martes, 24 de abril de 2018

UN ALTO NO CAMIÑO

Iso foi o que lle fixemos esta mañá a uns peregrinos moi peculiares: Ginés, Marina e Komotú. Ginés é un home que decidiu facer o Camiño ata Fisterra desde Santurce (Biscaia) dunha maneira diferente ao que estamos acostumadas a ver, e para iso elixiu a compañía dunha burra chamada Marina e dun canciño co simpático nome de Komotú.
Coñecedores da súa localización, o profesorado decidiu que era un bo momento para entrevistalos e saudalos ao seu paso pola estrada, e así fixemos. Eu esperei un ratiño, porque con tanto animal, tiña algo de medo a que a burra ou o can se asustaran ao ver unha porquiña no medio de tantos pequenos e pequenas. Pero non se asustaron nadiña, nen cos vosos agarimos nen coas vosas preguntas!!!
https://photos.app.goo.gl/md9zQk1z5BNFYXYp2

Xunto con eles viaxaba tamén Yosu, outro home que atopou a Ginés durante o seu percorrido e que, casualidades da vida, tamén facía o Camiño de Santiago desde Santurce!!! 
Con todos eles pasamos un ratiño, desfrutando das historias que nos contaron e mesmo se prestaron a ser gravados para "Radio Rosiña", así que en breve poderedes escoitar a entrevista que improvisaron nun tempo récord o grupo de 5º e 6º.  
Premendo na imaxe podedes ver o resto das fotos.

CELEBRAMOS O DÍA DO LIBRO 2018 CON CELTIA, UNHA CONTADORA DE LIBROS SORPRENDENTES

Un gustazo que esta mañá nos visitara Celtia Figueiras, unha contadora marabillosa que nos fixo pasar unha "hora de ler" moi especial. Ademais, xusto un día despois de celebrar o Día do Libro cos apadriñamentos lectores!!!
 
Celtia conseguiu, a través da súa voz, levarnos de viaxe por lugares sorprendentes a través dos seus libros, os "libros titiriteiros". Uns libros moi especiais, xa que eran enooooormes, pesaaaados e agochaban personaxes moi interesantes. O primeiro, un caracoliño ao que lle fallaba un
pouquiño a súa memoria; o segundo amosou unhas caras máxicas que parecían reais, e tiñan tantas ganas de contar que se non é por Celtia aínda estariamos agora escoitándoos; o terceiro trouxo o mar ata San Cosme, onde descubrimos a aventura dun barco pirata e a súa tripulación...

Premendo AQUÍ podedes ver as fotos desta entretida e divertida actividade.



Moitas grazas a Narciso (Consorcio Editorial), por este agasallo. E tamén a Celtia, por suposto, moitísimas grazas por facernos pasar un rato tan divertido ao compartir connosco estas historias!!!! Agardamos que nos visites en máis ocasións!!!

Se premedes sobre a imaxe inferior, podedes visitar o blog desta marabillosa contadora de historias:
https://celtiafigueiras.blogspot.com.es/

luns, 23 de abril de 2018

CELEBRAMOS O DÍA DO LIBRO 2018 COS APADRIÑAMENTOS E AMADRIÑAMENTOS LECTORES

https://photos.app.goo.gl/UT7n6gZlrgfcIbpv1
Hoxe pasamos unha tarde estupenda celebrando o Día do Libro cunha das actividades que máis nos gustan: os apadriñamentos/amadriñamentos lectores!!!
Encantoume ver a emoción coa que fostes ocupando os diferentes recunchos do cole para ler aos vosos afillados/as os contiños que elixistes en conxunto. E os debuxos que sobre eles fixestes serían a envexa de calquera ilustrador: fantásticos!!!

Ademais, no corredor do cole colocouse un cartel que fostes cubrindo coas vosas "Razóns para ler", e quedou tamén moi fermoso... Son moitos os motivos polos que lemos, algunhas das cales recolle o libro "101 razones para leer" que temos na biblioteca. Pero cada un/unha de vós ten tamén outras moi interesantes e orixinais. Eu tan só quero animarvos a que non deixedes de facelo, porque como di o lema do noso proxecto este curso, "o mundo é máis lindo LENDO".

Podedes ver as fotos desta tarde premendo na foto ou AQUÍ.

Tamén fotografiei todas as vosas ilustracións para que poidades ver as viaxes que fixeron as distintas parellas de padriños e madriñas cos seus afillados/as. Podedes velas aquí:


Unha aperta,

DÍPTICO DA CONSELLERÍA PARA CELEBRAR O DÍA DO LIBRO

Bos días!!!!
Hoxe é o DÍA DO LIBRO!!! Xa temos todo preparado para celebralo esta tardiña, non? Seguro que todos os padriños e madriñas están ansiosos/as por contar as historias elixidas para os seus afillados/as... Pasarémolo xenial, de iso estou totalmente segura!!!
Aquí vos deixo o Díptico que cada ano elabora a Consellería para conmemorar esta data. Nesta ocasión, o escritor encargado de escribir o texto foi Fran Alonso. É importante que o leades cos vosos mestres e mestras, pola ironía que o caracteriza; así comprenderédelo moito mellor!!!

Un saúdo e FELIZ DÍA DO LIBRO!!!!!




venres, 20 de abril de 2018

COÑECENDO A NOSA CONTORNA

https://photos.app.goo.gl/1WGWReafTj5ekovI2
Incrible que ata onte non coñecera algúns dos tesouros que agocha o noso concello... E mirade que me gusta camiñar para aquí e para alá, pero descoñecía por completo que aquí en Mazaricos tiñamos riquezas coma as que onte nos amosou Nina na nosa excursión polos arredores.
A primeira parada fixémola no Monte Aro, que nos regalou unha das vistas máis fermosas do lugar: montes e vales divísanse dende o lugar no que se asentou un dos castros máis importantes, e iso que o día non estivo especialmente despexado para poder apreciar incluso o mar, aínda que si puidemos ver como se asomaba un pouquiño un dos montes máis máxicos do mundo: o monte Pindo!
Despois, baixamos ata Pedras Miúdas onde, por primeira vez nas nosas vidas, merendamos ao carón dunha mámoa!!!
Por último, achegámonos a Ponte Olveira, onde o río Xallas divide os concellos de Mazaricos e Dumbría. Esta ponte, ademais, foi testemuña dunha das batallas máis heroicas na nosa historia: a loita dos veciños de toda a contorna contra o exército napoleónico durante a Guerra da Independencia (1809). Foi tamén aquí onde se orixinou, a ámbalas beiras do río)  a feira que posteriormente se trasladaría ata A Picota, onde segue a celebrarse na actualidade.
E aprendemos moitas máis cousas, ademais de coñecer parte do Camiño de Santiago a Fisterra por Mazaricos e ver algúns dos lugares nos que vivides algúns dos nenos e nenas do cole, mentras cruzabamos un mar de herba que enchía os nosos ollos de infinitos tons verdes... Ai, que mañá tan fermosa!!!!
Premede sobre a imaxe ou AQUÍ para ver as fotos e presumir das cousas tan fermosas que tedes, para VALORALAS, RESPECTALAS e COIDALAS!!!

xoves, 19 de abril de 2018

DÍA DO LIBRO 2018

O pasado 2 de abril foi o Día Internacional do Libro Infantil, data de nacemento do escritor Hans Christian Andersen.
Cada ano encárgase un país de elaborar o cartel e redactar un texto para celebrar esta data. Nesta ocasión correspondeulle a Letonia. A imaxe é do ilustrador Reinis Petersons, e o texto da poeta, editora e activista da promoción da lectura Inese Zandere, que titulou "Os libros fan grande o máis pequeno". A Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Galix), traduciuno ao galego, así que tamén eu quero compartilo con todas/os vós. Podedes lelo premendo AQUÍ.

E o luns 23 de abril celebramos o Día do Libro, e premendo nos seguintes enlaces atoparedes interesantes actividades:
-Roberto Andrés Pacini Sarli recolle apuntes interesantes sobre esta data (por que se celebra o 23 de abril, a revolución do libro, e propón un conto ao que terás que escribirlle o seu final).
-Na web Lapicero Mágico propoñen 50 actividades para o Día do Libro.
-Na web Actiludis recolleron adiviñas e crebacabezas para os cursos de 1º a 4º de Primaria.
- "Un conto que contaba o mundo enteiro" en diferentes idiomas (tamén en galego).
-Na web Tiching.com destacarei, entre as moitísimas propostas, a Curtametraxe "Leer en corto", porque nada mellor que un libro para viaxar!!! 

A vindeira semana agárdannos moitas actividades no cole, porque xa sabedes que eu son unha auténtica devoradora de libros, así que estou desexando celebralo convosco!!!
Apertas,                                                                                                                                   
   

martes, 17 de abril de 2018

CHARLA CON NINA SOBRE ARQUEOLOXÍA

https://photos.app.goo.gl/NNP6SqALphlxu75T2
Esta mañá visitou a nosa biblioteca Nina, que nos veu falar de temas relacionados coa visita que faremos o próximo xoves. A arqueóloga do concello proxectou un vídeo sobre o megalitismo, que é a época máis antiga da que falamos, da coincidencia no tempo da época romana e os castros, e da catedral de Santiago como a representación arquitectónica máis salientable da época medieval
O xoves, tendo todo isto en conta, visitaremos o castro de Monte Aro, a necrópole de Pedras Miúdas e Ponte Olveira

ESTADES PREPARADAS/OS?

(Premendo sobre a imaxe podes ver as fotos)

luns, 16 de abril de 2018

DOUS VÍDEOS PARA A CHARLA SOBRE ARQUEOLOXÍA

Mañá recibimos no cole a Nina, a arqueóloga do noso concello. Esta é a segunda ocasión na que nos visita, e antes de que nos reunamos con ela vimos un vídeo que fala sobre os castros, para comprender mellor todos os conceptos dos que nos fale mañá. Déixovolo aquí por se queredes velo de novo:


E tamén nos propuxo ter en conta estoutro vídeo, xa que fala dun dos restos arqueolóxicos que máis abundan na nosa contorna: os dolmens ou antas. Estes monumentos pertencen ao período da historia denominado megalitismo, termo que procede das palabras gregas mega (grande) e lithos (pedra). Seguro que aprendedes moito a través del:






sábado, 14 de abril de 2018

EXCURSIÓN Á CORUÑA

https://photos.app.goo.gl/v3atkn5J9TFGFiSU2 

O martes foron de excursión as rapaciñas e rapaciños de 3º a 6º de Primaria. E este venres tocoulles aos de Infantil e 1º e 2º de Primaria!!! O destino foi outro, e as actividades que realizaron tamén, por iso vos quero contar o que fixeron na cidade herculina.
Na súa viaxe á Coruña puideron desfrutar do concerto didáctico "Pequeno Circo Ambulante". Foi un espectáculo moi divertido onde atoparon pallasos, malabaristas..., á vez que desfrutaron moito da música de circo. 
Fíxolles especial ilusicón que Aroa saíse a facer de equilibrista, Xavi a bailar e Ainhoa a ensinar as súas brillantes botas. 
Despois visitaron a estación de tren de A Coruña e descubriron que é moito máis grande que a de Santiago. Ata viron saír algúns trens. 
Por último, divertíronse moito xogando nun parque do centro da cidade que non coñecían.
Seguro que estades desexando ver as fotos e vídeos desta estupenda xornada. Só tedes  que premer AQUÍ (ou sobre a imaxe).

 

venres, 13 de abril de 2018

RECIBIMOS A JAVIER EN "RADIO ROSIÑA"

https://photos.app.goo.gl/Rtt5lldnrb5JvUP13
Agora si que non hai marcha atrás, rapaciños e rapaciñas!!! "Radio Rosiña" xa está inaugurada por todas e todos vós!!! Aínda que desde que recibimos e colocamos todo o equipamento necesario xa fostes moitas as persoas que por ela pasastes, onte foi un día moi especial, xa que recibimos a visita dun auténtico profesional: Javier Prado. Javier pasou con nós toda a mañá, dándonos moitos consellos para aproveitar ao máximo posible este medio de comunicación que nos enche de ilusión, explicándonos como se manexan a mesa de mezclas e o programa de gravación, como controlar os micrófonos e mesmo descubrimos como podemos incluír música para as sintonías dos nosos programas!!! Tivestes a oportunidade de gravar as primeiras entrevistas, narrar un conto, deseñar un programa para convencer ás oíntes de que o noso é o mellor cole do mundo, etc.
Para a vindeira semana xa vos contaremos como tedes que facer para descargar os podcast que vaiamos gravando, pero ata entón, aquí vos deixo as fotos que fixemos durante esta xornada radiofónica na que queremos agradecer a Javier o esforzo por viaxar ata San Cosme e o seu entusiasmo e paciencia para explicarnos o funcionamento da radio. Javier, foi todo un pracer coñecerte. MOITÍSIMAS GRAZAS!!!
(Para ver as fotos, premede sobre a imaxe ou AQUÍ)




mércores, 11 de abril de 2018

ENQUISAS NO CAMIÑO DE SANTIAGO

Como ben sabedes, o Camiño de Santiago a Fisterra pasa polo concello de Mazaricos. E na parroquia de Santa Mariña hai dous albergues moi ligados ao noso centro, xa que pertencen a dúas familias que aquí teñen escolarizadas ás súas rapaciñas: Paula e Carla. Foi este o motivo polo que, unido ao Proxecto Documental sobre o turismo que propuxemos desde a Biblioteca, así como o Plan Proxecta no que tamén estamos inscritos, o que nos motivou a elaborar unhas enquisas para que cubriran todas as persoas que fan o Camiño ata o fin da terra. Entregámolas antes da Semana Santa e xa temos unha grande parte delas cubertas. Todo isto foi posible grazas á colaboración das mencionadas familias e aos peregrinos que, desinteresadamente, adicaron un ratiño do seu tempo a cubrilas. A todas elas, MOITÍSIMAS GRAZAS!!!

Se queredes saber as preguntas que lles fixemos, aquí vos deixamos a que está en galego:



Pero tamén as fixemos noutros idiomas, xa que as persoas que fan o Camiño veñen de lugares moi diferentes. Premendo sobre os diferentes idiomas, podedes lelas en castelán, en inglés e tamén en francés.



EXCURSIÓN A SANTIAGO DE COMPOSTELA

Este martes foi un día atípico no noso cole, xa que os grupos de 3º a 6º foron de excursión a Santiago, e o centro quedou coas rapaciñas de Infantil, 1º e 2º, e os mestres Patricia, Óscar e David. A saber o que farían mentras estabamos de viaxe... Pero eu vouvos contar o ben que o pasamos na capital galega. A primeira parada fixémola na Praza do Toural, onde visitamos a Fundación Eugenio Granell. A través dunha visita guiada puidemos coñecer un pouquiño máis a obra deste destacado pintor surrealista. Ademais, este artista galego viaxou e viviu en moitos outros lugares (Madrid, República Dominicana, Guatemala, Puerto Rico e Nova York entre eles), o que influíu moito na súa obra. E non só na pictórica, xa que entre os óleos tamén descubrimos algunhas esculturas, debuxos, colaxes e mesmo obxectos persoais do artista.
Ademais, tivemos a oportunidade de pisar unha das terrazas máis espectaculares do casco histórico de Compostela, xa que o museo atópase no Pazo de Bendaña, que ademais de ser un edificio fermosísimo, amosa unha vista pouco coñecida da cidade. 
Despois camiñamos ata o Teatro Principal para asistir ao espectáculo de danza "Emoticores", interpretado por "Las Tricotouses", onde as emocións toman forma a través das cores e o movemento, unido ao son e ás proxeccións audiovisuais.
Ao rematar, subimos camiñando ata a Praza de Abastos, onde aínda tivemos tempo para visitar algúns dos seus postos (carnizarías, peixarías, panadarías e froitarías), nalgúns dos cales nos detivemos para facer preguntas sobre aquelo que máis nos chamou a atención ou para escoitar aos vendedores que, amablemente, nos contaron cousas moi interesantes. 
Desde logo, pasámolo pipa!!!!! Podedes comprobalo vendo as fotos que fixemos se premedes AQUÍ.

E se queres aprender máis sobre a Fundación Eugenio Granell, premendo sobre a imaxe podes visitar a súa páxina web.

http://www.fundacion-granell.org/actualidad/index.php