mércores, 30 de abril de 2014

O MERLIN DOS QUINQUILLÁNS

Hoxe, 30 de abril, todos os rapaces e rapazas do colexio asistimos xunto cos nosos compañeiros do CEIP Plurilingüe e o CPI  da Picota a unha representación teatral da Compañía Teatral OS QUINQUILLÁNS na Casa da  Cultura da Picota.

Tratábase da obra titulada Merlín escrita por Lucho Penabade e dirixida por el mesmo xunto con Tero Rodríguez.
Os actores son Pepe Soto, Tero Rodríguez, Inacio Vilariño e Luco Penabade.

FURAVENTOS arriba a súa dorna na praia das Tebras sen sospeitar que está en Avalón,a mítica illa onde, grazas ás mazás da inmortalidade, MERLÍN, MORGANA e o rei ARTUR llevan vivindo mil cincocentos anos.
O noso intrépido FURAVENTOS terá que sortear moitos atrancos porque en Avalón nunca se sabe o que pode ocorrer.

Aquí tedes as fotos da nosa cita teatral.
Pasámolo en grande!!!



En Avalón non hai farmacias, nin hospitais, nin tarxetas sanitarias.. Ante todo, os habitantes de Ávalon
tratann de coidarse previndo as enfermidades: non collendo fríos, quitándose a roupa húmida despois de suar, bebendo moita auga, comendo de todo e ás súas horas, durmindo o que lles fai falta...
Ainda así enferman e claro, Morgana é a que se encarga de curalos, grazas aos remedios que aprendeu dos seus antepasados e grazas tamén a todas as riquezas que a natureza nos ofrece. Como este ano estamos traballando sobre o tema da gastronomía PROXECTO PAPACONTOS ZAMPALIBROS, y estes remedios están directamente relacionados con ela, aquí vos deixamos algunhas dan cousas que nunca faltan na botica de Morgana:

  • AUGA DO MAR, o mellor para lavar e axudar a cicatrizar as feridas. Morgana acostuma a dicir “Sal mariña, non hai mellor menciña”
  • TEA DE ARAÑA, si, si... das que están por detrás dos mobles, e entre as lámpadas... Morgana envolve as feridas con esa tea de araña e para de sangrar.
  • ALLO, para as picaduras de bichiños pequenos, mosquitos, moscas... Morgana corta un allo pola metade, refrega na picadura e... marcha o comechón rapidamente. Ela recomenda non rañar, que canto máis se raña máis proe. Tamén é bo comer allo cru para baixar o colesterol, aínda que o mellor para isto é tomar cousas sans, poucas lambetadas e poucos bolos deses envoltos en plástico...
  • CEBOLA, fantástica para combater a conxestión e o catarro que non deixan durmir pola noite. Cando Merlín ten moita tos ou ten o nariz tapado, Morgana mándalle picar cebola e poñela nun pratiño na mesiña de noite, perto da almofada. Cando Merlín fai isto durme coma un leirón!
  • OUREGO, falamos dese mesmo ourego que se lle bota ás pizzas. Se tomades unha infusión de ourego acabaredes cos catarros e coas afonías máis persistentes. Fervedes auga, botádeslle unha culleriña de ourego, deixádelo repousar cinco minutos, coládelo, botádeslle unha culleriña de mel á auga, bebédela... e uhmm! Non hai tos que resista!
  • CLARA DE OVO, moi bo para as queimaduras superficiais. Simplemente hai que botar a clara enriba da queimadura.
  • ESTRUGA ou ORTIGA. Esta é unha planta que estades fartos de ver polos camiños e que seguro que lle tendes moito medo, pero que é boísima para moitas cousas, tanto se pode tomar por dentro coma por fóra. Cocéndoa en auga e bebendo a infusión ou coméndoa nun revolto con ovo, axuda a medrar porque ten moito calcio e moitísimo ferro. Ao mesmo tempo é diurética, por iso baixa o ácido úrico. A auga de ferver as estrugas tamén se pode usar para lavar a cabeza, deixa o pelo limpísimo e sen caspa. E se hai dor de costas, unhas freguiñas con esta auga e estades curados. A estruga é tan útil, tan útil, que a natureza púxolle uns peliños nas follas para que piquen a quen as queira arrincar. As estrugas só queren ser recollidas por aqueles que saiban valorar as súas propiedades. Se queredes collelas, cunhas luvas e con moito coidadiño.
  • MENTA. Se vos picades cunha estruga, non vos preocupedes, a natureza, que é sabia e moi boa, tamén vos dá remedio. Colledes un pouquiño de menta, que seguro que hai por alí cerca, e refregádela na picadura. Veredes que rápido pasa.
  • MAZÁ. Crúa, asada, cocida, en zume, en vinagres, para facer sidra... É a menciña máis apreciada polos habitantes de Avalón: comer unha mazá axuda a lavar os dentes cando non se ten cepillo a man, facilita a dixestión e contribúe a baixar o colesterol e a adelgazar porque é diurética e depurativa. O seu vinagre úsase para eliminar os fungos dos pes, e para fortalecer as uñas e evitar que rompan. Tamén se usa como desodorizante, aplicándoo nas axilas ou nos pés. Pero Merlín, Morgana e Artur tamén aprecian as mazás porque din que son elas as que lles conceden a inmortalidade. n Avalón hai moitos tipos de mazás Marafouzas, Tres en cunca, Roxa de Xullo, Camoesa, Arriscada, Pel de sapo, Ramona...

mércores, 23 de abril de 2014

DÍA DO LIBRO 2014

Hoxe celebramos no noso cole o DÍA DO LIBRO.

Que como o celebramos?

Primeiro recibimos unha visita moi moi especial !!!

Recibimos na nosa bibloteca a FRAN REI integrante da compañía de clown "Os sete magníficos máis un", que veu a contarnos "A historia de Bracaflor" e a regalarnos algúns truquiños de maxia.
A Historia de Brancaflor é o primeiro espectáculo unipersonal de Os Sete Magníficos máis Un. Ademais, trátase da primeira incursión da compañía -con máis de dez de traxectoria profesional- na arte dos contacontos.
Baixo a dirección de Avelino González, nesta montaxe chegámonos á lenda popular de Brancaflor -filla do Demo- a partir da versión que Xosé Ramón Mariño Ferro recolleu na súa escolma de "Contos Marabillosos".  Unha trama chea de probas máxicas, encantamentos, romances e maleficios. Unha fermosa historia de amor entre Brancaflor e Xan á que se opón con decidida firmeza o malvado pai da rapaza. Como non podía ser doutro xeito, a narración vén ilustrada con diversos xogos de maxia, que reforzan a omprensión do conto e, sobre todo, fan máis atractivo o espectáculo. 
A Historia de Brancaflor, un conto máxico sobre a forza do amor.




Aquí queremos recomendarvos o libro no que Fran se inspirou para contarnos a historia de Brancaflor.
Trátase dunn libro titulado "Brancaflor" escrito por Xosé Ramón Mariño Ferro e publicado na Editorial Cumio.
Tamén o podedes atopar publicado na Editorial Algaida nunha versión escrita en castelán por A.R. Almodova na colección Cuentos de la Media Lunita.


Para rematar un día tan especial cheo de celebracións e festa entorno aos libros, volvemos a organizar unha actividade que levamos xa dous anos facendo nesta data: os APADRIÑAMENTOS LECTORES.

Lembramos, para os nosos seguidores, que os Apadriñamentos Lectores son unha actividade que consiste en que a metade do alumnado do cole (os de máis idade) se convirten en padriños e madriñas lectoras e a outra metade ( os máis pequenos) son os apadriñados. Así cada neno ou nena maior ten asinado un pequeno/a. Cada padriño debe escoller un libro na noa biblioteca que lle pareza adecuado para lerlle ao seu apadriñado. Prepara a lectura ao longo da semana e pode recibir asesoramento do seu titor/a para que lle axude a atopar a mellor maneira de contalo e dramatizalo.
Como o día non estaba moi bonito tivemos que organizar a actividade dentro das instalacións do colexio e así, cada rapaz escolleou o lugar do centro que mellor lle pareceu para lerlle ao seu apadriñado ou apadriñada.
Aquí tedes fotos da actividade:


venres, 4 de abril de 2014

VISITAMOS SANTIAGO: ARTE E MÚSICA

Hoxe, venres 4 de abril, viaxamos e pasamos o día en Santiago, onde participamos en diversas actividades. 

  • As 11 chegamos ao Auditorio de Galicia onde realizamos unha visita guiada á exposición dunha mostra de 46 traballos plásticos seleccionados por un xurado de entre todos os presentados ao Premio Auditorio de Galicia para Novos Artistas.

  • As 12 asistimos ao concerto "Manifestacións Musicais Lúdicas: Ultreia e a tradición Galega". O Obradoiro de Cultura Tradicional Ultreia realiza un percorrido practicamente exhaustivo por todos aqueles instrumentos que o pobo galego ten empregado na súa música tradicional, procurando sempre non sacar os instrumentos e as manifestación do seu contexto orixinal para que se poida comprender con facilidade cal é, ou cal foi, o papel que cada manifestación ou instrumento musical desenvolvía na nosa cultura. A través do coñecemento dos nosos instrumentos de música poderemos afondar un pouco máis na cultura dos nosos devanceiros, unha herdanza, que nos chega dende a máis profunda escuridade dos tempos.  

  • As 13:15 o alumnado de Infantil e 1º ciclo de Primaria tiñan previsto realizar un percorrido pola Praza de Abastos pero a choiva fixo imposible esta visita. Polo que tiveron que desprazarse a Área Central e comer alí.

  • A esa mesma hora o alumnado de 2º e 3º ciclo visitou a exposición "Maside en Compostela" na Fundación Novacaixagalicia. Despois de ver a exposición do testamento pictórico do mestre Maside coa axuda dunha guía os rapaces participaron nun Obradoiro no que trataron de poñer en práctica algunha das técnicas aprendidas deste ilustre pintor galego. 
A pesar do tempo, a excursión resultou moi proveitosa, e aquí vos deixamos as fotos que así o atestiuan. 




