Amosando publicacións coa etiqueta turismo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta turismo. Amosar todas as publicacións

luns, 18 de xuño de 2018

XORNADA DE CONVIVENCIA 2018

Vaia xornada tan estupenda a do venres!!! Tivestes un día espectacular, desfrutastes moito das actividades que fixestes e da compañía de todas as persoas que vos acompañaron...Unha mágoa que algunhas non puideran ir convosco, pero por suposto lembrástesvos moito delas e por iso tamén quero contarlles todo o que fixestes nesta xornada de convivencia tan turística...
En bus viaxastes ata O Grove, onde ás 12 subistes nun catamarán no que fixestes un percorrido pola Ría de unha hora de duración. Navegar polo mar mentras falabades, escoitabades ás persoas da empresa contándovos en que consistía o traballo das bateas en canto ao cultivo dos mexillóns, das vieiras e ostras foi unha experiencia única. Ademais, puidestes tamén bailar un pouco e degustar uns mexillóns exquisitos!!! 
Despois visitastes o Acuario, no que puidestes ver diferentes tipos de peixes ao tempo que vos ían contando algunhas das características de diferentes zonas de Galicia en canto aos ecosistemas marítimos.

E por último, o xantar. Para iso viaxastes ata a Illa da Toxa, e nun parque ben fermoso aproveitastes para comer, falar, xogar, etc. Despois da comida algunhas persoas animáronse a visitar a Aldea Grobit, e pouco máis tempo quedou, xa que tocaba regresar de novo a San Cosme.
Pasástelo xenial e no cole queremos agradecer a todas as persoas que axudaron a que todo saíra así de ben!!!!
Como estaredes ansiosos/as por ver as fotos, premendo AQUÍ podesdes acceder a elas!!!



venres, 8 de xuño de 2018

OS PROXECTOS DOCUMENTAIS

Pois xa están aquí os Proxectos Documentais que fostes realizando ao longo deste curso... A través de "O mundo é máis lindo lendo" descubrimos que o turismo non consiste só en ir tomar o sol a unha praia, visitar museos ou facer fotografías diante de monumentos importantes... Hai moitas maneiras de viaxar e coñecer novos lugares, pero o importante é que sexamos responsables e que o impacto que causamos como turistas sexan o menos prexudicial posible: o respeto ao medio ambiente, ás comunidades que visitamos, o coidado dos bens considerados patrimonio, etc., teñen que estar por diante de todo!!! 
Queredes ver en que andiveron inmersos os diferentes grupos do cole? Pois aquí vos deixo os seus traballiños; seguro que léndoos aprendedes moitísimas cousas interesantes!
Empezamos co de Educación Infantil. Aquí levan moitos días de viaxe, percorrendo o mundo con Míster Fogg, o personaxe de "A volta ao mundo en 80 días". E o título deste coñecido libro de Julio Verne é tamén o do seu proxecto, no que nos amosan cousas que descubriron de Londres, Exipto, a India, a China, Xapón e Nova York!!! Creo que lles levou máis de 80 días, pero a volta dérona!!! NORABOA!!!


 
En 1º e 2º de Primaria centráronse na gastronomía como parte do noso patrimonio inmaterial, e para o seu proxecto elixiron unha das receitas máis características do noso concello: o bolo do pote. Ademais, este curso invitáronos a participar no programa do "Bolo miúdo", celebrado na Casa da Cultura de A Picota, onde tamén tiveron a oportunidade de elaborar este prato tradicional e mesmo de saír na tele. Un grupo de artistas!!! NORABOA por este bonito traballo: "O Bolo do Pote"!!!



En 3º e 4º probaron un montón de maneiras de viaxar, así que decidiron presentar un proxecto titulado "Os medios de transporte". NORABOA, rapaces e rapazas!!!



En 5º e 6º fixeron dous proxectos. O primeiro deles, nas clases de Lengua Castellana e Inglés, que titularon "Destino: Londres". Nel preparan unha viaxe para pasar uns días na capital do Reino Unido, con hotel incluído!!! Animádevos que xa nolo dan todo feito!!!



