Este é o título dun proxecto editado pola Xunta de Galicia que imprimiremos no centro para que comece a visitar os vosos fogares dentro das mochilas viaxeiras, xa que consideramos fundamental ter en conta os artigos que nel se recollen. Esta publicación destaca, entre outros, aspectos como:
-a importancia da lectura para a vida, xa que as persoas que len desenvolven habilidades que lles permiten coñecer mellor o mundo que os rodea e tamén os sentimentos propios e os das demais persoas;
-o gusto pola lectura é unha herdanza familiar. Canta máis importancia e estima se lle outorgue a esta actividade na casa, máis posibilidades hai de que se adquira o gusto polos libros;
-a ameaza para a lectura non está en internet, senón en crer que na rede se pode ler igual que se le fóra dela.
Entre as persoas que colaboran nos textos está Cristina Novoa, a máxima responsable da Asesoría de Bibliotecas Escolares e para
moitos unha das principais referencias á hora de falar de animación á
lectura en Galicia. Deixámosvos uns vídeos nos que se recolle parte dunha conversa moi proveitosa na que, sobre todo, reflexiona sobre a animación á lectura dentro da casa:
“Aos pais hai que tratar de convencelos que o seu papel é primordial:
como mediadores e como exemplo lector. Ningún pai che vai dicir que non
quere a lectura para os seus fillos. O que pasa é que para moitos non
está no seu contexto ou nunca a viviron. Non son lectores, pero iso non
significa que non saiban que é boa para os fillos. Outra cousa é que
perciban para que outras cousas, ademais de para o
desenvolvemento escolar, pode servir a lectura”.