venres, 27 de maio de 2016

TEATRO EN INGLÉS

Esta semana regresamos ao Centro Cultural de A Picota para asistir a dúas funcións da compañía de teatro "Face 2 Face", que fai espectáculos en inglés para escolares.
O primeiro pase estivo dirixido a rapaciñas e rapaciños de Educación Infantil, 1º e 2º de Primaria, que desfrutamos moitísimo cunha obra na que a protagonista era unha abella moi, moi ocupada. E en que estaba tan ocupada "Busy Bee"? Pois en facer mel para a raíña. Invitounos a entrar no seu xardín e desfrutar coas súas aventuras, ao tempo que cantamos, bailamos e mesmo aprendemos algunhas palabras máxicas. 
Se queredes coñecer máis detalles da obra, preguntádelle a Xoel, Guille e Paula, porque eles estiveron enriba do escenario coa abelliña protagonista, e seguro que vos contan moitas máis cousas!!!

O segundo pase foi para o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º. Neste caso, a obra, "The Time Machine", transportounos a un período da historia moi lonxano da man de Jane e a súa mascota, un dinosaurio chamado Dino. Esta muller das cavernas descubriu accidentalmente unha máquina do tempo que a leva ao século XXI. Mais Jane non está preparada para a vida moderna dunha grande cidade. 
Tamén nesta segunda representación puidemos participar das aventuras da protagonista subidos ao escenario: Diego convertiuse nun dinosaurio excepcional, ao que todas e todos aplaudimos entusiasmadas/os.

Para as persoas que non puideron ver estes espectáculos, aquí tedes as fotos:


venres, 20 de maio de 2016

CELEBRAMOS O DÍA DAS LETRAS GALEGAS E OS MAIOS

Aínda que uns días despois do 17, celebramos o Día das Letras Galegas unido á festa dos Maios. Tivemos un día moi fermoso no que puidemos construír o maio con todas as flores, herbas e ramiñas que achegastes ao cole. Entre todas as persoas que nos reunimos no patio do cole logramos que quedara moi fermoso e que fora o decorado ideal para cantar e entregar os premios do Concurso de Poesía e Ilustración que convocamos nesta ocasión. Primeiro cantamos "O Maio de As Nogais", que xa sabemos tan ben! Despois, Nuria, Claudia, Sheila, Adrián e Andrea recitáronnos un poema de Manuel María titulado "A muiñeira" e a continuación bailamos a "Historia da muiñeira", con música de Pirilampo. Animouse todo o mundo e foi estupendo ver que da roda formaban parte todas as persoas que estaban no patio, excepto o noso querido Pablo, que ten que andar coa perna estirada durante unha temporada, e o profe David, que se encargou de facer as fotos. Tamén faltaron algunhas meniñas e meniños e algúns mestres e mestras... Botámolos de menos, pero adicámoslles o baile con moito cariño. A continuación podedes ver as fotos desta tardiña:



E, para rematar, entregamos os premios ás gañadoras e gañadores do Concurso das Letras Galegas. Nesta ocasión, os premiados foron:
-a aula de Educación Infantil, pola súa ilustración sobre o poema "O caracol", de Manuel María;
-Iria López Carreira, que levou o Premio especial do xurado polo seu poema "Gústame nadar";
-Jorge Lema Zamora gañou o Premio de 1º e 2º de Primaria co poema "O mariñeiro Manolo";
-Ainhoa Cal Currais escribiu a poesía "Casiña, casiña" e levou o Premio de 3º e 4º;
-Rubén Blanco Pereira atreveuse a resumir a vida de "Manuel María" nun poema, e levou o Premio de 5º e 6º.

Ademais de recoller o premio da man das súas titoras, todos leron as súas marabillosas creacións, e podemos asegurar que no noso cole a poesía ten futuro!!! Non a abandonedes, rapaciñas e rapaciños, estade atentas e atentos a ela, porque a poesía está en todas partes. O acto desta tarde, sen ir máis lonxe, foi moi poético!!!

sábado, 7 de maio de 2016

MAXIA E HUMOR NA CASA DA CULTURA DE A PICOTA

O Concello ofertou dous espectáculos máxicos durante as últimas semanas. E aló fomos!!!
A primeira cita foi o 29 de abril, onde o MAGO CHARLANGAS presentou para todas e todos nós o seu novo espectáculo "Temporal", no que a maxia e o teatro se mesturaron creando unha historia na que navegamos pola nosa imaxinación. Coñecemos a un científico chiflado e os seus incribles experimentos, viaxando co Pirata Barbanegra en busca de tesouros máxicos.

A segunda cita, o 6 de maio, cando os grupos de Infantil e 1º e 2º de Primaria, xunto coas nosas mestras, desfrutamos moitísimo da actuación do PALLASO POPÍN PALOMERO. O pallaso Popín é un personaxe creado polo actor Adolfo Maguna, que leva máis de 30 anos adicado ao mundo da imaxinación e a actuación, facendo rir a todos os asistentes aos seus espectáculos polas súas ocurrencias e as súas improvisacións.


martes, 3 de maio de 2016

A CHAMA OLÍMPICA CHEGA A BRASIL

Pois si, rapaciñas e rapaciños, despois de catro días en Lausana (sede do Comité Olímpico Internacional) a chama olímpica xa aterrizou en Brasilia, a capital do país que este ano acollerá os Xogos. Carlos Nuzman, o xefe do comité organizador dos Xogos Olímpicos, descendeu dun avión no que se lía "Sueño olímpico a bordo" e, xunto a el, portaba a chama nunha lanterna. 
A primeira relevista do facho será unha xoven refuxiada siria de 12 anos, Hanan Dacka, quen fuxiu coa súa familia da súa cidade natal hai case catro anos. A partir de aí, o facho percorrerá 20.000 quilómetros, pasando por 328 cidades, ata Río de Janeiro, da man de 143 persoas, entre as cales haberá moitas e moitos deportistas.
Se premedes aquí podedes ver o momento no que a presidenta de Brasil, Dilma Rousseff, recibe a chama.
Tamén vos deixamos algunhas das imaxes do facho en Lausana:

La llama olímpica prende en el pebetero de Lausana, donde ha hecho una parada antes de poner rumbo a Brasil.

La llama olímpica ha estado visible para el público durante cuatro días antes de su viaje a Brasil.

Bach y Nuzman, frente al museo olímpico de Lausana

domingo, 1 de maio de 2016

COMEZA O MES DAS LETRAS GALEGAS

Xa está aquí maio!!! O mes das flores, da primavera, de moitas sementeiras, dos maios... E tamén é o mes no que en Galicia celebramos o Día das Letras Galegas. Nesta ocasión, o 17 de maio está adicado a un poeta moi querido: MANUEL MARÍA. E para que vaiades coñecendo máis profundamente a súa vida e obra (aínda que xa leva presente todo o curso entre nós), elaboramos unha páxina que recolle moitas das ligazóns que se foron elaborando ao longo do curso, para que poidades coñecer, coa axuda das vosas mestras, moitísimas cousas deste poeta que sempre tivo moi presente ás nenas e aos nenos da Galicia rural, onde conviven coa natureza coma o facedes todas e todos vós. Así que seguro que vos sentiredes moi identificados lendo os seus versos. Acordádevos de Manuel de Paderna: LEDE, LEDE e LEDE!!!! Premede sobre a imaxe e desfrutade!!!