O segundo fixérono nas clases de Lingua Galega. Este ano o "Día das Letras Galegas" estivo adicado a María Victoria Moreno. A súa vila natal compartía con Mazaricos algo moi relacionado con isto do turismo, os dólmenes, así que decidiron unir a información de ámbolos dous lugares neste traballo que titularon "Unha ponte entre Mazaricos e Valencia de Alcántara".



NORABOA polos vosos traballos!!!

 

mércores, 11 de abril de 2018

ENQUISAS NO CAMIÑO DE SANTIAGO

Como ben sabedes, o Camiño de Santiago a Fisterra pasa polo concello de Mazaricos. E na parroquia de Santa Mariña hai dous albergues moi ligados ao noso centro, xa que pertencen a dúas familias que aquí teñen escolarizadas ás súas rapaciñas: Paula e Carla. Foi este o motivo polo que, unido ao Proxecto Documental sobre o turismo que propuxemos desde a Biblioteca, así como o Plan Proxecta no que tamén estamos inscritos, o que nos motivou a elaborar unhas enquisas para que cubriran todas as persoas que fan o Camiño ata o fin da terra. Entregámolas antes da Semana Santa e xa temos unha grande parte delas cubertas. Todo isto foi posible grazas á colaboración das mencionadas familias e aos peregrinos que, desinteresadamente, adicaron un ratiño do seu tempo a cubrilas. A todas elas, MOITÍSIMAS GRAZAS!!!

Se queredes saber as preguntas que lles fixemos, aquí vos deixamos a que está en galego:



Pero tamén as fixemos noutros idiomas, xa que as persoas que fan o Camiño veñen de lugares moi diferentes. Premendo sobre os diferentes idiomas, podedes lelas en castelán, en inglés e tamén en francés.



martes, 5 de decembro de 2017

UN PROXECTO MÁIS: "MIRANDO POLO CAMIÑO"

"Mirando polo camiño" é o título da modalidade na que nos inscribimos dentro do Plan Proxecta, unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que desenvolvan as competencias clave como eixe do currículo e os elementos transversais, nos cales se inclúe a educación en valores.
O noso centro foi un dos 9 seleccionados  para participar nesta modalidade, que solicitamos tendo en conta tamén o proxecto "O mundo é máis lindo lendo" que propuxemos desde a Biblioteca para este curso. Xa que a temática central será o turismo e o patrimonio etnográfico da nosa comunidade, que mellor que incluír o Camiño de Santiago coma unha parte do noso traballo!!!

A través deste programa, preténdese traballar co alumnado sobre o patrimonio cultural, literario e lingüístico vinculado ao tramo do Camiño de Santiago no que se sitúa o noso cole: o Camiño de Fisterra.

luns, 23 de outubro de 2017

O CAMIÑO DE SANTIAGO CUMPRE 30 ANOS

Hoxe, 23 de outubro, o Camiño de Santiago de Compostela está de cumpreanos: hai 30 anos que se nomeu como Primeiro Itinerario Cultural Europeo. Este curso, no que queremos centrar os nosos proxectos de investigación sobre o turismo e o patrimonio cultural da nosa comunidade, pensamos que é esta unha noticia a ter en conta, xa que o Camiño de Santiago foi, e segue sendo, a ruta máis antiga, concurrida e celebrada do continente europeo, e unha das maneiras elixidas por moitas persoas para chegar a Galicia.
Hai, ademais, diferentes rutas para facer o Camiño, e mesmo unha prolongación do mesmo que nos leva a Muxía e Fisterra e que pasa polo concello de Mazaricos: As Maroñas, Santa Mariña ou Lago son algunhas das poboacións que atravesan as persoas que realizan esta ruta.




venres, 22 de setembro de 2017

DAMOS A BENVIDA AO OUTONO

Hoxe remata o verán, e eu tamén quero sumarme á celebración do equinoccio de outono presentándovos o tema do proxecto deste curso!!! Deixei a carta que escribín nas vosas aulas, porque non me deu tempo a chegar antes de que marcharades para o comedor. Espero que vos guste moito e que vaiades pensando un slogan para que a semana que vén decidamos cal é o que máis nos gusta. 
Déixovos tamén aquí a carta!!!
Unha aperta enorme e boa fin de semana a todas!!!