Rematamos o mes de febreiro cun obradoiro-exposición sobre ciencia con Suso e Amparo, as persoas encargadas de "Ciencia en movemento" que amosaron aos rapaces e rapazas do centro algúns dos descubrimentos máis importantes da historia nos que tiveron moito que ver un bo número de mulleres que foron ignoradas inxustamente. Ao tempo que se amosaban e explicaban interesantes novidades, falamos de Hipatia de Alexandría, Ada Lovelace, Rosalind Franklin, Hedy Lamarr e as galegas María Wonenburger e Begoña Vila, entre outras.
Moitas grazas a Suso e Amparo por achegar este tema tan fascinante ás persoas que tal vez sexan científicas no futuro... En calquera caso, o importante é presentar ese coñecemento a todas as nenas e nenos!!!
Rosalía de Castro é unha das figuras máis importantes da nosa terra. O
24 de febreiro celebramos o seu día e lembramos todas as súas achegas, para o cal participamos nas actividades propostas pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e outras que estamos realizanndo ao longo desta semana.
Mentras non temos rematados todos os nosos traballos, quero compartir con vós hoxe un vídeo que realizaron no CEIP Pío X de Ourense, no que dobraron o orixinal de "TikTakDraw". Quedoulles así de ben e pareceume boa idea que puiderades velo tamén vós, así que aquí volo deixo:
O vindeiro 21 de febreiro celébrase o "Día Internacional da Lingua Materna". O galego non figura no cartel que a UNESCO deseñou para este 2021, como moitas outras linguas que, ao ser faladas por unha minoría, tampouco aparecen. Sen embargo, a Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura cre na importancia da diversidade cultural e lingüística para as sociedades sostibles, unha diversidade que cada vez se atopa máis ameazada, xa que son moitas as linguas que están desaparecendo (como promedio, unha cada dúas semanas).
Cal foi a primeira palabra que dixestes coa vosa voz? Seguramente moitas das persoas que nos lean dirán "mamá", "papá"... En 5º e 6ºcoñecen a un rapaciño que comezou a falar doutro xeito... Queredes coñecer a súa historia? Pois aquí vos deixo o seu vídeo, "A historia de Hikari", que gravaron en "Radio Rosiña" para compartir con todas vós:
Espero que vos guste moito e EN HORA BOA ás nenas e nenos de 5º e 6º!!!
Hoxe escríbovos para contarvos como celebramos o Entroido neste curso tan diferente... Xa que decidimos non disfrazarnos coma en anos anteriores, quixemos que o Meco presidira o corredor do colexio cos seus mandadiños, de tal xeito que nos fixera lembrar que esta é unha época para ver as cousas con algo de humor, que tamén é necesario. Se premedes sobre a imaxe, podedes ver todas as fotos que fixemos ao longo da semana.
O mércores, ademais, visitounos Pedro Brandariz, quen nos entretivo cunha sesión de "Contos Choqueiros" para todo o centro. Se premedes aquí veredes as fotos.
E, para despedir o Entroido, esta mañá queimamos o Meco despois do recreo, dando así por finalizada unha das festas tradicionais máis destacadas da nosa comunidade. Podedes ver as imaxes premendo aquí.
Como ben sabedes, celebramos o "Día Mundial da Radio" sumándonos ao equipo da Rede ESPORA, que tan bo traballo están a facer para que as Radios Escolares non deixen de soar. Desde o CEIP Víctor Sáenz queremos agradecer a todas as persoas que o fan posible, o seu esforzo e compromiso para que este medio de comunicación se integre dentro da actividade escolar. O programa que montaron para esta ocasión está listo e podedes escoitalo aquí:
Mañá, 13 de febreiro, celébrase o "Día Mundial da Radio". E nós, que tan orgullosas estamos da nosa Radio Rosiña, quixemos participar nesta conmemoración, para o cal nos sumamos á invitación da Rede Espora, o grupo de Escolas pola Radio co que colaboramos durante estes catro cursos que levamos dentro do proxecto "Radio na Biblio". Nesta ocasión, a proposta consistía en preguntar a unha persoa doutra xeración cal era o seu programa de radio favorito cando era neno/a e onde escoitaba a radio. Como a participación superou a petición realizada por Rede Espora, decidimos facer un programiña especial no que aparecen só as gravacións das familias do alumnado do centro, así que aquí volo presento. Queremos dar as grazas a todas as persoas que participastes, xa que deste xeito estamos colaborando a que a radio siga sendo un medio extraordinario para comunicarnos. Espero que pasedes un bo rato con este último podcast de Radio Rosiña!!!!
Hoxe, 11 de febreiro, celébrase o "Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia", proclamado pola Asemblea das Nacións Unidas no ano 2015, co fin de lograr o acceso e a participación na ciencia ás mulleres e ás nenas, que ao longo da historia viron a imposibilidade de adicarse a profesións relacionadas con este tema por consideralas apropiadas tan só para homes. Parácheste a pensar que pasaría se algún deses homes recoñecidos a nivel mundial pola súa contribución á ciencia fora unha muller? Tería o mesmo recoñecemento? Aparecería nos libros de texto?
