mércores, 30 de xaneiro de 2019

CELEBRACIÓN DO DÍA DA PAZ

https://photos.app.goo.gl/vJxcs3DuMjHyuVkN6
"Pegamentox", o virus de Infantil
Mañá ben fermosa a deste 30 de xaneiro, na que nos reunimos no corredor do cole para celebrar o "Día da Paz". Certo é que de sobra sabemos que este non é un tema que tratemos de atender soamente cada 30 de xaneiro, xa que cada un dos días que vivimos ha de estar marcado por situacións pacíficas: escoitarnos, axudarnos, respectarnos, abrazarnos, querernos... Sen embargo, nunca está de máis recordar a persoas que loitaron (e seguen loitando) para que os problemas que poidan xurdir non se solucionen mediante guerras, loitas e outras formas de violencia. Hoxe falamos de Mahatma GANDHI, pero tamén soaron nomes doutros grandes pacifistas mundiais: Martin Luther King, Teresa de Calcuta, Nelson Mandela; así como de artistas que fixeron da música, da pintura ou da literatura auténticos manifestos pola paz: John Lennon, Pablo Picasso ou Eduardo Galeano, entre moitas outras persoas.
E vós, nas diferentes aulas, deseñastes un Violentovirus moi malvado, pero como este curso sodes as mellores científicas do universo, conseguistes dar coa vacina para atacalo: a Vacina do Bo Trato. Despois de escoitar as vosas propostas, non me cabe ningunha dúbida de que funcionará!!!
Ademais diso, celebramos a "Carreira Save the Children", para a cal o grupo de 6º preparou unha presentación sobre Zaatari, o campo de refuxiados para o cal vai destinada a recadación de "Quilómetros de solidaridade" nesta XV edición.
E rematamos cantando e bailando, coas "Apertas que voan" de Paco Nogueiras. E démonos un feixe de abrazos, porque nos encanta!!!
Queredes ver as fotos? Premede na imaxe ou AQUÍ.
Tamén podedes ler a presentación que fixeron en 6º no seguinte enlace:




venres, 25 de xaneiro de 2019

FASE INTERCOMARCAL CAMPO A TRAVÉS EN PORTO DO SON

Esta mañá, dúas das rapaciñas e o rapaciño que se clasificaron para a Fase Intercomarcal de Campo a Través viaxaron ata Porto do Son. Alí xuntáronse coas demais persoas clasificadas de todos os centros participantes. Foi unha mágoa que Soraya non puidera acompañalos, porque seguro que Paula Barcia, Paula Maneiro e Jorge Otero lembran esta experiencia durante moito tempo. Aínda que non se clasificaron para a seguinte fase, pasárono moi ben e contáronnos con moita ilusión a súa viaxe ata Porto do Son con David e Juan José, onde remataron o percorrido que lles foi asignado  polo Monte Loreto segundo a súa categoría: Paula Barcia correu 500 metros, Jorge 800 e Paula Maneiro 1 quilómetro. NORABOA AOS TRES, ATLETAS INSUPERABLES PARA NÓS!!! 
Premendo sobre a imaxe podedes ver as fotos desta mañá. Premendo AQUÍ podedes acceder aos vídeos.




PRESENTACIÓN DE EXPERIMENTOS

Esta semana reservamos unha sesión para transformar a Aula de Audiovisuais nun auténtico laboratorio, xa que alí nos xuntamos todas as persoas do cole para presentar os experimentos científicos que realizamos nas diferentes aulas. Foi unha sesión moi divertida e interesante, na que descubrimos o que lle sucede ás piñas se as sumerximos en auga e onde agochan a súa semente, como podemos filtrar a auga sucia, como inchar un globo sen soprar, como facer unha lámpada de lava ou cal é o Principio de Arquímedes. 
Gustoume moitísimo ver o voso entusiasmo por esta actividade, así que quero animarvos a que sigades realizando experimentos en grupo, e o vindeiro mes convocareivos de novo para que os presentedes en público. Que vos parece?
Mentras tanto, podedes ver as imaxes desta sesión premendo nesta fotografía:



