martes, 25 de novembro de 2014

DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER

A violencia de xénero segue estando presente na nosa sociedade, moitas veces de xeito invisible: en ocasións, parece que unha parella, unha familia, etc., non teñen ningún tipo de problema, e mesmo parecen estar felices. Sen embargo, nos seus fogares viven auténticos pesadelos. Aínda que cada vez son máis as mulleres que se atreven a denunciar o maltrato que sofren, hai moitas cousas que deben mudar na nosa sociedade para que poidamos deixar de falar deste problema tan grave.
Rosiña achéganos unha curtametraxe moi apropiada para esta data. Titúlase Conte e é unha curta de animación do director francés Guillaume Arantes. En tan só dous minutos, e sen diálogo ningún pero cunha música moi axeitada, o filme relata o drama social da violencia no ámbito doméstico a través dun cabaleiro enmascarado que sae ao rescate dunha muller.

mércores, 19 de novembro de 2014

25 ANOS DA CONVENCIÓN SOBRE OS DEREITOS DO NENO

A Convención Internacional sobre os Dereitos do Neno cumpre 25 anos. Unha "convención" significa que os Estados participantes teñen a obriga de garantir o seu cumprimento. Esta é a diferenza co termo Declaración, que recolle unha serie de principios e normas que os Estados se comprometen a cumprir nas súas nacións.
No seguinte vídeo de Unicef resumen os dereitos que todos os nenos e nenas do mundo deberían ter:


Mais, infelizmente, non todos e todas os nenos e nenas teñen unha vida que respecte estes dereitos. Por iso é moi importante que sigamos coñecéndoos, traballándoos e loitando por eles, para que se cumpran aquí e en calquera recuncho do mundo!


luns, 17 de novembro de 2014

O NOSO CARTEL!!!

Xa temos cartel para o proxecto deste curso. Agradecemos a colaboración de todos e todas os que poidéstedes botar unha man para que se vexa así de fermoso no corredor do colexio. Agora xa non hai marcha atrás: a produtora "Rosiña films" xa está creada e disposta a estrear todos os vosos filmes, así que ADIANTE con eles!!!