A realidade é que houbo e hai moitas mulleres valentes que abriron ese camiño para as futuras xeracións, en traballos moi diferentes, entre os cales tamén se atopan os científicos. Foi e é tamén unha boa maneira de poñer en valor o galego como lingua científica, porque as nenas e mulleres galegas tamén poden facer ciencia.
E a vós, gustaríavos adicarvos no futuro á ciencia?
Animádevos a ver os enlaces que atoparedes sobre a imaxe ou premendo AQUÍ, mentras nas aulas imos traballando este tema que uniremos tamén ao do 8 de marzo, "Día da Muller". Entre estas dúas datas realizaremos un obradoiro no centro adicado ás mulleres na ciencia, que terá lugar o vindeiro 26 de febreiro.
"Que pasa na Costa" é un diario dixital que recolle as noticias da Costa da Morte. Hoxe publicaron un artigo no que falan do noso cole como un exemplo de adaptación á vida cultural virtual. E, como podedes imaxinar, baixo o titular recollen o vídeo que gravaron en 3º e 4º para "Rosiña TV". Tamén fixeron unha pequena entrevista a Xavier, o noso director, e o resumo desa conversa podedes lela no premendo AQUÍ. Non vola perdades!!!
Aquí chega o programa en "Radio Rosiña" adicado ao "Día da Paz", que celebramos o 29 de xaneiro. Debido a algúns problemas técnicos tivo que retrasar a súa emisión, pero penso que mereceu a pena, xa que as nenas e nenos de 5º e 6º esforzáronse moito para contárnolo así de ben!!! Esperamos que vos guste moito e EN HORA BOA!!!
Rematamos a primeira semana de febreiro cunha noticia estupenda: estrenamos canle de televisión!!! E facémolo nada máis e nada menos que da man dunhas auténticas profesionais: as persoas que forman parte do grupo de 3º e 4º de Primaria. E digo parte do grupo porque estes días fáltanos unha das nosas queridas rapaciñas, Uxía, a quen estamos desexando ver para que se incorpore a todas as actividades que estamos realizando. Pero sabemos que estará seguíndonos a través dos blogs e da páxina do cole, así que desde aquí lle enviamos unha aperta enorme e o noso desexo de que regrese connosco en breve.
Dito isto, aquí vos presento a primeira emisión de "Rosiña TV", cun programa sobre o tempo que presentan Luzdivina e Ismael, ademais das reporteiras Lucía e Alicia e os reporteiros Pablo, Ángel e Íker, ademais da explicación da experta meteoróloga Soraya e o especialista tamén en meteoroloxía Guille!!! Que vaian tomando nota na TVG...
Bos días!!! Hoxe, 2 de febreiro, o calendario sinala dúas datas ben fermosas: o Día da Candeloria e o Día Mundial das Zonas Húmidas. No cole non chegan as xornadas para adicar tempo a falar de todos os temas que consideramos interesantes facéndoos coincidir con estas celebracións, pero desde aquí podo contarvos algunhas cousiñas...
A Candeloria coincide coa metade do inverno, como afirma o dito popular "pola Candeloria, medio inverno vai fóra"; os días xa medraron e a natureza comeza a prepararse para a algarabía primaveral.
Hai tamén un refrán popular que di "a partir da Candeloria, ningunha ave voa soa", xa que neste mes regresan as aves migratorias, os cortexos anuncian novas niñadas, e as vodas son tan románticas que ben podería mudar o día do amor para esta data en lugar da adicada ao chamado Valentín, un crego romántico do século III. A ti que che parece?
En canto ás Zonas Húmidas, quería lembrarvos que son de grandísima importancia para a existencia da biodiversidade. Estas extensións de terra, inundadas de auga doce ou salgada, forman ecosistemas con nomes que seguramente coñezas: ríos, rías, lagos, lagoas, marismas, pantanos, etc. Estas zonas, nas que viven moitos animais e vexetais, regulan o ciclo da auga e o clima, ademais de aportarnos moitos recursos que melloran a nosa calidade de vida. Sen embargo, nos últimos anos desapareceron moitísimas zonas húmidas en todo o mundo.
A colombiana Martha Rojas Urrego fala sobre a súa importancia neste 2021:
Por suposto, tamén os paxariños necesitan destas zonas para vivir. Son moitas as aves migratorias que se deteñen nelas para descansar e alimentarse antes de continuar a súa viaxe, pero tamén as aves que permanecen todo o ano connosco precisan destas zonas. O mazarico é unha delas, que se alimenta grazas ao seu longo peteiro, que introduce nas zonas húmidas para extraer invertebrados de todo tipo.
Ola!!! Este título ao mellor vos confunde... Non pensedes que as nenas e nenos de 3º e 4º pasaron a noite en "Radio Rosiña"!!! O que fixeron foi investigar sobre un dos pintores máis destacados do chamado postimpresionismo, estilo caracterizado por darlle moito protagonismo á cor: VINCENT VAN GOGH. O cadro elixido para facer o traballo de investigación foi "A noite estrelada", por iso anunciei a entrada da noticia dese xeito.
Mural realizado en 3º e 4º sobre Van Gogh e "A noite estrelada".
Despois de buscar información na aula de informática, redactar o texto e facer un mural para expoñer, no que incluíron unha representación do cadro en equipos, quixeron contárnolo en "Radio Rosiña", así que aquí vai o novo programa deste fantástico grupo: