Amosando publicacións coa etiqueta autores. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta autores. Amosar todas as publicacións

venres, 22 de abril de 2016

CELEBRAMOS O DÍA DO LIBRO

Un ano máis, celebramos o DÍA DO LIBRO, unha festa mundial que se remonta a principios do século XX. O 23 de abril de 1616 morrían Miguel de CERVANTES, William SHAKESPEARE e Inca GARCILASO DE LA VEGA. Por este motivo, esta data foi elixida para rendir unha homenaxe ao libro e ás persoas escritoras. 
Xa esta semana Manuel de Paderna nos aconsellaba ler, ler e ler... E o certo é que tamén eu, Rosiña, desde que descubrín o placer da lectura, adícolle todo o tempo que podo, porque son unha porquiña moi valente!!! Valente, si, e se non estades de acordo, lede ou relede o texto que escribiu con motivo do Día do Libro PEDRO FEIJOO, un dos creadores galegos máis lidos nos clubs de lectura: 


Ademais, elaboramos un marcapáxinas para conmemorar o IV Centenario da morte dos tres escritores anteriormente citados. 

E na "Hora de Ler", realizamos unha das nosas actividades preferidas: os "Apadriñamentos e Amadriñamentos Lectores". Pasámolo moi ben e como mostra aquí van as fotiños que fixemos durante esta mañá:

sábado, 28 de novembro de 2015

DESPEDÍMONOS DE XOSÉ NEIRA VILAS

Pois rematamos esta semana con esta triste noticia, sobre o falecemento de Xosé Neira Vilas, o autor do libro máis vendido na historia da literatura galega: "Memorias dun neno labrego". Cando lle preguntaban por esta obra, dicía que "eu só quería contar o que pasaba na aldea". E contouse incluso noutros idiomas, xa que entre os 600.000 exemplares vendidos está, ademais do galego, as traducións ao castelán, inglés, francés, alemán, chinés, ruso, búlgaro..., e mesmo en Braille! 
Os seus compañeiros (de profesión, da RAG da que formou parte, da editorial Galaxia -na cal publicou unha grande parte da súa obra-, etc.), falan de Xosé Neira Vilas coma "un bo e xeneroso". Tamén din que "nunca cansaba. Editaba e reeditaba. Facía e refacía. Descorría, sempre". E é que, aínda que xa tiña 87 anos, todavía seguía moi activo.
Concedéronlle case todos os premios que se poden conceder a un escritor: as medallas Castelao, o Pedrón de Honra e Celanova Casa dos Poetas. Foi investido Doutor Honoris Causa pola Universidade de A Coruña. Tamén é Premio da Crítica Española e da Crítica Galega, ademais de Premio Laxeiro e Trasalba. Pero, sobre todo, como escribiu a periodista Montse Dopico, Xosé Neira Vilas é dos "ninguén", da humildade, do que representaba a voz de Balbino (o protagonista das "Memorias dun neno labrego"), da procura da verdade e da xustiza.
Tamén no CEIP Víctor Sáenz nos sumamos a esa tristeza pola morte dun escritor que sempre tivo en conta aos nenos e nenas de Galicia, do rural, para os que escribiu tantas fermosas historias, tantos fermosos poemas! Coma o que aprendemos este outono e que serve de homenaxe a este grande autor!
Aquí podedes ver tamén unha entrevista ben interesante na que Xosé Neira Vilas fala, sobre todo, dos nenos e das nenas!



A continuación podedes ver as fotografías do recuncho que preparamos esta mañá para expoñer todos os libros que temos na nosa Biblioteca de Xosé Neira Vilas, e o cartel que elaboraron en 5º para lembrarnos un poema que aprendemos e ao que puxemos ritmo na clase de música, ou algunhas das declaracións que nos pareceron non debemos esquecer. Agora só falta animarvos a levar algunha das súas obras para desfrutar coa súa lectura!



