos) son os apadriñados. Así cada neno ou nena maior ten asinado un pequeno/a. Cada padriño debe escoller un libro na noa biblioteca que lle pareza adecuado para lerlle ao seu apadriñado. Prepara a lectura ao longo da semana e pode recibir asesoramento do seu titor/a para que lle axude a atopar a mellor maneira de contalo e dramatizalo.
Como o día non estaba moi bonito tivemos que organizar a actividade dentro das instalacións do colexio e así, cada rapaz escolleou o lugar do centro que mellor lle pareceu para lerlle ao seu apadriñado ou apadriñada.
Aquí tedes fotos da actividade:


luns, 6 de maio de 2013

Hoxe visitounos IGNACIO VILARIÑO

Hoxe, luns 6 de maio, recibimos a visita de IGNACIO VILARIÑO, escritor, actor, contacontos, guionista....na nosa biblioteca. Ignacio, autor de un dos libros cos que traballamos o curso pasado no tema dos bosques: Fábula Galénica e que lle pedimos que nos firmara aproveitando a súa visita, veu a facer algo que él fai moi ben: veu a contarnos os seus contos e fíxonos pasar un momento xenial. Aquí tedes as fotos da súa visita.


Grazas Ignacio, por esta tarde tan estupenda que nos fixeches pasar!!