Amosando publicacións coa etiqueta mulleres. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta mulleres. Amosar todas as publicacións

martes, 19 de outubro de 2021

CELEBRAMOS O DÍA DA MULLER RURAL

O pasado venres, 15 de outubro, celebrouse o "Día da Muller Rural", unha data que nos parece moi importante por moitas razóns; entre elas:

-grazas a moitas das mulleres que se adican á agricultura, que labran a terra e plantan sementes, poden alimentarse nacións enteiras;

-garanten a seguridade alimentaria das súas poboacións, e axudan a preparar ás súas comunidades fronte ao cambio climático.

Sen embargo, como sinala a ONU, as campesiñas sofren moitas desvantaxes en relación cos homes que se adican tamén a actividades no ámbito rural: resúltalles máis difícil acceder aos terreos, aos materiais agrícolas, a axudas, etc. E en moitos casos, ademais, son tamén elas as que se encargan dos traballos domésticos sen recibir ningún salario (limpeza da casa, preparar a comida, coidar das persoas maiores, etc.)

No cole fixémoslles unha homenaxe a todas esas mulleres que nos facilitan tanto a vida, porque valoramos moito o seu esforzo, a súa adicación, e porque nos sentimos moi orgullosas delas. Tamén porque nos parece un traballo moi digno, nun entorno privilexiado, e gustaríanos que todas as nenas do cole que soñan con traballar no rural o teñan máis doado.

Para iso partimos do tema do proxecto, e xurdiu unha actividade na que ilustramos a Ceres, a deusa da agricultura para os romanos, e construímos planetas ananos feitos con diferentes cereais, e quedounos algo tan bonito coma isto:

Todo o alumnado participou na celebración.

Rosiña

xoves, 15 de outubro de 2020

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER RURAL

Hoxe, 15 de outubro, celébrase o "Día Internacional da Muller Rural", e no Concello de Mazaricos invitáronnos a participar nun concurso de ilustracións a través das cales realizar unha homenaxe a todas as mulleres que temos a grande sorte de coñecer no noso cole: mulleres valentes, emprendedoras, agarimosas..., mulleres ás que admiramos por moitos motivos dos cales nos sentimos moi orgullosas!!!! No cole quixemos agradecerlles todo o que fan por nós e para iso gravamos un rap que compartimos tamén a través do blog da nosa biblioteca, esperando que lles guste moito e que desfruten tanto véndoo coma nós facéndoo. Aquí está o noso "Rap da muller rural":


 

En canto ás ilustracións, inspiradas nas avoas, nais, veciñas, mestras, etc.,  foron seleccionadas tres de todas as presentadas. Pero calquera delas é merecedora do noso recoñecemento, así que desde aquí queremos felicitarvos a todas as persoas polo voso traballo, que fixestes con tanta ilusión desde 1º ata 6º de Primaria; NORABOA A TODAS!!!

Aquí vos deixamos as ilustracións gañadoras nesta ocasión:

Zaira Núñez Tuñas (1º) inspirouse na súa nai manexando o tractor.

Ángel Grille Calvelo (4º) tamén representou o traballo no campo.

Mai Villar Vilas (5º) amosou o detalle dunha costureira.

En breve poderedes ver as ilustracións de todas as persoas que participastes, coas que queremos difundir o papel destas valentes mulleres!!! 

Tamén queremos compartir con vós o programa que emitiu o alumnado de 6º en "Radio Rosiña" esta mañá con motivo desta conmemoración. Podedes escoitalo e/ou descargalo no seguinte enlace:


Agradecemos tamén ao Concello de Mazaricos a súa invitación, desexando que sigan xurdindo propostas deste tipo ao longo do curso...

domingo, 5 de marzo de 2017

DÍA INTERNACIONAL DA MULLER

O Día Internacional da Muller conmemórase cada 8 de marzo. Esta data é recoñecida pola ONU como unha xornada para reivindicar a igualdade e reflexionar sobre a situación das mulleres na sociedade. É certo que na nosa comunidade as cousas mudaron ao longo da historia, pero todavía queda camiño por percorrer para que poidamos falar de igualdade. Sen ir máis lonxe, e centrándonos no tema da música, sobre o que xira o proxecto deste curso, cantas mulleres compositoras coñecemos?, cantas directoras?, cantas construtoras de instrumentos? Pero ao lado de Bach, Mozart, Beethoven ou Stravinsky tamén deberían figurar nomes de mulleres que os libros de historia esqueceron durante moitos anos. 
Como exemplo, a película "Nannerl, la hermana de Mozart", preséntanos a unha nena prodixio. Ao final dunha xira familiar que durou 3 anos, coñeceu ao fillo do rei Luís XV, quen a anima a escribir a súa propia música. Pero Nannerl era unha muller, e as mulleres non tiñan dereito a compoñer.  Aquí podedes ver o tráiler da película:


Tamén podedes ver no seguinte vídeo un programa adicado ás mulleres compositoras ao longo da historia:


O músico Miguel Bosé tamén participou hai varios anos nunha homenaxe ás mulleres, "Que vivan las mujeres", a través dun anuncio publicitario para unha marca de roupa chilena:


E en Galicia? Pois tamén aquí temos marabillosas representantes, que ademais de facer boa música, amosan un grande interese por apoiar campañas, actos, etc., na procura da igualdade entre homes e mulleres. Así, podemos falar de MARÍA MANUELA, SES, UXÍA SENLLE, MERCEDES PEÓN, SUSANA SEIVANE, NAJLA SHAMI... E GUADI GALEGO, da cal eliximos unha fermosa canción que adica a todas as mulleres que loitaron na sociedade galega por sacar adiante a familia, que traballaron arreo no mar, no campo... Titúlase "Matriarcas" e podedes escoitala e ver o vídeo aquí:


Pero antes destas artistas, houbo outras, coma EUGENIA OSTERBERGER. Nacida no ano 1852 en Santiago de Compostela, foi unha figura relevante no panorama musical e cultural de Galicia no último tercio do século XIX. Instalouse en A Coruña, onde firmaba as partituras co nome de Madmoiselle Saunier, apelido que tomou do seu marido. En 1907 mudouse á Costa Azul francesa, onde se lle perde a pista. Sen embargo, a editorial Ouvirmos acaba de publicar un libro-CD con 15 pezas para voz e piano desta grande compositora, para coñecela e/ou redescubrila!!! Se queredes escoitar un anaquiño da súa música, premede AQUÍ.
 

xoves, 11 de decembro de 2014

UN NOBEL DA PAZ ESPECIAL

No mes de outubro, o Comité noruego encargado de conceder os premios NOBEL, decidiu outorgalo nesta ocasión a dúas persoas que loitan polo dereito de todos os nenos á educación. Por un lado, ao indio Kailash SATYARTHI, quen deixou o seu traballo como inxeneiro informático para denunciar ás multinacionais que explotan aos nenos de entre 5 e 12 anos de idade. A organización que encabeza, "Global March", liberou da esclavitude empresarial a uns 80.000 nenose nenas en máis de 160 países. No seguinte vídeo podes ver un resumo do seu importantísimo esforzo:

Por outro lado, á paquistaní Malala YOUSAFZAI, a xoven á que os talibáns intentaron asasinar no ano 2012 por defender a escolarización das mulleres. Malala considera a educación "un poder para as mulleres, e iso é polo que os terroristas lle teñen medo á educación. Eles non queren que unha muller se eduque porque entón esa muller será máis poderosa". A pesar de ter tan só 17 anos de idade, leva anos loitando por este dereito, e co seu exemplo amosou que tamén a xuventude pode contribuír a mellorar as súas situacións. Como afirmou nun discurso no Parlamento Europeo, "algúns nenos/as non queren consolas, queren un libro e un bolígrafo para ir á escola".
No seguinte vídeo podes escoitar o seu discurso diante da Asamblea das Nacións Unidas, onde pronunciou outra destacada frase: "Un neno/a, un mestre/a, un libro e un lapis poden cambiar o mundo. A educación é a única solución". 
Kailash e Malala, a premiada máis xoven da historia, recolleron o Nobel da Paz o pasado 10 de decembro, Día dos Dereitos Humanos.

luns, 29 de novembro de 2010

UN POUQUIÑO DE ARTE

Ola rapaces !!!!
Atopei este vídeo navegando por internet que é unha verdadeira obra de arte. Trátase dun Morphing que recolle a evolución da figura da muller na pintura ao longo da historia.
O Morphing é un efecto dixital de transición entre dous planos mediante cal o primeiro deles transfórmase gradualmente no segundo, a unha velocidade que ven determinada por o número de fotogramas intermedios e mediante un sutil fundido encadeado.
O vídeo titúlase "500 anos de Retratos femininos no Arte Occidental" e trátase dun traballo do creador norteamericano Philip Scott Johnson nominado ao mellor vídeo creativo nos premios anuais que concede o portal Youtube. Comeza co "Arcángel" da Escola rusa de Nowgord datado na segunda metade do século XII e remata co "Retrato de Françoise" de Pablo Picasso que data de 1946. A peza musical que se escoita é a Sarabande da "Suite para cello No. 1 en G Maior" de Johann Sebastian Bach. A lista completa de cadros e autores podedes consultala aquí.
Disfrutádeo!!


E agora outro regaliño máis para que coñezades un pouco a algúns dos pintores máis recoñecidos do mundo. Pincha neste enlace e pídelle a túa profe que che fale deles.
Rosiña