mércores, 27 de febreiro de 2019

ENCÁNTANOS A RADIO

Aquí están algunhas das razóns polas que aos nenos e nenas de 5º e 6º lles encanta ir á radio. Eu estou encantada de que a participación do alumnado sexa tan grande, o que fai que "Radio Rosiña" emita programas con moitísima frecuencia. Algúns deles teñen máis éxito ca outros, pero todos eles son moi ben recibidos por todas as persoas que participamos neste proxecto, e de seguro que o testimonio destes rapaces e rapazas vos gustará escoitalo. Aquí volo deixo:




martes, 26 de febreiro de 2019

ROSALÍA NAS VOCES DAS NENAS E NENOS DO COLE

Aquí temos os vosos recitados poéticos polo "Día de Rosalía". Que bonitos vos quedaron!!!! Ademais, gravámolos en directo, así que aquí tedes un claro exemplo de que tedes unhas voces marabillosas para a radio, tanto dentro do noso estudio como no exterior. PARABÉNS A TODAS AS PERSOAS QUE PARTICIPARON NESTA ESTUPENDA ACTIVIDADE.

En Infantil crearon dous centóns, que recitaron Olalla, Ainhoa e Laura. En 1º e 2º fixeron un centón cada un/unha. Así, escoitaredes a Pablo, Íker, Anxo, Guille, Ángel, Soraya, Alicia, Lucía, Uxía e Luzdivina. En 3º e 4º fixeron un centón entre todas e todos. Recitouno para todas nós Paula Pereira, e no patio soou moi bonito. En 5º e 6º recitaron todas e todos: Alejandro, Joel, Miguel, Pablo, Jorge Lema, Samuel, Jorge Otero, Paula Maneiro, Daniela, Mª José, Paula Barcia e Nerea. Presenta este programa especial de "Radio Rosiña" Paula Maneiro. Só tedes que darlle ao play para desfrutar de dez minutiños moi poéticos:





CENTÓNS ROSALIANOS

Nerea lendo o seu centón rosaliano.
Linda a xornada desta mañá no cole, na que nos reunimos no patio para recitar os poemas que construímos mesturando versos de diferentes poesías da nosa querida Rosalía, participando así na celebración do Día adicado á unha das poetas galegas máis importantes. O acto foi fermoso grazas ás vosas re-creacións, que ademais recitastes como auténticos e auténticas poetas!!!! Mentras non subimos as gravacións a "Radio Rosiña" podedes ver as estupendas fotos que nos fixo o profe David (premede AQUÍ ou sobre a imaxe).
Espero que vos animedes a practicar esta divertida actividade con outros/as poetas, e a facer moitas outras..., pero, sobre todo, espero que non deixedes de ler poesía!!!! 

RECITANDO COPLAS

En 1º e 2º estiveron en Radio Rosiña e gravaron unhas coplas que foran recollidas hai varios anos polo alumnado do cole. Naquel momento recolléronse tantas que fixeron un "Sancosmeiro" adicado exclusivamente a elas. En 1º e 2º fixeron unha selección coas que máis lles gustaron e recitáronas así de ben para todas as persoas que escoitan a nosa radio. Aquí vos deixo tamén este fermoso traballo, polo que quero felicitar a Alicia, Pablo, Anxo, Uxía, Lucía, Luzdivina, Íker, Ángel, Soraya e Guille!!!



sábado, 23 de febreiro de 2019

MANDADIÑOS DO MECO

Durante a semana andiven tan apurada que esquecín un detalle moi importante: os mandadiños do Meco!!! O vindeiro venres celebramos o Entroido e eu aínda pensando que quedaba máis tempo!!! Xa sei que vos avisou o profe David o venres pola tarde, pero por se alguén anda despistado, lembrade que o luns temos que levar unha perruca na cabeza. Decidide vós que tipo de perruca se asemella máis á dun científico, porque o mandadiño dicía así:

SE UN XENIO QUERES PARECER

O LUNS UNHA PERRUCA HAS DE TRAER.

xoves, 21 de febreiro de 2019

EXCURSIÓN A CORUÑA

Este xoves estivemos na Coruña, desfrutando dunha excursión moi científica, xa que visitamos dous dos museos máis coñecidos da cidade, ademais dos máis representativos en canto a ciencia se refire. A primeira parada fixémola no "Domus". Neste museo interactivo, o primeiro do mundo adicado ao ser humano, puidemos ver 3 curtas: unha sobre a saúde dos océanos; outra sobre unha rapaza falando da súa carreira como estudante de ciencia e a última delas sobre a polinización. Despois destas proxeccións visitamos as exposicións do museo, adicadas a temas tan interesantes coma as neuronas, a xenética ou a evolución do ser humano, entre outros.
David fotografounos diante da Casa das Ciencias.
A segunda parada foi na "Casa das Ciencias". Aquí, o entusiasmo máis grande estaba reservado para o Planetario, onde puidemos coñecer cousas moi interesantes sobre a as
tronomía, a través dun vampiro que nos ía amosando os planetas, as estrelas, as constelacións... Despois, quedounos aínda un ratiño para percorrer as súas plantas con exposicións e xogos relacionados, sobre todo, coa física. Tamén puidemos pararnos un pouquiño diante do péndulo de Foucault, empregado para demostrar a rotación da Terra.
Ao saír da Casa das Ciencias, xantamos no Parque de Santa Margarida, xogamos un ratiño e regresamos para San Cosme, onde xa os buses estaban agardando por nós para ir aos nosos fogares.
Seguro que todas as persoas chegamos máis cansadas do habitual, pero mereceu a pena: pasámolo moi ben, tivemos un día estupendo e aprendemos un montón de cousas!!!!
Premendo sobre a imaxe ou AQUÍ podedes ver as fotos que fixemos nesta xornada.


 

mércores, 20 de febreiro de 2019

SUBSCRÍBETE A "RADIO ROSIÑA"

Esta semana pensei que era unha boa idea escribir a todas as familias do centro para falarlles da nosa radio, "Radio Rosiña". Preguntarédesvos cal é o motivo. Xa sei que moitas das familias visitades o blog de vez en cando, e mesmo ledes, vedes e/ou escoitades con atención todas as cousas que nel vou publicando... Pero o certo é que a nosa "Radio Rosiña" non ten seguidores nin seguidoras, ou moi pouquiños/as. É unha mágoa porque así non vos perderiades nada do que se vai publicando, que é moi interesante e está feito con moitísimo interese... Ademais, se non puiderades escoitar o programa nese momento, podedes descargalo (xa que se trata dun podcast) e escoitalo cando vos apeteza e/ou poidades.
Así que anímovos tamén desde aquí para que vos subscribades e non vos perdades nada do que facemos en "Radio Rosiña".


 

Unha aperta!!!!

martes, 19 de febreiro de 2019

DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO 2019

O vindeiro 24 de febreiro celébrase o "Día de Rosalía". Xa que é domingo, pensei que estaría ben celebralo o luns, día 25. Rosalía destacou, sobre todo, como escritora de poemas, e por iso durante estes días recibiredes nas vosas clases moitos versos seus... Pero nesta ocasión tamén quero que experimentedes coas súas palabras, para o cal vos propoño un experimento-xogo, que consiste na confección dun poema con versos de diferentes poemas de Rosalía. Esta actividade denomínase centón, pero penso que está moito mellor explicado na carta que vos deixei hoxe nas aulas. Tédela aquí tamén:



E xa sabedes que espero ansiosa os vosos resultados, que de seguro nos sorprenderán a todas as persoas que poidamos lelos.
Vémonos o luns!!!!
 

venres, 15 de febreiro de 2019

ROSIÑA DEPORTES

Hoxe estrenamos un novo programa en "Radio Rosiña"!!! Chámase "Rosiña Deportes" e inaugúrase cunha entrevista moi entretida que o profe David fai ás persoas que se clasificaron na última competición de Campo a Través. Seguro que queredes escoitar as respostas de Jorge Otero, Paula Barcia e Paula Maneiro!!!! Pois xa sabedes: só tedes que premer no seguinte enlace:



PROGRAMAS RADIOFÓNICOS

A semana pasada estivo con nós Luís, un excepcional técnico de radio que forma parte de Rede ESPORA. Durante esa xornada, o alumnado de 4º, 5º e 6º afrontou os retos que Luís nos propuxo dun xeito moi profesional, como podedes comprobar nas seguintes gravacións.
Comezamos "Recitando poemas" de Ana Mª Fernández, que realizan deste xeito Jorge Otero, Paula Barcia, Álex e Pablo, quen ademais se encargou do son no noso estudio de "Radio Rosiña":


Tamén sobre poemas gravaron o seguinte podcast Joel, Nerea, Miguel e Mª José. Neste caso, o reto estaba en engadir palabras nos ocos nos que desapareceran as escritas por Pepe Cáccamo. E así de diferentes quedaron para o programa "Poemas porquiños":


E, por último, un reto que me encantou e penso que quedou moi fermoso: os "Mini-contos porquiños", nos que Luís nos entregou palabras coas que Jorge Lema, Daniela, Paula Maneiro e Samuel crearon unhas historias moi interesantes. Non as perdades:


E por hoxe ata aquí!!! Pero agárdannos moitas máis cousas os vindeiros días, así que estade moi atentos e atentas!!!!


mércores, 13 de febreiro de 2019

DÍA MUNDIAL DA RADIO

Hoxe é o Día Mundial da Radio!!!!! Ata o curso pasado, para moitas das persoas que compartimos o día a día neste cole esta noticia pasaba desapercibida, pero dende o curso pasado témola moi en conta. Formar parte do proxecto "Radio na Biblio", crear "Radio Rosiña", coñecer ás persoas de ESPORA... 
Este curso tamén recibimos a invitación de Rede ESPORA para participar na celebración do "Día Mundial da Radio 2019", gravando un podcast adicado ao diálogo, á paz e á tolerancia. Para iso, enviáronnos unha noticia sobre o "muro da vergoña", na fronteira entre México e Estados Unidos, que en 5º e 6º modificaron para convertir nunha nova esperanzadora. Unha vez redactada, Samuel (técnico de son) e Nerea (locutora) encargáronse de gravala en "Radio Rosiña". Unha vez enviada a Rede ESPORA, fixeron un noticieiro colectivo con todos os centros participantes, pero moi diferente aos que adoitamos escoitar, xa que o caracteriza a esperanza, cheo de noticias felices que desexamos algún día se fagan realidade!!! Recoméndovos escoitar todo o programa, pero se queredes buscar rapidamente a voz da nosa locutora, ide ao minuto 14.
FELIZ DÍA DA RADIO A TODOS E TODAS!!!


luns, 11 de febreiro de 2019

FORMACIÓN EN "RADIO ROSIÑA"

Alejandro, Paula B. e Jorge O. co noso gran técnico Pablo.
O pasado venres, 8 de febreiro, visitounos Luís, un gran coñecedor do mundo da radio no ámbito educativo. Luís forma parte de "Espora", a plataforma escolar que pretende crear unha potente rede de EScolas POla RAdio, e coa que vimos colaborando desde que formamos parte do proxecto "Radio na Biblio". O curso pasado coñecemos a Javier, quen nos iniciou neste interesante mundo da radio. Nesta ocasión foi o seu compañeiro Luís o encargado de achegar novos e interesantes retos ao alumnado de 4º, 5º e 6º. Foi unha intensa xornada na que puidemos comprobar que contamos con rapaces e rapazas interesados e interesadas en mellorar como locutores e locutoras de radio, pero tamén como técnicos de son. A todos/as eles/as, NORABOA!!! En breve comprobaredes que resultados tan marabillosos obtivemos desa mañá en "Radio Rosiña", pero mentras tanto déixovos as imaxes (premede sobre a foto), para que vos vaiades facendo unha idea do grande potencial que hai no cole de San Cosme!!!
Luís, moitísimas grazas polas túas propostas e a túa paciencia connosco!!! Esperamos leves tan bo recordo de nós coma o que deixaches ti aquí!!! Vémonos pronto!

 

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER E A NENA NA CIENCIA

Hoxe, 11 de febreiro, celébrase o ¨Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia". Esta conmemoración é moi recente, xa que foi establecida pola Asamblea Xeral das Nacións Unidas no ano 2015. Este día é un recordatorio de que as mulleres e as nenas desempeñan un papel fundamental neste campo, e a súa participación debe fortalecerse. 
Ao longo da historia, o papel da muller na ciencia estivo pouco presente, e moitas nenas e rapazas viron prohibido o seu acceso polo simple feito de non ser homes. Este curso, co noso proxecto "Le con-ciencia", podemos comprobar que no noso cole todas as persoas somos capaces de aportar neste campo: os experimentos científicos fixéstelos todos e todas, a mesa de son da radio é manexada por nenos e nenas, nos proxectos estades participando nenos e nenas... Como pensar que a ciencia está relacionada co xénero? Para nada!!!!
Déixovos aquí un vídeo no que a gran coñecedora dos chimpancés Jane Goodall envía unha mensaxe moi interesante a todas as rapazas que queren ser científicas. Non podedes perdelo!!!

 
Gustaríame tamén invitarvos a participar nunha actividade ao longo desta semana, para a cal teredes de prazo ata o 8 de marzo, que é cando celebramos outra data: o Día da Muller.
Consiste no seguinte: elixir unha científica galega e investigar un pouquiño sobre ela (datos biográficos, estudos, traballo, en que destacou, por que tela en conta, etc.). O texto que elaboredes acompañarase dunha ilustración que fará cada unha e cada un de vós. En breve pasareivos o modelo que podedes empregar, así como a científica que vos será asignada. Ao mellor algún ou algunha de vós descubre a súa vocación, quen sabe...
E lembrade que hai unha páxina moi interesante na que podedes descubrir un montón de cousas interesantes sobre esta data no seguinte enlace (que tedes no Google Sites do proxecto):

https://11defebrero.org/


DESPEDIMOS A UNGERER, UN GRANDE ILUSTRADOR

Esta fin de semana faleceu Tomi Ungerer. Tal vez polo seu nome non vos decatedes de quen é, pero de seguro coñecedes algunha das obras que ilustruo:




Tomi Ungerer era un ilustrador e debuxante francés que naceu en Estrasburgo no ano 1931. Faleceu esta fin de semana, aos 87 anos en Irlanda, lugar no que vivía dende hai 40 anos. O seu libro "Os tres bandidos" é un dos máis emprestados na nosa biblioteca, así que quixen recordar a este artista cuxa obra foi observada por tantos olliños... Premendo AQUÍ podedes ler algo máis sobre este recoñecido ilustrador.


xoves, 7 de febreiro de 2019

FORMACIÓN EN "RADIO ROSIÑA"

"Radio Rosiña" continúa a súa actividade. Xa sabedes que ao longo do curso transmitimos os programas que xa coñecedes, e iniciamos as "Entrevistas porquiñas" que tanta ilusión nos fan. Agora andamos tamén a punto de inaugurar algún nova retransmisión, pero mentras non chegue ese momento, lembrade que mañá, 8 de febreiro, teremos unha xornada moi especial na nosa radio. O motivo? Visitaranos Luís, compañeiro de Javier Prado, quen estivo connosco o curso pasado para iniciarnos neste mundo de ondas sonoras. Luís é compañeiro de Javier, e tamén forma parte de "Redespora", así que seguro que trae uns retos ben interesantes para todas as persoas que participedes nesta formación. Déixovos aquí o cartel da actividade:


martes, 5 de febreiro de 2019

EXCURSIÓN A SANTIAGO DE COMPOSTELA

Non perdemos detalle no Museo de Historia Natural.
Pois xa fixemos a primeira grande excursión do curso!!! Si, xa sei que fixestes máis viaxes, pero esta foi a primeira na que pasamos a xornada enteira fóra todas as persoas do cole... Foi a primeira excursión para as nenas e nenos de 3 anos!!! E ademais, coincidiu co cumpreanos de Álvaro!!!! A verdade é que se estrearon dun xeito espectacular, xa que visitaron o Museo de Historia Natural. Acompañados por unha guía, case non tiveron tempo de pestanexar, xa que todo o que o Museo lles ía descubrindo chamaba a súa atención. Así que os grupos de Infantil, xunto co de 1º e 2º de Primaria, recibiron unha lección moi intensa sobre a vida animal e vexetal da que seguro lembran moita información!!!
Os collages de Lara Lars chamaron moito a nosa atención.
Pola súa parte, os grupos de 3º a 6º desfrutaron dunha obra de teatro no Teatro Principal. Titulada "Valentino Rufini e Alkil Pillabán de viaxe a Milán (e van sen un can)", dous actores da compañía "Talía" fixeron rir a todo o público cunha obra que amosou a maxia do teatro.
Para completar a mañá, visitaron tamén a exposición "MiiC2. Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea", na Sede Afundación, onde descubriron a obra máis recente de artistas como as galegas Lara Lars e Iria do Castelo ou a andaluza María Hesse. Baseándose tamén nesta sorprendente e colorida exposición, fixeron un obradoiro moi interesante con Xiana, a guía que nos acompañou. 


Despois xuntámonos todas para xantar e, tras xogar un pouquiño, regresamos ao cole contentísimas!!!
Premendo sobre as imaxes podedes ver todas as fotos deste día tan especial, no que botamos moito de menos a quenes non puideron acompañarnos (Martiño, Andrea e, moi en especial, a Carla).


 

sábado, 2 de febreiro de 2019

A CANDELORIA

Hoxe, 2 de febreiro, é o Día da Candeloria!!! E a min faime moita ilusión, porque é unha data ben bonita. Cóntovos...
A palabra "candeloria" procede do termo latín candela, que significa "luz alimentada con cera ou sebo". A festividade que leva o seu nome celébrase o 2 de febreiro, un momento moi importante no ciclo astronómico, xa que coincide coa metade do inverno, xusto entre o solsticio de inverno e o equinoccio de primavera. Son moitos os refráns que fan referencia a ela, coma este:

POLA CANDELORIA... 
SE CHORA, INVERNO FÓRA; 
SE RI, INVERNO AQUÍ; 
PERO QUE CHORE, QUE DEIXE DE CHORAR, 
MITÁ DO INVERNO ESTÁ SEN PASAR.

Pero a min gústame moito tamén estoutro:

A PARTIR DA CANDELORIA, 
NINGUNHA AVE VOA SOA

lembrándonos que a celebración especial é que casan os paxariños.

https://www.canto-pajaros.es/

É certo que actualmente as persoas estamos algo saturadas de datas a celebrar, pero tamén penso que algunhas merecen a pena. A importancia que ten esta representación en Europa está representada en multitude de estampas nas que o símbolo do amor son parellas de aves xuntando os seus peteiros. Imaxinade aos paxariños migratorios retornando, para instalarse de novo no noso contorno, celebrando con cantos inimitables o que pode ser considerado o renacer da primavera. Isto si que é toda unha declaración de amor, nada que ver coa que nos queren convencer as campañas publicitarias...

E se queredes celebralo investigando sobre o canto das aves, premede sobre a imaxe e descubriredes moitos deles!