mércores, 27 de abril de 2016

O ABANDEIRADO DE ESPAÑA NOS XOGOS OLÍMPICOS

Coñecédelo todos, e é un dos mellores tenistas do mundo!!! Natural de Mallorca (Illas Baleares), onde naceu no ano 1986, este xogador posúe, entre outros moitos, unha medalla de ouro nas Olimpíadas de Pequín 2008 e 14 títulos do "Grand Slam", que son os catro torneos máis grandes de tenis (o "Aberto de Australia", o "Roland Garros", o "Campionato de Wimbledon" e o "Aberto de Estados Unidos").
Pois claro que se trata de Rafa Nadal!!! Hoxe mesmo comunicouse que será el o encargado de abandeirar ao equipo de xogadores e xogadoras que viaxarán desde España para competir nos Xogos Olímpicos de Río. En total, polo de agora están clasificados 171 deportistas, dos cales 93 son homes e 78 mulleres. Pero aínda quedan algunhas probas por concluír, así que este número pode variar.
Se queredes, premendo aquí podedes ver o anuncio da noticia e a opinión do tenista.

CERIMONIA DE ENTREGA DA CHAMA OLÍMPICA

Unha semana despois de que a chama olímpica fora acendida en Atenas, hoxe celebrouse a cerimonia de entrega na capital grega, onde foi recibida por Brasil. No país latinoamericano comezará o maior evento deportivo mundial dentro de 100 días, así que comeza a conta atrás!!!
A cerimonia tivo lugar no estadio Panathinaikó, onde a gran sacerdotisa entregou a chama a varios/as deportistas gregos/as, que foron as persoas encargadas de facer un pequeno percorrido ata chegar á pira, que xa non se apagará ata chegar ao estadio brasileiro de Maracaná.
Ademais, un coro de nenas e nenos interpretaron os Himnos de Brasil e de Grecia, así como o Himno Olímpico, e a gran sacerdotisa, acompañada das súas vestais, bailaron unha coreografía ao redor da pira acendida.
Se queredes ver a cerimonia, premendo aquí podedes acceder ao vídeo que retransmitiron desde "Teledeporte".

venres, 22 de abril de 2016

CELEBRAMOS O DÍA DO LIBRO

Un ano máis, celebramos o DÍA DO LIBRO, unha festa mundial que se remonta a principios do século XX. O 23 de abril de 1616 morrían Miguel de CERVANTES, William SHAKESPEARE e Inca GARCILASO DE LA VEGA. Por este motivo, esta data foi elixida para rendir unha homenaxe ao libro e ás persoas escritoras. 
Xa esta semana Manuel de Paderna nos aconsellaba ler, ler e ler... E o certo é que tamén eu, Rosiña, desde que descubrín o placer da lectura, adícolle todo o tempo que podo, porque son unha porquiña moi valente!!! Valente, si, e se non estades de acordo, lede ou relede o texto que escribiu con motivo do Día do Libro PEDRO FEIJOO, un dos creadores galegos máis lidos nos clubs de lectura: 


Ademais, elaboramos un marcapáxinas para conmemorar o IV Centenario da morte dos tres escritores anteriormente citados. 

E na "Hora de Ler", realizamos unha das nosas actividades preferidas: os "Apadriñamentos e Amadriñamentos Lectores". Pasámolo moi ben e como mostra aquí van as fotiños que fixemos durante esta mañá:

xoves, 21 de abril de 2016

ACENDIDO DA CHAMA OLÍMPICA

O 21 de abril, a actriz Katerina Lehu acendeu a chama que dentro de 100 días e unha semana comezará a arder no estadio olímpico de Río de Janeiro. Katerina, no seu papel de sacerdotisa, capturou os raios do sol nun espello parabólico ante o templo de Hera en Olimpia, o lugar onde se celebraron os Xogos na antigüidade. A chama atravesará Grecia nun traxecto de máis de 2000 km., que inclúe a cidade de Maratón e a illa de Corfú, rematando no estadio Panathinaiko de Atenas. Despois, subirá a un avión onde, protexida por unha pantalla, voará ata Lausana, e de alí a Brasilia. Durante case 100 días percorrerá o país no que se celebran este ano os Xogos Olímpicos, chegando ao estadio olímpico de Río o 5 de agosto.
Queredes ver o vídeo?

