Amosando publicacións coa etiqueta magosto. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta magosto. Amosar todas as publicacións

luns, 15 de novembro de 2021

MAGOSTO 2021

Chegou o San Martiño, e con el a celebración do Magosto, unha das festas tradicionais máis bonitas do outono!!! Este curso, ademais de degustar as castañas, contamos tamén coa compañía de ANXO MOURE, un dos nosos contacontos preferidos!!! Anxo chegou ao cole na súa bici cargada de contos, e baixo o noso castiñeiro compartimos historias, cancións, poemas, sorrisos... Coma sempre, Anxo deu voz ás árbores do bosque, ás que debemos coidar, desfrutar e mesmo abrazar!!! Foi unha xornada ben fermosa, que tamén podedes lembrar a través das imaxes e algúns vídeos que fixemos. Premede nela para acceder ao enlace: 

Anxo e a súa ciclobiblioteca á sombra do castiñeiro.

 Rosiña

venres, 13 de novembro de 2020

CELEBRACIÓN DO MAGOSTO

Rematamos esta semana de novembro celebrando o MAGOSTO no cole. Aínda que tamén esta foi unha festa moi diferente, pasámolo moi ben xogando no patio e degustando un dos froitos máis característicos do outono: as CASTAÑAS!!!!

Podedes ver as fotos desta tardiña premendo AQUÍ.

Unha aperta,


 


luns, 11 de novembro de 2019

CELEBRAMOS O MAGOSTO

Este ano celebramos o Magosto nunha data moi fermosa, xa que coincidiu co San Martiño. Aínda que é o patrón de Ourense, en toda Galicia é coñecida esta celebración, e incluso ao mes de novembro se lle chama tamén "o mes do San Martiño". A cultura popular amósanos moitos refráns que fan referencia a el:
"Polo San Martiño, castañas e viño".
"Castañas, noces e viño fan a ledicia do San Martiño".
"Polo San Martiño, mata o teu porquiño".
"Polo San Martiño, a neve no fociño".
Hai moitos máis, pero como exemplo non está nada mal... Gustaríame atopar algún que fixera referencia ás aves, mais non o conseguín!!!! E por certo, o de matar o porquiño non me fai moito chiste a min, como comprenderedes...
E que fixemos no cole? Pois ademais de desfrutar dun bonito día nas clases, compartindo lecturas, actividades e outras cousiñas, pola tarde recibimos a visita do mago Benxamín, que nos mantivo moi entretidas a todas as persoas que nos reunimos na biblioteca, asombrándonos cos seus trucos e facéndonos rir en moitas ocasións. Ademais, solicitou a participación do público, e marabilláronnos tanto coma o propio mago: Puri, Martina, Joel, Alba, David... 
Puri e Martina abraiadas co truco de maxia que lles fixo o mago Antón en directo.
E despois de tanta diversión, baixamos ao patio para comer as castañas asadas, que con moito cariño nos prepararon as nosas cociñeiras Lourdes e Mariví.

As castañas compartímolas con todas as persoas que nos acompañaron nesta festa tradicional.
Premendo sobre as imaxes podedes ver as fotos desta xornada, na que ademais saíu o sol para que puideramos charlar e xogar como a nós nos gusta, verdade?

luns, 12 de novembro de 2018

MAGOSTO 2018

A chuvia non impediu que celebraramos unha das nosas festas preferidas: O MAGOSTO!!!! Así que este luns todas as persoas colaboramos no posible para facer desta xornada un momento de xuntanza no que compartimos tamén risas grazas a Dani Blanco, da compañía "As sircópatas". Durante a mañá as nenas e nenos de 5º e 6º encargáronse de preparar as castañas que ao mediodía asaron Lourdes e Mariví no comedor, mentras o profesorado facía cucuruchos para as mesmas. Despois do xantar, reunímonos na biblioteca, onde todas as persoas desfrutamos coa maxia e os malabares do noso convidado Dani, convertido no pallaso Rogelio, así como das persoas que saíron voluntarias para participar no seu espectáculo: Álvaro, Pablo, Marco, Luís e Candela. Ao rematar a actuación, baixamos ao patio para degustar este froito propio desta época do ano, convidando tamén a toda a comunidade educativa.
Coma sempre, aquí vos deixo as fotos desta xornada de festa!!! Premede sobre a imaxe para velas todas.