A biblioteca quere lembrarvos que podedes consultar varios libros sobre a obra do pintor galego Carlos Maside do que tantas cousas aprendestes hoxe: 

Carlos Maside
Mª Esther Rodríguez Losada
Editado pola Diputación de Coruña.
Carlos Maside
Mª Esther Rodríguez Losada y Daniel Fernández Rey
Editado polo Auditorio de Galicia









Carlos Maside
Luis Seoane
Edicións do Castro.

xoves, 3 de abril de 2014

CURIOSIDADES SOBRE A ALIMENTACIÓN


Hoxe, 3 de abril, tivemos a sorte de recibir no noso centro a Adrián Blanco, Técnico Superior en Industrias Alimentarias que aceptou ofrecernos unha charla titulada "Curiosidades sobre a alimentación". Esta charla está enmarcada dentro do programa de actividades do Proxecto Intregrado deste curso "Papacontos, zampalibros" centrado no tema da gastronomía e a alimentación. 

Con Adrián aprendemos unha chea de cousas. Lembrades os temas tratados: tipos de nutrientes, que son as calorías e a vitaminas, a enfermidade do mariñeiro, o valor do sal, a lactosa, graxas saturadas e insaturadas, graxas hidroxenadas, as chuches, a pirámide dos alimentos, o azucre nos refrescos, o aspartano e a sacarina, a deshidratación e o exceso do sal, as propiedades organolécticas, a alimentación na prehistoria, a domesticación dos animais, a alimentación en función da xeografía, a relixión e a cultura, o polo: a carne máis consumida, a conservación dos alimentos, as propiedades do mel, alimentos xurdidos de erros: o champán, o queixo, o reparto da comida no mundo, os alimentos tranxénicos, as diferencias entre entolerancia e alerxia, celíacos, alimentos tóxicos, os cogomelos, a importancia da hixiene na alimentación, a bacteria E-Coli, a salmonelosis, a toxina botulínica...


mércores, 2 de abril de 2014

2 DE ABRIL: DÍA DO AUTISMO

 
Hoxe celébrase o DÍA MUNDIAL DO AUTISMO un trastorno co que se calcula que viven 300.000 persoas en España, onde se avanzou moito pero aínda queda moito por facer en canto a sensibilización social e recursos económicos.
 

 
Ilustración de Mónica Carretero
 
Acerquémonos un pouco a este tema para coñecer mellor este transtorno e concienciarnos da necesidade que teñen os rapaces e rapazas con este transtorno do noso apoio, comprensión e axuda.
Recomendámosvos algún libros:
http://www.editorialjuventud.es/3781.html
El cazo de Lorenzo
Isabelle Carrier
Editorial Juventud
Conta a historia dun neno pequeño chamado Lorenzo que sempre leva xunto a el un cazo vermello. Este cazo, ao principio, só lle da quebradeiros de cabeza, xa que lle fai máis difícil o día a día. Pero grazas á axuda de algunas persoas que atopa no seu camiño, aprende a atopar aspectos positivos da vida onde antes só vía aspectos negativos.
 Podedes velo aquí debaixo neste vídeo.
 


 
El silencio de Camilo
Mª Jesús Jabato
Editado por Autismo Burgos
 
Camilo é un neno. Un neno silencioso. Toda a súa familia busca o motivo deste silencio que non se atopa nos celos por un irmán pequeño, nin na ausencia dunha mascota, nin nas palabras ou enfermidade...é un silencio profundo o que fai a Camilo diferente. 
 
 
Mariluna
Ana Torcosa
Editorial República Kukudrulú
 Mariluna non gasta palabras intentando expresar os seus sentimentos. É o seu entorno o que debe entendela, de ver maís alá do seu silencio e dos seus grandes ollos.
 
María y yo
María e Miguel Gallardo
Astiberri Ediciones
É una historia sinxela, e chea de tenrura e sensibilidade, que nunca cae nin na complacencia nin no victimismo. En cada viñeta e en cada texto apreciamos o verdadeiro motivo deste cómic, o acercamento entre padre e filla.
 
Podes ver un documental sobre a historia que narra este cómic aquí debaixo.
 
http://www.rtve.es/alacarta/videos/el-documental/documental-maria-yo/2060907/
 

Sindrome de Asperger
Autismo
Colección: ¿Quieres conocerme?
Carmina del Río.
Editorial Salvatella
Esta colección de libros amosa aos nenos o por que das diferenzas que as veces observamos nos demais. Estes dous exemplares da colección céntranse no Autismo e no Síndrome de Asperger.
A través de cada historia comprenderemos cada situación e saberemos como relacionarnos e axudar en cada caso.
 
Hada Esther
Olga Lalín
Uno Editorial
Un conto para familias especiais do que podedes saber máis aquí abaixo.
 


Olga Lalín ademáis de escribir este libro tamén escribiu a letra desta fermosa canción  (titulada A canción de Manuel III: O oito ) á que lle puso música Seso Durán e que está dedicada ás familias con rapaces con autismo.
Este tema estará incluido no álbum de próxima aparición "AZUL" filmado no Lago de Castiñeiras (Marín-Pontevedra)
 

2 DE ABRIL: DÍA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL