Amosando publicacións coa etiqueta Museos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Museos. Amosar todas as publicacións

xoves, 28 de abril de 2022

EXCURSIÓN DE 5º E 6º A PONTEVEDRA

Ola, rapazas e rapaces!!!

Hoxe escríbovos para contarvos por que esta xornada non estiveron no cole as nenas e nenos de 5º e 6º: foron de excursión a Pontevedra!!! A viaxe, dentro das programadas polo "Proxecto Terra", foi unha proposta dentro das actividades do Club de Lectura. Para iso, tiveron que madrugar un pouquiño máis que un día normal, pero mereceu a pena, xa que aproveitaron moito o tempo que pasaron na cidade do Lérez. Acompañáronnas unha guía profesional, Uxía, a quen queremos agradecer os coñecementos que compartiu connosco, e os mestres Xavier e Susi. Durante a mañá descubriron algúns dos edificios máis fermosos de Pontevedra, ao tempo que Uxía lles ía contando parte da súa historia, coñecendo moitos datos interesantes. Visitaron a oficina de información turística e, despois de descansar un pouquiño, achegáronse ao Museo de Pontevedra e a Museo Castelao, onde lles chamou moito a atención o moderno edificio. Ao tempo que camiñaban polas prazas e rúas da cidade, puideron comprobar que Pontevedra é merecedora de premios que recoñecen as súas boas prácticas para mellorar as condicións de vida das persoas que a habitan: na parte vella case non hai tráfico, moitas rúas son peonís e está moi limpa.

Xantaron nun parque onde tamén puideron xogar un ratiño, antes de continuar a viaxe hacia Lourizán. Aquí atópase un enorme pazo de estilo modernista que non pode visitarse, pero o máis fermoso e interesante do lugar atópase ao seu redor: o xardín!!! Cheo de árbores chegadas de diferentes partes do mundo, é un lugar fabuloso para aprender e desfrutar paseando, ao tempo que conversaron sobre camelias de diferentes tipos, teixos, buxo, cedros, etc.

Todo o grupo regresou moi contento da experiencia, e con ganas de repetir!!!

Apertas,

Rosiña


mércores, 14 de abril de 2021

O MUSEO DO POBO GALEGO ACHÉGANOS O MAR

A experiencia marítima foi todo un éxito.
Esta mañá realizamos un obradoiro moi especial no cole, no cal participou o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria. Estaba dividido en dúas partes: a primeira delas consistía nunha visita virtual ao Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, e a segunda nun obradoiro que se impartiu no patio cuberto do centro. A visita ao Museo fixémola acompañadas de Carmiña, unha rapaza que leva moitos anos traballando neste importante edificio compostelá, quen nos explicou onde estaba situado, que era o que podiamos atopar no seu interior, destacando a famosa escaleira helicoidal, etc. Despois centrouse xa na sala adicada ao mar, preparándonos para o obradoiro posterior. 

A segunda parte foi moito máis práctica, e para iso contamos con Balti, un rapaz enérxico e moi simpático que nos contou un montón de segredos relacionados co mar: embarcacións, aparellos, práctica da pesca, etc. Aprendemos e divertímonos moitísimo grazas a este excelente obradoiro, polo que queremos felicitar ás persoas responsables da súa organización e ao Museo do Pobo Galego por facer posible este tipo de achegas culturais aos centros educativos. Moitísimas grazas!!!!

Premendo sobre a imaxe podedes ver todas as fotos.

Rosiña

venres, 24 de maio de 2019

VISITAMOS O MUNCYT DE A CORUÑA

Diante da cabina do "Lope de Vega".
Rematamos a semana viaxando ata A Coruña, onde visitamos un museo moi especial: o MUNCYT, o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, situado no edificio Prisma de Cristal. Neste emblemático edificio, un cubo de vidro que xa foi galardoado con algún prestixioso premio de arquitectura, realizamos unha visita guiada por algunha das salas expositivas. Puidemos así coñecer aos robots Pepexán e Marilú, con quenes mantivemos unha interesante conversa e con quenes nos sorprendemos tamén moito. Na Sala "Iberia" contáronnos moitas curiosidades sobre os avións, e visitamos a cabina do Jumbo "Lope de Vega", un dos avións máis emblemáticos da historia de España, xa que no ano 1981 trasladou de Nova York a Madrid a obra cume do pintor Pablo Picasso: "O Guernica". E tamén vimos o primeiro ordenador e a lanterna da Torre de Hércules na Sala "Mayúsculas".

