Hai hoxe 75 anos morría un dos poetas en lingua castelá máis importantes da nosa recente historia. Chamábase MIGUEL HERNÁNDEZ e era da Comunidade Valenciana. Naceu no ano 1910 e tocoulle vivir un dos momentos máis duros en España: a guerra civil e a ditadura. E, con ela, unha época de miseria enorme... As consecuencias de todo isto fixeron que Miguel Hernández morrera de tuberculose con tan só 31 anos.
Eu déixovos aquí un pequeno contiño escrito por el: "El potro oscuro".
E, se premedes AQUÍ, podedes ler máis información sobre este querido poeta.
Como xa ben saberedes polos vosos mestres e mestras, o próximo 5 de abril visitaranos CONCHA BLANCO!!!!! No cole estamos todos moi ilusionados coa visita desta escritora tan achegada a nós. Por un lado, porque na biblio contamos con varias das súas obras, así que algunhas desas historias seguro que viaxaron nas mochilas viaxeiras, nos caixóns de lecturas, ou mesmo as elixistes vós mesmos para ler no tempo libre. Por outro, porque no clube de lectura do cole comezaron a ler unha das súas últimas publicacións, que redactou conxuntamente coa súa filla María Canosa: "Será correcto?" é unha guía sobre o protocolo escrita de maneira entretida e informal e a excusa destes días para pasar un rato falando entre "Os Xurelos Lectores" do cole. Pero ademais Concha Blanco é de Cee, que é un pobo que coñecemos moitas das persoas que estamos no cole!!! E o seu último libro publicado, "Do, Re, Mi, fantasía" está na exposición de libros sobre o proxecto deste curso "Bailemos na musiteca".
Pois con todo isto, eu, Rosiña, decidín prepararvos un pequeno caderno con toda a información que penso deberades coñecer para recibir a Concha. Nel atoparedes a súa autobiografía, así coma as obras publicadas e unha páxina para que vaiades pensando e anotando todo aquelo que vos gustaría saber sobre esta grande escritora. E non esquezades que tedes un recuncho adicado a ela no corredor do cole, así que... a que estades esperando para coñecer algunha das súas obras?
Aquí vos deixo tamén o caderno para que poidades lelo tantas veces como desexedes!
Onte comezou a primavera, e con ela un montón de novidades, entre as que destacamos o Día Mundial da Poesía, proposto pola UNESCO no ano 1999 para celebrar o equinoccio da recén inaugurada estación.
Son moitas as actividades que se celebran hoxe relacionadas coa poesía, e tamén nós queremos telas en conta. Ao longo deste curso xa falamos moito de música, e de poemas unidos á mesma, xa que tamén as cancións son poesías que soan dun xeito diferente. Nesta ocasión, no cole estades preparando uns fermosos marcapáxinas con poemas elixidos por vós que algúns músicos e/ou compositores/as convertiron en cancións. Estas creacións rematarán esta semana na "Casa Pego", que é o restaurante de San Cosme situado ao lado do colexio, e onde se encargarán de repartilos a todas as persoas que acudan ao mesmo durante estes días, como agasallo aos seus clientes e co único obxectivo de difundir algo tan fermoso como é a lectura de poemas, así como dando a coñecer tamén grandes escritores/as en lingua galega e/ou castelá e importantes músicos e compositores/as. Ata onde chegarán eses marcapáxinas? En que libros durmirán cando comecen a súa viaxe? Cantos nos contarán o comezo da súa viaxe?
En breve vos contaremos...
Mentras tanto, aquí vos deixo algunhas páxinas poéticas que poden ser do voso interese. Premede sobre a imaxe e desfrutade con todos os poemas que leades, e soñade...
E, xa que estamos este curso bailando na nosa musiteca, aquí vai un poema de Antonio García Teijeiro moi musical: "Unha man bica a arpa".
ALCER é a Asociación para a Loita Contra as Enfermidades de Ril. O pasado martes, tres membros de ALCER visitaron o noso centro, onde se reuniron co alumnado de 5º e 6º de Primaria, para falar sobre a importancia dos riles dentro do noso organismo: a súa función, os problemas que xorden cando estes fallan, como se poden solucionar, etc.
E presentáronnos o caso dunha rapaciña que se atopa nesa situación: os seus riles non funcionan e ten que acudir a un hospital 3 días á semana durante 4 horas para realizar unha sesión de diálise. A diálise emprégase como substituto da función normal dun ril e permite, entre outras cousas, eliminar do sangue produtos tóxicos. Unha persoa que teña que asistir a diálise con esa frecuencia, non pode facer moitos plans a longo prazo, polo que recibir un ril dunha persoa doante é unha noticia marabillosa!!! Pensádeo por un momento...
Un transplante pode facer que a vida dunha persoa nunha situación así volva ser normal. E isto non só sucede cos riles, xa que hai outros órganos que podemos doar: pulmóns, corazón, intestinos, fígado, páncreas... Dende aquí queremos agradecer a charla ofrecida por ALCER no noso centro. Se queredes saber máis sobre esta Asociación e informarvos sobre este xesto tan bondadoso, podedes visitar a páxina web de ALCER premendo AQUÍ.
A revista "O Papagaio", á que estamos subscritos, xa vai polo número 6. Nesta ocasión trae unha noticia que chamou a atención dunha boa parte do alumnado, e queren contala para todas as persoas que seguen o noso blogue. Trata sobre o lixo eléctrico e electrónico. Como imaxinaredes, na actualidade é enorme a cantidade de obxectos deste tipo que utilizamos na nosa vida cotiá: electrodomésticos, ordenadores, móbiles, memorias USB, etc. E que facemos cando deixan de funcionar e queremos desfacernos deles? Seica en Galicia producimos máis de 4.000 toneladas deste tipo de lixo ao ano!!! Pois non debemos tiralos en calquera colector, xa que é moi contaminante, e moitos dos elementos que os compoñen son tóxicos, polo que prexudican o medio ambiente e a saúde dos seres humanos. Unha pila botón pode contaminar 600.000 litros de auga; a batería dun móbil, 50.000 e un só frigorífico pode emitir unha cantidade de gases equivalente aos dun coche circulando durante 15.000 km. Que barbaridade!!! Polo tanto, debemos prestar moita atención a este tipo de obxectos.
Que deberiamos facer? Pois levalos a un punto limpo, que son os lugares habilitados polos concellos para almacenar os residuos que non se poden botar nos colectores da rúa. Premendo sobre a imaxe inferior podedes consultar todos os puntos limpos de Galicia, onde se indica tamén a dirección, o horario e o tipo de lixo que recollen, ademais doutro tipo de información moi interesante.
Agradecemos dende aquí a sección de "O Papagaio" adicada á ecoloxía, e lémbrovos que na Biblio tedes moitos libros relacionados con este tema!!!
O pasado mércores, coincidindo co Día da Muller, viaxamos á capital galega para asistir a unha actuación estupendísima do grupo de percusión ODAIKO, que ofreceu un concerto didáctico no Auditorio de Galicia no que desfrutamos moitísimo. Ademais de coñecer varios e interesantes instrumentos dunha das familias de instrumentos que máis nos atraen, rímonos moito coa posta en escea destes catro rapaces fantásticos.
Pero antes puidemos facer unha pequena parada na Praza de Abastos, onde enchemos os nosos ollos e os nosos narices con todas as cores e olores dos produtos que alí se ofrecen: peixe, marisco, froita, verduras e hortalizas, pans, queixos, comida recén cociñada, etc. Desfrutamos moito desta visita exprés a un dos lugares máis emblemáticos de Santiago.
E despois do concerto, aproveitando o sol que iluminaba as rúas de Compostela, demos un paseo pola zona vella: percorremos algunhas das rúas máis coñecidas, algúns rincóns agochados moi fermosos, visitamos a Catedral e as prazas que a rodean, o grupo de Infantil fixemos unha parada en Correos para enviar varias cartas, saudamos ás Marías, a Valle Inclán e a Rosalía na Alameda, observamos as súas árbores, e descansamos nas escaleiras que dan entrada ao Campus universitario, onde comemos e xogamos un ratiño antes de regresar a San Cosme. Foi un día completo e moi fermoso; para ver o ben que o pasamos premede AQUÍ.
A falta duns días para que comece a primavera, no invernadoiro comezamos xa a facer algunhas actividades. Sacamos as plantas que non daban froito e aireamos a terra, ademais de abonala. E esta semana chegaron as primeiras plantas: amorodeiras, leitugas, repolos, coliflores, brócoli, cebolas e porros foron as encargadas de inaugurar esta nova temporada. E para que todas estas plantas medren moito, as meniñas e meniños do cole, xunto cos seus mestres, plantáronas con moito cariño durante esta tarde... Agora, iremos coidándoas para que poidamos desfrutalas nos menús que nos preparan Lourdes e Mariví no cole.
Premendo AQUÍ podedes ver algunhas das imaxes desta tarde!
Aquí a tedes. Chámase Antía Cal e o pasado 8 de marzo, o periódico "El País" fíxolle unha entrevista que publicou coincidindo co "Día da Muller". Antía, coñecida tamén como Tita, conta a historia da súa vida dende que naceu en Cuba (onde estaban emigrados os seus pais) ata que se instalou en Galicia. O seu soño era ser mestra, e conseguiuno!!! Pero Antía, que ten case 94 anos, tamén tivo que loitar contra moitas inxustizas polo feito de ser muller (estudar unha carreira, facer as tarefas da casa, etc.). Neste repaso pola súa traxectoria, destaca a apertura dunha escola en Vigo á que podían asistir os rapaciños/as na etapa infantil, nun momento da historia no que en España non se consideraba importante a escolarización ata os 7 anos. Coa súa historia, tan interesante, e que podedes ler completa premendo AQUÍ, pechamos esta primeira semana de marzo.
Ademais, tamén podedes ver o documental sobre esta pioneira da ensinanza en España, titulado "A palabra xusta" e dirixido por Miguel Piñeiro, aínda que hoxe é o último día. Premede AQUÍ.
O Día Internacional da Muller conmemórase cada 8 de marzo. Esta data é recoñecida pola ONU como unha xornada para reivindicar a igualdade e reflexionar sobre a situación das mulleres na sociedade. É certo que na nosa comunidade as cousas mudaron ao longo da historia, pero todavía queda camiño por percorrer para que poidamos falar de igualdade. Sen ir máis lonxe, e centrándonos no tema da música, sobre o que xira o proxecto deste curso, cantas mulleres compositoras coñecemos?, cantas directoras?, cantas construtoras de instrumentos? Pero ao lado de Bach, Mozart, Beethoven ou Stravinsky tamén deberían figurar nomes de mulleres que os libros de historia esqueceron durante moitos anos.
Como exemplo, a película "Nannerl, la hermana de Mozart", preséntanos a unha nena prodixio. Ao final dunha xira familiar que durou 3 anos, coñeceu ao fillo do rei Luís XV, quen a anima a escribir a súa propia música. Pero Nannerl era unha muller, e as mulleres non tiñan dereito a compoñer. Aquí podedes ver o tráiler da película:
Tamén podedes ver no seguinte vídeo un programa adicado ás mulleres compositoras ao longo da historia:
O músico Miguel Bosé tamén participou hai varios anos nunha homenaxe ás mulleres, "Que vivan las mujeres", a través dun anuncio publicitario para unha marca de roupa chilena:
E en Galicia? Pois tamén aquí temos marabillosas representantes, que ademais de facer boa música, amosan un grande interese por apoiar campañas, actos, etc., na procura da igualdade entre homes e mulleres. Así, podemos falar de MARÍA MANUELA, SES, UXÍA SENLLE, MERCEDES PEÓN, SUSANA SEIVANE, NAJLA SHAMI... E GUADI GALEGO, da cal eliximos unha fermosa canción que adica a todas as mulleres que loitaron na sociedade galega por sacar adiante a familia, que traballaron arreo no mar, no campo... Titúlase "Matriarcas" e podedes escoitala e ver o vídeo aquí:
Pero antes destas artistas, houbo outras, coma EUGENIA OSTERBERGER. Nacida no ano 1852 en Santiago de Compostela, foi unha figura relevante no panorama musical e cultural de Galicia no
último tercio do século XIX. Instalouse en A Coruña, onde firmaba as partituras co nome de Madmoiselle Saunier, apelido que tomou do seu marido. En 1907 mudouse á Costa Azul francesa, onde se lle perde a pista. Sen embargo, a editorial Ouvirmos acaba de publicar un libro-CD con 15 pezas para voz e piano desta grande compositora, para coñecela e/ou redescubrila!!! Se queredes escoitar un anaquiño da súa música, premedeAQUÍ.