martes, 19 de abril de 2016

A VISITA DE MANUEL DE PADERNA

Esta semana estamos adicando algunhas das nosas actividades ao "Día do Libro", que se celebra o 23 de abril. Por este motivo, esta mañá visitou a nosa Biblioteca un personaxe moi especial, MANUEL DE PADERNA. Manuel traballa de barbeiro e de alguacil municipal pero, sobre todo, é poeta. O seu dominio da palabra fai parar as augas dos ríos, variar a situación dos mares, e mesmo abrollar as fontes ou curar as persoas!!! Ademais, vive en Outeiro de Rei, na Terra Chá (Lugo), e asegura ser mestre do gran poeta MANUEL MARÍA, a quen se lle adicará este ano o "Día das Letras Galegas", que vos parece? 
Foi todo un pracer compartir con Manuel unha viaxe chea de risas e poesías, que nos mantiveron a maiores e rapazas e rapaces enfeitizadas/os con este máxico personaxe.
Mirade que ben o pasamos:

venres, 15 de abril de 2016

CONCERTO E EXPOSICIÓN "IX PREMIO AUDITORIO DE GALICIA 2015"

Pois si que foi completamente artístico este venres. Por un lado, asistimos ao concerto didáctico que ofreceu a Banda Municipal de Santiago de Compostela no Auditorio de Galicia. O programa, baixo o título "Bandanza", incluía pezas que soan nos bailes de salón, algunhas das cales recoñecemos rapidamente!!! Pero tamén chamou moito a nosa atención o baile en directo de dúas persoas profesionais: Lucía Vázquez e Cristian García. Se premedes aquí podedes escoitar algunhas das pezas interpretadas esta mañá, ao tempo que desfrutades das fotografías que fixemos na Sala Ángel Brage do Auditorio:


Pero tamén tivemos tempo para visitar a Exposición "IX Premio Auditorio de Galicia 2015", composta por 40 obras que convidan a pensar sobre o papel das e dos artistas na actualidade. Fotografía, pintura, escultura, debuxo, instalacións, vídeo-instalacións, etc., captaron a nosa atención ao tempo que Loli (a guía que nos acompañou) nos ía contando de que trataba cada unha delas. Chamáronnos moito a atención, sobre todo a escultura feita con xoguetes que representaba a violencia a través do xogo de sombras, o cadro que tiña parte debuxada nas paredes, un espello convertido en obra de arte, unha fotografía ao lado da cal se podía ler a conversa mantida entre o fotógrafo e o retratado, ou o vídeo-montaxe na que aparecían tres mulleres musulmás falando da súa situación no noso país. Esta última, que invita a reflexionar sobre o racismo, foi a gañadora do 1º premio.
E todas estas obras nos inspiraron para crear nós mesmos, en pequenos grupos, a nosa obra de arte. E todas esas creacións están expostas no corredor do colexio, porque tamén no C.E.I.P. Víctor Sáenz hai auténticos artistas!!!

mércores, 6 de abril de 2016

OS XOGOS OLÍMPICOS ESTÁN DE CUMPREANOS

Pois si!!! Hoxe cumpren 120 anos os Xogos Olímpicos Modernos!!! E neste curso, que no cole está adicado a esta temática, queremos tamén celebralo. Celebráronse en Atenas (Grecia), no ano 1896, entre o 6 e o 15 de abril. Participaron 241 atletas procedentes de 14 países, que competiron en 9 deportes: atletismo, ciclismo, esgrima, ximnasia, halterofilia, loita, natación, tenis e tiro. Mais foron uns Xogos que non tiveron para nada en conta ás mulleres deportistas, xa que todos os atletas eran masculinos. 
Spiridon1.gifCelebráronse no Estadio Panathinaikó, o primeiro gran estadio do mundo moderno. O grego Spiridon Louis "Spyros" (na fotografía) conseguiu a victoria na maratón, correndo os 40 km. en 2 horas, 58 minutos e 50 segundos. Tiña 23 anos. Despois dos Xogos, "Spyros" retirouse ao seu pobo natal para traballar como granxeiro e despois como policía. 
Pero o competidor que máis medallas gañou foi o alemán Carl Schuhmann, que conseguiu catro medallas de ouro (en ximnasia e loita grecorromana).
Desde entón, cada catro anos, deportistas de todos os países reúnense para celebrar esta competición mundial. Só se suspenderon durante as guerras mundiais do século XX. E, no ano 2004, Grecia organizou por segunda vez os Xogos Olímpicos.

120.º aniversario de los primeros Juegos Olímpicos modernos

martes, 5 de abril de 2016

OBRADOIRO DE DANZAS HÚNGARAS

Hoxe foi un día especial no cole, xa que celebramos un obradoiro de danzas húngaras. Para iso contamos coa presenza de tres marabillosos músicos que tocaron para nós en directo, ao tempo que nos iban amosando os pasos das diferentes pezas. Vera é de Hungría, pero fala moi ben o galego e entendémoslle todo o que nos contou sobre o seu país. Foi a encargada de bailar con nós os diferentes bailes. Serxio tamén sabe moitas cousas de Hungría, e axudounos a aprender os pasos, ademais de tocar para nós un instrumento similar ao laúde. Xesús era o músico encargado de tocar as frautas, unha das cales se podía facer soar soprando e tamén murmurando!!!! E tamén viña unha acompañante pequechiña con eles, de tan só ano e medio, chamada Noa, que nos encantou a todas as persoas que compartimos esta mañá tan especial no noso cole. Moitísimas grazas aos catro!!!! Bueno, xa podemos dicilo en húngaro: KÖSZÖNÖM!!!

venres, 1 de abril de 2016

VISITA AO DOLMEN DE DOMBATE

Esta mañá viaxamos a un lugar moi preto xeograficamente -Cabana de Bergantiños-, mais moi lonxano no tempo: á Prehistoria. Visitamos o DOLMEN DE DOMBATE, considerado o monumento megalítico máis importante de Galicia. Realmente, o túmulo ou mámoa contén dous dolmens, aínda que o máis coñecido e de maior tamaño é o denominado Dombate "recente". Este foi construído arredor do ano 3700 a. C. e clausurouse como lugar de enterramento cara ao 2700 a. C. O Dombate "antigo" data de finais do V milenio e deixou de utilizarse co levantamento do novo dolmen. A mámoa que alberga os dous dolmens mide 24 metros de diámetro e 1,8 de altura, e está a uns 197 metros sobre o nivel do mar.
A visita completouse co visionado dun documental sobre os dolmens da Costa da Morte e un vídeo sobre a época coñecida como "Megalitismo".
A segunda parte da excursión consistiu nun obradoiro. Os grupos de Infantil, 1º e 2º de Primaria participamos en "As cores de Dombate: pinturas máxicas". Tamén nesta época tan lonxana a pintura era moi importante, para expresarse, para decorar os espazos, etc. Pero a maneira que tiñan de obter os pigmentos cambiou moito co paso dos anos. Centrándonos nesta arte, recreamos unha pintura Neolítica que agora forma parte da decoración do noso cole.
Os grupos de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria realizamos un obradoiro no que descubrimos o proceso de transformación do barro desde que se recolle ata que se transforma nunha cerámica, converténdonos en oleiros moi creativos!

Deixámosvos tamén aquí algúns enlaces que poden resultar do voso interese:
-O home Neolítico, debuxos animados da serie "Érase una vez el hombre":


-Outro capítulo da mesma serie sobre os vales fértiles:


-O seguinte vídeo é sobre un documental adicado a esta antiga construción, centrándose en Antequera, na provincia de Málaga. Para velo preme aquí.
-Tamén podes ler máis información sobre o Dolmen de Dombate premendo aquí.

E a continuación podes ver as fotos desta histórica mañá: