domingo, 13 de novembro de 2016

EXCURSIÓN MUSICAL POR A CORUÑA

Así foi o pasado mércores, no que viaxamos á cidade herculina para asistir a un espectáculo moi diferente aos que estamos adoitados: un ballet!!! O espectáculo, a cargo do Centro Coreográfico Galego, tivo lugar no Teatro Colón, e as coreografías que realizaron acompañaban a música dun dos grandes compositores do Barroco: "As catro estacións" de Antonio VIVALDI. Antes disto, no cole preparamos algunha actividade previa, na que falamos do compositor veneciano e da danza. 
O día da viaxe desfrutamos moito dese espectáculo, no que un grupo de 8 bailaríns e bailarinas nos ensinaron unha maneira de bailar que non adoita ofrecerse polo noso concello. A visión por medio da danza contemporánea das catro estacións de Vivaldi, xunto con imaxes proxectadas que nos recordaban a paisaxe galega e pequenos textos que nos fixeron reflexionar, mantiveron a nosa atención durante toda a función. Un auténtico luxo para o alumnado de Primaria e o profesorado que o acompañou asistir a este espectáculo tan fermoso e visual, no que tan só botamos de menos que a música non fora en directo.
Ao rematar, fomos camiñando ata o Palacio da Ópera. Cruzamos os xardíns Méndez Núñez, observamos o tráfico da cidade e mesmo enredamos con algunhas persoas que paseaban cos seus canciños. A visita ao Palacio da Ópera tamén foi moi especial e moi diferente ao que poderiamos supoñer. Non había concerto, nin baile, nin exposición, nin conferencia... Non!!! Coñecemos o Palacio como edificio: a súa historia, a arquitectura, as diferentes salas, as cabinas de son... E mesmo nos deixaron ver a zona "entre bambalinas" do escenario da sala grande, que é a parte que se atopa detrás do escenario visible ao público. Sorprendeunos a súa altura, como se cambian os decorados ou as teas para as representacións que as precisen, e a enormidade dos estoxos dos instrumentos!!! Tamén nos permitiron entrar no camerino do director titular da Orquestra Sinfónica de Galicia!!! INESQUECIBLE!!! Agradecidísimas todas as persoas que viaxamos ata A Coruña da xente que con tanta amabilidade nos foi contando todo aquelo que non aparece nos programas de man... Mesmo o profe Óscar tivo ocasión de contarnos a súa primeira experiencia cantando unha ópera.
Se queredes ver as fotos que fixemos, premede sobre a seguinte imaxe.

https://goo.gl/photos/NjhhaAT1PUYqYQc18

Ningún comentario:

Publicar un comentario