Amosando publicacións coa etiqueta traballos monográficos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta traballos monográficos. Amosar todas as publicacións

xoves, 12 de maio de 2022

EXPOSICIÓN SOBRE O SANCOSMEIRO

OLA, RAPAZADA E FAMILIAS!!!
Como estades?
Como sabedes, nos últimos meses o alumnado de 3º e 4º de primaria está a desenvolver o proxecto de aprendizaxe-servizo "O sancosmeiro", co obxectivo de promocionar e contribuír a darlle continuidade a este sombreiro artesanal tradicional como parte do patrimonio inmaterial da nosa parroquia.
Nunha entrada anterior puidestes ver a primeira parte deste proxecto: a elaboración dun vídeo explicativo sobre o sancosmeiro, a participación de todo o alumnado nun obradoiro de sancosmeiros, e a realización dunha fotografía a todo o alumnado e persoal do centro vestindo un sancosmeiro.
Despois disto, na aula de 3º e 4º continuaron traballando no proxecto, organizando unha exposición de promoción do sancosmeiro que exporán na Casa da Cultura de Mazaricos (A Picota) durante o mes de maio, e no noso colexio o mes de xuño.

O alumnado de 3º e 4º coa profe Alba.

Nesta exposición incluíron diversos traballos que realizaron previamente na aula:
  • Paneis informativos con información sobre o sancosmeiro que podedes ver premendo aquí.
  • Conto viaxeiro "O sancosmeiro voador", creado coa colaboración das familias, no que as protagonistas (dúas nenas e dúas vazas de San Cosme) realizan unha viaxe espectacular que podedes ver neste vídeo:
  • Programa en "Radio Rosiña" que inclúe un concurso de preguntas sobre este sombreiro no que participou o resto do alumnado do colexio e unha pequena intervención de Sandra Alvite, a presidenta da asociación Trenzarte e concelleira de Cultura e Servizos Sociais do Concello de Mazaricos. Podedes escoitalo aquí:

Premede aquí para ver os cadros destas artistas un a un.
  • Concurso de preguntas sobre o sancosmeiro, creado polo alumnado e no que vos animo a participar premendo aquí.
Que traballo tan estupendo vos quedou, rapaces e rapazas!!! EN HORA BOA!!!
E a todas as persoas que nos sigan, ANIMÁDEVOS A VISITAR ESTA ESTUPENDA EXPOSICIÓN, tanto na Casa da Cultura coma no colexio!!! Eu estou desexando vela...
Apertas,
Rosiña

luns, 9 de maio de 2022

PROGRAMA Nº 4 DE "ROSIÑA DJ"

Ola, xentiña!!!

Xa estamos en maio e, como ben sabedes, a música que soa nos diferentes cambios de clase é diferente para cada un dos meses do curso. O alumnado de 5º e 6º encargouse novamente de realizar o programa, así que se estades interesadas en coñecer as melodías e o motivo polo que foron seleccionadas, dádelle ao play para escoitar este novo "Rosiña DJ":


EN HORA BOA, rapaces e rapazas!!! 

Apertas,

Rosiña

luns, 2 de maio de 2022

EXPOSICIÓN "MULLERES QUE FIXERON HISTORIA NO ÁMBITO DA TECNOLOXÍA"

Bo día!!! Hoxe iniciamos o mes de maio no cole cunha noticia marabillosa que chega en forma de podcast!!! Cóntovos:

O pasado 28 de abril celebrouse o Día Internacional das Rapazas nas TIC, e como xa sabedes, en Primaria andan facendo varios traballos arredor desta temática. Para este último prepararon unha exposición que podedes visitar no corredor do colexio: "Mulleres que fixeron historia no ámbito da tecnoloxía". Ademais de incluír a ficha realizada por cada neno e nena, tamén conta cun código QR, ao que agora engadimos os podcasts que gravaron en "Radio Rosiña". Cada un está adicado a unha das mulleres que foron centro da súa investigación, polo que premendo sobre o seu nome poderedes escoitar a gravación. É posible que non as coñezades a todas, así que aproveitade tamén para aprender moito a través deste traballo grupal. As protagonistas son:

ADA LOVELACE

ÁNGELA RUIZ ROBLES

ANTONIA FERRÍN MOREIRAS

BEGOÑA VILA

CAROL SHAW

EVELYN BEREZIN

FRANCES E ALLEN

HEDY LAMARR

MARY KENNETH KELLER

RADIA JOY PERLMAN

Ademais, investigaron sobre un grupo de mulleres que en 1942 foron contratadas polo exército estadounidense para programar unha das primeiras computadoras, e que se coñecen como "Top Secret Rosies". Sobre esta asociación e as súas integrantes podedes saber máis premendo nos seguintes enlaces:

"TOP SECRET ROSIES"

BETTY SNYDER

FRANCES BILAS

JEAN JENNINGS

KATHLEEN McNULTY

MARLYN WESCOFF

RUTH LICHTERMAN

O 28 de abril, ademais, asistiron a un coloquio online organizado polo CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia), no que catro mulleres galegas que se adican ao campo das TIC lles falaron sobre as súas profesións.

Cartel da exposición "Rapazas emprendedoras nas TIC".
 

En hora boa por todo este traballo,

Rosiña



martes, 5 de abril de 2022

OBRADOIRO DE SANCOSMEIROS

OLA A TODOS/AS!!!

Nas últimas datas, o alumnado de 3º e 4º está realizando un pequeno proxecto sobre o sancosmeiro. Como sabedes, o sancosmeiro é un sombreiro tradicional galego, elaborado con palla trenzada e cosida, orixinario da nosa parroquia, San Cosme de Antes, desde sempre gran produtora de cereais.
Actualmente, son moi poucas as persoas que saben elaborar este tipo de sombreiros, polo que a continuidade desta parte da nosa cultura está en risco. Para resolver esta situación, é moi importante que a infancia e a xuventude da zona aprenda e se interese polos sancosmeiros.
Por este motivo, en 3º e 4º elaboraron o seguinte vídeo no que nos falan sobre o sancosmeiro:
 

Tamén convidaron ao resto do colexio a participar nun obradoiro de elaboración de sancosmeiros a cargo da asociación "Trenzarte", no que aprenderon a trenzar a palla e mesmo fixeron unha pulseira que levaron de agasallo! Encantoulles a experiencia, e podedes comprobar a través destas imaxes en que consistiu a actividade na que as artesás nos guiaron con moita paciencia:

O obradoiro tivo lugar na Aula de Natureza.
 

Por último, realizaron unha fotografía a todo o alumnado e persoal do centro vestindo un sancosmeiro, e a verdade é que vos queda realmente ben a todas, e xa estou eu pensando tamén en facer un retrato con este sombreiro tan espectacular!

Premendo aquí podedes ver as fotos individuais.
 

Con todas as fotos elaboraron o seguinte vídeo:

En 3º e 4º continúan traballando sobre o tema, polo que moi pronto traerannos máis novidades; estade moi atentos/as!!!!!

Recordade que a continuidade do sancosmeiro é responsabilidade de todos/as. Animádevos a seguir aprendendo!!!!

Apertas, 

Rosiña.

venres, 18 de marzo de 2022

PROGRAMA Nº 2 DE ROSIÑA DJ

Bos días!!!

Rematamos esta semana de marzo contándovos en "Radio Rosiña" que músicas soan ao longo do mes para as entradas, saídas, cambios de clase... Con este novo programa de "Rosiña DJ" o alumnado de 5º e 6º está ampliando moito o seu repertorio musical, e quere compartilo con todas as persoas que nos escoitan. Ao micrófono escoitaredes as voces de quenes non participaron no 1º programa: Ángel, Sara, Paula, Brais e Martina; no control, Mai e Aroa. En hora boa, rapaciñas e rapaciños!!!


Rosiña

mércores, 23 de febreiro de 2022

CELEBRACIÓN DO DÍA DE ROSALÍA

No cole sabemos moi ben que Rosalía é unha muller moi importante na nosa cultura, que a través da literatura amosou os seus sentimentos, os seus desexos, que valorou a natureza escribíndolle versos moi fermosos, que actuou defendendo os dereitos das mulleres nunha época na que o tiñan aínda máis difícil que agora, etc. Por iso, no cole propuxemos unha actividade relacionada co tema do proxecto deste curso: o universo. Nesta ocasión era doado unilos, xa que como ben sabedes, ata unha estrela leva o seu nome (TEXTO HORA DE LER). Tendo iso en conta, así como a proposta da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega -que consistía en centrarse nos pensamentos, as súas flores preferidas-, cada aula realizou unha actividade baixo o título "Lanza o teu pensamento con forza ao firmamento". Despois de varios días adicados a Rosalía, esta tarde saímos ao patio e, baixo o castiñeiro, compartimos co resto do cole as nosas creacións, que así de bonitas quedaron. Estou segura de que neste grupo de rapaciños e rapaciñas hai máis dun e dunha poeta!!!

Premendo na imaxe podedes ver diferentes momentos do acto.

Unha aperta,

Rosiña

martes, 8 de febreiro de 2022

EN "RADIO ROSIÑA" FALAMOS DE...

Bos días!!!

Hoxe, en "Radio Rosiña" as protagonistas son... as vacas!!! Si, en 3º e 4º seica estiveron traballando moito sobre elas nas clases de Ciencias Naturais, polo que neste programa cóntannos cousas moi interesantes sobre estes animais que tan ben coñecemos en San Cosme. Escoitádeo atentamente porque ao mellor pensabades que o sabiades todo sobre elas... 

En hora boa, rapaciñas e rapaciños!!!

Rosiña

venres, 24 de decembro de 2021

NOTICIAS EN "RADIO ROSIÑA"

Este curso "Radio Rosiña" segue emitindo. Algúns programas graváronse nas aulas, e outros realizáronse dentro do proxecto "RTV Enxebre" que a ONG "Ayuda en Acción" desenvolve no centro desde o curso pasado. Para iso, ao longo deste trimestre recibimos no cole a Sergio Pascual ("Laboratorio de Radio"), que nos visitou cada 15 días e con quen preparamos diferentes programas nos grupos de Primaria. O resultado chegou estes días ao meu buzón, así que non agardo máis para compartilo con vós. Seguro que durante estas vacacións tedes un ratiño para escoitalos e comentalos nos vosos fogares. 

Comezamos co programa que gravaron en 1º e 2º, "Cachorros perdidos". Se queredes coñecer a historia, escoitade atentamente:

Durante a gravación realizáronse algunhas fotografías, que podedes ver premendo aquí.

En 3º e 4º centráronse noutro tema: as fervenzas. Prepararon un concurso no que invitaron a dúas persoas moi especiais: o pai e a tía de dous rapaciños da aula. Pasámolo xenial con Javier e Silvia, e seguro que cando escoitedes o programa vós tamén pasaredes un bo rato. Non volo podedes perder!!!

Ademais do programa, nas clases fixeron un traballo de investigación sobre cinco das fervenzas máis destacadas do concello, que podedes ver exposto no colexio e tamén premendo aquí. Por suposto, tamén houbo fotos durante esta gravación, que podedes ver aquí.

Por último, o programa de 5º e 6º. Sergio propúxonos investigar sobre a ataxia SCA-36, unha enfermidade coñecida tamén co nome de mal da Costa da Morte. Para iso puxéronse a investigar sobre a mesma e prepararon un programa no que entrevistan a Manuel Rey, xornalista e divulgador científico que actualmente publica en "GCiencia". O tema é moi interesante, así que se tedes curiosidade, dádelle ao play:

Durante esta gravación tamén fixeron fotografías, algunhas das cales foron sacadas por un dos rapaces do grupo, Guille, que manexou a cámara de Sergio con gran profesionalidade. E mentras as nenas e nenos entrevistaban a Manuel, Mai realizou un retrato do noso convidado que lle agasallou ao rematar o programa. Para ver todas as fotos, premede aquí.

Sentímonos moi orgullosas deste resultado, ademais de moi privilexiadas por poder convidar a persoas do noso entorno que compartiron connosco toda esta produción: aos familiares que fixeron o esforzo por achegarse ata o cole (grazas, Javier e Silvia); a Manuel, que sabemos que tes moito traballo e non dubidaches en viaxar ata San Cosme para responder ás nosas preguntas (grazas pola túa xenerosidade); a Sergio, que con tanta paciencia nos guiou neste proceso tan fermoso... E, por suposto, á rapazada que se implica con tanta ilusión para que a radio siga sendo un medio de comunicación imprescindible!!!

Unha aperta, 

Rosiña

mércores, 16 de xuño de 2021

NOTICIAS RADIOFÓNICAS DE RTV-ENXEBRE

OLA!!!

Esta mañá traigo unha moi boa nova para todas: "Radio Rosiña" estrea canle!!! Ademais do que xa temos, como resultado do proxecto realizado coa ONG Ayuda en Acción RTV-Enxebre, Sergio (Laboratorio de Radio) publicou os traballiños do alumnado que participou nesta marabillosa experiencia que xa podemos escoitar no seguinte enlace: 

 

RADIO ROSIÑA EN RTV ENXEBRE




Nesa canle atoparedes:

-"Os paxaros e as súas historias", relatos do alumnado de 1º e 2º de Primaria.

-"A historia de Plumitas", elaborada polas nenas e nenos de Educación Infantil.

-"Historias sobre a morriña" 

-"Un día en Ézaro", resultado da viaxe que ata alí fixeron Educación Infantil e 1º e 2º de Primaria.

-"Sabedes o que é "NICADA"? Descubrídeo neste programa!

-"Os dereitos da infancia", o programa gravado en directo en Vimianzo en colaboración cos centros de Monfero e Zas. 

Seguro que vos encanta escoitar a estas estupendas e estupendos reporteiras /os!!!

Rosiña

luns, 24 de maio de 2021

INSTALACIÓN NATUREZA

OLA!!!!

No cole decidimos recibir o mes de maio cunha nova actividade artística: unha instalación. Esta forma de arte realízase nun espazo concreto, e a súa duración tamén é determinada, polo que se coñece como arte efémero, xa que se transforma e "desaparece" no tempo.

A nosa instalación ubicouse no patio interior do cole, e realizouse con elementos atopados na natureza propios da primavera: sementes, paus, follas, flores, pedras, froitos... Con todos eles fixemos unha composición por grupos, e aquí quero amosarvos o resultado.

Esta actividade xurdiu dun obradoiro que realizamos co CGAC, e no que participamos todo o alumnado de Primaria. Na nosa intervención, sen embargo, tamén se involucrou o alumnado de Educación Infantil, que tamén deixaron a súa pegada artística!!!

Todo o alumnado participou nesta obra de arte dun xeito moi natural.
 

En hora boa a todas por este resultado!!! Podedes ver todas as fotos premendo na imaxe.

Rosiña

venres, 5 de febreiro de 2021

ROSIÑA ESTRENA CANLE DE TELEVISIÓN

Ola, amiguiñas e amiguiños!!!!
Rematamos a primeira semana de febreiro cunha noticia estupenda: estrenamos canle de televisión!!! E facémolo nada máis e nada menos que da man dunhas auténticas profesionais: as persoas que forman parte do grupo de 3º e 4º de Primaria. E digo parte do grupo porque estes días fáltanos unha das nosas queridas rapaciñas, Uxía, a quen estamos desexando ver para que se incorpore a todas as actividades que estamos realizando. Pero sabemos que estará seguíndonos a través dos blogs e da páxina do cole, así que desde aquí lle enviamos unha aperta enorme e o noso desexo de que regrese connosco en breve.
Dito isto, aquí vos presento a primeira emisión de "Rosiña TV", cun programa sobre o tempo que presentan Luzdivina e Ismael, ademais das reporteiras Lucía e Alicia e os reporteiros Pablo, Ángel e Íker, ademais da explicación da experta meteoróloga Soraya e o  especialista tamén en meteoroloxía Guille!!! Que vaian tomando nota na TVG...
En hora boa, rapaciñas e rapaciños!!!




luns, 1 de febreiro de 2021

NOITE ESTRELADA EN "RADIO ROSIÑA"


Ola!!! Este título ao mellor vos confunde... Non pensedes que as nenas e nenos de 3º e 4º pasaron a noite en "Radio Rosiña"!!! O que fixeron foi investigar sobre un dos pintores máis destacados do chamado postimpresionismo, estilo caracterizado por darlle moito protagonismo á cor: VINCENT VAN GOGH. O cadro elixido para facer o traballo de investigación foi "A noite estrelada", por iso anunciei a entrada da noticia dese xeito.

Mural realizado en 3º e 4º sobre Van Gogh e "A noite estrelada".

Despois de buscar información na aula de informática, redactar o texto e facer un mural para expoñer, no que incluíron unha representación do cadro en equipos, quixeron contárnolo en "Radio Rosiña", así que aquí vai o novo programa deste fantástico grupo:

EN HORA BOA!!!




venres, 18 de decembro de 2020

HÁBITOS SAUDABLES DO COLE EN "RADIO ROSIÑA"


Imaxe do mural sobre os hábitos saudables no cole.

Este mural recolle algúnhs dos aspectos que estiveron traballando en 3º, 4º e 5º durante os últimos días. Fixeron unha investigación sobre os hábitos saudables do alumnado do cole, relacionados coa realización de exercicio físico e o consumo de froitas e verduras. Para iso baseáronse nunha enquisa que pasaron ás nenas e nenos do cole, recolleron todos eses datos nunha táboa e en gráficas de barras e expuxéronos nun mural. Para rematar, quixeron contalo todo a través das ondas de "Radio Rosiña", así que aquí está para todas as nosas seguidoras este interesante programa:

"PASAPALABRA" EN "RADIO ROSIÑA"

Este último venres do trimestre tráenos un agasallo en "Radio Rosiña": un programa realizado polo alumnado de 5º e 6º na clase de Ciencias Naturais. O formato é coñecido por todas vós: un pasapalabra. Organizárono como auténticas profesionais: un par de equipos, definicións, respostas... E unha persoa moi especial encargada de anunciar se é correcta ou non a resposta. Se queredes aprender moito sobre animais, non deixedes de escoitar este "Pasapalabra":
 

venres, 23 de outubro de 2020

PROGRAMA SOBRE MAZARICOS EN "RADIO ROSIÑA"

O grupo de 3º e 4º gravaron un programa en "Radio Rosiña" moi interesante, no que falan de Mazaricos, o noso concello. Fanno con tanta emoción e profesionalidade que calquera que o escoite non lle quedará ningunha dúbida de que este lugar é máxico e está cheo de recunchos para coñecer e explorar... Con este programa queren promocionar esta zona, e estou segura de que o conseguirán!!! NORABOA, rapaces e rapazas!!! Fixestes un traballo estupendísimo!!!

Mural que elaboraron en 3º e 4º para promocionar Mazaricos.


 

venres, 17 de xaneiro de 2020

FORMACIÓN EN RADIO ROSIÑA

A próxima semana teremos a primeira sesión de formación do curso en Radio Rosiña!!!! Nesta ocasión recibiremos a visita de Loreto Silvoso, unha das locutoras do programa de Radio Voz "Voces de A Coruña". Estamos moi contentas de iniciar esta nova sesión formativa para rapaces e rapazas de 3º a 6º de Primaria, que ao longo do curso se esforzan por conseguir os seus carnés de técnicos de radio. O luns tamén coñecerán moitos dos secretos que agocha o noso instrumento máis potente para facer radio: a voz. Preparadas? Preparados? Seguro que si!!! Déixovos aquí o cartel:

domingo, 15 de decembro de 2019

PROGRAMA ESPECIAL EN RADIO ROSIÑA SOBRE ROCHAS E MINERAIS

A exposición atópase no corredor do colexio.
O alumnado de 3º e 4º estivo traballando ao longo do trimestre sobre as rochas e os minerais, e prepararon unha exposición no centro que puidemos ver todas as persoas do cole.
Xoel, Mai e Brais amosan as rochas sobre as que investigaron en 4º.
Martina, Aroa, Sara e Paula tamén fixeron un bo traballo.
A raíz desta actividade, xurdiu a gravación dun podcast no que nos contan moitas das cousas que aprenderon sobre esas rochas e minerais, así que entraron en Radio Rosiña para contárnolo a todas as persoas que seguimos esta canle. Aquí podedes escoitalo:



O avó de Guille foi o protagonista en Radio Rosiña.
Pero tamén contaron cunha colaboración moi especial: a do avó de Guillermo, que traballou durante moitos anos nunha mina de wolframio.

Por este motivo decidiron invitalo á radio e facerlle unha entrevista na que poderedes descubrir datos moi interesantes sobre as súas características e o seu uso:



Noraboa por este estupendo traballo!!!


luns, 9 de decembro de 2019

DÍA UNIVERSAL DA INFANCIA EN RADIO ROSIÑA

As nenas e nenos de 3º e 4º prepararon un traballo estupendo para celebrar o "Día Universal da Infancia", que queren achegar a todas as visitantes do noso blog. Para iso informáronse sobre Ana Frank, unha nena alemá de ascendencia xudía cuxa vida se coñece a nivel mundial polo libro "Diario de Ana Frank". Pero é mellor que vexades o vídeo que gravaron as nenas e nenos de 3º e 4º, porque o fan moito mellor ca min. Aquí volo deixo:


No seguinte enlace podedes acceder ao podcast que gravaron para Radio Rosiña:


NORABOA, RAPACIÑAS E RAPACIÑOS!!!!




domingo, 4 de novembro de 2018

GOOGLE SITES SOBRE CIENCIA

Aquí vos deixo o "Google Sites" no que atoparedes información sobre o proxecto ao que está adicado este curso: "Ler con-ciencia".
Está organizada por bloques: definicións de xente, páxinas sobre ciencia, experimentos e xogos científicos, proxectos sobre ciencia desenvolvidos noutros centros, libros sobre ciencia, curiosidades, vídeos, a relación entre ciencia e natureza e arte e, no último apartado, os traballos que imos elaborando no noso cole. 
Esta páxina irase actualizando ao longo do curso, segundo vaiamos avanzando nos nosos traballos en cada grupo, polo que tamén aparecerán aqueles temas nos que vaiades centrando as vosas investigacións. Podedes acceder a ela dende a barra lateral dereita, ou tamén desde esta entrada, na imaxe inferior ou premendo AQUÍ.

https://sites.google.com/view/lerconciencia/p%C3%A1gina-principal

 Unha aperta!

xoves, 9 de xuño de 2016

ILUSTRAMOS POEMAS DE MANUEL MARÍA

Durante a semana das Letras Galegas, dende a Biblioteca recibistes a invitación a participar nun libro especial, no que todas as persoas que quixeran participar tiñan que elixir un poema de Manuel María, ilustralo e recitalo. A primeira parte está rematada, así que xa podedes ver o fermoso que quedou este libriño feito con moito cariño por parte das rapaciñas e rapaciños de 3º, 4º, 5º e 6º. Agora andan preparando o recitado dos mesmos, para gravalos e que o traballo quede rematado para poder incluílo dentro dos fondos da nosa biblioteca. NORABOA, nenas e nenos, polo voso traballo extra e por facelo tan ben.