venres, 24 de decembro de 2021

NOTICIAS EN "RADIO ROSIÑA"

Este curso "Radio Rosiña" segue emitindo. Algúns programas graváronse nas aulas, e outros realizáronse dentro do proxecto "RTV Enxebre" que a ONG "Ayuda en Acción" desenvolve no centro desde o curso pasado. Para iso, ao longo deste trimestre recibimos no cole a Sergio Pascual ("Laboratorio de Radio"), que nos visitou cada 15 días e con quen preparamos diferentes programas nos grupos de Primaria. O resultado chegou estes días ao meu buzón, así que non agardo máis para compartilo con vós. Seguro que durante estas vacacións tedes un ratiño para escoitalos e comentalos nos vosos fogares. 

Comezamos co programa que gravaron en 1º e 2º, "Cachorros perdidos". Se queredes coñecer a historia, escoitade atentamente:

Durante a gravación realizáronse algunhas fotografías, que podedes ver premendo aquí.

En 3º e 4º centráronse noutro tema: as fervenzas. Prepararon un concurso no que invitaron a dúas persoas moi especiais: o pai e a tía de dous rapaciños da aula. Pasámolo xenial con Javier e Silvia, e seguro que cando escoitedes o programa vós tamén pasaredes un bo rato. Non volo podedes perder!!!

Ademais do programa, nas clases fixeron un traballo de investigación sobre cinco das fervenzas máis destacadas do concello, que podedes ver exposto no colexio e tamén premendo aquí. Por suposto, tamén houbo fotos durante esta gravación, que podedes ver aquí.

Por último, o programa de 5º e 6º. Sergio propúxonos investigar sobre a ataxia SCA-36, unha enfermidade coñecida tamén co nome de mal da Costa da Morte. Para iso puxéronse a investigar sobre a mesma e prepararon un programa no que entrevistan a Manuel Rey, xornalista e divulgador científico que actualmente publica en "GCiencia". O tema é moi interesante, así que se tedes curiosidade, dádelle ao play:

Durante esta gravación tamén fixeron fotografías, algunhas das cales foron sacadas por un dos rapaces do grupo, Guille, que manexou a cámara de Sergio con gran profesionalidade. E mentras as nenas e nenos entrevistaban a Manuel, Mai realizou un retrato do noso convidado que lle agasallou ao rematar o programa. Para ver todas as fotos, premede aquí.

Sentímonos moi orgullosas deste resultado, ademais de moi privilexiadas por poder convidar a persoas do noso entorno que compartiron connosco toda esta produción: aos familiares que fixeron o esforzo por achegarse ata o cole (grazas, Javier e Silvia); a Manuel, que sabemos que tes moito traballo e non dubidaches en viaxar ata San Cosme para responder ás nosas preguntas (grazas pola túa xenerosidade); a Sergio, que con tanta paciencia nos guiou neste proceso tan fermoso... E, por suposto, á rapazada que se implica con tanta ilusión para que a radio siga sendo un medio de comunicación imprescindible!!!

Unha aperta, 

Rosiña

xoves, 23 de decembro de 2021

RAPAZAS EMPRENDEDORAS NAS TIC

Ola a todas!!!

Comezaron as vacacións de Nadal, pero non por iso o noso blog está inactivo. Todo o contrario, xa que sei que o visitaredes para lembrar moitos dos momentos que celebramos no cole, ou para descubrir cousas ben interesantes como esta que nos conta o alumnado de primaria

Como sabedes as tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) son un dos sectores máis importantes na actualidade, pois permiten unha comunicación eficiente, rápida e clara, favorecendo sectores vitais como a educación, a saúde ou a economía.

A inmensa maioría dos traballos actuais requiren algún grao de coñecemento destas tecnoloxías aínda que, segundo a Comisión Europea, só o 30% do sector TIC está formado por mulleres.

Por esta razón, este curso o alumnado de educación primaria está a participar no programa “Rapazas emprendedoras nas TIC” do Plan Proxecta+. Este ten como obxectivo principal fomentar o uso das TIC no alumnado e no resto da comunidade educativa, poñendo especial atención no rol das nenas, rapazas e mulleres como referentes do sector e como creadoras de contidos. 

Entre as actividades que realizaron está este vídeo no que as nenas e nenos de 3º a 6º nos explican aspectos relacionados co ámbito científico-tecnolóxico (que tamén inclúe o outro proxecto que estamos a desenvolver no cole: o Universo) e con este proxecto (que é o emprendemento, que son as TIC…). 

Tamén asistiron a unha charla virtual sobre ciberseguridade enmarcada dentro do ciclo de conferencias “Educación século XXI” de Afundación TV. 

Bernardo Viqueira explicou ao alumnado como enfrentarse aos dispositivos dixitais que manexamos diariamente. 
Bernardo é "hacker" e deu consellos sobre como mellorar as nosas condicións de seguridade ante ese tipo de dispositivos.

Por último, entre todo o alumnado de primaria gravaron un “Rosiñapalabra” con palabras do “A” ao “Z” relacionadas co campo da ciencia e da tecnoloxía. 

En hora boa por este traballo tan completo e interesante, ademais de moi necesario!!!

Agardo impaciente as vosas novidades a partir de xaneiro, que sei que nos ensinarán moitísimo a todas as persoas que visitan o noso blog.  