Por outra parte, fixemos dous obradoiros moi interesantes. O primeiro deles, para Infantil, 1º e 2º de Primaria, chamábase a "Vidrieira de Peteiro", no que traballamos en equipo amosando a nosa capacidade de observación e de clasificación, a nosa agudeza visual, a memoria e a orientación.

O acueduto aguantou grazas ao traballo en equipo.

 Para 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria estaba reservado o "Obradoiro de enxeño", no que manexamos conceptos básicos de enxenería, tensións, esforzos, etc. A través de pezas moi lixeiras con formas diferentes, fomos quenes de construír o emblema da cidade -a Torre de Hércules- e un acueduto, ao tempo que fixemos unha viaxe pola historia ata a época romana.

Xogar, comer e compartir momentos de conversas e sorrisos completaron esta inesquecible excursión!!!
Premendo sobre calquera imaxe podedes ver o resto das fotos desta xornada.

https://photos.app.goo.gl/aygR3dNPiLyJ7ar76



martes, 14 de maio de 2019

VISITAMOS A EXPOSICIÓN DE LEONARDO DA VINCI EN SANTIAGO DE COMPOSTELA

Observando A Gioconda (en galego a alegre).
A xornada de hoxe fixemos unha viaxe a Santiago de Compostela, para visitar unha exposición moi relacionada coa ciencia: "LEONARDO DA VINCI: A EXPOSICIÓN", ubicada no Mosteiro de San Martiño Pinario. Despois de ver un vídeo sobre este xenio italiano, puidemos deternos nalgúns dos obxectos que conforman a exposición, agrupados segundo a temática, xa que Leonardo da Vinci (1452-1519) foi un auténtico polímota. Xa sei que esta é unha palabra pouco coñecida, pero entenderás o seu significado rapidamente: unha polímota é unha persoa que ten moitos coñecementos sobre diversos campos da ciencia, da arte ou das humanidades. Como Leonardo!!! Só hai que citar a cantidade de profesións nas que traballou: pintor, anatomista, arquitecto, paleontólogo, botánico, escultor, filósofo, inxenieiro, científico, escritor, inventor...
No apartado adicado á pintura vimos reproducións dalgúns dos seus cadros máis destacados: A última cea e A Gioconda ou A Mona Lisa, diante dos cales falamos dunha das técnicas nas que máis destacou o artista: o sfumato, que consiste en que non se noten as liñas, os bordos...

No apartado sobre os seus estudos sobre o corpo humano (anatomía), puidemos apreciar o grande coñecemento que sobre o mesmo tiña Da Vinci, onde non podía faltar o seu Home de Vitruvio.

Fermosa foto coa impresionante catedral de fondo.
Había tamén un apartado adicado á auga, onde vimos flotadores, un traxe de mergullador con escafandra e mesmo un prototipo de submarino...

Un último espazo estaba reservado ao voo, unha cuestión que sempre interesou ao artista renacentista.  

Desta maneira puidemos coñecer un pouco unha das figuras máis importantes de todos os tempos, xa que na actualidade aínda seguimos empregando os seus inventos, e iso que este ano cúmprese o 500 aniversario da súa morte!!!

E despois, camiñata pola zona vella de Compostela, que sempre é unha estupendísima opción, ata a Alameda, onde fixemos unha paradiña para xantar e xogar antes de regresar a San Cosme. Foi unha xornada estupenda, verdade?
Premede sobre calquera imaxe para ver todas as fotos!



xoves, 21 de febreiro de 2019

EXCURSIÓN A CORUÑA

Este xoves estivemos na Coruña, desfrutando dunha excursión moi científica, xa que visitamos dous dos museos máis coñecidos da cidade, ademais dos máis representativos en canto a ciencia se refire. A primeira parada fixémola no "Domus". Neste museo interactivo, o primeiro do mundo adicado ao ser humano, puidemos ver 3 curtas: unha sobre a saúde dos océanos; outra sobre unha rapaza falando da súa carreira como estudante de ciencia e a última delas sobre a polinización. Despois destas proxeccións visitamos as exposicións do museo, adicadas a temas tan interesantes coma as neuronas, a xenética ou a evolución do ser humano, entre outros.
David fotografounos diante da Casa das Ciencias.
A segunda parada foi na "Casa das Ciencias". Aquí, o entusiasmo máis grande estaba reservado para o Planetario, onde puidemos coñecer cousas moi interesantes sobre a as
tronomía, a través dun vampiro que nos ía amosando os planetas, as estrelas, as constelacións... Despois, quedounos aínda un ratiño para percorrer as súas plantas con exposicións e xogos relacionados, sobre todo, coa física. Tamén puidemos pararnos un pouquiño diante do péndulo de Foucault, empregado para demostrar a rotación da Terra.
Ao saír da Casa das Ciencias, xantamos no Parque de Santa Margarida, xogamos un ratiño e regresamos para San Cosme, onde xa os buses estaban agardando por nós para ir aos nosos fogares.
Seguro que todas as persoas chegamos máis cansadas do habitual, pero mereceu a pena: pasámolo moi ben, tivemos un día estupendo e aprendemos un montón de cousas!!!!
Premendo sobre a imaxe ou AQUÍ podedes ver as fotos que fixemos nesta xornada.


 

martes, 5 de febreiro de 2019

EXCURSIÓN A SANTIAGO DE COMPOSTELA

Non perdemos detalle no Museo de Historia Natural.
Pois xa fixemos a primeira grande excursión do curso!!! Si, xa sei que fixestes máis viaxes, pero esta foi a primeira na que pasamos a xornada enteira fóra todas as persoas do cole... Foi a primeira excursión para as nenas e nenos de 3 anos!!! E ademais, coincidiu co cumpreanos de Álvaro!!!! A verdade é que se estrearon dun xeito espectacular, xa que visitaron o Museo de Historia Natural. Acompañados por unha guía, case non tiveron tempo de pestanexar, xa que todo o que o Museo lles ía descubrindo chamaba a súa atención. Así que os grupos de Infantil, xunto co de 1º e 2º de Primaria, recibiron unha lección moi intensa sobre a vida animal e vexetal da que seguro lembran moita información!!!
Os collages de Lara Lars chamaron moito a nosa atención.
Pola súa parte, os grupos de 3º a 6º desfrutaron dunha obra de teatro no Teatro Principal. Titulada "Valentino Rufini e Alkil Pillabán de viaxe a Milán (e van sen un can)", dous actores da compañía "Talía" fixeron rir a todo o público cunha obra que amosou a maxia do teatro.
Para completar a mañá, visitaron tamén a exposición "MiiC2. Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea", na Sede Afundación, onde descubriron a obra máis recente de artistas como as galegas Lara Lars e Iria do Castelo ou a andaluza María Hesse. Baseándose tamén nesta sorprendente e colorida exposición, fixeron un obradoiro moi interesante con Xiana, a guía que nos acompañou. 


Despois xuntámonos todas para xantar e, tras xogar un pouquiño, regresamos ao cole contentísimas!!!
Premendo sobre as imaxes podedes ver todas as fotos deste día tan especial, no que botamos moito de menos a quenes non puideron acompañarnos (Martiño, Andrea e, moi en especial, a Carla).


 

mércores, 30 de maio de 2018

EXCURSIÓN ATA A CORUÑA

A xornada de onte pasámola nunha cidade moi coñecida por todas e todos nós, xa que foron varias as saídas que fixemos ata A Coruña. Sen embargo, ata esta ocasión non visitaramos os lugares nos que nos detivemos onte: o Porto e o Castelo de San Antón.
Na visita ao porto fixemos unha parada na Lonxa, onde nos explicaron como se realizaba a poxa polo peixe cada mañá, e vimos tamén a zona na que se coloca en caixas para a súa distribución ou se despeza no caso de exemplares de gran tamaño.
Despois regresamos ao autobús para achegarnos ao Peirao de Transatlánticos, onde a mesma mañá de onte atracou o transatlántico "Ventura". Esta enormidade foi construída no ano 2008, mide case 300 metros de eslora e ten capacidade para máis de 3.500 pasaxeiros. As persoas que traballan nel, que reciben o nome de tripulación", son 1226. Nós só puidemos velo de cerca, pero a verdade é que nos impresionou o seu tamaño!!!!


A última parada foi no Castelo de San Antón, fortaleza construída no século XVI. Durante os dous séculos seguintes foi un edificio defensivo e prisión. O museo como tal inaugurouse en 1968, e desde 1994 é monumento histórico-artístico, no que podemos atopar obxectos arqueolóxicos de diferentes épocas (megalitismo, Idade de Bronce, Cultura castrexa, romanización...).  Fíxonos moitísima ilusión subir á terraza, onde as vistas da cidade son espectaculares, e baixar ao alxibe.

Despois de comer no "Fórum Metropolitano", regresamos ao cole, cansadiñas/os pero contentas/os dunha estupenda mañá!!!! Premendo AQUÍ podedes ver todas as imaxes.



venres, 27 de xaneiro de 2017

DE VISITA AO MACUF

O venres deixamos o cole baleiro, para visitar o Museo de Arte Contemporáneo Unión Fenosa en A Coruña. Este lugar é especial para nós, xa que todas as actividades que realizamos a través del aportáronnos moitísimo, e tamén nesta ocasión foi así. Os grupos de 3º, 4º, 5º e 6º fixemos unha visita guiada por algunhas das exposicións que no museo se atopan, dándonos conta de que moitas veces as imaxes poden enganar moito, ou fixándonos en aspectos que poden quedar nun segundo plano... Os grupos de Infantil, 1º e 2º fixemos un obradoiro sobre o medo. De xeito semellante á nosa celebración do Samaín, falamos en voz alta das cousas que máis nos asustan, coñecemos a historia de Carmola representada en directo para nós, e incluso conseguimos que os nosos medos desapareceran. Como? Pois facendo unha chocolatina moi especial, e ao comela desapareceron todas as nosas teimas!!!
Despois, aproveitando o día de sol, comemos no Monte San Pedro, e recibimos a visita da profe Cruz!!! Pasámolo moi ben e quero que todos vexades as fotos tan fermosas desta xornada. Premede AQUÍ!

venres, 18 de marzo de 2016

VISITAMOS UN MUSEO DE ARTE CONTEMPORÁNEA

Esta semana fomos de viaxe. Cantas ganiñas tiñamos!!! Nesta ocasión, o noso destino foi A Coruña, onde visitamos o Museo de Arte Contemporánea Gas Natural Fenosa, que se atopa á entrada da cidade. Pasamos alí case todo o día e aínda botariamos máis tempo, porque o pasamos moi ben e aprendemos un montón de cousas!!! Non fomos todo o cole, pero case: todas as persoas que quixeron e puideron desde os 5 anos ata 6º de Primaria, xunto coas nosas mestras e mestres, vivimos unha fermosa experiencia nun lugar que mereceu moito a pena.
Fixemos dous grupos: un desde 5 anos ata 3º de Primaria e outro desde 4º a 6º. O primeiro visitamos a exposición "Os rostros do naufraxio", baseada nos retratos. A través dalgunhas das obras da exposición, puidemos observar diferentes técnicas de captura e reprodución de imaxes en movemento. Tamén vimos un vídeo no que saía FÉLIX FERNÁNDEZ!!! Si, o mesmiño que nos visitou no cole no primeiro trimestre!!! Non puido estar con nós no Museo porque é un artista tan solicitado que non para, e nós contentísimas/os de que lle vaia tan ben! 
Pola tarde, despois de comer a comida tan rica que nos prepararan nas nosas casiñas, fixemos un obradoiro case máxico. Consistía en construír o dedo da nosa guía coma se fora real!!! E conseguímolo!!!
O grupo de 4º a 6º visitamos a exposición "Narrativas monumentales", fixándonos sobre todo en tres esculturas creadas con materiais ben pesados: o aceiro, a madeira e o granito. Sorprendéronnos moito e descubrimos tamén algúns trucos para que esas obras se mantiveran en equilibrio de xeitos ben diferentes aos que estamos acostumados a observar nos edificios que nos rodean. 
Pola tarde tamén visitamos a exposición baseada na figura humana "Os rostros do naufraxio", e rematamos cun obradoiro moi entretido: por equipos, tiñamos que continuar unha historia que comezaba igual para todos os grupos. Despois de redactala, había que decidir que papel iba realizar cada unha das persoas do equipo, aportando todas elas unha parte do seu corpo: unha persoa que xesticulase (rostro), outra que se movese (corpo) e unha máis que falase (voz). Todo para realizar un truco escénico que nos encantou: mentras o locutor narraba a historia, unha cámara gravaba os primeiros planos do rostro doutra das persoas do grupo, e a gravación víase nunha pantalla que se encaixaba na cabeza doutra das persoas. 
Pero, coma en moitas outras ocasións, a través das fotografías podemos ver moito do que nos aportou esta visita, que non foi pouco. Encantadísimas/os todas/os nós coas persoas que nos recibiron no MAC para ensinarnos tantas e tan interesantes cousas. Moitísimas grazas a todas!!!

martes, 24 de marzo de 2015

MÚSICA E CINE EN COMPOSTELA

Comeza a última semana do trimestre cargadiña de actividades e saídas. Esta mañá parte do alumnado (3º, 4º, 5º e 6º) viaxamos a Santiago de Compostela, para asistir a un espectáculo no colexio La Salle, ofrecido polo grupo "La armónica invisible". Este grupo, formado por tres músicos (teclado, guitarra, batería e voces) interpretou unha serie de temas ilustrativos do que foi e é a música na historia do cine. Desfrutamos con temas adaptados aos distintos xéneros cinematográficos e faláronnos sobre a función da música nalgunhas escenas de películas moi coñecidas. Todo iso, con música en directo e imaxes dos filmes proxectados nunha pantalla que nos mantivo moi atentos/as durante parte da mañá.
Despois, completamos a viaxe coa visita á exposición no Auditorio de Galicia "Leopoldo Nóvoa. Papeis e cartóns". Alí puidemos ver parte da produción deste creador pontevedrés, que traballou e investigou en soportes e técnicas diferentes. As obras expostas no Auditorio, en papel e cartón (probas de autor, gravados, técnicas mixtas sobre papel, pochoirs, etc.), fixeron voar a nosa imaxinación!
E a pesar de que ameazaba chuvia, puidemos desfrutar da nosa comida ao aire libre e dun ratiño facendo o que máis nos gusta: XOGAR!!!
Aquí van as fotos dun día especial no que botamos de menos aos rapaciños e rapaciñas que non puideron vir e ao resto dos grupos e mestres que quedaron no cole.

sábado, 28 de febreiro de 2015

VISITA AO MUNCYT (Museo Nacional de Ciencia y Tecnología)

Non coñeciamos este Museo de A Coruña, pero xa podemos afirmar que é un dos nosos preferidos. Onte visitámolo por primeira vez e pareceunos que debemos recomendarllo a todas as persoas que teñan curiosidade por aprender máis sobre temas relacionados coa ciencia e a tecnoloxía. 
Nas súas salas expóñense diferentes pezas: 
-as máis históricas, na "Sala Patrimonio" (instrumentos para medir o tempo, para a navegación...); 
-na "Sala Século XX" puidemos ver moitos dos obxectos que máis empregamos na nosa vida cotiá, pero cun aspecto totalmente diferente (radios, televisores, teléfonos, coches, motos, aparello para rizar o pelo...); 
-as pezas de maior tamaño atópanse na "Sala Maiúsculas" (pianolas, a lanterna que usou a Torre de Hércules na segunda metade do século XIX, a máquina coa que se proxectou a última película no cine "París" de A Coruña...); 
-na "Sala Innovación Española-Exposición Premios Jaime I" fan un percorrido a través da actividade realizada por profesionais aos que lles outorgaron este premio (o noso querido ÁNGEL CARRACEDO é un deles!!!); 
-na "Sala Miscelánea" atopamos pezas de laboratorio de física e química, diferentes tipos de martelos, obxectos de formas extrañas..., e dous robots que estabamos desexando coñecer: Marilú e Pepexán. Incluso falaron con nós antes de que rematara a nosa visita!!! 
Pero foi na "Sala Iberia" na que pasamos a maior parte do tempo. Nela atópanse varias partes dun avión "Boeing 747" de Iberia: unha turbina, parte dunha á, as caixas negras, e a parte frontal, na que incluso puidemos entrar! Este avión, bautizado como "Lope de Vega", transportou, ademais de moitas persoas, unha das obras pictóricas máis importantes da historia: o "Guernica", de Pablo PICASSO, dende Nova Iorque a Madrid.

Ademais de todo isto, preparáronnos un obradoiro moi interesante e relacionado co tema do cine. As nenas e nenos de 1º, 2º e 3º regresamos con dous TAUMÁTROPOS, e en 4º, 5º e 6º cun FENAQUITISCOPIO. E o certo é que estes dous predecesores do cine quedáronnos chulísimos. Aquí quedan as fotos dun día no que, ademais, PUIDEMOS VER O MAR!!!