 https://photos.app.goo.gl/Tnx1Pv1oC8Gxrmf69
 

sábado, 11 de novembro de 2017

CELEBRAMOS O MAGOSTO

Pois a semana rematou coa festa do Magosto, como xa vos anunciaramos a comezo da semana. Nesta ocasión, para a celebración invitamos a todas as nais e pais do noso alumnado, así como avoas e avós, pero tamén ás rapaciñas e rapaces que xa remataron no cole e se atopan agora estudando no Instituto. Andrea, Nuria, Rubén, Álex, un gustazo vervos de novo aquí!!! Foi así como aumentamos o número de persoas que nos reunimos na Biblioteca do cole, para escoitar a Celso Fernández Sanmartín, un contacontos ao que temos moito cariño e que nos fixo pasar unha tarde moi agradable de risas, historias sorprendentes e cancións divertidísimas. Todo isto despois de comer un bo puñado de castañas asadas que prepararon as nosas estupendas cociñeiras Lourdes e Mariví, a quenes queremos agradecer ese esforzo. E tamén a Víctor, o noso conserxe, quen nos axudou a mover todo o mobiliario da biblioteca para facer máis acolledor o espazo no que recibimos a todas as persoas que se achegaron ao cole. 
E como estaredes desexando ver as fotos, podedes facelo premendo AQUÍ.
Para ver as imaxes da sesión de contacontos, premede AQUÍ, e os vídeos, AQUÍ.

xoves, 9 de novembro de 2017

VIDE CELEBRAR O MAGOSTO CON NÓS E CON...

Mañá celebramos o Magosto no cole, e queremos convidar ás familias do noso alumnado e ás antigas alumnas e alumnos para que veñan pasar unha tarde de contacontos na nosa biblioteca. Estará connosco Celso Fernández Sanmartín, un contador lalinense que xa estivera hai varios cursos no noso centro. Esperamos pasalo moi ben e recibir a compañía de todas aquelas persoas que poidan e queiran acompañarnos.
 

domingo, 13 de novembro de 2016

MAGOSTO 2016: MÚSICA, MAXIA E CASTAÑAS!!!

Pois si que foi especial o noso Magosto nesta ocasión: por un lado, coincidiu co Día de San Martiño, no que a cultura popular nos ensina refráns coma "polo San Martiño mata o teu porquiño" ou "polo San Martiño, deixa a auga e bebe o viño". E o certo é que neste mes de novembro, coñecido tamén como o mes de San Martiño e incluso Castañal (nas terras lucenses de Quiroga e O Incio), teñen lugar as últimas colleitas do ano, antes de que o frío do inverno faga que nos recollamos nos nosos fogares. Ademais dos cogomelos ou os primeiros grelos, chegan as castañas!!!
Este ano tamén no cole probamos unha nova maneira de celebralo. Xa que as previsións atmosféricas non eran moi favorables para asalas no patio, asáronnolas as cociñeiras Lourdes e Mariví na cociña. Moitísimas grazas!!! E xa que non habería xogos tradicionais ao aire libre, trouxemos unha actividade musical e máxica á vez: "A ilusión dun músico", no que o fantástico baixista ÁLVARO MURAS interpretaba temas curtos de diferentes estilos mentras un mago conseguía atraer toda a atención do público reunido na biblioteca do centro: cartas que desaparecían e volvían aparecer, papeis que se convertían en gorros e bolsos fermosos, cordas que semellaban ser de goma, etc. E o mellor de todo isto foi poder compartilo con todas as persoas que se sumaron á festiña: nais, pais, avoas, o grupiño de alumnas e alumnos que xa están no instituto e viñeron ata o cole (Tatiana, Martín, Rocío, Noelia, Érika, Uxía, Julia, Mario, Raúl, Samuel, Fran e Diego). Moitísimas grazas por vir!!! 
Premendo sobre a seguinte imaxe podedes ver todas as fotos.

https://goo.gl/photos/N67b2Gz1bxRxGtsy5

venres, 13 de novembro de 2015

MAGOSTO 2015

Rematamos a semana celebrando o Magosto!!! E ademais, da maneira que máis nos gusta: xogando!!! Noutras ocasións, debido ás condicións meteorolóxicas, non puidemos festexalo así, pero hoxe desfrutamos dunha fermosa tarde de sol que nos permitiu non só realizar os xogos que tiñamos preparados, senón tamén asar as castañas no patio do cole, cantar e bailar ou falar coas persoas que se achegaron ata o centro para compartir con nós a festa!!! 
Das castañas encargáronse Miguel e Rubén, quen nos botou unha man enorme e polo cal queremos agradecerlle a súa desinteresada axuda. Dos xogos, os mestres, repartindo as distintas zonas do patio para xogar aos birlos, ao balón-parella, á culler-castaña, aos ladrillos, etc. Despois de xogar cantamos, tocamos e comemos as castañas; exquisitas!!!
Aínda que, coma sempre que celebramos algunha festa ou data importante no cole, o mellor de todo é poder compartilo co resto da comunidade educativa, así que foi un pracer recibir a pais, nais, avoas..., ou mestras que nos deron unha grata sorpresa: Cruz e Rocío, grazas!!!
E, para que vexades que ben o pasamos, aquí van as fotos que puidemos facer:

luns, 11 de novembro de 2013

UN MAGOSTO CON MÚSICA, XOGOS E CASTAÑAS

Así foi como celebramos nesta ocasión unha das nosas festas preferidas: o MAGOSTO. 
Seleccionamos sete xogos tradicionais galegos nos que fomos participando en grupos e cos cales nos divertimos moitísimo! Mentras tanto, o noso conserxe Rubén, coa axuda dalgún pai dos meniños do cole, comezaban a asar as castañas. Ao seu fantástico arrecendo fóronse sumando tamén os/as convidados/as á celebración: nais, avoas, pais, acompañantes de autobús, condutores... Para todos cantamos e bailamos a canción "Arao" no patio do colexio. E despois de tanta actividade física xa era hora de probar as castañas, un dos froitos máis característicos desta época do ano. Que boas estaban!!!
Nas seguintes fotos podedes ver o ben que o pasamos:

sábado, 10 de novembro de 2012

CELEBRACIÓN DO MAGOSTO

Hoxe, venres 9 de novembro celebramos o Magosto no noso cole. Estaba unha tarde soleada e fantástica así que saímos ao patio a cantar e a bailar mentres se asaban as castañas. 
Tivemos a gran sorte de contar coa visita dun HOME ORQUESTA:          que nos fixo cantar e bailar como tolos toda a tarde. Pasámolo xenial e gustounos moito. Despois enchimos ben o bandullo de castañas asadas. Comimos tantas que xa non fixo falta merendar cando chegamos á casa. 
Tarde de festa estupenda!!!

domingo, 4 de decembro de 2011

MAGOSTO 2011

O primeiro de todo, pedirvos desculpas polo retraso. Estiven un pouquiño liada estas últimas semanas, pero agora xa están aquí as vosas fotos do Magosto. Este ano tivemos que comelas debaixo do patio cuberto porque o tempo non nos deu moita tregua. 
De paso que as vedes podedes ir cantando a canción que cantamos ese día ¿lembradela?
Titúlase "Arao" e é do disco Pelo Gato 24.
No vídeo tamén salen os nosos ex-alumnos de 6º do curso pasado que quixeron acercarse ao cole a disfrutar connosco do Magosto. Desde aquí enviámoslles un bico enorme e moitos ánimos para esa nova etapa da súa vida que comezaron en setembro.

domingo, 7 de novembro de 2010

TEMPO DE MAGOSTOS

Rematou o Samaín e agora adentrámonos no tempo dos Magostos: tempo de ir ao monte, buscar un souto e coller castañas; tempo de xuntarnos para asalas e comelas coa familia, cos amigos e cos veciños. Momentos especiais de charla e de carreiriñas para tisnarnos a cara uns aos outros cun cun puño de cinza.

E para celebralo pincha aquí para dunha recompilación de recursos para o Magosto.