Con motivo da celebración do Día das Letras Galegas, no cole estivemos coñecendo a obra do autor homenaxeado nesta ocasión: Florencio Delgado Gurriarán. Ademais, algúns grupos do cole tamén aproveitaron esta festividade para adicarlle un programa de radio á nosa admirada Rosalía de Castro. Na aula de 5 anos están fascinadas cos seus poemas, e non dubidaron en contarnos nos micrófonos de "Radio Rosiña" un montón de cousiñas sobre a grande escritora. Seguro que queredes escoitalo, así que aquí volo deixo:
Este podcast enviouse ao IV Concurso de Podcasts Radio na Biblio, ao igual que o que gravaron os grupos de 3º a 6º de Primaria, no que quixeron facer unha homenaxe á muller rural. Podedes escoitalo aquí:
Para celebrar o Día de Rosalía, no cole fixemos unha actividade ben bonita partindo da iniciativa da Asociación de Escritoras/es en Lingua Galega: abrimos as nosas fiestras a poemas da escritora galega, ilustrándoos por nós mesmas/as para expoñer no corredor do colexio. Esta semana tamén Rosalía estivo moi presente nas nosas actividades, xa que foi ela, coa súa obra "Cantares Gallegos", a que inaugurou a primeira celebración do 17 de maio como Día das Letras Galegas. E como naquel momento aínda non tiñamos o logo preparado para a nosa "Radio Rosiña", non publicamos nada, pero agora xa podedes escoitar os poemas que soaron nas voces de 5º e 6º aquela xornada de febreiro na nosa biblioteca.
Suso Jurjo é o técnico de cultura do concello de Mazaricos. No cole coñecémolo, sobre todo, porque nos recibe na Casa da Cultura de A Picota cada vez que asistimos a algún espectáculo alí programado. O pasado 29 de abril, no diario dixital da Costa da Morte "Que pasa na costa" publicaron un artigo escrito por Suso, no que fala sobre o carballo do adro de San Cosme de Antes, a parroquia na que estamos nós!!!! Nel, Suso cóntanos que este marabilloso carballo, que pode chegar aos 300 anos, posúe un tronco de tres metros e medio de perímetro, e cada unha altura de tres metros e trinta centímetros. É tamén espello das estacións:"no inverno íspese para que os ventos en vez de bourear o seu respectable
corpo, asubíen melancólicas baladas. Pero na primavera engalánase cun
verdecente mantelo estampado de formas polilobuladas que sombrea e
refresca o adro parroquial nos calorosos días do verán".
Tamén podemos coñecer algunhas lendas que relacionan este carballo coa mitoloxía, así como todo aquelo que ofrecía á comunidade: alimento (as landras), abrigo (a súa madeira ardía quentando os fogares), xogo (cos seus bugallos xogábase como ás canicas), etc.
O 24 de febreiro de 1837 nacía en Santiago de Compostela unha das escritoras máis importantes da nosa literatura, aínda que por diversas circunstancias non escribiu todas as súas obras en galego.Tivo unha vida difícil, tanto no aspecto profesional coma no persoal. Dende hai varios anos, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) propón á cidadanía que agasalle un libro en galego e unha flor, ademais doutras accións que están sendo moi ben acollidas por parte da sociedade, e moi especialmente polo sector educativo. E tamén nós queremos sumarnos a esta fermosa iniciativa, que nesta ocasión quixemos unir ao Entroido e ao tema do noso proxecto este curso: a música.
É por isto que decidimos celebralo xusto antes do día do festival de Entroido, elaborando unha careta que nos transformará en Rosalía por un momento, e escribindo un dos seus poemas máis versionados: "Negra Sombra" (incluído no seu libro "Follas Novas", publicado en 1880). É certo que se trata dun poema moi triste, pero tamén un dos máis coñecidos. En 1892 Xoán Montes púxolle música e desde entón foi interpretado e gravado por numerosos artistas: diversos coros, Luz Casal, Carlos Núñez, Pucho Boedo, Amancio Prada, Al Bano, María do Ceo, Astarot...
Aquí vos deixo a versión do Orfeón Terra a Nosa:
Nesta outra, podedes ver á cantante portuguesa Maria do Ceo interpretándoa en directo:
Unha versión totalmente diferente é a que ofrece o grupo Astarot, que podedes ver e escoitar neste vídeo en directo:
E queredes saber onde tivo lugar o estreno do poema musicado por Xoán Montes? Pois en Cuba!!! No seguinte vídeo podedes coñecer moitos máis datos sobre a figura de Rosalía e o seu poema "Negra Sombra". Para velo, preme AQUÍ.
No cole ímolo celebrar nun acto conxunto durante a "Hora de Ler" mañá, 23 de febreiro, no que ademais leremos o manifesto escrito pola escritora Ledicia Costas para esta ocasión:
Manifesto
da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG)
no Día de Rosalía de Castro 2017
En Galicia existen infinitas formas de amencer: abrente, alborada,
clarexa, luzada, rompente. A lírica que abraza os versos de Rosalía
posúe as cores reveladoras da primeira luz.
Imaxino a Rosalía no século XIX e vexo unha muller que se aferra ás
palabras sen complexos e fai con elas o que o corazón lle pide ao oído
en cada instante: fitas de encaixe, diamantes, armas de construción
masiva ou versos predestinados a furar as conciencias e facer cambalear
os piares do inmobilismo.
Esa é ela. Unha xigante que non precisa respiración asistida, nin
prantos, nin ritos florais. Os pulmóns da súa obra aférranse ao futuro e
ínflanse coa forza dun país que respira cultura por cada fenda.
En Galicia existen infinitas formas de querer e nós querémoste
paxaro, lume, emoción. Querémoste eléctrica e lúa. Insubmisa e valente. A
voz que hoxe portaría unha pancarta na cabeza dunha manifestación
contra a violencia machista ao berro de: Basta xa, querémonos vivas!
A que quedaría afónica de solicitar, día tras día, unha maior presenza
do galego na escola, na rúa, na vida. Na Galicia nosa que se estremece
por momentos.
Imaxino a Rosalía e véxoa afirmando: Son muller e son galega.
Reivindícome como escritora na miña propia lingua e non consinto que
ninguén apague a miña voz. Estou tan viva que os meus versos rabuñan as
paredes do panteón de galegas ilustres ata facelas sangrar. Négome a ser
unha estranxeira exiliada na miña patria. Quero abarcar toda a luz e
contaxiarte.
En Galicia existen infinitas formas de chover,
Como chove miudiño,
como miudiño chove,
pola banda de Laíño,
pola banda de Lestrove.
E con esa maxia pronuncio: babuxa, chuvisca, poalla, chuvieira,
barruzo, dioivo. A lírica que arroupa os versos de Rosalía é un bico
anfibio. Debaixo da auga nada a pracer, presumindo das súas branquias.
Fóra dela, quita o traxe de escamas, mete as mans na terra e arrinca un
libro e unha flor. Esa coa que hoxe queremos agasallar ao mundo.
RosalíaTe!
Esta mañá festexamos o DÍA DE ROSALÍA, desenvolvendo unha das propostas da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), colectivo que vén demandando dende hai varios anos incluír esta data nas celebracións dos centros escolares.
Dende o CEIP Víctor Sáenz sentimos que é esta unha data a ter moi en conta no calendario escolar, pois foi ROSALÍA a primeira en dar o paso na defensa da lingua galega coa súa obra "Cantares Gallegos".
E nós, orgullosos do noso idioma, da nosa cultura, dos nosos artistas, participamos na elaboración dunha postal moi especial, deseñada pola a AELG para este 24 de febreiro de 2016. Por unha parte, aprendemos un poema moi fermoso de Rosalía, que ilustramos libremente cada unha/un de nós. E, pola outra, escribimos a nosa dirección, colocámoslle un selo rosaliano e engadimos algunha ilustración máis relacionada con Rosalía, cos libros ou coas flores, xa que o lema incluído na postal é "Agasalla un libro en galego e unha flor". E quedaron verdadeiramente fermosas!!! Queredes velas?