Amosando publicacións coa etiqueta Convivencia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Convivencia. Amosar todas as publicacións

sábado, 11 de xuño de 2022

XORNADA DE CONVIVENCIA

Este curso puidemos celebrar a xornada de convivencia como adoitabamos facer antes de que comezara a pandemia. Así, convidamos ás familias do alumnado a pasar un día en Balarés, cunha proposta do máis atractiva: un grupo fixo un roteiro polo paseo marítimo a carón da desembocadura do río Anllóns; outro desde Ponteceso ata a praia, acompañados por un guía do concello. Despois de facer os citados percorridos, xuntámonos para xantar, comida que compartimos ao aire libre, no piñeiral de Balarés. Tamén nos acompañaron Lorena e Jenni, da ONG Ayuda en Acción, e Luís, Millán, Ioana e Nikolay, o cuarteto da Real Filharmonía de Galicia que nos volveu marabillar coa súa música. Claro que nesta ocasión o entorno converteu o concerto nun espectáculo aínda máis máxico!!! Cantas persoas poden dicir que asistiron a un espectáculo musical de tan alto nivel nun lugar tan espectacular? Sinceramente, eu coñezo a moi poucas... 

Estou segura de que o pasastes moi ben, de que mereceu a pena todo o esforzo do equipo directivo e do profesorado para facelo posible, e tamén das cociñeiras, o conserxe e os pais e nais que botaron unha man... Un exemplo máis de que o traballo en equipo sempre consegue mellores resultados, ou polo menos iso é o que se intenta amosar desde o cole. A todas esas persoas, moitas grazas!

A xornada de convivencia en Balarés foi todo un éxito.

Unha aperta enorme e, agora que queda moi pouquiño, feliz fin de curso para todos e todas!!!

Rosiña

luns, 14 de xuño de 2021

VISITA A BALARÉS

A semana pasada rematou cunha xornada de convivencia con todo o alumnado e gran parte do profesorado á praia de Balarés. Esta actividade sempre a compartiamos coas familias das nenas e nenos do cole, pero este curso a pandemia fíxonos modificar tamén este plan. 

A xornada de convivencia reuniunos en Balarés.

Tivemos un día moi bonito, e aínda que sopraba algo o vento, non nos impediu desfrutar do paseo por Cabana de Bergantiños, a carón da desembocadura do río Anllóns, observando a fermosa paisaxe. En canto chegamos ao miradoiro de aves "José Luís Rabuñal", na praia da Urixeira, subimos ao bus que nos levou ata Balarés, onde pasamos o resto do día. Nesta praia xogamos, probamos o boa que estaba a auga e xantamos no fantástico piñeiral. Pasámolo moi ben estando todas xuntas nun espazo coma este, e desexamos que a próxima xornada de convivencia poida ser coa compañía das familias ao completo!!!!

Unha aperta,

Rosiña

luns, 18 de xuño de 2018

XORNADA DE CONVIVENCIA 2018

Vaia xornada tan estupenda a do venres!!! Tivestes un día espectacular, desfrutastes moito das actividades que fixestes e da compañía de todas as persoas que vos acompañaron...Unha mágoa que algunhas non puideran ir convosco, pero por suposto lembrástesvos moito delas e por iso tamén quero contarlles todo o que fixestes nesta xornada de convivencia tan turística...
En bus viaxastes ata O Grove, onde ás 12 subistes nun catamarán no que fixestes un percorrido pola Ría de unha hora de duración. Navegar polo mar mentras falabades, escoitabades ás persoas da empresa contándovos en que consistía o traballo das bateas en canto ao cultivo dos mexillóns, das vieiras e ostras foi unha experiencia única. Ademais, puidestes tamén bailar un pouco e degustar uns mexillóns exquisitos!!! 
Despois visitastes o Acuario, no que puidestes ver diferentes tipos de peixes ao tempo que vos ían contando algunhas das características de diferentes zonas de Galicia en canto aos ecosistemas marítimos.

E por último, o xantar. Para iso viaxastes ata a Illa da Toxa, e nun parque ben fermoso aproveitastes para comer, falar, xogar, etc. Despois da comida algunhas persoas animáronse a visitar a Aldea Grobit, e pouco máis tempo quedou, xa que tocaba regresar de novo a San Cosme.
Pasástelo xenial e no cole queremos agradecer a todas as persoas que axudaron a que todo saíra así de ben!!!!
Como estaredes ansiosos/as por ver as fotos, premendo AQUÍ podesdes acceder a elas!!!



domingo, 4 de xuño de 2017

UNHA XORNADA DE CONVIVENCIA MOI MUSICAL

Non podía ser doutra maneira!!! Despois dun curso no que a maior parte das actividades xiraron arredor do tema da música, a nosa musiteca está a punto de pechar as súas portas. Esta semana rematou coa "Xornada de Convivencia", un día que adicamos a compartir todos/as xuntos/as: nenos e nenas, nais e pais, avoas e avós, mestras e mestres... Nesta ocasión celebrámola en Santiago de Compostela. A primeira parada fixémola na Granxa do Xesto, situada na ladeira do Monte Pedroso. Alí, ademais de xogar, visitar os estanques e escoitar o concerto das ras, xantamos desfrutando tamén da tranquilidade deste espazo natural que reúne as características de parque e de bosque.
Despois, baixamos ata a Fundación SGAE, onde asistimos a un espectáculo ofrecido por Títeres Cachirulo en exclusiva para nós: "Pinocho", baseado no coñecido conto de Carlo Collodi. Ao rematar fomos dando un paseo ata o Auditorio de Galicia, onde asistimos a un dos espectáculos que máis ilusión nos facía: a "Novena Sinfonía" de Beethoven, interpretada pola Real Filharmonía de Galicia e o Orfeón Terra A Nosa. Este foi o motivo principal á hora de organizar esta xornada, porque: 
-a Novena Sinfonía de Beethoven é unha das obras máis importantes da historia da música; 
-escoitar unha orquestra en directo é marabilloso, e ademais na Filharmonía coñecemos a algúns dos seus integrantes, sobre todo a Luis Soto, o frautista que visitou o noso cole por Santa Cecilia;
-se ademais da música instrumental tamén hai música vocal, e dentro dos membros do coro está o profe Óscar, que máis podemos pedir para pechar o noso proxecto "Bailemos na musiteca"? 
Foi todo un auténtico luxo compartir esta experiencia na xornada de convivencia, emotivo tamén porque se trataba dun concerto solidario, adicado a visibilizar o traballo que realiza a Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva para avanzar na investigación desta enfermidade ultrarrara e dexenerativa. 
O director, Paul Daniel, conseguiu tamén facer partícipe ao público deste momento, invitándonos a cantar co coro, cos solistas e coa orquestra a popular versión da "Oda á alegría" de Miguel Ríos. 
E ao rematar o concerto, fomos felicitar a Óscar e a Luis. E entre saúdos e felicitacións, xuntámonos para facer unha foto espectacular: todas as persoas xuntas, ás que se sumaron algunhas moi coñecidas pola comunidade educativa (Pili, mestra no cole durante moitos anos e á que seguimos lembrando tantas veces!;Vera, quen estivo no noso centro ensinándonos danzas húngaras o curso pasado), así como Óscar, Luis e o mesmo Paul Daniel! Premendo AQUÍ podedes ver as imaxes desta xornada.


A Novena de Beethoven, símbolo da liberdade, herdanza espiritual da humanidade... XA FORMA PARTE DA NOSA HISTORIA!!!!

venres, 5 de xuño de 2015

XORNADA DE CONVIVENCIA

Un ano máis, no cole celebramos unha xornada de convivencia para despedir o curso. Certo é que aínda quedan un par de semaniñas, pero reservamos o primeiro venres de xuño con bo tempo para ir todos xuntos a Balarés. Este lugar encántanos pola súa beleza, pola súa cercanía, pola comodidade que o seu piñeiral ofrece para organizar o xantar e a colocación dos hinchables, etc. 
Nesta ocasión, ademais, descubrimos unha nova ruta que fixemos camiñando todas as persoas que se animaron a percorrer os 5 km. que separan a praia de Balarés de Corme, guiados por Javier. O traxecto, coñecido como PR-G 148 (ruta de pequeno percorrido), ofrece unhas panorámicas excepcionais de Laxe e Corme. Pasamos tamén pola "Pedra da Serpe" e ao carón dunha praia en forma de media cuncha: a "Praia da Ermida", frente á cal se pode observar a Illa da Estrela. Chegando xa a Corme, vemos a praia de "O Osmo", e á súa esquerda unha pequena furna chamada "A furna dos encantos", na cal se celebra un festival de música no mes de agosto, que cambia de data e hora dependendo das mareas. 
Uns metros máis adiante atópase Corme, pobo moi coñecido polo seu faro ("O Roncudo"), onde se di que se atopan os mellores percebes do mundo!!!
O resto do día pasámolo diante da praia de Balarés, onde despois de degustar unhas exquisitas pizzas e empanadas, rimos un bo rato coa actuación do mago que contratou a ANPA para a ocasión, ademais de pasalo de medo nos hinchables e no toro mecánico. E claro, con tanta actividade entrounos unha sede enorme e, ademais de refrescarnos co xeado co que nos convidou a ANPA, atacamos a froita antes de regresar a San Cosme.

PASÁMOLO MOI BEN!!! O importante é desfrutar da compañía e compartir unha xornada de festa; moitos lugares poden ser fermosos para iso, e dende logo Balarés é un deles!!!
E como estaredes desexando ver as fotos que nos fixo o profe David, aquí van: