martes, 24 de marzo de 2015

MÚSICA E CINE EN COMPOSTELA

Comeza a última semana do trimestre cargadiña de actividades e saídas. Esta mañá parte do alumnado (3º, 4º, 5º e 6º) viaxamos a Santiago de Compostela, para asistir a un espectáculo no colexio La Salle, ofrecido polo grupo "La armónica invisible". Este grupo, formado por tres músicos (teclado, guitarra, batería e voces) interpretou unha serie de temas ilustrativos do que foi e é a música na historia do cine. Desfrutamos con temas adaptados aos distintos xéneros cinematográficos e faláronnos sobre a función da música nalgunhas escenas de películas moi coñecidas. Todo iso, con música en directo e imaxes dos filmes proxectados nunha pantalla que nos mantivo moi atentos/as durante parte da mañá.
Despois, completamos a viaxe coa visita á exposición no Auditorio de Galicia "Leopoldo Nóvoa. Papeis e cartóns". Alí puidemos ver parte da produción deste creador pontevedrés, que traballou e investigou en soportes e técnicas diferentes. As obras expostas no Auditorio, en papel e cartón (probas de autor, gravados, técnicas mixtas sobre papel, pochoirs, etc.), fixeron voar a nosa imaxinación!
E a pesar de que ameazaba chuvia, puidemos desfrutar da nosa comida ao aire libre e dun ratiño facendo o que máis nos gusta: XOGAR!!!
Aquí van as fotos dun día especial no que botamos de menos aos rapaciños e rapaciñas que non puideron vir e ao resto dos grupos e mestres que quedaron no cole.

martes, 17 de marzo de 2015

UN ECLIPSE SOLAR!

O próximo venres 20 de marzo despedimos o inverno dun xeito especial: producirase un eclipse de Sol.
Un eclipse prodúcese cando a Lúa oculta ao Sol, desde a perspectiva da Terra.
Nos seguintes vídeos poderás entender mellor como se produce este fenómeno:









Dependendo do lugar no que nos atopemos, veremos un eclipse total (toda a superficie do Sol queda cuberta pola Lúa) ou parcial (a Lúa non tapa por completo ao Sol), que será como se vexa na maior parte de Europa. En España o eclipse comezará ás 09:05 da mañá, e acabará ás 11:18. Os case 3 minutos máis espectaculares chegarán ás 10:09. Se queredes coñecer máis detalles sobre o eclipse do próximo 20 de marzo, premede AQUÍ. Tamén vos pode resolver moitas dúbidas o enlace que atoparedes neste artigo de La Voz de Galicia ou nestoutro do Observatorio da Armada, que inclúe tamén varias animacións sobre este espectáculo astronómico (premede sobre os nomes escritos a cor).
A mellor zona para velo será GALICIA, así que xa sabedes!! Pero para poder observalo tedes que tomar varias precaucións, xa que é moi perigoso mirar cara o Sol directamente, e pode provocar graves lesións nos ollos. Así que nada de gafas de sol, radiografías, cristais afumados e cousas similares. Si podedes empregar filtros solares, cristais de soldadura cun alto factor de protección ou gafas especiais. 

Pero tamén hai outras opcións:
http://www.oan.es/eclipse2015/OAN_precauciones_eclipse.pdf-unha delas, proxectando a imaxe do Sol empregando dúas cartulinas. A unha fáiselle un buratiño duns milímetros e agarrámola de costas ao Sol, de xeito que a luz pase polo burato e apareza na outra cartulina, situada a dous palmos de distancia e á sombra da primeira.
Se premes enriba da imaxe poderás ler un documento do Observatorio Astronómico Nacional que contén máis información sobre as precaucións que debemos tomar á hora de ver un eclipse.

E como seguramente estaredes moi impacientes, no seguinte vídeo podedes ver o eclipse de Sol do ano 2008, desde Novosibirsk, Rusia, aínda que tamén queremos recordarvos que o eclipse de mañá será retransmitido en directo desde as illas Feroe (situadas no Atlántico Norte). 

sábado, 14 de marzo de 2015

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

No cole tamén quixemos ter en conta esta data, que conmemora a loita da muller pola súa participación na sociedade e no seu desarrollo íntegro como persoa en igualdade co home.
Nesta ocasión, cada aula afondou un pouquiño na vida dunha muller relacionada co mundo do cine, dacordo co noso proxecto integrado. Foi por iso que elaboramos este traballo que expuxemos o venres, onde nos xuntamos todas e todos co desexo de que a sociedade sexa cada vez menos inxusta con algúns grupos de persoas.
Na seguinte imaxe podedes ver os murais elaborados polos distintos cursos, sobre a figura feminina elixida:
-personaxes de película, como MULAN (Ed. Infantil) e PIPI CALZASLARGAS (3º de Primaria);
-as actrices galegas A BELA OTERO (4º de Primaria) e MABEL RIVERA (1º e 2º de Primaria) ou a americana LOIS WEBER (6º de Primaria);
-mulleres cuxas historias personais inspiraron películas, como a de ANNA SULLIVAN e HELLEN KELLER ("O miragre de Anne Sullivan") ou a de VERÓNICA GUERIN (5º de Primaria).


A continuación atoparedes as fotos sacadas durante o acto de celebración:

mércores, 11 de marzo de 2015

CONTACONTOS EN INGLÉS

Hoxe asistimos, en compañía tamén do profesorado e alumnado do cole de Pino de Val, a un contacontos moi especial na Picota. Realmente, era unha storyteller, xa que a rapaza encargada da actividade contounos todo en inglés! A profe Marina axudounos moito durante os días previos a este espectáculo e puidemos entendelo de marabilla!
O alumnado de 3º a 6º pasouno xenial coas historias dunha rapaza entusiasmada co mundo do circo. Para Infantil, 1º e 2º, as historias tiveron que ver co mundo do mar, e foron tamén moi divertidas. Ademais, algúns e algunhas de vós tivestes a sorte de poder transformarvos en músicos ou animais! Rimos, emocionámonos, cantamos, saltamos, bailamos... E aprendemos inglés!

A segunda parte da visita á Picota foi unha sorpresa cinematográfica, pero iso será un segredo que quedará entre nós...

Aquí van as fotos, que de seguro vos farán rir recordando as aventuras que nos contou esta marabillosa contacontos: 


A NOSA UXÍA NA TELEVISIÓN

A nosa Uxía actuou no Luar o vernes 27 coa Escola Municipal de Música Tradicional de Santa Comba
Para ver a súa actuación situádevos ata o seguinte momento: 1h:41min:22s do video que vos deixamos aquí abaixo.
Vela aquí a nosa pandereteira!


Tamén vos deixamos unha foto de Uxía coa presentadora do Luar: Lucía Regueiro.


Uxí !!! Eres unha artistaza!!

Fixéchelo xenial!!

Bicos do teu Club de Fans!

martes, 10 de marzo de 2015

IMAXES DO SALÓN DO LIBRO DE PONTEVEDRA

Poida que este ano non poidamos acudir á XVI Edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra pero eso non quere dicir que non poidamos acudir virtualmente.
Rosiña fixo unha escapada esta fin de semana e acaba de enviarnos unhas fotos para que lle botemos un olliño ao que alí atopou.


 Nesta ocasión o Salón leva por título "Da ciencia á ficción" e está dedicado ás ciencias.
"A ciencia, a lóxica, a explicación racional a feitos incribles: O home na lúa, os robots, a realidade virtual...etc. As matemáticas, a astronomía, a bioloxía, a física e a química... esclarecen feitos obxectivos e observables que inspiraron grandes historias de ficción. Historias, que chegaron e chegarán a converterse en realidade grazas á ciencia.
Falamos de ciencia, de ficción e da delgada liña que as separa".
O Salón inaugurouse o 27 de febreiro e estará aberto ata o 28 de marzo no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Podedes consultar a súa programación pinchando AQUÍ.
Tamén podedes consultar a bibliografía da temática deste ano para que vexades os libros que tratan o tema da ciencia.


xoves, 5 de marzo de 2015

A HISTORIA INTERMINABLE

A historia interminable, tamén coñecida como A historia sen fin, é unha novela fantástica do escritor alemán MICHAEL ENDE. Dende a súa primeira publicación (no ano 1979), foi todo un éxito, sendo traducida a máis de 36 idiomas e adaptada para diversas producións cinematográficas.
Segundo conta o propio autor, a novela expresa o desexo de atopar a realidade que nos rodea a través de percorrer o camiño inverso, é dicir, a parte interior de cada un que se atopa na súa imaxinación:

"Cando nos fixamos un obxectivo, o mellor medio para acadalo é tomar sempre o camiño oposto. Non son eu que inventou dito método. Para chegar ao paraíso, Dante, na "Divina Comedia", comeza pasando polo inferno. (...) Para atopar a realidade hai que facer o mesmo: darlle as costas e pasar polo fantástico. Ese é o percorrido que leva a cabo o heroe de A historia interminable. Para descubrirse a si meso, Bastián debe abandonar primeiro o mundo real (onde nada ten sentido) e penetrar no país do fantástico, no que, polo contrario, todo está cargado de significado. Sen embargo, hai sempre un risco cando se realiza tal periplo; entre a realidade e o fantástico existe, en efecto, un sutil equilibrio que non debe perturbarse: separado do real, o fantástico tamén perde o seu contido". (MICHAEL ENDE)

Invitámosvos a todos os nenos e nenas de 3º, 4º, 5º e 6º a coñecer esta estupenda historia, xa que o vindeiro mércores, día 11, asistiremos a dous espectáculos na Casa da Cultura de A Picota: un deles consiste nun contacontos en inglés; o segundo será a proxección de fragmentos da película realizada sobre esta marabillosa novela, que de seguro vos enganchará a todas e todos. A sinopse da mesma podería ser a seguinte: escondido no faiado do seu colexio, Bastián devora durante as horas de clase un libro enigmático, A historia interminable, que relata a progresiva destrución do Reino da Fantasía. Unha especie de "Nada" misteriosa destrúe o país e as criaturas que o habitan. A medida que avanza na lectura, Bastián dase conta de que a salvación de Fantasía depende del; de que consiga entrar dentro do libro...  Aquí podedes ver o tráiler dunha das súas adaptacións ao cine:


Apetécevos saber máis? No seguinte enlace tedes algunhas actividades que podedes traballar antes e despois de ver os fragmentos do filme seleccionados:

SENTIMENTO: A EMPATÍA

A empatía é a habilidade que ten unha persoa para comprender as emocións doutra. É dicir, poñerse no lugar dos demais, axudando así a entender os seus sentimentos. Se queredes traballar este sentimento, podedes comezar por ver algún fragmento dos seguintes vídeos:

"For the birds"


"A galiña ou o ovo?"


"Empatía"


"O poder da empatía"

 

"Os ollos de Lena"