Amosando publicacións coa etiqueta Save the children. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Save the children. Amosar todas as publicacións

luns, 21 de marzo de 2022

NO COLE DICIMOS "NON Á GUERRA"

"NON Á GUERRA" é o lema que escribimos nas ventás do colexio, que xa colocamos a semana pasada para amosar o noso rechazo ante calquera tipo de violencia. Son moitos os conflitos armados que están sucedendo en diferentes zonas do mundo (Gaza, Siria, Afganistán, República Democrática do Congo...), ao que desde hai varios días se veu sumar un máis: o ataque a Ucraína por parte do exército ruso. No cole celebramos un acto conxunto, colaborando tamén na recadación de fondos impulsada por "Save the Children", lendo un manifesto e bailando unha canción do folclore ucraíno titulada "Oi u haiu".

Este acto comparte a data con outras conmemoracións moi interesantes que teremos en conta tamén ao longo da xornada e mesmo da semana, xa que hoxe é o "Día Mundial da Poesía", o "Día Internacional dos Bosques", o "Día Mundial do Síndrome de Down" ou o "Día Internacional da Eliminación da Discriminación Racial". 

Podedes premer na imaxe para ver todas as fotos e tamén algún dos vídeos que gravamos:

No CEIP Víctor Sáenz dicimos: "NON Á GUERRA"

Unha aperta,

Rosiña

domingo, 30 de xaneiro de 2022

CELEBRACIÓN DO DÍA DA PAZ

Un ano máis, o 30 de xaneiro celébrase o "Día da Paz", data na que aproveitamos para coñecer algunhas das moitas persoas que adican a súa vida a facer deste mundo un lugar no que os problemas se solucionen a través do diálogo e o respecto a todos os seres que habitamos a Terra. Partindo da lectura sobre Marte, deseñamos unha actividade que consistía en transformar o deus da guerra para os romanos no noso particular deus da paz. E quedounos verdadeiramente bonito, elegante e divertido!!!

Premendo sobre a imaxe podedes ver todas as fotos.

Xunto a esta actividade, unimos tamén a proposta pola ONG Save the Children, da cal somos centro embaixador. A Carreira Quilómetros de Solidariedade celebrouse nesta XVIII edición para recadar cartos para os países do Corno de África: Etiopía, Somalia e Kenia. Para iso, nas aulas coñecemos un pouquiño a situación na que se atopan as nenas e nenos deses lugares, e en 5º e 6º fixeron unha pequena presentación que nos gustou moito a todas as asistentes. Despois saímos ao patio para facer un pequeno circuíto ao soliño e xuntamos os cartos de todos os grupos, rematando así unha xornada que deberiamos ter presente todos os días do ano, xa que como dicía Gandhi: "non hai camiño para a paz; a paz é o camiño"

Todos os grupos participaron na Carreira Save the Children.

Unha aperta,

Rosiña 

luns, 25 de xaneiro de 2021

DÍA DA PAZ

O vindeiro día 30 celebraremos o Día da Paz. Neste 2021 tamén queremos unirnos á proposta de Save The Children, a ONG que colabora con países que se atopan en situacións peores que as que estamos vivindo nos países chamados desarrollados. Nesta ocasión, adican a "Carreira de Solidaridade" á República Democrática do Congo, así que durante estes días trataremos de coñecer máis algúns datos sobre este país africano.


Mentras tanto, cóntovos que no Google sites adicado ao proxecto tedes un texto sobre a ave que eliximos este curso como símbolo da paz: a grúa. Premendo aquí podedes lelo e acceder a algúns vídeos. 

E mentras non chega o venres, seguiremos facendo grúas de papel... Chegaremos ás 1000? Cumpriranse os nosos soños?

Unha aperta enorme!!!!


 

 



venres, 31 de xaneiro de 2020

CELEBRAMOS O DÍA DA PAZ

Esta mañá, un 30 de xaneiro máis, celebramos o "Día da Paz" no cole. Aínda que todos os días do curso traballamos para que os diferentes conflitos que se producen se resolvan de xeito pacífico, debemos ter en conta esta data dentro da nosa historia. Por iso, o alumnado de 5º e 6º preparou un manifesto que leu no acto que tivo lugar no corredor do colexio, onde nos falaron de Gandhi. E como unimos a esta celebración a "Carreira Save the Children", tamén fixeron un mural no que nos contaron a onde van destinados nesta ocasión os cartos que se recadaron: a Bangladesh, onde se atopa o campo de refuxiados máis grande do mundo, Cox Bazar. Aquí viven na actualidade arredor de 1.000.000 de persoas da etnia rohingya, que foron obrigadas a fuxir do seu país de orixe, Myanmar desde o ano 2017. Nós tamén nos sumamos á proposta da ONG, e para iso fixemos unha pequena carreira no centro e xuntamos diñeiro que será ingresado na conta que Save the Children nos facilitou. 
Imaxe da pomba que decoramos para celebrar o Día da Paz.
Tamén montamos a pomba da que cada grupo tiña unha parte, que decorou para a celebración, quedando fermosísima!!! Premendo sobre ela podedes ver máis fotos da celebración.

Despedimos o acto cantando e bailando "Don Melitón":

"... anda no ar o paxariño,
dame un abrazo, dáme un biquiño..."

mércores, 30 de xaneiro de 2019

CELEBRACIÓN DO DÍA DA PAZ

https://photos.app.goo.gl/vJxcs3DuMjHyuVkN6
"Pegamentox", o virus de Infantil
Mañá ben fermosa a deste 30 de xaneiro, na que nos reunimos no corredor do cole para celebrar o "Día da Paz". Certo é que de sobra sabemos que este non é un tema que tratemos de atender soamente cada 30 de xaneiro, xa que cada un dos días que vivimos ha de estar marcado por situacións pacíficas: escoitarnos, axudarnos, respectarnos, abrazarnos, querernos... Sen embargo, nunca está de máis recordar a persoas que loitaron (e seguen loitando) para que os problemas que poidan xurdir non se solucionen mediante guerras, loitas e outras formas de violencia. Hoxe falamos de Mahatma GANDHI, pero tamén soaron nomes doutros grandes pacifistas mundiais: Martin Luther King, Teresa de Calcuta, Nelson Mandela; así como de artistas que fixeron da música, da pintura ou da literatura auténticos manifestos pola paz: John Lennon, Pablo Picasso ou Eduardo Galeano, entre moitas outras persoas.
E vós, nas diferentes aulas, deseñastes un Violentovirus moi malvado, pero como este curso sodes as mellores científicas do universo, conseguistes dar coa vacina para atacalo: a Vacina do Bo Trato. Despois de escoitar as vosas propostas, non me cabe ningunha dúbida de que funcionará!!!
Ademais diso, celebramos a "Carreira Save the Children", para a cal o grupo de 6º preparou unha presentación sobre Zaatari, o campo de refuxiados para o cal vai destinada a recadación de "Quilómetros de solidaridade" nesta XV edición.
E rematamos cantando e bailando, coas "Apertas que voan" de Paco Nogueiras. E démonos un feixe de abrazos, porque nos encanta!!!
Queredes ver as fotos? Premede na imaxe ou AQUÍ.
Tamén podedes ler a presentación que fixeron en 6º no seguinte enlace:




martes, 12 de decembro de 2017

CELEBRAMOS OS DEREITOS

Arrancamos esta semana coa celebración dos Dereitos do Neno e Humanos. Ademais de ler e consultar os libros que temos na exposición do corredor, durante estes días nas aulas falamos moito de dereitos, uníndonos tamén á "Carreira Save the Children", que nesta ocasión se adicou a Sudán do Sur, o país máis xoven e tamén un dos máis vulnerables. Por este motivo, falamos de África, dos dereitos, das dificultades que atravesan as persoas sursudanesas, etc., expoñendo no corredor do cole un pequeno mural que resume algúns dos aspectos máis traballados nas aulas. E cantamos en galego unha canción de orixe francesa que tamén ten a súa versión en varios países africanos: "Frère Jacques", para o cal nos acompañaron os guitarristas e ukelelistas do cole!!!
Despois, colgamos os nosos desexos na árbore de Nadal, que este curso escribimos en cunchas de vieira, símbolo dos peregrinos do Camiño de Santiago. E, para rematar, un bo feixe de abrazos entre todas as persoas aquí reunidas!!!
Premendo AQUÍ podedes ver todas as fotos.


venres, 9 de decembro de 2016

CELEBRANDO O DÍA DOS DEREITOS

Coma noutras ocasións, tamén este ano traballamos no cole o tema dos Dereitos do Neno e o dos Dereitos Humanos. O primeiro deles, que se celebra cada 20 de novembro dende 1954, é un día para chamar a atención sobre a situación dos nenos e nenas máis desfavorecidos/as, dar a coñecer os dereitos da infancia e concienciar ás persoas da importancia de traballar día a día polo seu benestar e desarrollo. O obxectivo é recordar á cidadanía que os nenos e nenas son quenes máis padecen as crises e os problemas do mundo, e que todos e todas teñen dereito á saúde, á educación e á protección, entre outros, sen importar en que lugar do mundo nacen e/ou viven. 
O Día dos Dereitos Humanos celébrase todos os 10 de decembro. Este ano, esta data fixo unha chamada a todos para defender os dereitos dos demais, sen importar as súas características: dun refuxiado ou migrador, unha persoa con discapacidade, unha muller, un indíxena, ou calquera outra persoa en risco de ser discriminada ou sufrir algún acto violento. 
As Nacións Unidas elaboraron o seguinte vídeo para este 2016:

 

Entre as organizacións que traballan por conseguir que todas as persoas do mundo teñan dereitos está "Save the Children", ONG coa que colaboramos desde hai moitos anos. Nesta ocasión, a edición adicouse a Etiopía, un dos países de África que máis está padecendo as consecuencias da seca na actualidade, o que afecta a máis de 8 millóns de persoas!!! Foi por iso que tamén o alumnado de 5º e 6º nos contou algunhas cousas sobre Etiopía e a importancia da auga doce, imprescindible para a vida humana. 
Para rematar a sesión, colocamos a nosa particular árbore de Nadal, que nesta ocasión decoramos con notas musicais (corcheas) de diferentes cores nas que cada persoa escribiu un desexo relacionado cos dereitos da infancia e dos adultos. Esperamos que se vexan todos cumpridos!!! 
Se queredes podedes ver todas as fotos premendo AQUÍ.

venres, 11 de decembro de 2015

DEREITOS E DESEXOS PARA O NADAL

Esta tarde xuntámonos no patio do colexio para celebrar un acto con motivo do Día dos Dereitos do Neno (20 de novembro) e os Dereitos Humanos (10 de decembro). Aínda que ambas datas xa pasaron, hoxe reunímonos para falar do traballo realizado nas aulas durante estas últimas semanas, e o alumnado de 6º tamén nos leu un pequeno resumo sobre a Convención dos Dereitos do Neno, aprobada pola Asamblea das Nacións Unidas no ano 1989. 
Xunto á actividade de traballar nas aulas os dereitos, este curso tamén engadimos unha novidade, que consistíu en convertir un aro olímpico nun adorno para a nosa árbore de Nadal. Así, cada grupo decorou varios aros e escribiu un desexo en cada un relacionado cos dereitos. Esta tarde lémolos e colgámolos na árbore, na que tamén engadimos imaxes relacionadas coas Olimpíadas: deportes, iconas, deportistas, etc.
E por último, fixemos unha carreira moi especial, ao participar na XII edición de "Quilómetros de solidariedade" de SAVE THE CHILDREN. Medrar san e feliz, cumprir anos, soñar con ser maior..., son algunhas das cousas que esperamos suceda na vida de calquera neno/a. Pero non todos poden facelo. Cada día morren no mundo 16.000 nenos e nenas menores de 5 anos a causa de enfermidades como a desnutrición, a diarrea, o xarampón ou a malaria, debido a que non teñen acceso á atención médica ou non dispoñen de alimentos e tratamentos adecuados a tempo. Así ocorre en países do continente africano coma Burkina Faso, Níxer, Mauritania ou Malí. E a estes países e aos que Save the Children destinará os fondos recadados entre todos/as nós. 
E aquí están as imaxes dunha tarde solleira na que tamén escoitamos cancións tradicionais africanas, mais estas non saen nas fotos:

martes, 10 de decembro de 2013

DÍA INTERNACIONAL DOS DEREITOS DOS NENOS. CARREIRA SAVE THE CHILDREN

Hoxe martes 10 de decembro, en horario de tarde, celebramos o Día Internacional dos Dereitos Humanos. 
Os rapaces e as súas titoras elaboraron pancartas para conmemorar cada un dos dereitos. Ademáis os alumnos de 6º de Primaria informáronos dalgúns aspectos importantes sobre ETIOPÍA, país ao que este ano a ONG SAVE THE CHILCREN dedica a X Carreira Kilómentros de Solidariedade. 
Despois fixemos unha recaudación de cartos que os rapaces queren enviar a esta ONG.


A biblioteca sacou ao corredor do colexio todos os seus fondos relacionados co tema dos dereitos dos nenos para que os teñades máis á vista.

A biblioteca tamén quere recomendarvos un libro para conmemorar este día.




El extraordinario de Lucius Dumb
Editorial Edelvives
«Os científicos máis importantes do mundo recibiron un encargo moi especial: descubrir o instrumento capaz de convertir a Terra nun lugar oonde a xente poidera vivir feliz». Así comeza esta fascinante historia que, mediante nove relatos, lévanos a descubrir os Dereitos Humanos. Da man de Lucius Dumb descubriremos cómo os DereitosHumanos son o noso mellor instrumento para facer  deste un mundo mellor.




Cando rematedes de ler o libro podedes ver a historia en formato película: