Amosando publicacións coa etiqueta proxectos de investigación. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta proxectos de investigación. Amosar todas as publicacións

mércores, 22 de xuño de 2022

EXPOSICIÓN SOBRE O SISTEMA SOLAR DE 3º E 4º

Ola, rapazada!!!
Estes últimos días estou recibindo no meu buzón os traballos que realizastes nas aulas sobre o universo. Todos eles están sendo subidos á páxina habilitada para todo o relacionado con este proxecto documental. Hoxe recibín o realizado en 3º e 4º, centrado no sistema solar, aínda que seguramente xa vistes un adianto no corredor do cole, onde colocaron unha exposición cos carteis e os planetas que realizaron.
O traballo centrárono na busca de información en Internet e na biblioteca escolar, elaboraron unha presentación empregando Canva sobre cada planeta e realizaron unha exposición oral que gravaron en vídeo. Despois, imprimiron as presentacións e os códigos QR cos vídeos, que é o que podedes ver na exposición.
Como remate, o alumnado tivo que superar un reto cooperativo (Unha viaxe espacial) para recibir un carné de astronauta.

A exposición do sistema solar de 3º e 4º está instalada na entrada do cole.

A verdade é que todas/os merecedes un forte aplauso!!! EN HORA BOA!!!
Rosiña

xoves, 12 de maio de 2022

EXPOSICIÓN SOBRE O SANCOSMEIRO

OLA, RAPAZADA E FAMILIAS!!!
Como estades?
Como sabedes, nos últimos meses o alumnado de 3º e 4º de primaria está a desenvolver o proxecto de aprendizaxe-servizo "O sancosmeiro", co obxectivo de promocionar e contribuír a darlle continuidade a este sombreiro artesanal tradicional como parte do patrimonio inmaterial da nosa parroquia.
Nunha entrada anterior puidestes ver a primeira parte deste proxecto: a elaboración dun vídeo explicativo sobre o sancosmeiro, a participación de todo o alumnado nun obradoiro de sancosmeiros, e a realización dunha fotografía a todo o alumnado e persoal do centro vestindo un sancosmeiro.
Despois disto, na aula de 3º e 4º continuaron traballando no proxecto, organizando unha exposición de promoción do sancosmeiro que exporán na Casa da Cultura de Mazaricos (A Picota) durante o mes de maio, e no noso colexio o mes de xuño.

O alumnado de 3º e 4º coa profe Alba.

Nesta exposición incluíron diversos traballos que realizaron previamente na aula:
  • Paneis informativos con información sobre o sancosmeiro que podedes ver premendo aquí.
  • Conto viaxeiro "O sancosmeiro voador", creado coa colaboración das familias, no que as protagonistas (dúas nenas e dúas vazas de San Cosme) realizan unha viaxe espectacular que podedes ver neste vídeo:
  • Programa en "Radio Rosiña" que inclúe un concurso de preguntas sobre este sombreiro no que participou o resto do alumnado do colexio e unha pequena intervención de Sandra Alvite, a presidenta da asociación Trenzarte e concelleira de Cultura e Servizos Sociais do Concello de Mazaricos. Podedes escoitalo aquí:

Premede aquí para ver os cadros destas artistas un a un.
  • Concurso de preguntas sobre o sancosmeiro, creado polo alumnado e no que vos animo a participar premendo aquí.
Que traballo tan estupendo vos quedou, rapaces e rapazas!!! EN HORA BOA!!!
E a todas as persoas que nos sigan, ANIMÁDEVOS A VISITAR ESTA ESTUPENDA EXPOSICIÓN, tanto na Casa da Cultura coma no colexio!!! Eu estou desexando vela...
Apertas,
Rosiña

luns, 2 de maio de 2022

EXPOSICIÓN "MULLERES QUE FIXERON HISTORIA NO ÁMBITO DA TECNOLOXÍA"

Bo día!!! Hoxe iniciamos o mes de maio no cole cunha noticia marabillosa que chega en forma de podcast!!! Cóntovos:

O pasado 28 de abril celebrouse o Día Internacional das Rapazas nas TIC, e como xa sabedes, en Primaria andan facendo varios traballos arredor desta temática. Para este último prepararon unha exposición que podedes visitar no corredor do colexio: "Mulleres que fixeron historia no ámbito da tecnoloxía". Ademais de incluír a ficha realizada por cada neno e nena, tamén conta cun código QR, ao que agora engadimos os podcasts que gravaron en "Radio Rosiña". Cada un está adicado a unha das mulleres que foron centro da súa investigación, polo que premendo sobre o seu nome poderedes escoitar a gravación. É posible que non as coñezades a todas, así que aproveitade tamén para aprender moito a través deste traballo grupal. As protagonistas son:

ADA LOVELACE

ÁNGELA RUIZ ROBLES

ANTONIA FERRÍN MOREIRAS

BEGOÑA VILA

CAROL SHAW

EVELYN BEREZIN

FRANCES E ALLEN

HEDY LAMARR

MARY KENNETH KELLER

RADIA JOY PERLMAN

Ademais, investigaron sobre un grupo de mulleres que en 1942 foron contratadas polo exército estadounidense para programar unha das primeiras computadoras, e que se coñecen como "Top Secret Rosies". Sobre esta asociación e as súas integrantes podedes saber máis premendo nos seguintes enlaces:

"TOP SECRET ROSIES"

BETTY SNYDER

FRANCES BILAS

JEAN JENNINGS

KATHLEEN McNULTY

MARLYN WESCOFF

RUTH LICHTERMAN

O 28 de abril, ademais, asistiron a un coloquio online organizado polo CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia), no que catro mulleres galegas que se adican ao campo das TIC lles falaron sobre as súas profesións.

Cartel da exposición "Rapazas emprendedoras nas TIC".
 

En hora boa por todo este traballo,

Rosiña



martes, 5 de abril de 2022

OBRADOIROS CIENTÍFICOS

Comezamos a semana con dúas xornadas adicadas á ciencia! Para iso, viñeron ao cole Suso e Amparo, as persoas que forman "Ciencia en movemento" e que xa coñecemos de cursos anteriores. Nesta ocasión, trouxeron varias propostas relacionadas co universo, xa que é o tema sobre o que estamos centrándonos este ano. O luns asistiron ao mesmo o alumnado de 3º a 6º de Primaria, e o martes tocoulle a quenda ás aulas de Infantil e 1º e 2º de Primaria.

A través das fotos podedes lembrar todo o que nos contaron sobre o sistema solar, algunhas curiosidades dalgúns planetas, as fases da lúa, a importancia dos avances científicos para coñecer o espazo, etc. E tamén houbo tempo para realizar algún experimento moi interesante. 

O alumnado de 5º e 6º atendendo ás explicacións de Suso.

Julia amosando o seu experimento.

Moitísimas grazas a Suso e Amparo por achegarnos, unha vez máis, todos estes interesantes contidos.

Apertas,

Rosiña 

mércores, 9 de marzo de 2022

VISITA DE JOSEFINA LING, UNHA MULLER ASTRÓNOMA

A actividade desta xornada tamén estivo centrada nas mulleres, nesta ocasión relacionándoa tamén co proxecto deste curso. Por ese motivo, contactamos con Josefina Ling, unha experta en astronomía. Josefina estivo contándolle ao alumnado do cole como comezou a interesarse por este tema tan fascinante e explicándolles en que consistía o seu traballo no Observatorio Astronómico Ramón María Aller (Santiago de Compostela), centrado na observación das estrelas dobres. Confesounos a súa emoción cando descubriu unha destas estrelas, na constelación de Casiopea, que agora leva o seu nome: Ling 1. Falounos tamén dalgunhas das vidas de grandes astrónomas, como Carolina Herschel, Jocelyn Bell ou a galega Antonia Ferrín Moreiras, que forman parte da exposición que podedes visitar no noso cole durante esta semana, que foi coordinada pola propia Josefina Ling. 

O alumnado de 3º a 6º con Josefina na entrada da biblioteca.
 Ao final, o alumnado de 3º a 6º de Primaria tamén puido facerlle unha pequena entrevista para realizar un programa de radio adicado a esta importante muller que tivemos a sorte de coñecer. Moitísimas grazas, Josefina, polo teu traballo e pola túa amabilidade con todas as persoas que compartimos esta mañá contigo!!!

Premendo sobre a imaxe podedes ver o resto das fotografías.

Unha aperta,

Rosiña

martes, 8 de marzo de 2022

8 DE MARZO, DÍA DA MULLER

Hoxe, 8 de marzo, celebramos o Día da Muller, e por iso no cole temos varias actividades programadas. Unha delas iniciámola no mes pasado, coa proposta para o "Día da nena e a muller na ciencia" na que cada familia realizaría un traballo de investigación sobre unha científica elixida libremente. O resultado desa exposición xa podedes observalo na entrada da biblioteca, na que atoparedes as creacións que fixestes nos vosos fogares. Podedes visitala cando queirades, e aínda que nas aulas xa falastes e expuxestes cal foi a vosa elixida, aproveitade tamén para descubrir a elección do resto dos grupos. Descubriredes as interesantes vidas dalgunhas biólogas, astrónomas, naturalistas, químicas..., de distintas partes do mundo (galegas tamén!). Os traballiños quedaron moi xeitosos, pero o máis importante é que reflexionemos como sociedade para que a igualdade da muller sexa acadado en todos os ámbitos: o científico, por suposto, pero tamén moitos outros que a pesar de non estar presentes na exposición é necesario ter en conta, xa que o xénero non debería ser nunca motivo de discriminación

Estes días, a cor violeta ilumina a entrada da biblioteca.

 

Unha aperta,

Rosiña

xoves, 23 de decembro de 2021

RAPAZAS EMPRENDEDORAS NAS TIC

Ola a todas!!!

Comezaron as vacacións de Nadal, pero non por iso o noso blog está inactivo. Todo o contrario, xa que sei que o visitaredes para lembrar moitos dos momentos que celebramos no cole, ou para descubrir cousas ben interesantes como esta que nos conta o alumnado de primaria

Como sabedes as tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) son un dos sectores máis importantes na actualidade, pois permiten unha comunicación eficiente, rápida e clara, favorecendo sectores vitais como a educación, a saúde ou a economía.

A inmensa maioría dos traballos actuais requiren algún grao de coñecemento destas tecnoloxías aínda que, segundo a Comisión Europea, só o 30% do sector TIC está formado por mulleres.

Por esta razón, este curso o alumnado de educación primaria está a participar no programa “Rapazas emprendedoras nas TIC” do Plan Proxecta+. Este ten como obxectivo principal fomentar o uso das TIC no alumnado e no resto da comunidade educativa, poñendo especial atención no rol das nenas, rapazas e mulleres como referentes do sector e como creadoras de contidos. 

Entre as actividades que realizaron está este vídeo no que as nenas e nenos de 3º a 6º nos explican aspectos relacionados co ámbito científico-tecnolóxico (que tamén inclúe o outro proxecto que estamos a desenvolver no cole: o Universo) e con este proxecto (que é o emprendemento, que son as TIC…). 

Tamén asistiron a unha charla virtual sobre ciberseguridade enmarcada dentro do ciclo de conferencias “Educación século XXI” de Afundación TV. 

Bernardo Viqueira explicou ao alumnado como enfrentarse aos dispositivos dixitais que manexamos diariamente. 
Bernardo é "hacker" e deu consellos sobre como mellorar as nosas condicións de seguridade ante ese tipo de dispositivos.

Por último, entre todo o alumnado de primaria gravaron un “Rosiñapalabra” con palabras do “A” ao “Z” relacionadas co campo da ciencia e da tecnoloxía. 

En hora boa por este traballo tan completo e interesante, ademais de moi necesario!!!

Agardo impaciente as vosas novidades a partir de xaneiro, que sei que nos ensinarán moitísimo a todas as persoas que visitan o noso blog.  

Aperta enorme,

Rosiña


venres, 3 de decembro de 2021

RECOMPILACIÓN DE RECURSOS RELACIONADOS CO ESPAZO

Ola, amiguiñas e amiguiños!!!

Que tal estades? Seguro que con ganas de desfrutar moito desta ponte... Uns días de descanso antes de rematar o primeiro trimestre non está nada mal, eh? Tamén sei que aproveitaredes para ler moito, dar algúns paseos na natureza e, por se queredes mergullarvos no mundo da astronomía, o espazo e outros temas relacionados con eles, aquí vos presento outra proposta. Premendo sobre a imaxe do cartel que deseñamos este curso, e no que botaron unha man as nenas e nenos de 5º e 6º, atoparedes diferentes enlaces para coñecer máis cousiñas sobre o ceo. Anímovos a entrar nesta páxina e descubrir que constelacións podemos ver estas noites e onde, que noticias interesantes relacionadas coa ciencia espacial se van publicando, ver algún vídeo sobre fenómenos que suceden no ceo, descubrir imaxes espectaculares e mesmo ver a posta de sol en directo desde Fisterra!!! Eu non o pensaría moito e aproveitaría algún ratiño para descubrir cousas ben interesantes... E, á volta destas vacacións, contámonos que nos pareceu, vale?

O cartel do proxecto deste curso xa se atopa no corredor do cole.

Apertas infinitas,

Rosiña

sábado, 27 de novembro de 2021

NOTICIAS SOBRE ASTRONOMÍA EN RADIO ROSIÑA

Ola, xentiña!!!

Estou de novo aquí para contarvos unha noticia moi interesante e relacionada con dúas das actividades que máis nos gustan no cole: a radio e o proxecto do curso. En 3º e 4º xuntaron os dous temas e, despois de redactar unha noticia sobre astronomía, gravárona individualmente en "Radio Rosiña", para que poidamos desfrutalas todas as persoas que temos a sorte de escoitalas!!! Non esperedes máis e premede sobre o nome de cada unha das nenas e nenos da aula para escoitar o ben que falan!!!! 

En hora boa a: AINHOA, ALEJANDRO, ALICIA, ANXO, ISMAEL, LAURA, LUCÍA, LUZDIVINA, OLALLA, PABLO, PAULINA e UXÍA.

Apertas,
            Rosiña

xoves, 24 de xuño de 2021

AVES QUE VIVEN PRETO DA AUGA

Ola de novo!!!

Como xa sabedes, entre as actividades realizadas durante este curso estaba un pasapalabra que nós chamamos "Rosiñapalabra", que fixeron nas aulas de Primaria e gravaron en tres vídeos que podedes atopar no blog. O de 3º e 4º, centrado nas aves que viven preto da auga, vai acompañado deste traballo escrito no que participaron todas as nenas e nenos desa aula. Seguro que queredes velo, así que aquí volo deixo:

Preme aquí para coñecer esta magníficas aves

 

Apertas!

Rosiña

mércores, 23 de xuño de 2021

AS AVES E OS ODS

Como moitas de vós xa sabedes, os Obxectivos de Desarrollo Sostible son as metas que varios países pretenden acadar para o ano 2030. En 5º e 6º, nas clases de Valores, pensaron que podían unilo ao tema das aves, e fixeron un traballiño que acaba de saír da imprenta... Nel recollen cada un deses obxectivos e tamén unha ave que, por algunha das súas características, ensínanos que é posible conseguilo. Se queredes velo non tedes máis que premer na imaxe:

As aves, unha salvación ao noso planeta.

En hora boa a Mai e Ramiro, de 5º e 6º de Primaria, que se esforzaron moito nesta tarefa.

Apertas,

Rosiña

martes, 22 de xuño de 2021

ORNITÓLOGAS E PIONEIRAS

Ola!!!

Outro traballo que chega coa fin do curso: un vídeo realizado en 5º e 6º de Primaria sobre un traballo de investigación adicado a mulleres ornitólogas. Partindo da celebración do "Día da nena e a muller na ciencia", e unido ao "Día da muller", quixeron centrar o seu estudo en mulleres que estiveran moi relacionadas co mundo das aves, e que ademais destacaran nalgún aspecto determinado. Así, aquí atoparedes sobre todo mulleres estadounidenses, pero tamén unhas cantas de España e unha latinoamericana coa que tiveron a sorte de conversar. Espero que aprendades moito e que vos resulte tan interesante como a este grupo, a quen dou tamén a en hora boa:

Unha aperta,

Rosiña

luns, 21 de xuño de 2021

ENQUISA SOBRE AVES

Boas tardes!!! 

Mural exposto na escaleira de 5º e 6º.

A piques de rematar o curso, recibo con moita ilusión os últimos dos vosos traballiños adicados ás aves. O de hoxe está feito polo alumnado de 5º nas clases de Matemáticas, onde quixeron saber cales eran as aves preferidas no noso colexio. Eses datos recolléronos nun mural e, para completalo e facelo chegar a máis xente interesada no tema, gravaron un programa en "Radio Rosiña" que vos presento aquí:


Sorpréndevos o resultado?

Unha aperta,

Rosiña

luns, 14 de xuño de 2021

"ROSIÑAPALABRA" DE 1º E 2º

Ola!!!

Que tal estades? Estamos xa na recta final e chegan os últimos traballiños das aulas, onde estivestes aprendendo moitísimo sobre as aves. Vistes o programa "Rosiñapalabra" de 3º e 4º? Acertastes moitas palabras? Seguro que si!!! Pois hoxe tráigovos un novo programa, nesta ocasión realizado polo grupo de 1º e 2º, a través do cal descubriredes moito vocabulario relacionado co mundo da ornitoloxía. Animádesvos a participar? Pois dádelle ao play!!!

Unha aperta,

Rosiña

mércores, 12 de febreiro de 2020

EN 1º E 2º SABEN MOITO DE CORVOS...

O conto "Míster Corvo", editado por OQO.
Tantas cousas aprenderon en 1º e 2º sobre estas coñecidas aves que tamén podemos atopar na nosa contorna, que quixeron facer un programa especial en "Radio Rosiña" adicado totalmente aos corvos. Na primeira parte fan unha lectura dramatizada do coñecido conto "Míster Corvo", de Luísa Morandeira e Maurizio A. C. Quarello; na segunda parte contan todo aquelo que lles chamou máis a atención sobre o que aprenderon destas aves e queren que todas as persoas coñezamos. Pareceume moi interesante e estou segura de que a todas as persoas que nos escoitan tamén, así que escoitade o podcast e descargádeo para ter toda esa información ben gardadiña:





luns, 3 de xuño de 2019

PROXECTOS DE INVESTIGACIÓN SOBRE A CIENCIA

Xa comezou o último mes do curso, e como é habitual nos últimos anos, inaugurámolo coa presentación dos traballos que realizastes nas diferentes aulas sobre a temática do noso proxecto. Neste 2018-19 tocoulle ao tema da ciencia, que nos guiou desde o mes de outubro por camiños moi interesantes nos que tratamos de aprender todo o posible. Nas clases tamén fostes vós, as nenas e nenos de cada grupo, quenes decidistes en que queriades profundizar máis, ou cales eran aqueles apartados da ciencia que máis chamaban a vosa atención... E desa decisión colectiva naceron os traballos que durante a semana pasada foron chegando ao meu buzón. Hoxe quero presentárvolos aquí, para que poidades lelos e aprender aínda moitas máis cousas sobre este inmenso mundo que é a ciencia. Comezamos?
O primeiro que vos presento é o que realizou Alejandro na aula de Pedagoxía Terapéutica. A verdade é que léndoo entránlle gañas a calquera de ser científico:



En Infantil adicáronse a facer experimentos, e a través deste traballo queda claro que para este grupo a ciencia é divertidísima!!! Queredes comprobalo? Aquí tedes a súa recompilación:



En 1º e 2º de Primaria fixéronse tantas preguntas ao longo do curso que elixiron as que máis chamaron a súa atención para montar este traballo, no que ademais quixeron deixarnos claro que manexan de marabilla as novas tecnoloxías. Aquí o tedes:



En 3º e 4º investigaron sobre algúns animais e sobre algús espazos naturais de grande importancia. O resultado é este traballo que podedes ver aquí:



En 5º e 6º viaxaron ata o espazo e investigaron sobre o Sistema Solar e sobre a vida dalgunhas persoas que se adican a unha desas profesións que tanta xente soña con ser nalgún momento: astronautas! Quererá tamén algunha rapaza ou rapaz de 5º e 6º subir nunha nave espacial?



De seguro que vos gustaron tanto como a min!!! Tan só felicitarvos a todas as persoas que participastes na súa elaboración e animarvos a seguir realizando traballos deste tipo, nos que aprendemos moito máis que os contidos que neles amosades!!! Unha aperta,

martes, 5 de decembro de 2017

UN PROXECTO MÁIS: "MIRANDO POLO CAMIÑO"

"Mirando polo camiño" é o título da modalidade na que nos inscribimos dentro do Plan Proxecta, unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración con diferentes organismos, dirixida a fomentar a innovación educativa nos centros a través de programas educativos que desenvolvan as competencias clave como eixe do currículo e os elementos transversais, nos cales se inclúe a educación en valores.
O noso centro foi un dos 9 seleccionados  para participar nesta modalidade, que solicitamos tendo en conta tamén o proxecto "O mundo é máis lindo lendo" que propuxemos desde a Biblioteca para este curso. Xa que a temática central será o turismo e o patrimonio etnográfico da nosa comunidade, que mellor que incluír o Camiño de Santiago coma unha parte do noso traballo!!!

A través deste programa, preténdese traballar co alumnado sobre o patrimonio cultural, literario e lingüístico vinculado ao tramo do Camiño de Santiago no que se sitúa o noso cole: o Camiño de Fisterra.

mércores, 7 de xuño de 2017

XA SOAN OS PROXECTOS DESTE CURSO

Pois si, nesta ocasión os proxectos dan ganas de lelos, pero tamén de escoitalos, xa que son moitas as obras musicais ás que fan referencia. Comezando por Infantil, que se centraron na figura do grande MOZART, aínda que tamén incluíron moitos dos momentos máis musicais do curso. Aquí tedes o seu fermoso traballo:



Na aula de Pedagoxía Terapéutica tamén traballaron moito e preséntannos un traballo sorprendente, que queremos tamén que poidades ver aquí. Seguro que hai un montón de cousas que descoñeciades e que vos deixan marabillados/as:



Na aula de inglés investigaron sobre os Beatles, e reuniron toda a información nun traballo moi atractivo. Non volo perdades:



Tamén en 1º e 2º traballaron moito!!! Nestes grupos centraron a súa atención en coñecer en profundidade dous instrumentos que se instalaron entre nós durante este curso: o ukelele e a guitarra, cos que tanto practicaron grazas ao profe Óscar. Mirade cantas cousas saben destes dous instrumentos de corda:





 
Nas aulas de 3º e 4º recolleron información sobre a orquestra sinfónica, e presentánnola neste traballo:



En 5º e 6º deseñaron o percorrido que quixeron investigar, e xurdiu un traballiño no que hai un remexolo de todo: épocas da historia da música, compositores, instrumentos... Tedes tamén aquí o resultado de todo iso que quixeron aprender:


mércores, 24 de setembro de 2014

BIBLIOGRAFÍA PARA O PROXECTO INTEGRADO BIBLIOTECA CÁMARA ACCIÓN

Se pinchades sobre "See on Pinterest" podedes acceder a toda a bibliografía que vaimos atopando para o noso proxecto sobre o cine. Para os máis cativos: ahí atoparedes todos os libros que de algunha forman tratan o tema do cine. Follow Asun García's board Proxecto Integrado BIBLIOTECA, CÁMARA, ACCIÓN. on Pinterest.

xoves, 5 de xuño de 2014

PROXECTO DOCUMENTAL DE INFANTIL: OS FROITOS DE OUTONO

E por fin, para rematar recibimos o último proxecto, que a pesar de ser o último en colgarse no blogue foi o primeiriño en estar rematado. 
Trátase dun proxecto moi extenso, tanto, que tivemos que dividilo en 4 partes para poder maquetalo e logo volver a xuntalo todo e que o poidesedes ver aquí no blogue.
Os rapaciños e rapaciñas de Infantil estiveron investigando sobre OS FROITOS DE OUTONO. 
Son rapaces moi pequeniños que fan traballos enormes!!

Uns verdadeiros expertos nos froitos de outono. Podédes preguntarlles o que queirades. Eles teñen todos os datos.

Mirádeo, descargádeo e sacádelle proveito. En breve, estará accesible na biblioteca.

Menudo traballazo, chicos!!
Noraboa!!