Dende o ano 1989, moitos centros educativos galegos veñen celebrando a "Semana da Prensa". A edición deste ano é xa a número 30, e no calendario aparece sinalada entre os días 5 e 9 de marzo. No noso cole estivemos analizando as noticias, e quixen tamén darvos algúns consellos para que, á hora de ler as noticias que aparecen nas diferentes páxinas de Internet, non vos traten de enganar: "COMO DETECTAR NOTICIAS FALSAS EN INTERNET" é un vídeo elaborado polo Equipo de Biblioteca para que vos fixedes moito en todo aquelo que aparece nese inabarcable mundo. Aquí volo deixo, esperando que vos sexa de gran utilidade:
venres, 23 de marzo de 2018
xoves, 22 de marzo de 2018
COMEZAMOS A PLANTAR NO INVERNADOIRO
Esta última semana de marzo no cole comezamos a plantación no invernadoiro. Despois da grande axuda do noso conserxe José e o papá de Mateo, Luís, quenes se encargaron de preparar a terra e colocar a tea que iremos cubrindo coas diferentes plantas, esta xornada adicaron un ratiño algúns dos grupos do cole. O primeiro en facelo foi o grupo de Infantil que inauguraron o horto plantando amorodeiras. Ademais de colocar na terra as súas plantiñas, tamén tiveron tempo de observar os caracois, a auga, e tamén enlarafuzarse un pouco coa terra!!!
Despois foron as nenas e nenos de 3º e 4º, que plantaron leitugas, porros e cebolo. E, por último, 5º e 6º, a quenes lles tocou rematar a faena: brócoli, coliflor e repolo. Á volta das vacacións veremos como foron medrando todas estas plantiñas, ademais de ver as fotos dunha xornada marcada por esta actividade tan necesaria como produtiva.
Quedaron as nenas e nenos de 1º e 2º, polo que serán os primeiros na segunda volta, que terá lugar ao regreso das vacacións! Preparádevos, eh?
Unha aperta!!!
Etiquetas:
Curso 2017-18,
horta escolar,
Voz Natura
PRESENTACIÓN DE "RADIO ROSIÑA"
Este mes escribínvos en varias ocasións, todas elas chea de ledicia por poder compartir con vós un montón de novidades, pero esta é moi especial!!!! A radio do cole xa ten nome: RADIO ROSIÑA!!! Que ilusión me fai que leve o meu nome!!! E como todas as marcas coñecidas van asociadas a unha imaxe, esta semana deixeivos nas vosas clases unha carta animándovos a participar no deseño do logotipo que levará a nosa radio. Seguro que todas e todos me sorprendedes coas vosas propostas!!! Ánimo, que xa está todo preparado para que poidades escoitar e descargar as diferentes gravacións que fomos facendo nos diferentes programas!!!
Podedes ler de novo a carta:
Podedes ler de novo a carta:
Unha aperta enorme!!!!
Etiquetas:
Curso 2017-18,
ilustracións,
Radio na biblio
mércores, 21 de marzo de 2018
EXCURSIÓN A SANTIAGO E VIAXE EN TREN A PADRÓN
Este mércores cumpriuse un dos maiores desexos de moitas nenas e nenos do cole: VIAXAR EN TREN!!! A verdade é que foi un momento espectacular, cheo de emoción; unha auténtica FESTA!!!
Pero antes de subir ao tren, estivemos na cidade compostelá aproveitando algunhas das moitas ofertas culturais coas que a capital galega adoita satisfacernos.
O grupo de Infantil visitou o CGAC, onde descubriron obras feitas de distintos materiais: metal, pintura, auga, madeira, parafusos e mesmo fondant e nubes de azucre. Coa axuda de Natalia metéronse dentro dos cadros e imaxinaron o estado de ánimo do artista cando creou as obras. Tamén fixeron un obradoiro no que, como artistas que son, completaron algunhas fotos de diferentes sitios do mundo.
Despois visitaron o Museo do Pobo Galego, onde coñeceron algunhas cousas relacionadas cos barcos, a pesca, a música tradicional, os cestos... E tamén viron e andiveron pola súa escaleira helicoidal. Toda unha experiencia!!!
Os grupos de Primaria chegaron directos á Sede Afundación, para ver a mostra "A arte no cómic", que recolle reinterpretacións dalgunhas obras da
historia da arte a través de diferentes artistas adicados ao cómic. Coa axuda de Vanesa, observamos obras da colección dos Museos do Louvre (París), do Prado e do Thyssen-Bornemisza (Madrid), deténdonos sobre todo en obras de Dalí e na Gioconda. Pero tamén puidemos ver a historieta "Pikiblinder", encargada a Jacobo Fernández por Afundación para esta mostra. E é que tamén na novena arte os autores galegos están presentes: Brais Rodríguez, Miguelanxo Prado, Alfonso Barreiro, etc. Todos estes autores de bandas deseñadas utilizaron os seus recursos para amosarnos o mundo da pintura dun modo distinto ao habitual. E así, no medio das historietas van aparecendo obras de Maruja Mallo, Castelao, Paco Leiro, Laxeiro, Urbano Lugrís ou Julia Minguillón, entre moitos/as outros/as.
Tamén crearon o seu propio "Pikiblinder", que expoñeremos no cole en canto rematen!!!
Despois foron directos para o Teatro Principal, onde asistiron á representación teatral "O conto de Azuzaina". Azuzaina é unha imprenta na que os seus operarios reciben un encargo urxente: o libro das familias. A través de divertidas estratexias, nas que integran música, malabares, imaxes, etc., completan o traballo a tempo e amósannos diferentes tipos de familia cunha mensaxe de respecto e tolerancia hacia todos eles.
Pero, sen dúbida, o momentazo do día foi a chegada á estación de tren!!! Unha vez observaron o vestíbulo (taquillas, indicadores de horarios, reloxos, etc.), situáronse na plataforma indicada para subir no tren que fai o percorrido A Coruña-Vigo. Santiago é unha das súas paradas, e foi aquí onde ocuparon un par de vagóns para montar todos os rapaciños e rapaciñas, ademais dos mestres que os acompañaron. Tiñades que ver a que montaron na estación!!! As caras de alegría e a ilusión eran tales que contaxiaron a todos os viaxeiros que alí se atopaban, pero tamén aos operarios de Renfe, que incluso axudaron a subir aos máis pequeniños ao vagón. E nervios... Había tamén moitos nervios!!! E non era para menos, xa que ademais de ir en tren, fixeron algo moi especial e que poucos medios de transporte nolo permiten, debido sobre todo ao reducido espazo. Pero o tren é máis amplo e concedeulles un desexo que tiñan o grupo de ukeleles e guitarras que ensaia co profe Óscar: TOCAR E CANTAR NO TREN!!! Que canción? Pois claro!!! "O tren" de Andrés do Barro, un exitazo do ano 1969 que esta mañá soou nun traxecto que, aínda que non vai pola beira do Miño, si os levou ao seu destino: Padrón!!! A viaxe fíxoselles curta, pero desfrutárona MOITÍSIMO!!!
"SOMOS AUTÉNTICOS/AS"
Hoxe celébrase o Día Mundial do Síndrome de Down, e para este ano 2018 a Asociación Down España lanza unha campaña que pretende reflexar a autenticidade das persoas con síndrome de Down, a súa naturalidade e espontaneidade. Co obxectivo de mellorar a súa inclusión social, envíannos unha mensaxe ben fermosa: son auténticos porque non hai quen os imite, son xenuinos, amósanse tal e como son, sen artificios.
E eu, que tamén son unha auténtica porquiña, quero compartir con todos vós o vídeo que realizaron para esta ocasión, ademais de recordarvos que na biblioteca tedes un fermoso libro no que o protagonista tamén ten síndrome de Down.
Espero que, tanto o libro como o vídeo, vos gusten moito e vos axuden a comprender mellor ás persoas con síndrome de Down, así como a valoralas e respectalas!!!
Etiquetas:
celebracións,
Curso 2017-18
martes, 20 de marzo de 2018
"TERÍA QUE SER PATRIMONIO CULTURAL..."
Xa estou de novo aquí!!!!
Agora que sabedes o que é o patrimonio, e que sodes capaces de diferenciar o patrimonio material do inmaterial, xa estades preparados/as para participar na actividade que nos propuxera Nina, a arqueóloga do Concello. Por ese motivo, esta tardiña deixei unha carta nas vosas clases, para animarvos a todos a buscar nas vosas casas, nas vosas aldeas, entre a xentiña da vosa familia, dos veciños e veciñas, etc., aquelo que pensedes debería ser patrimonio cultural. Quen sabe se a vosa candidatura acaba formando parte deses bens materiais ou inmateriais que deberiamos coidar para que duraran o maior tempo posible!!!
Animádevos a participar!!! Seguro que atopamos cousas moi interesantes coas que poderemos realizar unha exposición única...
Aquí vos deixo a cartiña para que non esquezades nada do que nela se di:
sábado, 17 de marzo de 2018
DÍA DA POESÍA 2018
Hoxe, mentras comiades, andiven pasando polo colexio, e deixeivos unha cartiña que creo que vos fixo moita ilusión! Que alegría!!! Pois vouna poñer tamén aquí para que todas as persoas que queiran lela poidan facelo, e se se animan tamén as invito a facer a mesma actividade ca vós...
Unha aperta grande para todas!!!
mércores, 14 de marzo de 2018
AMASANDO BOLOS DO POTE
O luns 26 de febreiro os nenos e nenas de 1º e 2º viaxaron á Picota para coñecer en profundidade o bolo do pote, un prato característico da nosa bisbarra.
"O bolo miúdo", como se chamou a iniciativa, foi organizada polo Taller de Emprego "Proturismo 2017" coa colaboración imprescindible da Asociación de Amas de Casa de Mazaricos.
Nada máis chegar, os nenos e nenas do Víctor Sáenz e de Pino de Val foron recibidos como auténticos reis, con cadansúa coroa! Despois, os estudantes do módulo de Promoción turística do Taller de Emprego encargáronse, con bailes, teatro e xogos, de dar a coñecer os ingredientes e a elaboración deste prato tan antroideiro.
Despois chegou a parte práctica, coa axuda de A. García, E. Muíño e L. Prado, as cociñeiras da Asociación de Amas de Casa de Mazaricos, que son as encargadas de cociñar cada ano -e xan van 20!- na "Festa do Bolo do Pote" de Mazaricos. E, por suposto, a degustación, porque aínda que a elaboración do bolo do pote é unha tradición que forma parte do patrimonio inmaterial da nosa bisbarra, o resultado é ben material. E ben bo que está!
Como engadido, tiveron a visita da TVG, o que lles permitiu coñecer un pouco como se fai un programa de televisión. Ademais de saír guapísimos/as na pantalla, claro está!!!
Premendo AQUÍ podedes ver o vídeo que realizou o Concello de Mazaricos sobre esta actividade.
Se premedes AQUÍ podedes ver as imaxes desa gastronómica xornada.
Tamén a TVG recolleu a noticia no programa "Galicia Viva" retransmitido o 1 de marzo ás 7 da tarde. Premede AQUÍ para velo; a partir do minuto 39, ata o 44, podedes ver aos rapaciños e rapaciñas do noso cole!!!
E no programa "Momentos G", o día 2 de marzo fixeron unha reportaxe sobre a "XX Festa do Bolo do Pote" de Mazaricos, que tamén podedes ver premendo AQUÍ.
Etiquetas:
Curso 2017-18,
patrimonio cultural,
Plan Proxecta,
saídas didácticas
mércores, 7 de marzo de 2018
DÍA DA MULLER
Mañá, 8 de marzo, é o DÍA INTERNACIONAL DA MULLER e eu quero compartir convosco o vídeo dunha cantautora colombiana chamada Marta Gómez. A canción, "Manos de mujeres", é unha homenaxe ás mulleres do mundo enteiro.
Etiquetas:
celebracións,
Curso 2017-18,
Día Internacional da Muller,
música
luns, 5 de marzo de 2018
ABRIMOS AS NOSAS FIESTRAS A ROSALÍA
Así quedaron as vosas contras e o que a través das súas fiestras podemos ver. Un traballo que vos quedou moi fermoso e co que queremos amosar a obra de Rosalía ao mundo enteiro!!!
A continuación podedes ver as FIESTRAS DE 3 E 4 ANOS, que recitaron o coñecido "Adiós ríos, adiós fontes":
Con ese mesmo poema tamén nos abriron as súas FIESTRAS EN 5 ANOS:
En 1º e 2º de Primaria abriron as FIESTRAS para ilustrar os poemas "Vente rapasa" e "Por eso me chaman Rosa":
En 5º e 6º de Primaria os poemas elixidos para abrir as súas FIESTRAS foron "Unha boda na aldea", "Olvidémo-los mortos", "Has de cantar" e "Un repoludo gaiteiro":
En 3º e 4º o poema elixido foi "Has de cantar":
sábado, 3 de marzo de 2018
VIAXE ATA O FIN DA TERRA!!!
Rematamos a semana viaxando ata o fin da Terra. Así foi o nome que puxeron os romanos (Finis Terrae) ao que agora coñecemos como Fisterra. Debido ao mal tempo, tivemos que cancelar parte das actividades previstas (visita á fervenza de O Ézaro e ao Castelo de San Carlos en Fisterra), pero podemos alegrarnos de que a chuvia e o vento permitíronnos facer unha paradiña nunha das paisaxes máis fermosas que existen aos pés do Océano Atlántico: o cabo Fisterra. Dende alí puidemos contemplar, pese ao vento que facía, o monte Pindo, a praia de Carnota, as illas Lobeira, a rocha do Centolo... Tamén a montaña do tramo final do Camiño de Santiago a Fisterra. E o faro! Construído no ano 1853, ten 17 metros de altura e a súa luz pode verse a 65 quilómetros! Debido á néboa do inverno, no ano 1888 decidiuse engadirlle unha serea, que se coñece popularmete como "a vaca de Fisterra". Podes escoitala premendo AQUÍ.
Despois de facer algunhas fotos, marchamos para Cee, onde asistimos a un concerto moi divertido do grupo de percusión Odaiko, con quenes tamén nos retratamos despois da función.
Ao rematar, regresamos ao cole, onde nos esperaba un xantar quentiño que nos sentou de marabilla!!!
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)