Aperta enorme,

Rosiña


martes, 21 de decembro de 2021

CONCURSO DE POSTAIS E GUÍA DE LECTURA

Xa temos postal gañadora do Concurso de Postais deste ano!!! Estaban todas estupendas, e todas recibiron algún voto, así que podedes estar ben contentas do traballo realizado. Algunhas persoas inspiráronse nas estrelas e constelacións, outras nos elementos do sistema solar, outras nos símbolos propios do Nadal... Pero o certo é que todas quedaron moi bonitas!!!! Agora partirán hacia os fogares aos que vós decidistes que queriades envialas, pero se queredes velas todas só tedes que premer aquí.

Os premios foron para as seguintes:

Juan Conde Danza (aula de Infantil 3-4 anos)

Carmen Alvite González (aula de Infantil 5 anos)
Zaira Núñez Tuñas (1º e 2º de Primaria)

Paula Pereira Carballo (5º e 6º de Primaria)

Alicia Alvite Ramos (3º e 4º de Primaria)

Esta última, a de Alicia, foi tamén a que máis votos recibiu, polo que é a que representa a todo o colexio na felicitación que enviamos ás familias e outras persoas e colectivos achegados á comunidade escolar. Podedes acceder a ela premendo aquí.

En hora boa a todas as persoas por participar e a Alicia por esta bonita ilustración e todo o entusiasmo que amosa desde ese foguete a punto de despegar... 

Para ver a entrega de premios, realizada no comedor escolar, premede aquí.

Tamén vos enlazo aquí a Guía de Lectura que vos imprimimos no cole para que poidades consultar e, se queredes, elixir algún dos libros que nela vos recomendo para pedirllo ao Apalpador, aos Reis Magos ou en calquera outro momento, porque un libro sempre é unha boa opción!!!

Rosiña



luns, 20 de decembro de 2021

EN 3º E 4º FÁLANNOS DE HÁBITOS SAUDABLES

Ola, rapaciñas e rapaciños!!!

Como estades? A piques de rematar o 1º trimestre deste curso, chegan ao meu buzón algúns dos últimos traballos que estivestes facendo nas vosas aulas. O de hoxe é un vídeo no que as nenas e nenos de 3º e 4º nos falan de hábitos saudables, algo que debemos ter en conta durante todo o ano. Tomade nota porque é moi interesante todo o que nos contan. Mirade que expertas e expertos:

En hora boa por este estupendo traballo!!!

Rosiña

venres, 3 de decembro de 2021

RECOMPILACIÓN DE RECURSOS RELACIONADOS CO ESPAZO

Ola, amiguiñas e amiguiños!!!

Que tal estades? Seguro que con ganas de desfrutar moito desta ponte... Uns días de descanso antes de rematar o primeiro trimestre non está nada mal, eh? Tamén sei que aproveitaredes para ler moito, dar algúns paseos na natureza e, por se queredes mergullarvos no mundo da astronomía, o espazo e outros temas relacionados con eles, aquí vos presento outra proposta. Premendo sobre a imaxe do cartel que deseñamos este curso, e no que botaron unha man as nenas e nenos de 5º e 6º, atoparedes diferentes enlaces para coñecer máis cousiñas sobre o ceo. Anímovos a entrar nesta páxina e descubrir que constelacións podemos ver estas noites e onde, que noticias interesantes relacionadas coa ciencia espacial se van publicando, ver algún vídeo sobre fenómenos que suceden no ceo, descubrir imaxes espectaculares e mesmo ver a posta de sol en directo desde Fisterra!!! Eu non o pensaría moito e aproveitaría algún ratiño para descubrir cousas ben interesantes... E, á volta destas vacacións, contámonos que nos pareceu, vale?

O cartel do proxecto deste curso xa se atopa no corredor do cole.

Apertas infinitas,

Rosiña

mércores, 1 de decembro de 2021

CONVOCAMOS O CONCURSO DE POSTAIS DE NADAL

Ola, rapaciños e rapaciñas!!!

Xa pronto chega o Nadal, así que aquí estou para animarvos a participar no “Concurso de Postais de Nadal”. Sei que vos encanta debuxar, que o facedes moi ben, e que o tema do universo vos dará moitísimas ideas para desexar un bo ano 2022 a todas as persoas que queredes...

Tamén podedes centrarvos na figura do Apalpador, ese personaxe que baixa das montañas do Courel para apalpar as barriguiñas das nenas e nenos, comprobando así se pasan fame ou non. Para aquelas barriguiñas que nota non comen dabondo, o Apalpador deixa un bo puñado de castañas... Así nolo contou tamén Anxo Moure no cole. Sexa ou non inspirador para vós, lembrade que na biblioteca podedes atopar varios libros sobre este interesante personaxe, ademais de que ao longo deste mes escoitaredes nas cancións do cole a canción que a el lle adicou Paco Nogueiras.

Lembrade que se queredes podedes incluír un texto no seu interior para enviala por correo antes de que remate o trimestre. O prazo para entregalas remata a vindeiro mércores, 15 de decembro. Expoñeranse no corredor e votaremos pola que máis nos guste.

Haberá cinco agasallos: dous para Educación Infantil, outro para 1º e 2º, un máis para 3º e 4º e outro para 5º e 6º.

A que máis votos reciba será a que se envíe a toda a comunidade para felicitar as festas do Nadal. Pode ser a túa, así que... A COMEZAR!!!
 
Rosiña