domingo, 22 de novembro de 2015

ALICIA CUMPRE 150 ANOS

Hai 150 anos un catedrático da universidade de Oxford chamado Charles Lutwidge Dodgson contáballes historias a tres meniñas. Unha delas, Alice Liddell, pediulle que escribira un dos contos cos que se entretían á beira do río Támese (Londres). E Charles Lutwidge pasou dous anos escribindo un manuscrito con máis de 30 ilustracións que debuxou el mesmo.
Ese escritor é mundialmente coñecido polo seu seudónimo, LEWIS CARROL, e o conto, Alicia no país das marabillas.
Esta novela cambiou por completo o concepto da literatura infantil, xa que era a través da súa lectura podes divertirte á vez que aprendes moitísimas cousas. O escritor Alberto Manguel refírese a esta obra dicindo: "Hai obras que nos guían, ilumínannos, fortalécennos, fannos máis intelixentes, sen dicirnos xamais como o fan nin por que (...) Entre elas destacan, resplandecentes, os libros de Alicia".
Non me digades que non vos entran ganas de lela... Se xa tes 9 anos, animámoste a desfrutar da súa lectura. E se non os tes, podes atopar outras opcións para desfrutar desta marabillosa obra da literatura. Se premes sobre o título seguinte, podes ver os debuxos de Disney:

martes, 14 de abril de 2015

DOUS GRANDES ESCRITORES

Hoxe despedímonos de dous grandes escritores. Por un lado, GÜNTER GRASS, escritor alemán ao que lle foi concedido o Nobel de Literatura e o premio Príncipe de Asturias das Letras no ano 1999. A obra máis coñecida (para adultos) deste escritor nacido en Polonia no ano 1927 é El tambor de hojalata, novela que foi adaptada ao cine e gañou varios premios.



Por outro lado, o escritor uruguaio EDUARDO GALEANO (Montevideo, 1940). Aínda que a súa obra está escrita para adultos, algunha das súas historias foi adaptada para o público infantil, coma o libro que temos na nosa biblioteca Historia da resurrección do papagaio (Editorial Kalandraka). Os seus libros contan historias curtas, a través das cales se observa a súa preocupación polas inxustizas do mundo. Moitas delas entenderédelas dentro duns anos, pero outras xa podedes animarvos a lelas. E é que dentro das súas preocupacións sociais tamén atoparedes pequenas historias que falan da natureza, da escola, do cine, ou dalgo tan importante coma o DEREITO A SOÑAR. E non esquezades que, como decía o propio Eduardo Galeano, "mucha gente pequeña, en lugares pequeños, haciendo cosas pequeñas, puede cambiar el mundo".

luns, 9 de xaneiro de 2012

O RATO PÉREZ

Hoxe, cúmprensen 161 anos do nacemento de LUIS COLOMA, escritor, xornalista e xesuída español, especialmente coñecido polo seu labor como autor de literatura infantil e moi en especial por crear ao popular RATONCITO PÉREZ.
Luis Coloma naceu o 9 de xaneiro de 1851 en Jerez de la Frontera. Aínda que se licenciu en Dereito mantivo unha clara vocación cara á escritura durante toda a súa vida, colaborando desde moi novo con publicacións como El Tiempo, Xornal político da tarde de Madrid e El Porvenir de Jerez, onde deixou claro o seu apoio á restauración dos Borbóns.
Foi precisamente o Rei Alfonso XIII o destinatario da súa creación máis famosa: o Ratoncito Pérez. O personaxe é un pequeno rato que deixa agasallos a cambio dos dentes que os nenos depositan debaixo das súas almofadas, algo que se converteu en tradición en España e Latinoamérica. O conto orixinal foi escrito por petición da corte, despois de que ao rei, que entón tiña 8 anos, se lle caese  un dente.
A fama do Ratoncito Pérez de Luís Coloma mantívose ata os nosos días, chegando ata a protagonizar a película "PEREZ, EL RATONCITO DE TUS SUEÑOS" en 2006 e "PEREZ, EL RATONCITO DE TUS SUEÑOS 2" en 2008. Luís Coloma é ademais autor de numerosos contos curtos e biografías.













Podedes atopar a historia do Ratoncito Pérez nestes libros:

- "El ratoncito Pérez".Olga Lecaye. Editorial Corimbo.
- "La noche del ratoncito Pérez". Caroline Pistinier. Editorial Corimbo.
- "El ratoncito Pérez y sus amigos". Olga Lecaye. Editorial Corimbo.