A actividade desta xornada tamén estivo centrada nas mulleres, nesta ocasión relacionándoa tamén co proxecto deste curso. Por ese motivo, contactamos con Josefina Ling, unha experta en astronomía. Josefina estivo contándolle ao alumnado do cole como comezou a interesarse por este tema tan fascinante e explicándolles en que consistía o seu traballo no Observatorio Astronómico Ramón María Aller (Santiago de Compostela), centrado na observación das estrelas dobres. Confesounos a súa emoción cando descubriu unha destas estrelas, na constelación de Casiopea, que agora leva o seu nome: Ling 1. Falounos tamén dalgunhas das vidas de grandes astrónomas, como Carolina Herschel, Jocelyn Bell ou a galega Antonia Ferrín Moreiras, que forman parte da exposición que podedes visitar no noso cole durante esta semana, que foi coordinada pola propia Josefina Ling.
Ao final, o alumnado de 3º a 6º de Primaria tamén puido facerlle unha pequena
entrevista para realizar un programa de radio adicado a esta importante muller que tivemos a sorte de coñecer.
Moitísimas grazas, Josefina, polo teu traballo e pola túa amabilidade con todas as persoas que compartimos esta mañá contigo!!!Premendo sobre a imaxe podedes ver o resto das fotografías.
Unha aperta,
Rosiña