venres, 28 de maio de 2021

OBRADOIROS "GALICIENCIA"

Ao longo do curso fixemos moitas actividades on line, debido ás dificultades derivadas da covid. Sen embargo, desde o comezo tivemos moi claro que a cultura tiña que seguir chegando ao centro, que as nenas e nenos tiñades que facer obradoiros, coñecer, experimentar, investigar... Por iso a biblioteca estivo aberta todo o curso, as mochilas viaxeiras enchéronse con propostas para pasar máis horas das habituais nos nosos fogares, e solicitamos moitas actividades que nos parecían interesantes para realizar con todas vós, algunhas das cales tivemos a sorte de poder realizar presencialmente. Non é o caso desta, que tivo que ser a distancia, pero gustouvos tanto que aquí vos deixo algunhas imaxes para que poidades recordala e falar coas vosas amizades e familiares sobre ela. 

Foi toda unha experiencia facer de policías da CSI.

 

Organizadas por "Galiciencia", a primeira das actividades consistía nunha investigación forense, a través da cal comprobastes a importancia da ciencia para resolver desaparicións de todo tipo. A segunda estaba inspirada na Misión Mars2020 da NASA e na esperanza de que se poida lograr voar con motor noutro planeta. Polo momento, nas aulas de 3º, 4º, 5º e 6º estiveron facendo probas experimentais coas que pasaron un rato moi entretido e a través das que aprenderon moito!!!

Unha aperta,

                 Rosiña

 

 

inspírase na misión Mars2020 da NASA, que lanzou e aterrou con éxito o rover Perseverance en Marte.   

levaremos a cabo un conxunto de actividades que nos permitirán ir coñecendo a importancia da ciencia na investigación forense.

xoves, 27 de maio de 2021

EXCURSIÓN AO ÉZARO

Estou moi contenta de poder compartir con todas vós a primeira excursión do curso!!! Os primeiros grupos en estrearse este curso foron os de Educación Infantil e 1º e 2º de Primaria, que o pasaron en grande... O destino tamén era moi atractivo, xa que visitaron O Ézaro, a fervenza do río Xallas, a praia, aproveitaron para xogar e degustar os primeiros xeados... E como a temperatura era estupenda, tamén se atreveron a mollar os pés na beira do mar!!!   

Aprendemos moitísimo con Dani e Sergio.
 

Ademais, esta actividade fixérona en colaboración coa ONG "Ayuda en Acción", e acompañáronos Sergio ("Laboratorio de Radio") e Dani!!! E aproveitaron esa gran oportunidade para prestar moita atención a un dos compoñentes máis interesantes da natureza: os sons. En ocasións poden pasar desapercibidos, ben por falta de atención ou polos ruídos que xeramos nós ou outros elementos que se atopen no entorno, pero nesta viaxe quixeron que non se perderan no recordo, polo que moitos deles graváronos con estes dous profesionais da radio. 

A verdade é que tan só tedes que ver as fotos que fixeron para comprobar que pasaron unha xornada marabillosa!!! E todo o demais que queirades saber, preguntádelles a eles e elas; de seguro estarán encantados/as de contarvos...

Pasamos un día fantástico no Ézaro!!!

Unha aperta, 

Rosiña

mércores, 26 de maio de 2021

OBRADOIRO DE POESÍA CON ANDREA BARREIRO

Andrea Barreiro é, ademais de xornalista e comunicadora medioambiental, escritora. Para nós, unha escritora moi especial, xa que visitou o noso cole para realizar co alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º un obradoiro fermosísimo sobre poesía, chamado "Cada día, a familia". Andrea pedíranos ter preparada unha imaxe de cada unha das persoas do grupo cunha persoa da súa familia, e partindo da poesía de Xela Arias e dalgunhas preguntas que a propia Andrea nos ía formulando, cada neno e nena do grupo foi construíndo un poema que quedou moi, moi bonito. De seguro nas vosas familias levaron unha estupenda sorpresa, e a verdade é que non é para menos... Como era un traballo moi persoal, non fixemos fotos dos traballos, pero Andrea firmou no noso libro de visitas da biblioteca e así puidemos retratala para non esquecela... Moitísimas grazas, Andrea!!!

Rosiña

luns, 24 de maio de 2021

INSTALACIÓN NATUREZA

OLA!!!!

No cole decidimos recibir o mes de maio cunha nova actividade artística: unha instalación. Esta forma de arte realízase nun espazo concreto, e a súa duración tamén é determinada, polo que se coñece como arte efémero, xa que se transforma e "desaparece" no tempo.

A nosa instalación ubicouse no patio interior do cole, e realizouse con elementos atopados na natureza propios da primavera: sementes, paus, follas, flores, pedras, froitos... Con todos eles fixemos unha composición por grupos, e aquí quero amosarvos o resultado.

Esta actividade xurdiu dun obradoiro que realizamos co CGAC, e no que participamos todo o alumnado de Primaria. Na nosa intervención, sen embargo, tamén se involucrou o alumnado de Educación Infantil, que tamén deixaron a súa pegada artística!!!

Todo o alumnado participou nesta obra de arte dun xeito moi natural.
 

En hora boa a todas por este resultado!!! Podedes ver todas as fotos premendo na imaxe.

Rosiña

domingo, 23 de maio de 2021

"RADIO ROSIÑA" EN RTV ENXEBRE

A semana rematou cunha actividade moi especial para o alumnado de 5º e 6º de Primaria: a gravación, en directo, dun programa de radio con "RTV Enxebre" no Auditorio de Vimianzo, no que tamén participaron o CPI Virxe da Cela de Monfero e o CEIP Labarta Pose de Zas. 

Este programa foi unha das actividades do proxecto que a ONG "Ayuda en Acción" desenvolve no noso centro durante este curso a través do "Laboratorio de Radio", de quen estivemos recibindo formación ao longo deste curso.

Foi un acto moi emotivo, no que o alumnado dos tres centros amosou a súa boa preparación e moito entusiasmo para que o programa se levara a cabo como estaba previsto. Todo iso, por suposto, coa axuda de Sergio e Dani, así como de Lorena, que en todo momento estiveron pendentes de todas e cada unha das persoas implicadas no proxecto.

As ondas das tres radios uníronse para dar voz á infancia rural, á que tamén se uniron tres grandes mulleres que os diferentes centros tiveron a oportunidade de entrevistar: Beatriz Varela (delegada de "Ayuda en Acción" en Galicia), Mónica Viqueira ("Plataforma de Organizaciós de Infancia" de Galicia) e a mestra Alicia López Pardo, integrante da "Rede Galega de Educación e Desenvolvemento Rural".

Desde o noso centro queremos agradecer a todas as persoas que fixeron posible esta inesquecible xuntanza, así como ao concello de Vimianzo, por concedernos a posibilidade de reunirnos nun espazo que permitiu manter as medidas recomendadas debido á covid-19. E, por suposto, á rapazada que representou aos tres centros a través das súas radios: "Onda Labarta", "Radio Xesteira" e a nosa "Radio Rosiña"

A voz da infancia rural rematou con esta foto conxunta.

Podedes ler tamén a noticia publicada polos xornais "La opinión de A Coruña" "La voz de Galicia" e Adiante Galicia.

Para ver as fotos, premede sobre a imaxe, e algúns vídeos do momento de ensaio premendo aquí.

Apertas!

              Rosiña

martes, 18 de maio de 2021

"MEU O MUNDO É", CANCIÓN PARA CELEBRAR O DÍA DAS LETRAS GALEGAS

As nenas e nenos de Educación Infantil envíannos hoxe este fermoso vídeo, no que bailan ao ritmo da canción "Meu o mundo é", de Paco Nogueiras, ao tempo que nos amosan tamén algunhas das súas palabras preferidas no noso idioma. Onte celebrouse en toda Galicia o "Día das Letras Galegas", así que esta montaxe tamén forma parte das actividades que no cole realizamos arredor da escritora Xela Arias e da nosa lingua, da que tan orgullosas debemos estar!!!!

Desfrutade con estas artistas, encantaravos!!!!

 

 Rosiña

xoves, 13 de maio de 2021

EN "RADIO ROSIÑA" CELEBRAMOS O DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Hoxe remata a semana no noso cole, xa que mañá non teremos clase, así que aproveitando que o vindeiro luns é o 17 de maio, "Día das Letras Galegas", quixen publicar esta mañá os vosos traballiños sobre Xela Arias, a escritora homenaxeada neste 2021. Fixémolo a través das ondas, en "Radio Rosiña", e os tres foron enviados ao III Concurso de Podcasts Radio na Biblio... Aínda que ningún resultou gañador, estamos igualmente moi contentas e satisfeitas co resultado. O máis importante é que coñezamos unha escritora en lingua galega, que leamos a súa obra, que a contemos e, sobre todo, que falemos no noso idioma!!!!!

Espero que vos gusten moito e que os desfrutedes coas vosas familias durante estes catro días de vacacións!!!

Comezamos co que realizaron na aula de Infantil (4 e 5 anos) e 1º e 2º de Primaria:

A continuación podedes escoitar o podcast de 3º e 4º de Primaria:

E, por último, o programa realizado por 5º e 6º, que titularon "As linguas dannos ás":

EN HORA BOA a todas as persoas que participastes nesta realización!!!

Unha aperta,

               Rosiña

 

mércores, 12 de maio de 2021

PROGRAMA ITINERANTE AULA STEAM

Ola!!! Hoxe estou aquí para contarvos que participamos nun programa de actividades que o Servizo Educativo Afundación impartiu no noso cole. Unha delas estivo dirixida ao alumnado de Educación Infantil e 1º e 2º de Primaria e chamábase "De cando o pincel e o lapis se enfurruñaron e non quixeron compartir cadro". Comezou cunha proxección na que nos falaba do salto na historia da arte da pintura clásica á pintura máis contemporánea. Nas nosas aulas desfrutamos moito descubrindo que todas as épocas artísticas están cheas de talento, e construímos un robot pintor!!!!

Os robots pintores funcionan perfectamente!!!
 

Nos cursos de 3º a 6º desenvolveron "A arte das emocións": tamén comezaron cunha proxección sobre un instagramer que pensa que con ter seguidores xa o ten todo na vida, ata que un día queda ao descuberto e todo se vén abaixo, xa que o acusan de non ter emocións. Partindo desta historia aprendemos a programar tarxetas microbit a través de MakeCode, unha aplicación gratuíta que nos pareceu moi interesante e divertida.

Premendo sobre a imaxe podedes ver as fotos desta actividade e algúns vídeos.

Desde aquí agradecemos ás persoas responsables desta actividade o seu bo facer e a súa atención coa rapazada do centro. Gustounos moitísimo e pareceunos moi interesante!!!!

Rosiña

martes, 11 de maio de 2021

PROGRAMA EN "RADIO ROSIÑA" SOBRE XELA ARIAS

Ola!!! Como ben sabedes, ao profesorado do cole tamén lle gusta participar en "Radio Rosiña", e aínda que adoita ir acompañado de vós, neste curso animáronse a emitir dous programas en directo!!! Un deles xa o escoitastes, no que nos animaban a practicar a lectura e mesmo invitaron a Antonio Sandoval para que nos recomendara algúns libros relacionados coas aves. O programa que emitimos hoxe tamén ten moito que ver coa lectura, pero neste caso está centrado na autora homenaxeada o vindeiro 17 de maio, "Día das Letras Galegas": XELA ARIAS. Para coñecer moito mellor a esta gran muller, escoitade este interesante programa, no que tamén contamos coa axuda de Sergio Pascual.

Rosiña

luns, 10 de maio de 2021

UN CONTO MOI ESPECIAL

Comezamos a semana publicando o conto viaxeiro que realizamos no cole todo o alumnado de Educación Infantil e Primaria!!! A proposta, que foi lanzada na semana do "Día do Libro", mantívonos durante varios días inmersas nunha actividade de creación, redacción, ilustración e gravación. O resultado de todo ese traballo colectivo é o que podedes ver no seguinte vídeo, desexando que vos guste moito e que sigades animándovos a realizar traballos deste tipo. Esta semana, ademais, con motivo da celebración do "Día das Letras Galegas", teredes todos os días algunha novidade no noso blog, así que non deixedes de visitalo!!!!

Imos alá coa primeira publicación:

Rosiña

mércores, 5 de maio de 2021

OBRADOIRO DE VOO

Obradoiro de voo con "Ciencia en movemento".
Neste mes de maio recibimos de novo a Suso e Amparo. A súa oferta, "Ciencia en movemento", xa foi
recibida no centro en varias ocasións, e sempre con propostas diferentes para achegar a ciencia ás nenas e nenos de Educación Primaria. Nesta ocasión centráronse nunha das actividades que máis fascina ao ser humano desde sempre, e que a grande maioría das protagonistas deste curso, as aves, fan sen ningunha dificultade: VOAR!!! Claro que, como en case todo, sempre hai excepcións... O obradoiro foi impartido para os diferentes grupos de Primaria, e podedes ver as fotos de moitas das actividades que fixemos premendo na imaxe.

Espero que aprenderades moito e que sigades tendo moita curiosidade por observar, comprender, experimentar, comprobar...

Apertas, 

Rosiña.