martes, 20 de setembro de 2011

MAÑÁ COMEZA O OUTONO

Aínda que pareza mentira con estas calores que estamos disfrutando estes días, mañá CHEGA O OUTONO tamén a Mazaricos.

Dende a Biblioteca do CPI Viaño Pequeno de Trazo nos chega esta fermosa presentación de imaxes sobre o outono.


Fermosas imaxes verdade??? Poderían ser de Mazaricos pero foron tomadas na Selva de Irati. Non sabedes onde está?? Pois xa sabedes, ide a biblioteca a buscar información sobre ese lugar.
Queredes unha pequena axudiña!!: consultade este enlace: http://www.selvadeirati.com/

Ademais deixámosvos este pequeno fragmento dun comentario do escritor Ramón Otero Pedrayo sobre este cambio de estación. A aldea, o outono, os labregos: o noso.

 "Xa os derradeiros días de sol amañeceron
unhas mancholas cor de cobre nas ponlas
máis valentes dos vellos negrillos da estrada.
Os amieiros musicais afeitos a seguir a carreira das
augas tamén adquiren unha mística pureza de ouro
melancólico sobre o lucir da alba. As campás do val
rachan as xordas néboas. No serán locen feixes de
rosas murchas nas montañas do poente. O outono.
“¡Que triste está a aldea!” din os cidadáns
maxinando os camiños lamigosos, as casas afumadas,
os espellos da auga encorada nos sucos do
centeo, o trecolear dos zocos nas costas pedregullentas.
O vivir parece que detén o seu ritmo ó
compás do crecemento das noites e do medoñento
caer das follas e dos ourizos nos soutos seculares. Xa
non estoupan os foguetes da festa nin se ergue o
alalá das escascas coma nas doces noites setembrinas.
O cidadán pensa que a aldea morre
agardando coa paciencia dos penedos a que volte o
ledo rexurdir primaveral. Mais chegádevos a unha
verdadeira parroquia campesía, ollade prós terreos,
entrade nos curros e veredes que a vida lonxe de se
deter, corre máis axiña e loce máis luminosa igual
que a lapa petrucial da lareira..."
                                                       Novembro 1926
                                          Ramón Otero Pedrayo

venres, 16 de setembro de 2011

NOVO PREMIO PARA AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ

Esta semana recibimos tamén unha boa nova: Agustín Fernández Paz recibiu outro novo premio. Esta vez o Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil que se entrega na Feria Internacional do Libro de Guadalajara (México) dotado con 22.000€. O xurado distinguiuno pola "súa extensa obra narrativa, que aborda unha gran diversidade de xéneros e temas". 
Podedes consultar a noticia na Voz de Galicia dende AQUI e tamén unha ENTREVISTA que lle fixeron con motivo deste premio.
Dende aquí queremos enviarlle a nosa máis sinceira noraboa e non podemos deixar de sentirnos orgullosos dun dos escritores galegos máis admirados por nós.
O curso pasado os alumnos do noso CLUB DE LECTURA "OS XURELOS LECTORES" leron unha das súas obras "As flores radioactivas". De seguro que lles gustará moito ler esta nova.

xoves, 15 de setembro de 2011

BENVIDA A UN NOVO CURSO: 2011-2012

Hola nenos e nenas!

Xa estou aquí de novo, despois dun verán cheo de boas lecturas que de seguro vos fixeron disfrutar dunha morea de aventuras, verdade?.
Hoxe quero darvos a benvida e dexesarvos que este novo curso que empeza, o 2011-2012, sexa polo menos tan especial para vós como o foi o pasado.
Os vosos profes xa están comezando a preparar unha chea de novas experiencias para vós e mándanvos unha enorme abrazo de benvida a todos.
Agárdovos na biblioteca, preparando cousas estupendas para vós. Estade atentos, axiña teredes noticias miñas.

                                                                                                                                 Moitos bicos!

                                                                                                                                                         

AS BIBLIOTECAS ESCOLARES GALEGAS DESPÍDENSE DE Mª DOLORES


Comezamos o curso con tristeza.

Temos que despedir á compañeira Mª Dolores Martínez Tobío, docente no IES Luis Seoane de Pontevedra e responsable da biblioteca escolar do centro. Hai só uns meses que Mª Dolores nos puxo a Salvar Libros por centros de toda Galicia. Salvar os libros que valen a pena, as linguas nas que se escriben eses libros, as bibliotecas nas que se gardan... a memoria dunha mestra que día a día traballou a favor da cultura e a educación.
Este é un documento colaborativo como tantos outros nos que Mª Dolores adoitaba participar co seu habitual entusiasmo. Desgraciadamente convocounos hoxe a súa despedida e pensamos nesta pequena homenaxe que xorde da mesma rede que ela axudou a tecer. Canto tempo e ilusión dedicados a Biblioiris, a súa bitácora vinculada á biblioteca escolar do instituto!  Por iso os nosos blogs lamentan hoxe a súa ausencia. Por iso esta entrada será publicada por moitos outros centros, ademais dos que aquí figuran. Esperamos que este documento saiba representar tamén a tantas persoas que, desde a rede PLAMBE das bibliotecas escolares galegas, desexan expresar o seu pesar e as súas condolencias á familia e amigos da nosa compañeira. Son tantos os centros que a súa relación excede as dimensións deste documento.
Grazas Mª Dolores polas palabras, polas reflexións, polas propostas, polo tempo, polo que fixemos xuntos e que permitirá seguir camiñando pola ruta das bibliotecas escolares.

Cristina Novoa
Pilar Sampedro
Asesoría Bibliotecas Escolares
posanollocurtiscambre 
jdoloresj
 teisolgamuxiavictorsaenztaragonacatoiraquintelatrafgegandoImaxe das ligazóns: Rapaza lendo. Gustav Adolf Hennig 
 

domingo, 11 de setembro de 2011

LOITO NAS BIBLIOTECAS ESCOLARES GALEGAS.

Onte enterámonos, a través do Foro do PLAMBE (foro a través do cal os/as mestres coordinadores/as das bibliotecas escolares incluidas no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares, colaboramos e coordinamos o noso traballo), do facelemento dunha das nosas compañeiras: Mª Dolores, coñecida por todos nós como "mdamt", coordinadora da biblioteca do IES LUIS SEOANE de Pontevedra.
Non tíñamos o pracer de coñecela persoalmente pero si a través da rede. Este ano tivemos o pracer de colaborar con ela no último traballo conxunto das Bibliotecas Escolares Galegas: SALVANDO LIBROS, do que foi unha das principais impulsoras e coordinadora.
Foise unha de nós. Unha amante dos libros, unha mestra loitadora e infatigábel, un exemplo para os que aquí quedamos loitando polas nosas bibliotecas e por acercar a cultura aos/ás nosos/as alumnos/as.
Vaia dende aquí o noso pequeno homenaxe.
Ata sempre, Mª Dolores.
Botaremoste de falta!