martes, 22 de xaneiro de 2019

EXPERIMENTOS NA BIBLIOTECA

Durante o mes de novembro e decembro realizastes algúns experimentos nas vosas aulas. Naquel momento a actividade iniciámola tendo en conta o "Día da Ciencia en Galego", e ademais de facer o experimento, propuxemos elaborar un libriño que recollera a experiencia de cada grupo. A actividade remataba coa presentación dos diferentes experimentos na biblioteca do cole, pero chegou o fin de trimestre e non nos deu tempo... Sen embargo, teño moitísimas ganas de saber que resultados obtivestes... Funcionaron? Saíron á primeira? Pensei que sería estupendo inaugurar o trimestre cos "Experimentos na biblioteca", así que alí vos espero mañá, despois do recreo, para que nos contedes... Non aguanto máis!!!!

venres, 18 de xaneiro de 2019

NOTICIA INTERESANTE RELACIONADA COA CIENCIA

Sabedes o que sucederá o vindeiro domingo? Pois nada máis e nada menos que unha eclipse de Lúa!!!! Non sei se as nubes nos permitirán velo, pero de ser así, atendede ben porque non se producirá outra ata o ano 2022! Xa sei que non falta tanto, pero se podemos desfrutar deste espectáculo astronómico, para que esperar 3 anos? Claro que hai outro inconvinte: o horario. A eclipse comezará ás 4:49 da madrugada; sobre as 5:43 comezará a verse xa de cor vermella, e ás 7:49 da mañá rematará este fenómeno, que tanto ten marabillado á humanidade ao longo da historia. Anímaste a madrugar moito? Se nos erguemos sobre as 7:30, e ás nubes non se lles ocorre ser protagonistas, poderemos percibila durante un ratiño.
Aquí vos deixo un enlace para que vos informedes un pouquiño máis. Premede na imaxe:

https://www.gciencia.com/ciencia/guia-eclipse-de-lua-galicia/

E por se non tes moi claro o que é iso das eclipses, podes ver este vídeo:

xoves, 17 de xaneiro de 2019

DÍA DA PAZ

Este curso celebramos o Día da Paz propoñendo unha actividade que nos enviaron desde UNICEF, que ademais ten moito que ver co mundo da ciencia. Déixovos aquí a carta que vos escribín para que poidades lela tamén desde o blog:



Os vídeos para entender un pouquiño o que é un virus son os seguintes:

 


Vémonos o vindeiro 30 de xaneiro!!!


martes, 8 de xaneiro de 2019

CALENDARIO 2019

Feliz 2019!!!!! Despois destes días de vacacións, xa tiñamos ganiñas de vernos, a que si? Vinvos chegar moi contentas a todas, e emocionadas por contar todas as cousas que vos pasaron estes días!!! Quedou claro que as ganas de falar non se foron co 2018!!! 
Tamén eu tiña ganas de vervos, de escoitarvos polo cole, de que ocuparades os distintos espazos deste edificio que tan grande e frío se me fai cando non estades. Bueno, é que un cole sen rapaciños e rapaciñas non é un cole... 
Pero tamén desexaba que chegara o día de hoxe para entregarvos o calendario do 2019, que imaxino xa teredes colgado nos vosos dormitorios... Quedouvos moi bonito!!! Nesta ocasión é un calendario moi especial, porque está adicado a unha persoa á que queremos moitísimo. Tendo en conta que o tema deste curso é a ciencia, esa persoa non podía ser outra que ÁNGEL CARRACEDO!!!! Esperamos que tamén a el lle faga moita ilusión recibir este agasallo no que participastes todas as nenas e nenos do C.E.I.P. Víctor Sáenz. Estou desexando que veña vernos para entregarllo!!!! Seguro que vós tamén.
Unha aperta enorme e ánimo neste 2º trimestre!!!