venres, 22 de decembro de 2017

OS VÍDEOS DO FESTIVAL DE NADAL

Aquí están as actuacións do Festival de Nadal. Podedes velas en familia, e desfrutar outra vez destes grandes artistas.
Empezamos coa actuación de Infantil, que elixiron a canción de Mamá Cabra "Xa me tardan":

A continuación subiron ao escenario os grupos de 5º e 6º, que recitaron o poema de Manuel María "A muiñeira", acompañado dun ritmo que percutiron sobre bancos:


O segundo villancico, "Los peces en el río", levounos ata Andalucía, e cantárono 5º e 6º, acompañados do marabilloso grupo de ukeleles e guitarras que dirixe o profe Óscar:


A cuarta actuación trasladounos a Grecia: "Kastorianos", unha danza que bailaron os grupos de 5º e 6º:
A seguinte actuación, o villancico "Buscando unha estrela", subiu ao escenario aos grupos de Infantil, 1º e 2º:


A penúltima actuación foi un pequeno teatro de sombras que fixeron en 5º e 6º, baseado na canción de Fuxan os Ventos "A costureira":


E, por último, toda Primaria subiu ao escenario para interpretar un villancico galego moi bonito: "Con un sombreiro de palla":


Tamén vos deixo aquí o "Cumpreanos feliz" que todos xuntos lle cantamos a Anxo!!!




xoves, 21 de decembro de 2017

FESTIVAL DE NADAL 2017

Despedimos o 1º trimestre. Hoxe, 21 de decembro, o día máis curtiño do ano, xuntámonos no comedor do cole para celebrar a chegada do inverno, comezar as vacacións e desexar un bo Nadal a todas as persoas que aquí nos reunimos. 
E, como non podía ser doutra maneira, as vosas actuacións foron o mellor de todo. É certo que cada vez somos menos persoas, e iso tamén se nota nos nosos festivais, pero a verdade é que estivo moi bonito, así que quero sumarme tamén ás felicitacións que recibistes esta mañá. 
En canto poida subirei os vídeos, pero mentras tanto, podedes ver as fotos desta festiva mañá premendo AQUÍ: cancións con música gravada ("Xa me tardan", cos grupos de Infantil), unha danza ("Kastorianos", con 5º e 6º), un poema con ritmo ("A muiñeira", de Manuel María), unha canción con teatro de sombras ("A costureira", de Fuxan os Ventos), e algúns villancicos que soaron de marabilla grazas ao grupo de ukeleles e guitarras que dirixe o profe Óscar: "Los peces en el río", "Buscando unha estrela" e "Con un sombreiro de palla". 

Incluso houbo tempo para cantar o "Cumpreanos feliz" a Anxo ou improvisar a presentación dun plano realizado por un grupiño de nenos de 3º e 4º, que tiñan moita ilusión en amosalo a todas as persoas aquí presentes.


E, como non, a esperada chegada dos Reis Magos, que deixaron moitos agasallos para as nenas e nenos que estabades no cole. Ata a min me deron un agasallo!!! E un puñado de caramelos!!!
Todo iso, presentado polas nenas de 6º curso, a quenes tamén quero felicitar polo esforzo que amosaron para falar en público. E, por suposto, moitísimas grazas a todas as persoas que nos acompañastes esta mañá!!!
 

 

BO NADAL E FELIZ 2018!!!

mércores, 20 de decembro de 2017

POSTAL DE NADAL E GUÍA DE LECTURA

Esta tarde, despois de entregar os premios aos nenos e nenas que gañaron o concurso de postais neste 2017, tamén repartimos a Guía de Lectura para o Nadal, con novidades editoriais que podedes incluír na vosa carta aos Reis Magos, ao Apalpador ou a Papá Noel.



E tamén entregamos a postal de Ángel Grille Calvelo, que felicita as festas navideñas en nome do cole, cun poema de MANUEL MARÍA elixido polo profesorado:


 


CONCURSO DE POSTAIS DE NADAL

Xa están aquí as postais premiadas deste Nadal! A participación foi do 100%, o cal me alegra moitísimo!!! E ademais, os deseños eran orixinais e sempre tratades de incluír a temática do proxecto, algo que me enche de alegría!!! Esta semana fixemos a votación polas nosas preferidas, e hoxe pola tarde entregamos os premios ás gañadoras. 
En Infantil, a que máis votos recibiu foi a de Lucía Mourelle Torrado, que presentou esta orixinal composición:


O Premio Especial foi para Miguel Barrul Iglesias (4º de Primaria), por esta ilustración sobre un dos protagonistas do Nadal:


En 3º e 4º a que máis votos recibiu foi a de Samuel Arosa Antelo, tamén de 4º de Primaria:


En 5º e 6º gustou moito este boneco de neve convertido en peregrino por Ainhoa Cal Currais, de 6º de Primaria:

E foi a gañadora de 1º e 2º a que máis votos recibiu de todas elas, polo que ademais de gañar o premio na súa categoría, tamén é a que felicitará as festas de Nadal en nome de todo o centro. O seu autor: Ángel Grille Calvelo, de 1º de Primaria:


E aquí están todos e todas así de contentos/as despois de recibir os agasallos da man das mestras e mestres do cole:


Pero como todas eran fermosísimas, quero felicitarvos a todas as persoas que participastes no deseño de cada postal, e na súa realización, así que NORABOA a todas!!!! E para que vexades que todas importan, premendo AQUÍ poderedes velas todas!!!!

E premendo AQUÍ, atoparedes as fotos da entrega de premios!!! 


martes, 19 de decembro de 2017

DE TEATRO EN A PICOTA

Para despedir este primeiro trimestre, antes do festival de Nadal e o comezo das vacacións, fixemos unha viaxe ata A Picota, para asistir a unha obra de teatro en inglés, da compañía "Face 2 Face". Alí xuntámonos cos outros centros de Mazaricos para compartir unha mañá na que, ademais do teatro en inglés, vimos dúas películas: "A volta ao mundo en 80 días" (Infantil e 1º e 2º de Primaria) e "O Principiño" (de 3º a 6º de Primaria).

En canto ás obras de teatro, nesta ocasión voume esforzar e resumir de que ía cada unha delas en inglés, para que vexades que tamén eu estou aprendendo moitísimo nas clases do profe Jose. A primeira delas, para alumnado de Infantil e 1º e 2º de Primaria, titulábase "Snowball". A historia trata sobre Oona, unha esquimó que vive no Ártico co seu mellor amigo Snowball, un oso polar bebé, que un día, sen explicación, desaparece. Onde pode estar o pequeno Snowball? Oona viaxa ata o Castelo de Xeo para conocer en enfrontarse á Bruxa de Xeo, e así recuperar e salvar ao seu pequeno amigo. 
Agora escríbovolo en inglés: Oona lives in the Arctic with Snowball, a baby polar bear. But one day, Snowball goes missing. Where can he be? Oona travels to the Ice Palace to meet the Ice Witch and help her friend.
A segunda historia, para alumnado de 3º a 6º de Primaria, levaba por título "Labyrinth"

Elsa é unha exploradora. A sua última misión é en China, na cidade prohibida. Debe recuperar o tesouro do Labirinto e retornalo á tumba de Pu Yi, o último emperador de China. Pero dous fantasmas gardan o Labirinto: Red Master e o Black Master. Eles queren protexer o tesouro, e eles son expertos loitadores de Kunf Fu!! Xuntos, coa súa guía, Susi, e o seu gardacostas Sr. Sumo, deberán pasar as tres probas do Laberinto: o dragón, o pilar da verdade e o labirinto!

En inglés sería así: Elsa is an Explorer. Her latest mission is in China, in the Forbidden City. She must recover the treasure from a Labyrinth and return it to the tomb of Pu Yi, the last Emperor of China. But two ghosts guard the Labyrinth: the Red Master and the Black Master. They want to protect the treasure, and they are expert Kung Fu Fighters! Together with her guide, Susi, and her bodyguard, Mr. Sumo, Elsa must pass three tests: the dragon, the pillar and the maze. 
Seguro que non sabiades que sabía tanto English, eh?

Premendo AQUÍ podedes ver as fotos desta mañá!