Amosando publicacións coa etiqueta premios. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta premios. Amosar todas as publicacións

martes, 21 de xuño de 2022

RECOLLIDA DOS PREMIOS DO CONCURSO DE DEBUXO PICASSO

Esta tarde nove das nenas e nenos de 4º, 5º e 6º de Primaria viaxaron ata A Coruña para recoller os premios no VII Concurso de Debuxo Picasso, convocados pola Asociación de Prensa da cidade. O acto de entrega tivo lugar no Instituto Eusebio da Guarda, e estarán expostos na Casa Picasso ata o próximo 10 de xullo, en horario de visita de 11 a 13:30 e de 18 a 20 horas, de martes a sábado; e de 12 a 14 horas os domingos. No acto estiveron presentes o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a alcaldesa de A Coruña, Inés Rey, e a presidenta da Asociación da Prensa, Doda Vázquez. O alumnado do noso cole recibiu os tres primeiros premios na categoría de primaria; nas categorías de secundaria foron premiados estudantes de institutos de Culleredo, Narón, Laracha e Santiago de Compostela. Ademais concedéronse tamén 19 accésits, dous deles tamén para o noso cole. 

As nenas e nenos dos debuxos premiados foron acompañadas/os das súas nais e a mestra de plástica.
 

En hora boa a todas as persoas que participastes e, por suposto, ás gañadoras!!! Desfrutade moito do premio pero, sobre todo, non deixedes de expresarvos a través do debuxo e da pintura, xa que os seus beneficios van moito máis alá dun premio: para comunicarse, para aumentar a nosa capacidade de concentración, a nosa sensibilidade e creatividade, reducimos o estrés... 

Unha aperta,

Rosiña

venres, 17 de xuño de 2022

CONCURSO PICASSO

Hoxe escríbovos para contarvos unha noticia que recibimos esta semana no cole. Como sabedes, ao longo do curso realizamos algunhas actividades que nos ofertan outros colectivos, asociacións, etc. Algunhas desas propostas tamén inclúen concursos nos que en ocasións participamos. Así sucedeu este curso, cando recibimos as bases para participar no VII Concurso de Debuxo Picasso (convocado pola Asociación da Prensa), dirixido ao alumnado de 3º a 6º de Primaria. Como a todas as persoas destes grupos lles encanta este artista, non dubidaron en intentalo, e parece que os astros se puxeron de acordo para conceder os tres primeiros premios ao alumnado do noso centro, ademais de dous accésit!! Por este motivo, o vindeiro martes, as nenas e nenos ás que lles concederon un premio, irán ata A Coruña para recollelo: Alicia, Íker, Guille, Paula, Mai, Ángel, Xoel, Soraya e Aroa, así como as súas familias e algunha mestra ou mestre. 
Pero tamén vos quero dicir que todos os traballos presentados merecen un forte aplauso e a felicitación para as súas autoras e autores, xa que foron moi ben valorados polo xurado do citado concurso, e así nolo transmitiron telefonicamente. 
E para que poidades desfrutar de todas estas creacións, premendo AQUÍ podedes velas todas.
Unha aperta para todas,
Rosiña



martes, 23 de novembro de 2021

HISTORIAS DE MEDO EN RADIO ROSIÑA

Ola, rapaciños e rapaciñas!!!

Hoxe escríbovos para comunicarvos que xa comezamos a emitir dende a nosa radio: "Radio Rosiña". Estamos moi contentas de que os podcasts inicien a súa viaxe ata os vosos fogares, as vosas familias, a outras persoas da contorna e mesmo fóra dela, porque o bo das ondas radiofónicas é que poden chegar a un montón de lugares...

O primeiro deles é a historia que gravaron na aula de 5 anos de Educación Infantil, para a cal crearon tamén unha canción que cantaron no comedor o día da entrega de premios. Escoitade este conto tan orixinal:


O segundo podcast pertence a Luzdivina, quen gañou o premio na aula de 3º e 4º de Primaria. Queredes escoitala?


E aquí tedes o que redactaron conxuntamente en 1º e 2º, e que podedes escoitar no seguinte enlace:

Apertas, 

Rosiña


martes, 2 de novembro de 2021

SAMAÍN 2021

O último venres de outubro celebramos a primeira grande festa do curso: o Samaín!!! Sei que o pasastes en grande, e para o cal tamén vos esforzastes moito en redactar unhas historias de medo moi interesantes, así como de amosar a vosa capacidade creativa na transformación de cabazas en cousas tan curiosas como caveiras, seres fantásticos, fondos de constelacións ou soles do sistema solar. Este foi o tema que máis inspirou a todas as familias, pero non había ningunha igualiña a outra, polo que o corredor converteuse durante esa semana nun espazo de orixinalidade, cor, algo de medo e moita ilusión!!!

Moitas das nenas e nenos do cole viñeron vestidas para a ocasión.

O venres, durante a mañá, fixemos varias actividades que vos conto brevemente. Premendo sobre as imaxes podedes ver todas as fotos e outros documentos que resumen en que consistiu cada unha:

-Entregouse a Guía de Lectura do Samaín a todo o alumnado.

-Realizamos os petiscos terroríficos nas nosas aulas, que degustamos antes do recreo. 

Nas aulas de Infantil cociñaron con arañas na cabeza!

-Celebramos uns obradoiros coa Compañía Dinamo, que organizou xogos populares adaptados ao Samaín para todas as nenas e nenos do cole.

Ademais de pasalo xenial, os xogos esixían concentración!
 -Ao mediodía entregamos os premios ás Historias de Medo, momento no cal tamén o grupo de Infantil de 5 anos se animou a cantar unha canción sobre a historia que crearon coa profe Patri. Premendo sobre cada título podedes ler a historia premiada nas diferentes categorías, ademais do resto de relatos presentados.

As persoas premiadas coas súas cabazas.

-O resto das cabazas presentadas podedes velas premendo aquí.

-Pola tarde aproveitamos para realizar actividades nas aulas relacionadas con esta festividade.

Espero que o pasarades tan ben coma min!!!!

Unha aperta,

Rosiña

luns, 21 de decembro de 2020

POSTAIS PREMIADAS NO NADAL 2020

Hoxe entregamos os premios ás postais gañadoras no "Concurso de postais de Nadal 2020". Xa que este curso non as tivemos expostas tantos días como en anteriores edicións, é posible que non vos lembredes dos deseños que crearon as vosas compañeiras e compañeiros. Por iso xunto aquí a recollida do premio coa postal:


A verdade é que tivo que ser moi complicado decidirse por unhas ou outras, xa que todas estaban moi ben e son un bo exemplo da vosa creatividade e bo facer, así que en hora boa a todas as persoas por participar!!!!

Se queredes ver todas as fotos premede AQUÍ.


 

sábado, 31 de outubro de 2020

CELEBRACIÓN DO SAMAÍN 2020

O venres, 30 de outubro, celebramos o Samaín no cole. É certo que foi moi diferente aos que adoitabamos facer, pero aínda así mereceu a pena adicar unha xornada a unha das festas que máis nos gustan. 

Durante a mañá, nas diferentes aulas léronse, contáronse e/ou proxectáronse historias relacionadas co medo, realizamos un obradoiro de música e preparamos petiscos terroríficos que degustamos antes do recreo. Tamén se fixeron actividades de plástica, que ao igual que as anteriores, desenvolvéronse nas aulas de cada grupo, mantendo así os agrupamentos estables de convivencia...

Ao mediodía, antes de xantar, entregáronse os premios ás cabazas máis votadas por todo o alumnado, e tamén aos relatos de medo que presentastes á décima edición deste concurso. En canto ás cabazas, alegreime moito ao comprobar que a participación foi moi alta, e adicastes parte do voso tempo coa familia para decorar unha que fotografastes e enviastes para o concurso. Moitísimas grazas!!! De todas elas, as que máis votos recibiron foron, en primeiro lugar, a de Alicia Alvite Ramos (3º de Primaria), en segundo a de Sofía Mourelle San Martín (Educación Infantil-4 anos) e o terceiro foi para a de Sara Labandeira Gerpe (5º de Primaria). Así de contentas recolleron os seus premios:

Alicia recolleu o 1º premio no Concurso de Cabazas.

A cabaza de Sofía gañou o 2º premio.

Sara recibiu tamén moitos votos e gañou o 3º premio.

Houbo tamén unha "Mención de honra" para a cabaza presentada por Daniel Ínsua Moldes (1º de Primaria). Ao ser unha das máis votadas tamén tería que estar entre as premiadas, pero como sabedes intentamos que cada ano leven premio persoas diferentes, pero cando o éxito é tan grande, consideramos que era xusto telo en conta, polo que se lle fixo entrega dun diploma e un agasallo. Dani non puido acompañarnos nesta xornada, pero a súa titora recolleu o premio que lle entregará en canto regrese!!!

A profe Sonia recolleu o premio de Dani.
 

A continuación, entregáronse os premios aos relatos. En Infantil presentaron un conto en cada aula, polo que obtiveron dous diplomas e dous agasallos: un para Educación Infantil de 3 e 4 anos, e outro para Educación Infantil de 4 e 5 anos. Premendo sobre a imaxe podedes descubrir as súas terroríficas historias!

O conto da aula de 3 e 4 anos leva por título "Unha tarde de medo no cole".

"A bruxa acabada" foi o título do conto que presentou a aula de 4 e 5 anos.

En canto a Educación Primaria, outorgáronse catro premios: 

Na aula de 1º e 2º, Olalla Suárez Grille

En 3º e 4º, Íker Freire Cambeiro

En 5º e 6º, o premio foi para Brais Carreira Antelo.


Tamén se concedeu un "Premio Especial" a Alejandro Villar Negreira, quen presentou unha historia creada por el na aula de P.T.

Estas historias está previsto gravalas en "Radio Rosiña" para compartilas con todas as persoas que nos sigan a través das ondas, así que estade moi atentas!!!! Mentras tanto, podedes lelas premendo AQUÍ.

Para ver as fotos que fixemos durante a xornada, só tedes que premer AQUÍ.

No seguinte vídeo podedes ver as cabazas presentadas a concurso e as súas creadoras:

Apertas,





xoves, 19 de decembro de 2019

POSTAIS DE NADAL 2019

Como cada ano, no cole convocamos o concurso de postais de Nadal. Nesta ocasión, a maioría de vós elixistes un paxariño para desexarnos unhas boas festas e un feliz 2020, e quedaron verdadeiramente bonitas. De todas elas, a que máis votos recibiu foi a de Luzdivina, polo que se imprimiu para enviar a todas as familias e tamén para publicar nas nosas páxinas de internet. Polo tanto, este Nadal lembrarémolo todas polo fermoso moucho que deseñou esta rapaciña de 2º de Primaria. Noraboa, Luz!!! Pero hai que felicitar tamén a todas as nenas e nenos que participaron, así como as que foron elixidas en cada grupo: as de Linh e Carla en Infantil; a de Sara en 4º de Primaria e a de Paula Barcia en 6º de Primaria.

Linh e Carla amosando as súas postais coas mestras Puri e Patri.

 
Sara e Paula tamén amosaron as súas postais.
Luzdivina coa profe Sonia tamén sorriron coa postal gañadora.

A postal de Luzdivina foi enviada para felicitar o Nadal a todas as familias.
A entrega de premios realizouse no comedor escolar, e podedes ver as fotos premendo aquí.
E como todas e todos fixestes unhas postais moi fermosas, pensei que eran merecedoras de ser amosadas ao mundo enteiro, así que se premedes AQUÍ podedes velas. Atopa todo o mundo a súa?  Descubriredes tamén as aves preferidas das nenas e nenos do cole: pingüíns, pombas, ouriolos, cardeais, etc.

NORABOA A TODAS e BO NADAL PARA TODAS!!!!


domingo, 19 de maio de 2019

PODCAST DA RADIO GALEGA

OLA!!! Non sei se puidestes escoitar o programa "Diario Cultural" da Radio Galega o pasado 17 de maio... Eu escoiteino e emocioneime moitísimo pensando que moitas das persoas implicadas no traballo de "Radio Rosiña" e da biblioteca do cole estarían moi atentas ao que soaba a través das ondas. E non falo só da xente que está este curso no cole, xa que esta aventura comezou o ano pasado, así que hai varias persoas que deixaron unha pegada importante nela: a sintonía gravárona os grupos de ukelele e guitarra co profe Óscar, manexamos o equipo técnico grazas ás horas de formación que adicaron Javier Prado e Luís Losada (RedEspora), etc. E, por suposto, moitas grazas á Asesoría de Bibliotecas Escolares, que con esta iniciativa ampliou as linguaxes presentes na biblioteca, axudando a promover a expresión oral e o traballo colaborativo, entre outras moitas cousas!

Que bonito ademais que gañemos un concurso cun paxariño de cabeceira... NORABOA unha vez máis ás nenas e nenos de Infantil e á mestra Patricia. Tamén ao resto de colexios que participaron e obtiveron premio coma nós, porque seguro que nos aportarán ideas moi interesantes. Deixo aquí o enlace ao podcast para todas aquelas persoas que queiran escoitalo por primeira, segunda ou vixésima vez!!!



xoves, 16 de maio de 2019

MAÑÁ SAÍMOS NA RADIO GALEGA

Hoxe non temos cole, xa que é un dos días que a Consellería nos concedeu como non lectivos, pero teño que darvos unha noticia moi importante: MAÑÁ SAÍMOS NA RADIO GALEGA!!!! Bueno, sae o programa "O mazarico", que fixeron as nenas e nenos de Infantil en Radio Rosiña e que gañou un dos premios no I Concurso de Podcasts-Radio na Biblio. Imaxino que todas as persoas que nos seguen xa o escoitaron, pero na Radio Galega vai ser a primeira vez que o retransmitan, así que se non queredes perdelo, sintonizade a emisora e estade moi atentas ao "Diario Cultural" de mañá, 17 de maio, ás 14:45. O programa, adicado ao Día das Letras Galegas, falará do concurso, entrevistará a persoas que coordinan a biblioteca de diferentes coles e emitirán os programas gañadores. Podedes ler a noticia da emisión premendo AQUÍ.
Apertas!!!